A Concellería de Desenvolvemento Sostible reabre ao público o parque infantil de Médico Ballina trala plantación de 13 árbores de sombra

52
  • A nova zona de xogo estrea seis ficus nítida, seis ligustros variegados e un brachichito acerifolio, protexidos con alcorques de caucho amortiguante e permeable, de cara a facilitar a filtración de auga

O parque infantil de Médico Ballina reabriu hoxe as súas portas ao público despois de que as firmas Viveiros O Piñeiro e Leisure Gallaeci rematasen os labores de plantación das 13 árbores que achegarán áreas de sombra na nova zona de xogo e lecer. Trátase de 12 exemplares de folla perenne (seis ficus nítida ou laureis de indias e seis ligustros variegados) e un singular brachichito acerifolio ou árbore de fogo nos que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investiu un orzamento global de 9.500 euros, incluíndo a súa protección con alcorques de caucho amortiguante e permeable, de cara a facilitar a filtración de auga. 

Segundo avanza o concelleiro da área, o socialista Iván Puentes, o Concello centrarase agora en dotar ao parque dun moderno sistema de iluminación “que lle porá a guinda a esta espectacular zona de xogo tan agardada polos veciños”. Nestes momentos, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns ten sobre a mesa dous orzamentos diferentes de entre 15.000 e 17.000 euros remitidos pola empresa Setga para instalar unha columna de luminarias que faga posible a utilización do parque a calquera hora do día.

O proxecto de construción do espazo de xogo e lecer de Médico Ballina foi contratado á firma Bricantel España cun orzamento de 157.520,79 euros, se ben o montante global do investimento, con árbores e iluminación ascenderá a uns 184.000 euros. As árbores plantadas correspóndense con exemplares de folla perenne, tal e como solicitara a veciñanza, e que, no caso dos ficus, permiten unha manipulación máis sinxela da súa forma para adaptala ás condicións das diferentes estacións, cumprindo así mellor coa súa función principal de achegar sombra.

O parque conta cuns 1.200 metros cadrados de superficie útil, nos que se instalaron diversos xogos para diferentes idades, incluíndo unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes. A zona de descanso dispón de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.