A sombra chega ao parque infantil de Médico Ballina en forma de seis ficus e unha árbore singular

20
  • Medio Natural efectúa a plantación de 13 exemplares, 12 deles de especies perennes, entre os que se inclúen 6 ligustros variegados. As árbores irán protexidas por alcorques de caucho permeables

As zonas de sombra chegarán ao novo parque infantil de Médico Ballina despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxese en marcha a plantación de 13 exemplares, 12 deles de especies de folla perenne, entre os que se inclúen seis ficus nítida (laureis de indias) e un singular brachichito acerifolio ou árbore de fogo (brachychiton acerifolius). A actuación, que están a executar as firmas Viveiros O Piñeiro e Leisure Gallaeci cun orzamento global de 9.500 euros e na que tamén se plantarán seis ligustros variegados (ligustrum variegata), contempla a protección dos exemplares con alcorques de caucho amortiguante e permeable, o que facilitará a filtración de auga.

O concelleiro responsable da área, o socialista Iván Puentes, constata que “a creación de zonas de sombra para os espazos de xogo, descanso e lecer, así como a inminente instalación dun moderno sistema de iluminación, permitirán rematar un dos parques infantís máis fermosos de Pontevedra”. “Os veciños demandaban que se puxesen especies arbóreas de folla perenne, así que optamos por plantar ficus, que son ademais exemplares que permiten unha manipulación máis sinxela da súa forma para adaptala as condicións das diferentes estacións e, polo tanto, cumprir mellor coa súa función principal de achegar sombra”, subliña o edil do PSdeG-PSOE.

O Concello tamén lle encomendou a Viveiros O Piñeiro a plantación dun brachichito acerifolio para dar cobertura á parte alta do parque, entre o conxunto no que se atopa a rede e o balancín. Trátase, como indica Iván Puentes, dunha especie máis coñecida como árbore de fogo e que “cando está en flor é realmente bela”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural constata que o seu departamento xa ten sobre a mesa dous orzamentos de entre 15.000 e 17.000 euros da empresa Setga para dotar ao parque infantil de Médico Ballina dunha columna de iluminación “que faga posible a súa utilización a calquera hora do día”. “Estamos a estudar que tipo de luz é o máis axeitado -sinala Puentes- para contratar a instalación e poñerlle a guinda a este proxecto”.

Un investimento duns 184.000 euros

O proxecto do parque infantil de Médico Ballina foi contratado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible á firma Bricantel España por un importe de 157.520,79 euros (o montante global, con árbores e iluminación ascenderá a uns 184.000 euros). O parque conta con preto de 1.200 metros cadrados de superficie útil, nos que se instalaron diversos xogos para diferentes idades, incluíndo unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes.

A zona de descanso dispón de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida. 

A accesibilidade e a participación cidadá foron dous dos aspectos distintivos da obra, así como un novo sinal de identidade das áreas infantís que construirá ou renovará o Concello a partir de agora. Deste xeito, incorporáronse novos elementos non previstos no proxecto orixinal e que responden a necesidades detectadas polos veciños/as durante a execución do proxecto, como son a ampliación da liña de arborado, o rocódromo co que se salva a altura entre o chan e o bordo superior do túnel de Lérez ou a instalación da cartelería do parque en braille, a fin de facelo accesible, tamén ás persoas invidentes.