Fegatri e Concellería de Deportes deciden que “este non o mellor momento” para celebrar o Campionato Galego de Tríatlon” na nosa cidade

247
  • A Federación Galega e o tenente de alcalde, Tino Fernández, adoptan a decisión “á vista da evolución da pandemia e das restricións específicas para a comarca de Pontevedra”

Logo de valorar as distintas posibilidades e “á vista da evolución da pandemia e das restricións específicas para a comarca de Pontevedra”, a Federación Galega de Tríatlon (Fegatri) e a Concellería de Deportes acordaron que “este non é o mellor momento para celebrar o Campionato Galego de Tríatlon na cidade”. Ámbalas institucións agradécense mutuamente toda a implicación, colaboración e traballo desenvolvido e lembran que a recente experiencia do Campionato de España de Tríatlon e, en especial, do protocolo deseñado e aplicado na súa organización, “determinan uns mínimos na loxística necesaria para garantir, fundamentalmente, a seguridade dos participantes e os niveis de calidade, que neste caso o fan inviable polas características propias das ubicacións e percorridos que tan popular converteu a Pontevedra como Cidade do Tríatlon: calor do público, carácter eminentemente urbano dos circuítos e colaboración máxima entre a Administración local e as institucións federativas”.

Tal e como constata o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, a decisión foi adoptada tras unha xuntanza mantida por responsables de ambas as entidades para estudar a situación, na que concluíron que Pontevedra “non pode garantir a celebración da proba coas condicións necesarias, pese á enorme colaboración e irmandade existentes entre a Federación Galega e esta cidade tan identificada co deporte do tríatlon”. Ámbalas institucións consideran que, mentres perdure a crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, o obxectivo principal e o deber xeral, é o de máxima cautela e protección da saúde da cidadanía e, en particular, no mundo do deporte, a protección dos intereses dos e das deportistas galegos.

Porén, consideran que a situación actual “non reúne as condicións necesarias para conxugar os valores de Pontevedra co tríatlon, coa seguridade e a protección da saúde de tódalas persoas implicadas no deporte: seareiros, deportistas, xuíces, directivos, voluntarios…”. 

Tanto a Fegatri como o Concello confirmaron a súa decidida aposta porque Pontevedra e o tríatlon continúen unidas para futuras accións e sigan a contribuír a prol da saúde, a educación e a cultura da actividade física e o deporte da sociedade pontevedresa.