Benestar Social unirase á conmemoración do Día Internacional de Cancro de Mama o vindeiro 19 de outubro iluminando o Consistorio con luz de cor rosa

11
  • Marcos Rey destaca o labor desenvolvido neste eido por Adicam, que conta con 1.550 soci@s, entre colaboradores, profesionais, diagnosticad@s e persoas solidarizadas coa súa causa

A Concellería de Benestar Social de Pontevedra sumarase o vindeiro 19 de outubro ás accións programadas pola Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico de Pontevedra (Adicam) para conmemorar o Día Internacional do Cancro de Mama, iluminando o Consistorio da Praza de España con luz de cor rosa. Trátase dunha iniciativa á que Adicam pretende adherir a outros concellos e estruturas arquitectónicas (xa sexan edificios públicos ou fontes) e que busca darlle visibilidade á realidade das persoas que padecen esta enfermidade e as súas familias.

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembra que “a pesar da pandemia da Covid-19, o cancro non para, segue estando aí, e cada ano se diagnostican máis de 30.000 novos casos en España e precisan do apoio de tódalas institucións”. “Aínda que este mes de outubro vai ser atípico e hai que enfrontarse a un panorama máis adverso, Adicam deseñou un amplo programa de actividades, atendendo por suposto a tódalas medidas de seguridade precisas”, sinala o edil socialista.

Rey fai fincapé “no inxente traballo que Adicam leva realizando durante case 20 anos por e para as persoas diagnosticadas e as súas familias, un colectivo que xurdiu en 2001 e que dispón de sedes en Pontevedra, Cangas e Vigo”. Tal e como apunta o concelleiro, “a día de hoxe é unha das poucas asociacións de cancro de mama de Galicia e conta con 1.550 socias e socios, entre colaboradores, profesionais, diagnosticadas e persoas solidarizadas coa súa causa”.

Entre os principais obxectivos de Adicam inclúense os de mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico e as súas familias e coidadores, promover a detección precoz e sensibilizar sobre esta enfermidade e impulsar os hábitos de vida saudables entre a poboación en xeral.