Promoción Económica difunde a ampla oferta de servizos de entrega a domicilio do Mercado de Abastos

520
  • Yoya Blanco explica que xa se poden facer pedidos por teléfono a 18 postos de peixe e marisco, seis carnicerías, dúas froiterías, unha queixería, dúas panaderías e unha tenda de produtos galegos

Na súa vontade de que os produtos máis frescos non se boten de falta nos fogares de Pontevedra, ao tempo que a saúde dos clientes está o menos exposta posible, os vendedores do Mercado de Abastos estanse a adaptar rapidamente á actual situación. Neste sentido, xa son un bo número de concesionarios os que decidiron implementar un servizo de entrega a domicilio que abrangue unha gran variedade de alimentos de primeira necesidade.

Coa finalidade de que os consumidores teñan a man os números de contacto dos vendedores aos que poden chamar por teléfono para xestionar comodamente os seus pedidos dende a casa, a Concellería de Promoción Económica e Turismo acaba de elaborar uns carteis nos que se recolle toda esta oferta por seccións. Entre os negocios que dispoñen deste servizo de ‘delivery’ cóntanse unha trintena de postos: 15 de peixe e marisco; un de conxelados; seis carnicerías; dúas froiterías; unha queixería; unha tenda de produtos galegos; dúas panaderías, e dous postos de venda de bacallau.

A concelleira socialista Yoya Blanco lembra que, “ao igual que acontece con outras grandes superficies, o Mercado de Abastos de Pontevedra permanece aberto ao público para o subministro de alimentos de primeira necesidade e calidade”. Non obstante, a edil do PSOE lembra que nos últimos días se teñen decretado dende o seu departamento unha serie de medidas para garantir ao máximo a seguridade de praceiras e clientes, entre elas a de establecer un aforo máximo de 60 persoas, manter unha distancia mínima de dous metros ou o emprego obrigatorio de guantes por parte d@s concesionari@s.

COMPARTIR