O Concello acondiciona as pistas de petanca e chave de Santo André de Xeve e o Centro Sur

37
  • A empresa Garocaprim SL vén de poñer en marcha os traballos para acondicionar os campos de xogo e o seu contorno, que contan cun orzamento global de 4.707,51 euros

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, acaban de poñer en marcha os traballos para deixar en perfectas condicións de uso as pistas de petanca e chave da parroquia de Santo André de Xeve e o Centro Sur, no barrio de Campolongo. As primeiras actuacións iniciáronse nos campos de xogo de Xeve (un de petanca e un de chave) e tiveron continuidade no do Centro Sur (de petanca con chave).

A empresa especializada en construcións, rehabilitacións e obras Garocaprim SL é a encargada da execución destas actuacións, contratadas cun orzamento global de 4.707,51 euros. As intervencións contemplan o desbroce e limpeza das zonas exteriores das pistas, o lixado da madeira existente nos campos e a aplicación dunha man de lasur, o escarificado das zonas de xogos e a retirada das raíces e maleza existentes nas mesmas.

Asemade, tal e como apunta Tino Fernández, levarase a cabo un aporte de xabre e o compactado e nivelado dos campos, así como un tratamento antiherbas para atrasar a súa reaparición”. Segundo sinala Iván Puentes, no orzamento contémplase tamén “o pintado das chaves, o tratamento dos bancos de madeira e acondicionamento do noiro existente no contorno do campo de Santo André de Xeve”.

O tenente de alcalde avanza a súa intención de “implementar estes traballos de acondicionamento naquelas pistas de petanca que así o precisen, de xeito que poidan estar en boas condicións de uso cando se rematen de elaborar os correspondentes protocolos e se reabran ao público tódalas instalacións deportivas”. “O deporte da petanca ten un fondo arraigamento en Pontevedra, cunha liga na que participan 12 equipos e campos tanto no centro da cidade (os 2 da Deputación e os 2 de Campolongo) como en diferentes barrios e parroquias: Verducido (1), Santa María de Xeve (1), Santo André de Xeve (1), Salcedo (1), Centro Sur (2), Monte Porreiro (2), Os Campos (2) e O Salgueiral (2). Imos garantir que os numerosos ‘petanqueiros’ cos que contamos, e que se incrementan ano a ano, dispoñan duns campos de primeira”, subliña o edil socialista.