Medio Natural acomete a segunda fase do proxecto para a recuperación integral do regato de Mollabao

14
  • A actuación supón un investimento duns 34.000 euros e inclúe o acondicionamento da marxe dereita e a restauración de 15 bancos, o valado perimetral e os xogos do parque infantil

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural ven de poñer en marcha a segunda fase do proxecto de limpeza en profundidade e recuperación do leito do regato de Mollabao, no treito que discorre entre o lavadoiro da Fontesanta e a estrada Rosalía de Castro. O Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a acometer o acondicionamento da marxe dereita do afluente (do lado da pista de skate), na que xa levantou un muro de pedra de 50 metros lineais e procederá a aplicar no talude un axardinamento mediante a cobertura con plantas vivaces e tapizantes como hedras e mióporos e a instalación dunha malla antiherbas (tratamento semellante ao que se fixo na marxe esquerda). 

Esta nova actuación suporá un investimento global de 34.000 euros e incluirá a restauración integral da varanda que protexe o perímetro do regato da Fontesanta e a renovación dos 15 bancos de madeira existentes neste contorno. Asemade, tal e como sinala o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, “vanse reparar completamente os xogos e o valado do parque infantil de Mollabao, lixando, lasurando e pintando as diferentes pezas e aplicando un tratamento desinfectante no pavimento”.

O edil socialista achegouse hoxe ata a zona acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o dirixente veciñal Juan Sáenz, voceiro da plataforma ‘Mollabao si’, para supervisar o resultado dos traballos de construción do muro de pedra, para a que foron empregadas una máquina retroescavadora e un camión de grandes dimensións e que custou uns 10.000 euros.

Puentes trasladoulle a Sáenz a súa intención de rematar esta intervención cunha nova limpeza en profundidade e desbroce de malas herbas, tanto no leito do regato como no perímetro do parque de educación vial e o contorno da Casa do Mar (ao outro lado da rúa Rosalía de Castro). “Se as condicións meteorolóxicas acompañan, agardo que todo este conxunto de actuacións poida estar rematado no prazo dun mes”, asegurou Iván Puentes.

Xestións para poñerlle a guinda cun novo parque urbano

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible tamén analizou con Fontán e Sáenz sobre o terreo as obras contempladas no proxecto co que o seu departamento pretende poñerlle a guinda ao plan de recuperación da ‘améndoa’ do barrio de Mollabao: a creación dun novo parque urbano entre as rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar (trala parada de autobuses) cunha achega de 47.572,65 euros. Segundo apuntou o edil do PSOE, “dado que a futura área de lecer se atopa debaixo da ponte da autoestrada AP-9, xa estamos a facer as xestións oportunas para obter o visto bo de Audasa e a pertinente autorización de Carreteras del Estado, que é quen terá a última palabra”.

“Trátase dun proxecto moi importante para o barrio, xa que suporá a posta en valor e a mellora paisaxística e de accesibilidade -sostén Puentes- deste punto de encontro veciñal, contemplando ademais a creación dun espazo de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan”.

Pola súa banda, o voceiro de ‘Mollabao si’ amosouse moi satisfeito coa marcha dunhas actuacións que permitiron que “onde só había lixo, lodos, malas herbas e silveiras acumulados”, volvese á vida o regato da Fontesanta.