A Concellería de Educación finiquita as obras de reparación da cuberta da escola infantil da Parda

20
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, mantivo hoxe un encontro coa directora do centro, Patricia Santiago, no que lle comunicou que “só queda pendente a proba do algodón cando volva chover”
  • O proxecto de eliminación de goteiras foi executado pola firma Acevi pola vía de emerxencia e supuxo un investimento de 66.224 €

A Concellería de Educación finiquitou en tempo récord os traballos para reparar a cuberta da EEI da Parda e eliminar as filtracións que se viñan producindo no centro cada vez que chovía con certa intensidade. O edil responsable da área, o tenente de alcalde Tino Fernández, mantivo hoxe un encontro coa directora da escola infantil, Patricia Santiago, na que lle comunicou que “as obras están totalmente rematadas”.

Así llo transmitiron hoxe á Oficina Técnica de Arquitectura (OTA) do Concello os responsables da empresa Acevi, que executou este proxecto pola vía de emerxencia cunha importante achega económica (66.224,45 euros). O edil socialista amosouse “moi satisfeito da dilixencia e rapidez coa que se realizou esta intervención” e precisou “que a proba de algodón dos traballos producirase cando volva chover”. “Cando as condicións meteorolóxicas volvan empeorar, poderemos medir o resultado desta actuación e, en caso necesario, facer as correccións oportunas”, suliñou Tino Fernández.

O proxecto consistiu a instalación dunha cuberta formada por un panel de chapa de aceiro con acabado lacado e unha chapa interior de 0,6 milímetros con núcleo de espuma. As obras incluíron a renovación dos sistemas de canalización, mediante a colocación de canalóns interiores tipo sándwich formado por dúas chapas de aceiro con illamento térmico a base de la de vidro.