Aprobada a licenza da nova residencia xeriátrica en Loureiro Crespo

99
  • Está previsto construír un edificio en seis alturas mantendo a faixa de pedra no primeiro andar.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licencia de obra para a construción dunha residencia da terceira idade na rúa Loureiro Crespo (nas anteriores instalacións da Comandancia da Garda Civil). Unha vez que a empresa realice os trámites administrativos pendentes (pago da licenza), poderá iniciar a obra.

O proxecto contempla manter a faixa de pedra que na actualidade se pode ver no exterior. A planta baixa terá unha superficie de 1.210,91 metros cadrados, e seis andares en altura que só ocuparán, aproximadamente, a metade desa superficie, de xeito que no primeiro andar quedaría como unha gran zona de recreo tipo terraza. En total a superficie edificable é de 4.771,81 metros cadrados, e a superficie de ocupación do solo é de 1.320,05 metros cadrados.

Ademais a empresa construtora chegou a un acordo coa Igrexa Virxe do Camiño para  reaxustar as aliñacións e rasantes da parcela, polo que se prevé a demolición dun alpendre situado entre o edificio do cuartel e a igrexa, que será por onde se habilite o acceso ás instalacións do xeriátrico, así como o deseño dun itinerario peonil accesible en toda a fronte da edificación desde a rúa Casimiro Gómez ata o espazo axardinado existente, que inclúe a eliminación de beirarrúas.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou esta mañá que a aprobación da licenza contribuirá á mellora substancial deste barrio da cidade, no que está previsto actuar neste ano coa mellora da rúa Loureiro Crespo e do Castañal, e dando así seguimento ao mandato dos barrios, tal e como se marcou na folla de ruta da acción municipal.