Ampliado en media hora o horario de peche das terrazas no Nadal

18
  • O Concello autoriza unha ampliación de media hora, até ás 02.00 horas entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos os dous días incluídos.

A Concellaría de Sostemento dos espazos públicos, responsable da ocupación viaria, xestionada pola concelleira Eva Vilaverde, acordou ampliar o horario de veladores durante o período de Nadal a petición do Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Na resolución recóllese que o peche será media hora máis tarde, pasando ás 02.00 horas da madrugada entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos os dous días incluídos.

Tal e como se recolle no artigo 23 da vixente Ordenanza municipal reguladora da instalación de veladores (mesas e cadeiras) na vía pública, os veladores poderán pechar media hora máis tarde do horario habitual. É dicir, o peche pasará a ser de 01.30 a 02.00 horas.

Os veladores e os seus elementos retiraranse ás 02.00 horas, e poderán quedar amoreados no espazo público adxacente ao local durante o tempo que medie entre o horario de apertura do establecemento e o horario de inicio da actividade dos veladores disposto na ordenanza e, entre o horario de peche ampliado e o horario de peche do establecemento, sen que, en ningún caso, estes amoreamentos poderán xerar unha barreira que interfira na circulación, no transito peonil, nas condicións de accesibilidade e uso da vía ou espazo público, nin nos recorridos de evacuación do local.

Esta ampliación de horario tamén se rexistrou durante a pasada ponte da Constitución (do 6 ao 8 de decembro).