O Concello instalará catro novos centros de compostaxe na Parda e Valdecorvos

24
  • A Concellaría de xestión dos residuos acelera a súa instalación ante a gran demanda que está a ter nesta etapa de confinamento. 
  • Do 15 de marzo ao 17 de abril tratáronse arredor de 55 toneladas de biorresiduos.
  • Está previsto duplicar os xa instalados en Pintor Laxeiro e na Praza das Regas, e habilitar un centro novo nas rúas Maruxa Mallo e Antón Losada Diéguez.

O Concello de Pontevedra instalará nos vindeiros días catro novos centros de compostaxe comunitaria no barrio da Parda e en Valdecorvos.  A Concellaría de xestión dos residuos que dirixe Raimundo González acordou acelerar a instalación destes composteiros dado elevado uso que os veciños e veciñas de Pontevedra están facendo dos xa instalados neste período de confinamento, e que segue as tendencias á alza da reciclaxe de papel e cartón, envases e vidro.

Dos catro novos composteiros comunitarios, dous completarán as unidades agora instaladas en Pintor Laxeiro (A Parda) e na Praza das Regas (Valdecorvos); e se incorporan dous espazos novos no barrio da Parda: a rúa Pintor Maruxa Mallo e a rúa Antón Losada Diéguez. Todos eles serán centros de compostaxe de 10 módulos cada un. 

A gran produción que se está a xerar nos composteiros comunitarios demostra o grado de compromiso que a veciñanza ten no sistema de tratamento e reutilización dos residuos orgánicos. De feito, durante o mes de confinamento e até o pasado luns, os composteiros comunitarios instalados na zona urbana trataran arredor de 55 toneladas de biorresiduos.

Nestes momentos o Concello de Pontevedra ten instalados na zona urbana composteiros comunitarios nas rúas Eduardo Pondal (2), Ponte Boleira (2), Camiño de Ferro (2), Pintor Laxeiro (1), Rúa dos Soutos (1), Praza das Regas (1) e Rúa de Prado Novo (2). No barrio de Monte Porreiro existe un centro comunitario nas rúas Alemaña, Europa e Italia.

E a estes engádese, agora, os catro máis previstos en Pintor Laxeiro, Praza das Regas, Pintora Maruxa Mallo e Rúa Antón Losada Diéguez.

Os datos confirman a tendencia á alza da concienciación veciñal na importancia da reciclaxe e no tratamento dos residuos, o que permite ao Concello ir afianzando a nova marca Efecto PO2, que quere estender en todos os eidos do traballo municipal como o do tratamento dos residuos sendo unha das principais cartas de visita de Pontevedra. 

COMPARTIR