O mercadillo ambulante de Rafael Areses celebrarase os venres véspera de San Bieito e do Día de Galicia ao caer en sábado ambos festivos

17
  • A concelleira Yoya Blanco explica que os postos recuperaron os seus emprazamentos habituais, “aplicando tódalas medidas de seguridade solicitadas pola Dirección Xeral de Comercio”
  • A edil salienta “o comportamento exemplar duns vendedores que foron pioneiros na reapertura e que converteron ao mercadillo nun dos lugares máis seguros de Galicia para ir de compras”

O mercadillo ambulante da Xunqueira, que se celebra habitualmente tódolos sábados no contorno da rúa Rafael Areses, pasará a celebrarse este mes de xeito excepcional os venres día 10 e 24, véspera de San Bieito e do Día de Galicia, ao caer en sábado ambos festivos (11 e 25 respectivamente). Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “trátase de cambios de data decretados pola propia ordenanza municipal de venda ambulante, que establece que a feira debe pasar a celebrarse o venres se o sábado coincide con festivo”.

En todo caso, a edil anima a tódolos clientes “a aproveitar as boísimas ofertas dun mercadillo que xa está a aplicar tódalas medidas de prevención solicitadas dende a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia: os postos manteñen a distancia de seguridade de 1,5 metros entre eles ou estarán separados por pantallas, hai dispensadores de hidroxel e todo o mundo leva máscaras de protección”. “Quero salientar o comportamento exemplar duns vendedores que xa foron pioneiros á hora de aplicar estritas medidas de seguridade que o converteron no primeiro de Galicia en reabrir tralo confinamento (o pasado 16 de maio, grazas á ampliación da superficie de colocación) e que, agora que os 56 postos volven ocupar o seus emprazamentos habituais, convértense unha vez máis de modelo para outros mercadillos”, asegura Yoya Blanco.

Segundo sinala a edil de Promoción Económica, “a responsabilidade que está a amosar o colectivo de vendedores e a súa flexibilidade e capacidade de adaptación ás normas de prevención que se van decretando converteron á feira de Rafael Areses nun dos lugares máis seguros de toda Galicia para ir de compras”. Por este motivo, a concelleira do PSOE anima aos pontevedreses “a gozar da seguridade dun espazo de venda que está ao aire libre e no que, aínda que a nova normalidade xa non permita que ‘nolo quiten das mans’, as ofertas e produtos son inmellorables”.

COMPARTIR