O Concello pecha Raíña Vitoria para ofrecer máis espazo público ao IES Sánchez Cantón

115
  • A medida está respaldada pola Fanpa, Anpa e a dirección do centro.
  • Porase en marcha a partir da vindeira semana. Antes instalaranse morróns entre Pastor Díaz e Palamios, e despois da entrada ao estacionamento de Montero Ríos, que quedan fóra da medida.
  • O Concello fai un chamamento a todos os centros de ensino que precisen do espazo público para mellorar a súa funcionalidade, para que se poñan en contacto coa administración local.

O Concello de Pontevedra anunciou esta mañá o peche da rúa Raíña Vitoria, entre a entrada ao estacionamento de Montero Ríos e a rúa Palamios para darlle facilidades ao centro de ensino IES Sánchez Cantón no cumprimento do protocolo Covid nas entrada e saída e nas horas de descanso. Os concelleiros César Mosquera e Demetrio Gómez, responsables da Mobilidade do Concello, anunciaron que se trata dunha medida permanente e indefinida pola pandemia, que entrará en vigor antes do inicio do curso, o vindeiro mércores.

César Mosquera explicou que a situación precipitouse onte logo de falar coa Fanpa, Anpa, e a dirección do centro. Acordouse o peche da rúa nesta semana para que esté operativo o mesmo mércores pola mañá. O espazo estará acoutado por morróns entre as rúas Palamios e Pastor Díaz, por un lado, e despois da entrada ao estacionamento de Montero Ríos, pola outra. Tamén se colocará a debida sinalización vertical nas inmediacións para informar aos condutores.

O operativo de tráfico será similar ao do peche da rúa con motivo das festas da Peregrina, porque o Concello xa ten experiencia previa sobre como funciona esta parte da cidade co peche da rúa, por iso a decisión se puido tomar con tanta présa.

Tanto os servizos técnicos municipais encargados de facer as obras mínimas na zona así como de sinalizar a nova condición da rúa Raíña Vitoria, así como a Policía xa teñen coñecemento e están a traballar dende onte nesta nova decisión.

César Mosquera explicou que son moitos os centros de ensino que, a día de hoxe, empregan o espazo público para ampliar os seus espazos escolares e tratar de cumprir a normativa Covid: Colexio San Xosé, Barcelos, Valle Inclán.

Tamén confirmou que a Policía ten detectado problemas nos colexios e institutos ao respecto das entradas e saídas pola aglomeración de persoas. Ante esta situación instou a todos os centros e ensino que teñan problemas que se poñan en contacto co Concello para tratar de resolvelos e cumprir as normativas actuais, xa que o espazo público é competencia municipal.