#PonteLovers organiza unhas xornadas fotográficas infantís para a promoción do comercio local

101
  • O programa ‘Atende ao Teu’, impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, convida a nen@s de entre 8 e 12 anos a fotografar “aquilo que lles chama a atención do comercio local”
  • As instantáneas formarán parte dunha campaña de promoción dos valores do comercio de proximidade da nosa cidade, en formato físico, a través dunha exposición, e dixital, mediante redes sociais 

Dar visibilidade e poñer en valor tódolos beneficios de mercar no comercio de proximidade a través da ollada dos máis pequenos é o principal obxectivo do programa municipal ‘Atende ao Teu’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración co colectivo Taller Abierto a través da plataforma #PonteLovers. No marco desta iniciativa, presentada hoxe pola edil socialista Yoya Blanco e a compoñente de Taller Abierto África Martínez, celebraranse unhas xornadas fotográficas infantís coas que se pretende implicar ás nenas e nenos participantes nunha campaña de promoción dos valores do comercio local.

En grupos dun máximo de 8 rapaces por sesión, pequenos con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos percorrerán a cidade para, tal e como explicou a concelleira de Promoción Económica, “fotografar aquilo que lles chama a atención do noso comercio”. “Ao longo da sesión, -sinalou Yoya Blanco- poderán coñecer tódolos beneficios de mercar no comercio de proximidade da man dos propios comerciantes que irán visitando e tirar fotografías dos establecementos”.

Segundo indicou a edil do PSOE, estas instantáneas “realizaranse con cámaras desbotables, que serán reveladas e seleccionadas para formar parte dunha campaña de promoción do comercio de proximidade da nosa cidade, en formato físico, a través dunha exposición, e dixital, mediante as redes sociais do Concello de Pontevedra”. 

África Martínez, organizadora da actividade xunto coa súa compañeira Ana Barreiro, avanzou que as xornadas fotográficas desenvolveranse en catro percorridos distintos repartidos en dous sábados: dous o 17 de outubro e outros dous o 24 de outubro. “Cada unha das rutas durará arredor dunha hora e media, iniciándose o primeiro roteiro de cada sábado ás 10:00 horas (até as 11:30 horas) e o segundo ás 12:00 horas (até as 13:30 horas). O punto de encontro concretarase cos participantes en cada un dos percorridos”, sinalou Martínez.

Unha primeira ruta desenvolverase polas rúas Augusto González Besada, Andrés Mellado e a avenida de Vigo; a segunda pola zona de Loureiro Crespo; a terceira pola rúa Peregrina, Joaquín Costa, José Casal e Virxe do Camiño, e a derradeira pola Zona Monumental.

Unha exposición no Mercado de Abastos a mediados de novembro

Unha vez finalizadas as xornadas e seleccionadas as imaxes realizadas polos rapaces, a concelleira de Promoción Económica e Turismo ten a intención de habilitar o Mercado de Abastos de Pontevedra para instalar unha exposición das instantáneas en formato ríxido, “tanto no Gastroespazo como no primeiro andar, na zona das bancadas”. “A idea -avanzou Yoya Blanco- é inaugurar a mostra a mediados de novembro, cara ao sábado día 14”.

Blanco salientou a importancia de que “os nenos aprendan dende pequenos que hai que consumir do noso”, así como a necesidade de continuar a organizar este tipo de iniciativas “nestes tempos de pandemia, nos que os máis pequenos carecen de actividades extraescolares e os pais de opcións para conciliar”. Neste mesmo sentido, África Martínez lembrou que o comercio “é esencial para a cidade, non só pola parte económica, senón tamén porque contribúe á formación e consolidación dos tecidos urbanos”. “Un comercio local forte -apuntou- xera fluxos de xente que fan as rúas máis seguras”. 

Nun traballo previo de sondaxe, as responsables de Taller Abierto cotexaron que comercios estaban interesados en adherirse a este proxecto, obtendo unha moi boa resposta da maioría deles. Martínez sostén que, ante esta acollida tan positiva, “queremos que sexan os propios comerciantes de primeira man os que lles conten aos nenos que produtos venden, por que están situados nesa rúa ou por que debemos consumir no comercio local, e tamén que os nenos, ademais de tirar as fotos, lles fagan preguntas sobre as cousas que máis lles chaman a atención”.

Todas aquelas nenas e nenos interesados en participar no programa da plataforma #PonteLovers ‘Atende ao Teu’ deberán inscribirse previamente cubrindo o correspondente formulario na web municipal o directamente no seguinte link: ‘https://forms.gle/uJmjZQizVx3Xqv8v9’ (dado que a Covid-19 obrigou a organizar grupos dun máximo de 8 rapaces, haberá lista de agarda para cubrir prazas). Aínda que os pais acompañarán aos rapaces ao punto de encontro fixado, trátase dunha actividade na que os nenos estarán sen adultos, unicamente acompañados por dúas monitoras, coa finalidade de incentivar a súa espontaneidade.

Material de prevención individual e control de aforo dos comercios

África Martínez fixo fincapé na seguridade e as estritas medidas anti Covid-19 da actividade, xa que, á marxe dos grupos reducidos, “os aforos dos comercios están controlados (o que permitirá dividir o acceso en dous grupos no caso de que sexa necesario), entregarase material de protección individual totalmente novo a cada un (mascarilla e xel) e os comerciantes tamén poderán saír á rúa se nese momento hai un pouco de lío na tenda”.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo asegurou que o programa ‘Atende ao Teu’, cuxo nome alude ao dobre xogo de palabras sobre o xeito en que o comercio nos atende e a necesidade de prestar atención ao que temos máis preto, “está pensado para ter continuidade no tempo” e, dado que “este ano non se puido chegar a tódolos comercios aos que nos gustaría ter chegado, na seguinte edición poderían participar os que non puideron nesta”.

En caso de precisar máis información en torno á actividade, poderán contactar cos organizadores a través da dirección de correo electrónico ‘contacto@tallerabierto.info’.