Os primeiros microvídeos do Efecto PO2 amosan o espazo público como continuidade da vivenda

8
  • Nestes días estívose grabando no centro da cidade a primeira das pezas incluídas dentro da campaña Efecto PO2 e que tivo como protagonista a unha persoa xubilada que sae do seu salón directamente á praza da Ferraría.

A Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, sacará nos vindeiros días o seu primeiro microvídeo da campaña Efecto PO2 que reflexa como o espazo público é a continuidade das residencias ou dos espazos de traballo dos pontevedreses e pontevedresas. 

As primeiras imaxes amosan a unha persoa xubilada que logo de estar tranquilamente no seu salón da súa vivenda lendo un libro, sae á praza da Ferraría. O resultado da grabación, que se realizou nestes días, darase a coñecer nesta semana.

A idea dos microvídeos está incluída dentro da campaña de comunicación e márketing Efecto PO2 que puxo en marcha a Concellaría que dirixe Anabel Gulías hai unha semana e que pretende divulgar entre os veciños e veciñas de Pontevedra que é o Efecto PO2: un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo. 

Esta acción complementarase con outras como as pintadas de rúa -CO2 +PO2 que se poden ver en dez puntos diferentes da cidade, e que permite facer un pequeno xogo: canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2. Tamén inclúe faladoiros do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con persoeiros; unha campaña de carteleira específica para explicar na cidade que é o Efecto PO2 que xa se empezou a instalar en sedes administrativas, establecementos… E un programa máis extenso que se irá desvelando nas vindeiras semanas e poñendo en marcha ao longo de todo o verán. 

O Efecto PO

Desde moito antes de que a emerxencia climática chamase á porta como tal e, moito menos aínda, esta pandemia, Pontevedra xa traballaba arredor de conceptos como a recuperación e democratización do espazo público, a redución de emisións; menos coches, máis cidade; peonalización e calmado do tráfico; a importancia de moverse coa propia enerxía; a redución e a compostaxe dos residuos ou a xestión ecolóxica e racional da auga. 

Vinte anos de modelo olístico, vinte anos de Efecto PO2, sinónimo de estilo de vida e de saúde pública que neste momento, e máis ca nunca, coloca a Pontevedra á vangarda mundial das cidades cun espazo público cunha excelente calidade urbana que permite gozar da rúa dun xeito seguro sen ter que recorrer ás medidas excepcionais e, polo tanto, temporais que se están a aplicar noutras cidades.