Yoya Blanco salienta o papel dos Encontros Dixitais de Reinicia Pontevedra como “semente da recuperación e reinvención de moitos autónomos”

34
  • A concelleira e o presidente de APE clausurou esta tarde o ciclo de sete charlas formativas, que reuniu a 30 autónomos conectados de media e a 18 expertos intervintes de diferentes sectores

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o presidente Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia (APE), José Ramón Caldas, clausurou esta tarde o ciclo de sete Encontros Dixitais do programa Reinicia Pontevedra, organizados pola plataforma #PonteLovers en colaboración con APE. A edil do PSOE salientou o papel precursor deste ciclo de charlas formativas, que reuniu a 30 profesionais conectados de media e a 18 expertos intervintes de diferentes sectores, como “semente da recuperación e a reinvención de moitos negocios autónomos de Pontevedra”.

Blanco subliñou “o interese sostido que os Encontros Dixitais espertaron no tecido económico da cidade”, especialmente entre xerentes e propietarios tanto de pequenos comercios como de empresas de servizos e profesionais autónomos. O ciclo de conferencias virtuais viuse celebrando dende o pasado luns 11 de maio e, ao longo das sesións telemáticas, abordáronse temáticas transversais e de actualidade, como dixitalización, redes sociais, transparencia, novas demandas dos clientes ou tendencias en decoración e interiorismo.

Tal e como apuntou a concelleira de Promoción Económica, as charlas foron impartidas por “un total de 18 especialistas en xestión empresarial e autónomos e pemes, todos eles de Pontevedra, que explicaron temáticas concretas e compartiron as súas experiencias”. Baixo o título de ‘Estratexias de dixitalización: rendibilidade e erros a evitar’, o coloquio de clausura estivo protagonizado por Cany Juncal, especialista en decoración de tendas; Elena Vitoria, de Cartablanca Marketing Gastronómico, e Miguel Ángel Souto Fraga, coordinador do ciclo e director de Cimak Consultores de Ventas e Marketing. 

“Á marxe dos Encontros Dixitais, o programa Reinicia Pontevedra, que está financiado polo Concello e que se oferta de xeito totalmente gratuíto a autónomos e pemes, conta con outra importante acción: o asesoramento personalizado para 25 negocios. Queremos acompañar aos negocios de proximidade en todo este proceso de readaptación á nova normalidade”, lembrou Yoya Blanco.