Comeza o acondicionamento do acceso ao depósito de auga de Ponte Sampaio que abastece a 345 domicilios

2
  • O Concello fai un investimento de case 37.500 euros de mellora da vía que se atopa na parroquia de Canicouva, no lugar de Sixto, para que se poidan facer os traballos diarios de mantemento da auga con garantías.
  • Até o de agora os veciños subían en tractor xa que era o único tipo de vehículo que podía acceder ao lugar a través dunha pista de terra.

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría do Rural iniciou nesta semana os traballos de acondicionamento da pista que accede ao depósito de auga que abastece ao núcleo de Ponte Sampaio. Trátase dunha intervención de 37.495,56 euros para asfaltar un camiño de terra que empregan a diario os veciños para depurar a auga que lles chega os seus domicilios

A obra consiste na ampliación do camiño, compactación e tratamento para posterior asfaltado da vía que se topa na parroquia da Canicouva, no lugar do Sixto, pero o depósito de auga abastece ao núcleo de Ponte Sampaio.

Esta actuación foi acordada polo concelleiro responsable da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González, coa Comunidade de augas de Ponte Sampaio, xa que o depósito abastece a 345 domicilios, e a comunidade tiña que subir garrafas de 25 litros de cloro, os materiais de limpeza e mantemento do depósito para garantir as medidas sanitarias da auga a través dunha pista nunha situación moi precaria.

Dado que non era viable o acceso a través de turismos ao lugar, un veciño con tractor era o encargado de subir o abastecemento de cloro e o material preciso. Ademais, cada día teñen que facer análises e controis de nivel da auga no depósito, así como revisar o nivel de cloro e que o abastecemento funcione correctamente.

A situación era especialmente penosa no inverno, dado que a vía de terra estaba frecuentemente anegada o que obrigaba aos veciños a subir con roupa e calzado de auga, xa que había moitos empozamentos.

Con esta actuación, Raimundo González afirmou que se “mellora substancialmente o acceso ao depósito e facilitará os traballos aos veciños e veciñas que a diario teñen que encargarse do mantemento desta instalación, fundamental para a vida diaria dun bo número de familias da parroquia”.