O alcalde e a concelleira de Benestar Social salientan o papel “fundamental” do Banco de Alimentos para chegar ás familias que máis o precisan durante a crise

85
  • Miguel Anxo Fernández Lores e Paloma Castro realizan unha visita ao almacén da entidade acompañados polo seu presidente provincial, Pedro Pereira, e o coordinador local, José Luis Doval
  • O Banco de Alimentos asiste nestes intres en Pontevedra a unhas 2.000 persoas en colaboración co Concello e con diversas asociacións. Leva repartidas 35,5 toneladas de comida dende xaneiro

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, desprazáronse esta mañá ata o almacén de Banco de Alimentos en Pontevedra para supervisar de primeira man a situación do acopio de produtos de primeira necesidade e manter un encontro co presidente da Fundación Provincial da entidade, Pedro Pereira; o seu vicepresidente, Iván Martínez, e o seu coordinador local, José Luis Doval. Tanto o rexedor municipal como a edil salientaron o labor que está tendo o Banco de Alimentos como unha “peza fundamental” para poder chegar ás familias que máis o precisan durante esta crise sanitaria, atendendo nestes intres a unhas 2.000 persoas na nosa cidade grazas á colaboración co Concello e con diversas oenegués.

Durante a visita, o propio Doval explicou que a entidade leva repartidas en Pontevedra dende xaneiro arredor de 35,5 toneladas de comida e que a axuda chega a unhas 20.000 persoas en toda a provincia. Unha tarefa que, como subliñou Fernández Lores, é aínda máis esencial nun contexto no que “se incrementan os problemas e as familias que o están pasando mal” e no que tamén a  Concellería de Benestar Social e o comedor de San Francisco están a dar resposta co reparto de tuppers entre uns 200 usuarios e “con todos os que se lle están levando a domicilio aos nenos que Servizos Sociais tiña nos comedores escolares”.

“Quero agradecer e poñer en valor o traballo que están a realizar tódolos voluntarios, empresas e administracións aportando ao Banco de Alimentos os produtos perecedoiros e non perecedoiros fundamentais para que todo o mundo teña un mínimo cuberto no que se refire a alimentación neste momento de crise. O reparto sería imposible se non contásemos coa colaboración desinteresada dos voluntarios e dos traballadores municipais. O que desexariamos todos é que o Banco non fora necesario, pero mentres non melloren os mecanismos de reparto da riqueza cumpre unha función imprescindible”, subliñou o alcalde. 

172 familias a través do programa Porta a Porta

A concelleira Paloma Castro lembrou que a colaboración entre o seu departamento e o Banco de Alimentos está a permitir “a cobertura de 172 familias a través do programa Porta a Porta” e que a entidade coordinada por José Luis Doval en Pontevedra tamén distribúe alimentos para diversas asociacións no municipio. 

Pola súa banda, Pedro Pereira aproveitou a ocasión para demandar “máis cámaras frigoríficas que permitan ofrecer produtos conxelados, como pescado ou cárnicos” entre as familias beneficiarias.