Greenpeace inclúe a Pontevedra no seu proxecto europeo Car Free Cities

11
  • Responsables da ONG entrevistaron esta semana ao alcalde e o concelleiro de Mobilidade sobre a transformación da cidade.
  • O obxecto da campaña é instar aos seguidores de Greenpeace a que muden a súa forma de ver as cidades grazas aos exemplos de Berlín ou Málaga, entre outros.
  • O Concello tamén recibiu a un estudante de Münster que fai a súa tese sobre Pontevedra.

A Concellaría de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías, xestionou esta semana un encontro coa ONG Greenpeace interesada en que Pontevedra participe na campaña Clean Air Now, e tamén atendeu a un estudante da Universidade de Münster, Julius Lieber que está a realizar a súa tese de máster sobre Pontevedra.

Greenpeace contactou co Concello de Pontevedra interesada no recoñecemento internacional da cidade, e co propósito de incluíla dentro do proxecto Car Free Cities, que forma parte do proxecto europeo Clean Air Now. Car Free Cities é un proxecto de comunicación elaborado por Greenpeace a nivel europeo que pretende expoñer aquelas cidades ao redor do mundo que foron construídas ou remodeladas pensando nas persoas e non só no tráfico. 

A teoría do cambio detrás do proxecto ‘Car  Free  Cities’ é a seguinte: saber o que é posíbel levar a cabo axuda a que as cousas muden. Demostrando aos seguidores de Greenpeace o que foi posíbel ao redor do mundo, para que vexan os beneficios e muden en defensores de cidades para a xente alí onde viven.

Nesta primeira fase de Car Free Cities Pontevedra compartirá espazo con Berlín e Málaga, entre outras cidades.

Na cidade do Lérez, os responsables de Greenpeace entrevistaron ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e ao concelleiro responsable da Mobilidade xeral do Concello, César Mosquera aos que preguntaron por como era antes Pontevedra, cal foi o motivo do cambio e os primeiros pasos a dar; os resultados: os inmediatos e os que tardaron máis en chegar. Tamén preguntaron por se houbo algún intre no que os pontevedreses foron conscientes de canto tiñan mudado as cousas, e cales son os retos de futuro e o que falta por facer.

O vídeo sobre Pontevedra irá acompañado de declaracións de veciños e comerciantes para expoñer as claves da transformación.

Tese sobre Pontevedra

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías e o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña tamén recibiron esta semana a Julius Lieber, estudante de enxeñería civil da Universidade de Münster e especializado en transporte e mobilización urbana. 

Está a desenvolver a súa tese de máster sobre proceso de transformación de Pontevedra. Dado que ten que realizar un traballo de campo, trasladouse á cidade do Lérez esta semana para coñecela in situ e manter encontros cos responsables políticos.