A Xunta de Goberno local fai balance da primeira semana de estado de alarma

124
  • O Concello pasou a asumir, e ten garantida neste momento, a atención e asistencia a  persoas e colectivos vulnerables
  • A Policía Local leva tramitadas 77 denuncias por incumprimento do estado de alarma

A Xunta de Goberno local, na súa sesión ordinaria desta mañá, fixo balance da primeira semana de estado de alarma, sendo a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, a encargada de facelo público como responsable do operativo que coordina Servizos Sociais, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. 

En primeiro lugar, Eva Vilaverde salientou o comportamento responsable e solidario dos veciños e veciñas para cumprir co confinamento nos domicilios. “As rúas están tranquilas e non está habendo grandes problemas nin grandes incidencias a este respecto” afirmou. Sobre as denuncias tramitadas pola Policía Local, indicou que desde que se activou o estado de alarma suman un total de 77, e salientou que nos últimos días van descendendo en número, contabilizando 18 o sábado e tan só 8 o domingo. 

Doutra banda, fixo especial fincapé en que unha parte importante da xestión desta situación excepcional se centrou en asumir e garantir os Servizos Sociais a través de medios municipais. Lembrou que desde o departamento de Benestar, durante a pasada semana, foron contactadas as 3.400 persoas maiores de 65 anos que viven soas para coñecer as súas necesidades e coordinar a atención que poidan precisar.

A concelleira tamén explicou que a parte de Servizos Sociais que se sustentaba pola Xunta e a que se atendía a través de voluntariado “foi caendo e iso supón que o Concello se está facendo cargo de todas as necesidades”. Indicou que “a Xunta está pechando albergues e suspendendo novos ingresos pero quero dicirlle á veciñanza de Pontevedra que están cubertas esas necesidades a día de hoxe”. Como exemplos, menciou que o reparto do Banco de Alimentos está sendo complementado por parte de Protección Civil; que as persoas sen teito están acollidas no albergue Raíña da Paz, onde se lles garante teito, comido, mantas, limpeza e seguridade; e que o comedor de San Francisco, a pesares de estar pechado, está realizando un reparto dirario de lotes de comida coordinado por Servizos Sociais, Protección Civil e Policía Local para garantir que non haxa aglomeracións  e se respecten as medidas de seguridade e prevención.

Tamén lembrou que o CIM sigue funcionando cun teléfono habilitado as 24 horas do día e  que “está preparado para responder ante calquera solicitude ou emerxencia, e moito máis desde que se anunciou por parte da Xunta que se pechaban novos ingresos en centros de acollemento”. “Isto implica que o Concello se ten que facer cargo se houbese necesidade de activar o protocolo de emerxencia e ter que acoller algunha muller en situación de maltrato ou violencia de xénero” explicou a concelleira quen asegurou que  “neste momento, está garantida esa atención e temos protocolo e estrutura para atender estes casos.” 

Eva Vilaverde tamén asegurou que o principal problema ante esta situación é a falta de material e de equipos individuais de protección “sobre todo se temos que manter prolongado no tempo todo este tipo de servizos, coa previsión de que as necesidades van aumentar, porque os Concellos nos imos ter que facer cargo de aquilo que se cae tanto por parte do voluntariado como por parte de servizos da Xunta de Galicia.”

Tras o balance da Xunta de Goberno local, o xoves está prevista unha xuntanza da Comisión de Seguimento municipal da situación de crise sanitaria e estado de alarma. 

Actividade administrativa

Eva Vilaverde lembrou a importancia de que “o Concello non paralice a actividade administrativa e garantir que aquilo que poidamos sacar adiante e manter en contratación, o imos seguir mantendo porque entendemos que é fundamental contribuír a que as empresas poidan seguir adiante na medida das posibilidades.” Neste sentido, tamén explicou que servizo de Prevención de Riscos está realizando un seguimento exhaustivo dos protocolos de prevencion e seguridade en todas as obras, e tamén nas contratas de servizos e subministros.  

Dos asuntos da orde do día da Xunta de Goberno, informou que se aprobou o expediente de adxudicación de subministro de material eléctrico de reposición por un prezo de 287.516,34 euros a Digamel; e o inicio do expediente de contratación do servizo de telecomunicacións en tres lotes: telefonía fixa, datos internet, e telefonía móbil.

Tamén informou que na mesa de contratación da pasada semana se aprobou a proposta de adxudicación de iluminación das pontes a SETGA por un orzamento de 430.000 euros; a proposta de adxudicación do parque forestal da Fracha a Elsamex por 453.021,58 euros; e a proposta de adxudicación para 2 vehículos da Policía Local para a Plataforma Comercial Retail por 63.888 euros.

Por último, lembrou que todas as xestións administrativas se están realizando por vía telemática e a través da Sede Electrónica. Informou que nesta primeira semana, tanto as consultas telefónicas como as xestións telemáticas descenderon nun 50%, baixada que atribuiu á suspensión de prazos e á paralización de servizos non son esenciais.