Arranca o núcleo de centralidade dos Campos que poderá estar rematado cara final de ano

31
  • O alcalde visitou esta mañá as tres obras en marcha neste punto: o Local Social, as instalacións dos fondos Leader e a vía que conecta Tafisa con Monte Porreiro.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e os concelleiros de obras e do rural, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña visitaron esta mañá a actuación de creación do núcleo de centralidade parroquial dos Campos, na parroquia de Mourente, onde o Concello executa nestes momentos tres proxectos simultáneos valorados en 2.287.000 euros e que poderá estar rematado cara finais de ano ou primeiros de 2021.

O alcalde destacou que se trata “dun investimento potente que merecen os veciños de Mourente e dos Campos” para crear unha zona de alta calidade urbana. Consiste na vía que conectará a zona de Tafisa con Monte Porreiro, facilitando a conexión peonil e os tráficos rodados, o Local social dos Campos e as novas instalacións dos fondos europeos Leader Pontevedra-Morrazo. 

O Local Social está sendo rehabilitado pola empresa Praza por 471.248 euros. A obra ten un prazo de execución de 5 meses. 

O edificio ten unha superficie construída de 263 metros cadrados. Son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá de conexión entre ambos lados do edificio. Terá oficinas e almacén e baños fóra do edificio pero conectado con este cun corredor acristalado. O edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre.

As instalacións dos fondos Leader execútaa a empresa Acevi por 373.964,64, e ten un prazo de execución de 5 meses.

Na parte superior crearase unha oficina da xerencia, 3 postos de traballo, unha sala de reunións, un arquivo e baños; e a planta baixa será un espazo de uso veciñal cunha sala de usos múltiples e sala de exposicións. 

O acceso entre plantas farase por un módulo que se construirá ao carón do edificio, na parte posterior; e tamén está previsto facer un acceso ao edificio pola traseira. 

Finalmente, o acceso de Monte Porreiro executado pola empresa Ramírez, ten un orzamento de 1.441.906,26 euros (439.393,50 euros corresponden a expropiacións e 1.002.512,76 a obra civil) e un prazo de execución da obra é de 9 meses.

Trátase dunha vía de 605 metros, de dous carrís de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Incluirá calmado de tráfico para darlle carácter de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil propios do modelo Pontevedra.