Lores traslada á DXT as consideracións das Cidades que camiñan para o novo Código de circulación

25
  • O alcalde de Pontevedra e presidente das Cidades que camiñan mantivo un encontro co xefe da Unidade de Ordenación da Normativa da DXT para trasladar como debera ser a circulación nas cidades.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión co xefe da Unidade de Ordenación da Normativa da Dirección Xeral de Tráfico, Javier Villalva, en calidade de presidente da entidade Cidades que camiñan e no marco da confección do novo Regulamento Xeral de Circulación que elabora a DXT, e no que se pretende incluír un apartado específico sobre a circulación nas cidades.

Neste encontro cordial, os responsables da DXT foron “moi receptivos” ás recomendacións que expuxeron as Cidades que camiñan, que buscan “un compromiso con que os peóns sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público”, liñas centrais da política de mobilidade en Pontevedra.

No encontro, o alcalde e presidente das Cidades que camiñan fixo as seguintes consideracións:

  • Reducir o límite máximo da velocidade nas vías urbanas de 50 a 30 km/h, agás en arterias excepcionais dalgunhas urbes. O alcalde defendeu que está probada a mellora da seguranza viaria coa redución de accidentes e a gravidade das lesións.
  • Novo tipo de rúas denominadas “Rúas de preferencia peonil” que substitúan as “zona 30”, “rúa 30” ou “zona ou rúa residencial”, xa que inducen a confusión. Nestas rúas a recomendación das Cidades que camiñan é de 10km/h, e que os peóns poidan empregar toda a zona de circulación, con prioridade peonil tanto lonxitudinal como transversal, sen necesidade da presenza de pasos de peóns.
  • Garantir o uso exclusivo de peóns nas beirarrúas recollendo, expresamente, a prohibición de aparcamento e circulación de motos, bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (MVP) nelas. Exceptuaríanse os medios de transporte de persoas con mobilidade reducida ou cativos en bicicletas acompañados dos seus pais e nais. Tamén se solicitou a equiparación das partes centrais dos bulevares ás beirarrúas.
  • Recomendación da regulación específica para as contornas escolares, prohibindo o estacionamento diante das entradas e limitando a velocidade a 10km/h.
  • Mellora na seguridade viaria nos pasos de peóns prohibindo o estacionamento nos 5 metros anteriores nas vías de dúas direccións. Nas interseccións de rúas con beirarrúas, os pasos de peóns deberán situarse aliñados coas beirarrúas e non recuados, evitando rodeos aos peóns.
  • Redución da velocidade a 50km/h nas vías convencionais sen beiravía e outros espazos reservados para o espazo peonil.
  • Necesaria regulación dos redutores verticais de velocidade no ámbito urbano ben seguindo as Instrucións técnicas do Ministerio de Fomento ou a regulación que faga o titular da vía. Os pasos sobreelevados non están considerados obstáculos da vía sempre que compran as normativas anteriormente sinaladas.