Luces ornamentais, unha mostra e roteiros durante todo o mes de agosto para inaugurar a ‘nova’ da ponte do Burgo

137
  • Trátase dunha “inauguración espallada” co obxecto de evitar aglomeracións e facilitar a participación da veciñanza atendendo aos protocolos Covid
  • Preferencia peonil, nova iluminación e remodelación dos entronques nas dúas cabeceiras coa creación dunha praza na cabeceira norte, principais melloras desta actuación

As obras de posta en valor da ponte do Burgo rematan esta semana e para celebralo o Concello deseñou unha “inauguración espallada” ao longo de todo o mes de agosto, co obxecto dar cabida ao maior número posible de persoas atendendo ás medidas de distanciamento social e de seguridade e prevención da Covid-19. Anunciouno esta mañá o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, quen explicou que o primeiro acto formal terá lugar o martes 4 e continuará con roteiros os mércores 12, 19 e 26 de agosto. 

O primeiro dos actos, o do día 4 de agosto, comezará ás 22h coa apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo na que se fai un percorrido por todas as etapas históricas desta infraestrutura e a súa relación coa cidade. Ás 22:30h está previsto que se faga o primeiro acendido monumental da ponte e ás 23h un acendido ornamental con luces de cores que durará menos dun minuto. O acendido ornamental repetirase todos os días á mesma hora. Demetrio Gómez aproveitou para facer un chamamento á veciñanza para evitar aglomeracións indicando que haberá suficientes días e suficiente espazo para ver estes acendidos respectando o distanciamento social, xa que polas dúas beiras do río entre a ponte de Santiago e a ponte das Correntes hai 1,5 kilómetros.

En canto aos roteiros, que terán lugar os mércores 12, 19 e 26 de agosto, será preciso anotarse a partires de mañá na web do Concello. Contemplanse dous roteiros por día: un infantil entre as 19h e as 20h (para rapaces e rapazas a partires de 5 anos) e un de adultos entre as 21h e as 22:30h que rematará cun petisco no Mercado. Cada roteiro conta con 21 prazas.

Tecnoloxía de vangarda marca Pontevedra 

“Se algunha pegada podía deixar a nosa xeración é ese traballo co alumeado que permite incorporar a ponte á máis absoluta modernidade recuperando o seu perfil orixinal” asegurou o concelleiro de Obras Urbanas. Convén lembrar que o proxecto de iluminación da ponte inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento,  iluminación en altura con elementos integrados na varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos, a súa estrutura e forma.

Demetrio Gómez fixo fincapé en que “non había nada en todo o mundo que servise para poñer nunha zona como esta e tivo que ser unha empresa galega e ademais de Pontevedra a que deseñase estes elementos”. A complexidade radicaba, segundo explicou, nas condicións metereolóxicas que soporta a ponte, onde inciden a acción de salitre, auga e vento, polo que foi necesario un deseño específico ata acadar “un alumeado non contaminante, non invasivo, e non abrasivo para as persoas que pasemos por enriba da ponte”.

Actuación respectuosa

“Rematamos de executar un proxecto que é exemplar por moitos motivos: porque é respectuoso co patrimonio que temos no Concello, porque sirve para unir a cidade e o  barrio do Burgo, e porque ademais a ponte é un elemento esencial do Camiño de Santiago e dá orixe da nosa cidade” afirmou Demetrio Gómez.

Lembrou que esta actuación deu comezo o 7 de marzo do pasado ano e que, tras unha prórroga, “por fin chegamos ao remate e chegamos con ben”. O proxecto, que foi adxudicado por un orzamento de 2.057.000 euros, permitiu acondicionar un espazo público de referencia na cidade, dotándoo de preferencia peonil e apostando pola recuperación e posta en valor do patrimonio que representa. Así, actuouse en elementos da propia ponte, como o taboleiro e a varanda, implementouse un ambicioso proxecto lumínico, modificouse o entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur) co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte seguindo a traza histórica do Camiño, e remodelouse por completo o entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte), eliminando a rotonda de tráfico rodado e creando unha nova praza con deseño e mobiliario acordes co modelo Pontevedra.

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”. 

Formularios de inscricións para os Roteiros da Ponte de Burgo

COMPARTIR