O Concello completa a licitación da totalidade da rede de abastecemento de Mourente

35
  • Vén de aprobar a licitación de dous novos tramos, que unidos á parte do proxecto en execución, suman un orzamento de máis de 6 millóns de euros para dar servizo ás 916 vivendas da parroquia
  • Do total dos 58 millóns do proxecto de abastecemento de auga para o rural, na actualidade xa están en execución máis de 33 millóns

A Xunta de Goberno local vén de aprobar na sesión desta mañá a licitación de dous novos tramos da rede de abastecemento de auga para a parroquia de Mourente. Anunciouno a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen indicou que con estas dúas licitacións, unidas ao tramo que está actualmente en execución, completarase a rede da totalidade desta parroquia. O investimento total en Mourente ascende a 6.393.498,70 euros para as 916 vivendas da parroquia, cun investimento de 6.980 euros por vivenda.

Anabel Gulías sinalou que a día de hoxe, do total dos 58.115.571,31 euros contrato da auga para o abastecemento no rural, están en execución 33.994.850,59 euros e en licitación aproximadamente 23 millóns. Ante estas cifras, a concelleira asegurou que “isto implica un ritmo moi bo, tanto na execución como na licitación, e podemos facer un balance moi favorable dun investimento dos maiores que se teñen feito neste Concello polo que vai supoñer en calidade de vida para o rural”.

O primeiro dos tramos cuxa licitación se aprobou hoxe corresponde ao proxecto ‘Saída 2 do depósito de Castro Senín – parroquia de Mourente’ cun orzamento de 1.470.637,96 euros e un prazo de execución de 12 meses. Neste tramo darase servizo a 238 vivendas, 3 naves e 2 locais comerciais, correspondentes aos lugares de O Monte, Casas Novas, San Amaro, Vilaverde, Montecelo, A Barcia, Ría de Abaixo, Santa Margarida, Cons, As Laxiñas, Valdecorvos, Moldes, Pardesó, Freixeiro e Mourente.

O segundo dos tramos licitado corresponde ao proxecto ‘ETAP Lérez – parroquia de Mourente’ cun orzamento de 308.629,46 euros e un prazo de execución de 4 meses. Dará servizo a 63 vivendas dos lugares de Monte Porreiro, Areás, Vilaverde, O Monte e Os Campos.

Estas dúas licitacións súmanse ao tramo en execución que corresponde ao proxecto ‘Saída 1 do depósito de Castro Senín – parroquia de Mourente’, que dá servizo a 610 vivendas e ten un orzamento de 4.614.231,28 euros.