A recollida selectiva en Pontevedra supera as 3.000 toneladas

20
  • O número de toneladas recollidas nos contedores de vidro,  envases lixeiros, e papel e cartón supera as dos últimos anos e mantén a tendencia á alza no incremento da reciclaxe na cidade

Durante o ano 2019 no concello de Pontevedra a recollida selectiva de vidro, envases lixeiros, e papel e cartón situouse en 3.086,69 toneladas, a cifra máis alta desde o ano 2011. Por tipo de residuo, o papel e cartón supuxo unha recollida de 1,178,59 toneladas, o vido acadou as 1.073, 95 toneladas, e os envases lixeiros as 834,15 toneladas. 

En canto á evolución cronolóxica, obsérvase un incremento de 458,46 toneladas (preto do 20%) no conxunto da recollida selectiva con respecto aos datos do exercicio 2018, no que número total de toneladas recollidas se situara en 2.628,23. Uns datos que o concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González valora “moi positivamente” poñendo o foco na concienciación cidadá e salientando  a boa resposta e a implicación da veciñanza neste incremento progresivo da reciclaxe. 

O maior incremento situouse na recollida de papel e cartón, que pasa das 920 toneladas recollidas en 2018 ás 1.178,59 recollidas en 2019, o que supón un incremento de 258,56 toneladas no último ano. Na fracción de  vidro foron 940 toneladas as recollidas en 2018 e 1.073,95 en 2019, cun incremento de 133,95 toneladas. Mentres que en envases lixeiros pasouse das 768,20 toneladas de 2018 ás 834,15 de 2019, cun incremento de 65,97 toneladas.

Ademais, nos últimos catro anos a evolución foi constante no incremento das toneladas recollidas: no ano 2016 foran 2.218,50, en 2017 situáronse en 2.293,52 (o que supón un incremento en 75,02 toneladas), en 2018 en 2.628,23 (cun incremento de 334,71), e en 2019 as mencionadas 3.086,69 toneladas, sendo o incremento de 458,46 tamén o máis elevado do período.

Raimundo González apunta ademais que “aparte destas tres fraccións de residuos, estamos a traballar no que é o tratamento dos biorresiduos tanto nos composteiros individuais como nos comunitarios de compostaxe co obxectivo de acadar neste ano 2020 os obxectivos que marca a Unión Europea”.

Esta evolución á alza na reciclaxe que se realiza a través dos contedores verde, amarelo e azul está acompañada dunha campaña de concienciación realizada polo Concello co obxectivo de incrementar a reciclaxe e situar a xestión dos residuos nas porcentaxes esixidas pola Unión Europea e que, atendendo aos datos dos últimos anos, está a ter unha resposta positiva por parte da cidadanía. No caso dos residuos non orgánicos, hai que lembrar ademais que o Concello ten implantado o servizo de recollida selectiva de “porta a porta” de cartón e vidro para os establecementos comerciais da zona monumental (hostalería, comercio, restauración…), que tamén se reflicte na evolución da recollida.