O programa Falamos arranca con 171 persoas inscritas

12
  • A maioría das persoas inscritas decláranse castelanfalantes ou bilingües e entre as motivacións persoais para participar no programa indican o interese pola lingua e o perfeccionamento do galego
  • Preto do 77% das persoas inscritas son mulleres
  • Falamos é un programa deseñado polo Concello e pola Universidade de Vigo co obxectivo de promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria

Tras rematar a campaña informativa do programa Falamos, con casetas colocadas en varias facultades do Campus de Pontevedra, neste momento contabilízanse 171 persoas inscritas. Trátase dunha iniciativa deseñada e posta en marcha pola Concellaría de Normalización Lingüística, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, e pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, co obxectivo de promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria do Campus de Pontevedra. 

A través da información achegada no formulario de inscripción polas persoas participantes, o primeiro dato salientable é o relativo ao xénero: 131 mulleres (o 76,6%) e 40 homes (23,4%). Entre as motivacións que as persoas inscritas indican para participar no programa destaca, maioritariamente, o interese pola lingua e por perfeccionar o galego, e en case todos os casos tamén indican que por defendelo. 

En canto ao tipo de falantes, a maioría considérase bilingüe (75 persoas), ou castelanfalante (63 persoas), e tan só 31 das persoas inscritas se presenta como galegofalante. En canto aos estudos universitarios, as persoas inscritas proceden de practicamente todas as carreiras que se imparten no Campus de Pontevedra, aínda que por número destacan as que cursan Audiovisuais e Maxisterio/Grao en Educación Infantil ou Primaria. 

Aínda que a campaña de información e inscripción a través de postos físicos nas facultades xa rematou, permanece aberta a posibilidade de inscribirse a través da páxina web snl.pontevedra.gal/falamos. Tamén a través desta páxina, as persoas xa inscritas teñen aberta, neste momento, a posibilidade de solicitar as actividades nas que desexan participar. 

Están programados clubs de lectura, cursos de cociña, visionado comentado de filmes na Casa das Campás e a participación no voluntariado lingüístico.Convén lembrar que o voluntariado lingüístico é unha actividade que consiste en ‘emparellar’ unha persoa que fala galego con fluidez e que o fala habitualmente cunha persoa aprendente que desexa mellorar o seu galego, para que se se reúnan para falar unha hora á semana durante un período de polos menos 10 semanas. Para poñer en contacto as persoas voluntarias coas persoas aprendentes realizaranse sesións informativas por separado para coñecer os seus gustos e poder distribuír as parellas por afinidades.

As actividades darán comezo a finais de outubro e terán unha sesión ao mes agás o voluntariado lingüístico que será semanal, e aínda que en principio está previsto que se realicen de xeito presencial, tamén se contempla unha versión online no caso de que sexa preciso activala.

COMPARTIR