O concelleiro Iván Puentes asina outras dez declaracións de vehículos abandonados nas vías públicas como residuos sólidos urbanos

11
  • O trámite prodúcese despois dos requirimentos incoados aos seus titulares e permitirá que o Concello teña plenas competencias para proceder á súa retirada, descontaminación e destrución

Despois de que a Administración local emitise os correspondentes requirimentos de retirada ás persoas que figuran como titulares dos coches, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, procedeu hoxe á sinatura doutras dez declaracións de vehículos abandonados nas vías públicas como residuos sólidos urbanos. Unha vez realizado este trámite, o Servizo Municipal de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental estaría xa en disposición de proceder á retirada dos automóbiles, así como á súa descontaminación e destrución polo centro homologado Automociones Catoira SL.

Deste xeito, o edil do PSOE continúa adiante coa súa ‘cruzada’ para que os vehículos abandonados, “que supoñen focos de contaminación e insalubridade”, desaparezan das rúas de Pontevedra (con 79 expedientes activos nestes momentos, dos que 66 se abriron entre este ano e o pasado). Estas dez novas declaracións de coches como residuos sólidos urbanos son o resultado de denuncias efectuadas por axentes do Corpo da Policía Local (hai tamén unha interposta pola Garda Civil) entre finais de xaneiro e principios de marzo, todas elas pola presenza de turismos en evidente estado de abandono na vía pública durante un período prolongado de tempo.

En concreto, os vehículos afectados son: un Ford Escort na rúa Doce de Novembro; un Peugeot 306 en Augusto García Sánchez; un Citroën ZX en Padre Fernando Olmedo; un Suzuki Grand Vitara en Juan Bautista Andrade; un Seat Ibiza á altura do km. 85.85 da estrada nacional N-541; un Peugeot 206 en Eduardo Pondal; un Opel Frontera na avenida de Lugo; un Fiat Uno na rúa Francisco Añón; un Ford Fiesta en Ángel Amor Ruibal, e un Audi A4 en María Victoria Moreno.

Tal e como sinala Iván Puentes, “todos eles poden entregarse xa a Automociones Catoira, que é un centro homologado para o seu tratamento como residuos sólidos urbanos, que deberá expedir un documento xustificativo da recepción dos automóbiles e os preceptivos certificados de descontaminación e destrución, tramitando ademais a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico”. “En tódolos casos tíñase constatado con anterioridade o estado de falta de conservación e os sinais de abandono dos coches -apunta o edil socialista- e requiríuselle aos propietarios que no improrrogable prazo de 15 días (dende a notificación) procedesen á súa retirada ou á entrega nun centro autorizado de tratamento ou instalación de recepción regulado no Real Decreto 20/2017”. 

Sancións de entre 603 e 31.000 euros

No requirimento realizado polo Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental advertíaselles aos titulares dos vehículos de que, pasado o citado prazo de 15 días sen dar cumprimento ao requirido, a Administración municipal podería adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que contempla sancións de entre 603 e 31.000 euros (en supostos de infracción grave), procedendo ademais á retirada do vehículo polo guindastre e dándolle o tratamento de residuo sólido urbano.

Segundo se recolle no artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria, a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.