Medio Natural pon en marcha unha ofensiva para a retirada dos vehículos abandonados nas vías públicas

42
  • O Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental acaba de decretar a declaración como residuos sólidos urbanos de dous turismos abandonados nas parroquias de Alba e Salcedo

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, acaba de poñer en marcha unha ofensiva para a retirada progresiva de tódolos vehículos abandonados nas vías públicas do concello de Pontevedra. Como paso previo, o edil socialista está a impulsar os procedementos para que estes automóbiles sexan declarados como residuos sólidos urbanos, “un trámite imprescindible para que se poida proceder á súa descontaminación, destrución e baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico”.

Este será precisamente o destino de dous turismos abandonados en diferentes puntos do municipio despois dos respectivos expedientes administrativos incoados polo Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental do Concello. En concreto, o departamento municipal ven de emitir sendos decretos de declaración como residuos sólidos urbanos para un Seat Ibiza abandonado no lugar de A Esculca de Abaixo (parroquia de Salcedo) e para un Peugeot 306 estacionado de xeito permanente no lugar de Lampreira (en Alba).

Ambos expedientes foron tramitados a raíz dos partes elaborados pola Policía Nacional informando de que os vehículos se atopaban en evidente estado de abandono dende había tempo. Tras seren identificados os titulares dos turismos, púxose no seu coñecemento mediante oficio os feitos denunciados, requiríndoselles que procedesen á súa retirada no prazo de 15 días e advertíndolles de que, pasado este tempo, a Administración local adoptaría as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008, de residuos de Galicia, e procedería a darlles tratamento como residuos sólidos urbanos.

“Non constando ningunha alegación -explica o edil de Desenvolvemento Sostible-, o Servizo de Disciplina Medio Ambiental procedeu a declarar ambos vehículos como residuos sólidos urbanos e a dispor a súa entrega á firma Automociones Catoira SL, centro homologado para a súa recepción e tratamento”.

Segundo precisa Iván Puentes, a empresa “debe expedir un documento xustificativo da recepción do automóbil e emitir os correspondentes certificados de descontaminación e destrución, tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico”.

Outros 12 vehículos detectados

O artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece que a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento de vehículos para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.

Iván Puentes constata que o Concello de Pontevedra ten detectados “outros 12 vehículos” que cumpren con estes requisitos legais e para que os que tamén están ou se porán en marcha expedientes de cara a declaralos residuos sólidos urbanos.