O Observatorio PO2 avaliará o impacto ambiental do modelo urbano de Pontevedra

43
  • Medirá 186 indicadores correspondentes a 5 ámbitos: augas, atmosfera, residuos, mobilidade e territorio
  • O desenvolvemento deste traballo correrá a cargo do grupo de investigación da UVigo G4+, encabezado polo profesor Pedro Figueroa

“Efecto PO2 é unha campaña que quere traballar na profundización do Modelo Pontevedra pero cunha clara compoñente de futuro, é dicir, PO2 é a Pontevedra do futuro” asegurou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, quen indicou que “decidimos implementar un observatorio para medirmos os efectos, e para iso necesitamos establecer un sistema de indicadores que nos permitan avaliar os resultados de aplicar un modelo e un deseño urbano concreto como o da cidade de Pontevedra”. Gulías asegurou que a campaña Efecto PO2 “vai un pasó máis aló dun modelo que estaba focalizado na mobilidade e seguranza viaria ” e que agora incorporará tamén “os efectos positivos para o medio ambiente” en cuestións que teñan que ver cos diferentes tipos de contaminación ou a evolución do sistema de compostaxe.

Para poñer en marcha este Observatorio, a Concellaría de Promoción da Cidade volve contar co grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, encabezado polo profesor Pedro Figueroa. O propio Figueroa adiantou que o traballo se estruturará a través de 186 indicadores que corresponden a cinco ámbitos: auga, atmosfera e clima, residuos, mobilidade e territorio.

O obxectivo final é o contar cunha sistematización das medicións e contar con datos obxectivos que proporcionen información sobre a implementación do modelo urbano na cidade e o seu impacto ambiental. Neste sentido, Anabel Gulías lembrou o estudo de caso que se está realizando actualmente na intervención da rúa Loureiro Crespo a través dunha consultora técnica, aínda que o Observatorio ofrecerá información máis global do conxunto da cidade.

O traballo de posta en marcha do Observatorio PO2 comezou o pasado mes de setembro en xuntanzas de traballo con técnicos municipais, empresas concesionarias, e asociacións ambientalistas para definir o modelo de observatorio, que terá un enfoque sistémico ou holístico. Figueroa fixo fincapé na necesidade de contar cun sistema de medición e avaliación deste tipo porque “se non se mide, non se pode xestionar”.