Paloma Castro insta aos pontevedreses a “manter a LGTBIfobia en confinamento para sempre” e a seguir “en pé de guerra contra os que odian a diversidade”

126
  • Coincidindo co Día Mundial contra a LGTBIfobia, a edil de Igualdade anuncia que “as accións reivindicativas e de visibilización de Pinto e Maragota volverán á rúa en canto sexa posible”
  • A concelleira socialista lembra que un 24% dos alumnos LGTBIQ+ dos institutos de Pontevedra admitiron ter sufrido agresións físicas ou verbais por mor da súa orientación ou identidade sexual

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial contra a LGTBIfobia, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, insta aos pontevedreses a continuar “en pé de guerra contra todos aqueles que odian e negan a diversidade sexual e de xénero” e a “manter a LGTBIfobia en confinamento para sempre”. A edil socialista aproveita a efeméride deste 17 de maio para anunciar que o programa municipal Pinto e Maragota “ten previsto retomar os seus vermús e accións reivindicativas e de sensibilización na rúa en canto sexa posible, adaptándose ás restricións derivadas da situación sanitaria”.

Castro asegura que “Pontevedra é unha cidade na que as ideoloxías heterosexistas e negacionistas da liberdade sexual e de xénero non teñen cabida nin serán xamais tolerados, a pesar do denodado esforzo implícito e explícito dalgunhas formacións políticas en que non sexa así”. “Dende a Concellería de Igualdade -sinala- imos seguir apoiando á comunidade LGTBI e combatendo as fobias alentadas pola caterva reaccionaria contra as súas siglas”.

Unha loita que, como admite, “ten a máxima vixencia e é absolutamente necesaria”, tal e como amosan os tristes datos da enquisa sobre LGTBIfobia que o seu departamento desenvolveu entre o alumnado dos institutos do municipio: un 24% dos estudantes LGTBIQ+ admitiu ter sufrido agresións físicas ou verbais pola súa orientación ou identidade.

Asemade, un 25% dos 893 enquisados presenciaron agresións a persoas LGTBIQ+ nos seus centros educativos e un 8,2% aínda pensa que a homosexualidade se pode tratar cunha terapia axeitada.

Creación do pioneiro Cides

A concelleira de Igualdade subliña “os importantes pasos adiante que o seu departamento impulsou durante os últimos meses coa celebración do II congreso ‘A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas. Materia pendente?’, a organización do I Premio Literario Pinto e Maragota (en colaboración don Edicións Xerais) e a posta en marcha do pioneiro Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (Cides), coordinado pola activista trans Ada Otero”.

Paloma Castro cualifica de “chiste macabro” que “os mesmos homófobos, tránsfobos e bífobos que puxeron tódolos atrancos posibles ás lexislacións progresistas que recoñecen a unión entre persoas do mesmo sexo ou os dereitos das persoas trans, se atrevan agora a acusar á esquerda de odiar ás persoas homosexuais”. “As dereitas -afirma- perderon calquera  tipo de lexitimación para empregar esas palabras”.

Así mesmo, a edil do PSOE reclama que “se desterren as discriminacións e os pensamentos monosexistas, monosexuais e binarios dentro do propio movemento LGTBI, no que por desgraza, como acontece con certas correntes pseudofeministas, atopámonos aínda con manifestacións retrógradas como a bifobia ou a transfobia”.