A Concellería de Deportes inicia o pagamento de máis de 190.000 € aos clubs de Pontevedra

84
  • Tino Fernández levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación a proposta definitiva das subvencións de 2017-2018, o que permitirá o abono inmediato de 90.000 euros
  • O Servizo que dirixe Jaime Agulló xa ordenou a Tesourería o pago de 91.400 € das Escolas Deportivas Municipais de 2018-2019 e adiantou ademais outros 9.000 € de convenios nominais

Un novo balón de osíxeno de máis de 190.000 euros procedente da Concellería de Deportes axudará a mitigar os efectos que a pandemia do Covid-19 está a ter na saúde financeira dos clubs deportivos de Pontevedra. O tenente de alcalde, Tino Fernández, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación a proposta de resolución definitiva da convocatoria de subvencións correspondente ao período 2017-2018, o que permitirá comezar a pagar de xeito inmediato aos 60 equipos beneficiarios un 30% dos 300.000 euros consignados a estas axudas (uns 90.000 euros).

Esta boa noticia prodúcese grazas á colaboración de tódolos clubs implicados e ao gran traballo levado a cabo polo Servizo Municipal de Deportes, dirixido por Jaime Agulló, que conseguiu salvar o contratempo que supuxo a suspensión de prazos administrativos decretada con motivo do estado de alarma. A solicitude expresa formalizada polos equipos permitiu seguir adiante coa tramitación administrativa e axilizar ao máximo o pagamento dunhas subvencións que, doutro xeito, non se poderían ter aboado ata aproximadamente un mes despois do levantamento do estado de alarma. 

O Concello tamén ordenou a Tesourería o pago do 70% restante das axudas correspondentes ás Escolas Deportivas Municipais (EDM) do exercicio 2018-2019, o que se traducirá nunha achega global de 91.400 euros. Segundo explica o concelleiro de Deportes, estas subvencións xa se están a abonar, polo que “algúns clubs xa as percibiron e os demais as recibirán de xeito inminente”. “Esta mesma semana -avanza o edil socialista- asinarei o inicio do expediente relativo ás EDM de 2019-2020, de xeito que o Servizo o poida remitir a Intervención para a súa fiscalización. Agardo que a convocatoria destas axudas, que se incrementarán nun 76% con respecto ás de 2018-2019, poida publicarse nun prazo duns 20 días”.

Estas últimas subvencións aliviarán moito as febles arcas dos clubs, ao terse incrementado a achega destinada ás EDM de 142.000 a 250.000 euros: as Escolas Deportivas Municipais pasan de 108.000 a 205.000 euros; as EDM Rurais de 24.000 a 30.000, e as EDM  de Grupos Especiais de 10.000 a 15.000.

Adianto para o Medio Maratón e o Open de Taekwondo

A Concellería de Deportes tamén adiantou nestes días un 30% das cantidades previstas en dous convenios de carácter nominal, en concreto os asinados para a organización do Medio Maratón de Pontevedra e o Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo. Deste xeito, a Sociedad Gimnástica e o Mace Sport xa cobraron 4.200 e 4.500 euros respectivamente. O departamento que dirixe Tino Fernández ten en marcha os expedientes do resto de subvencións nominativas que figuran nos Orzamentos de 2020 e que se atopan en diversas fases previas á sinatura de convenio (asesoría xurídica ou fiscalización).

No que atinxe ás axudas anuais de 2019 (período 2018-2019), o Servizo Municipal de Deportes xa ten practicamente rematada a redacción das bases da convocatoria, que ademais doutros 300.000 euros, traerán consigo unha importante novidade: un programa informático para a xestión das subvencións. “O responsable do Servizo manterá o vindeiro luns 27 de abril unha reunión coa empresa encargada do programa, de cara a cotexar o seu manexo e, no caso de que sexa necesario, introducir algunha modificación”, subliña o tenente de alcalde.

Tino Fernández afirma que, unha vez se levante o estado de alarma, o seu departamento “estará en disposición de aprobar as bases das axudas de 2018-2019 e de celebrar as xornadas de formación de cos equipos para explicar o manexo do programa informático”. Non obstante, para esta convocatoria de subvencións será preciso tramitar unha modificación de crédito con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería (RLT).

O concelleiro socialista subliña “o encomiable esforzo realizado nestas xornadas polo Servizo de Deportes, coordinado por Jaime Agulló, que traballou moi por enriba do que se lle podía esixir e que adicou horas e horas cada día para que estes vitais cartos cheguen canto antes á ‘caixa’ dos equipos da cidade”. Fernández quere transmitir unha mensaxe “de paciencia e forza” aos clubs, asegurándolles que a súa Concellería vai “cumprir tódolos compromisos que tiña adquiridos no que se refire á organización de eventos, agardando que moitos deles poidan celebrarse máis cedo que tarde, aínda que sexa no último trimestre do ano”.