O Concello contrata temporalmente 11 mulleres vítimas de violencia de xénero

4
  • As contratacións, a xornada completa e cunha duración dun ano, realízanse ao abeiro das subvencións convocadas pola Secretaría Xeral de Igualdade

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, anunciou esta mañá que a Xunta de Goberno local vén de aprobar a contratación laboral temporal de 11 mulleres desempregadas vítimas de violencia de xénero ao abeiro das subvencións convocadas para este fin pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. Trátase de once contratos a xornada completa e cunha duración de 12 meses cada un. 

“Nós entendemos que as mulleres vítimas de violencia machista son un colectivo que é preciso visibilizar e un dos pasos máis necesarios para completar a súa inserción na sociedade pasa pola inclusión laboral” asegurou Anabel Gulías. A concelleira explicou que estas contratacións se realizarán a través de varios servizos municipais, e sempre tendo en conta a capacitación profesional e a formación académica das mulleres contratadas.

Segundo se indica na resolución, esta subvención está especificamente destinada ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito da colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. No caso concreto do Concello de Pontevedra, esta subvención supón unha achega de 304.411,64 euros por parte da Secretaría Xeral de Igualdade.