O Parque de Bombeiros estrea tecnoloxía pioneira e única en Galiza

85
  • A aplicación GesParques e os novos equipamentos permiten rebaixar ata un minuto a resposta ante unha intervención
  • O Concello inviste 225.000 euros en obras de mellora, equipamentos e aplicacións tecnolóxicas para o parque municipal de Bombeiros

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e polo director xeral desta área, Daniel Macenlle, realizou unha visita esta mañá ao parque municipal de Bombeiros para coñecer de primeira man as obras realizadas nas instalacións e os novos equipamentos e aplicacións tecnolóxicas adquiridas polo Concello para mellorar o funcionamento do Servizo. Estas actuacións supuxeron un investimento de 225.000 euros e, segundo indicou Fernández Lores “teñen que ver cunha renovación importante de equipos de rescate e de actuación fóra do parque, que van na liña de mellorar a protección dos propios traballadores e da innovación tecnolóxica para definir o tipo de actuación que se ten que facer xa desde o primeiro momento da chamada”.

O xefe do parque municipal de Bombeiros, Vicente Ferrería explicou que neste momento o parque de Pontevedra é o único de toda Galiza que conta cun tipo de equipamentos e de tecnoloxía punteira e innovadora. Trátase, dunha banda, da aplicación GesParques que permite combinar información relativa a cuestións tales como as chamadas entrantes, as rutas máis idóneas para atender as intervencións (contrastando mapas e información actualizada sobre cortes de rúas e obras), avisos internos, e xestión de persoal, de vehículos, de inventarios e da base de datos das intervencións. Segundo explicou o responsable do Servizo, o uso de GesParques e dos novos equipamentos permiten reducir a un minuto o tempo de reposta nunha intervención, entre a entrada da chamada e a saída do parque. En canto aos novos equipamentos, salientou a integración dun arnés no traxe de intevención en incendios, que foi realizado especificamente evitando o uso de pezas metálicas. “Contamos con toda a tecnoloxía punta e de vangarda que está saíndo, a petición do responsable do Servizo, para equiparnos coa mellor dotación posible para que cumpran correctamente as súas funcións” asegurou o alcalde.

No relativo a equipamentos, tamén se adquiriron novos EPI’s de rescate técnico de acordo á nova uniformidade de rescate en incendios forestais e novos cascos Drager. Ademais, procedeuse a cambiar as pontes de iluminación de todos os vehículos a cor azul para adaptalas á nova normativa. En canto ás melloras nas instalacións, renováronse as taquillas, habilitouse un novo acceso pola zona norte do hangar (lindando coa antiga estrada de Vilagarcía) e ampliáronse espazos dentro do hangar para adaptar os trens de saída de vehículos.