Rúas de Pontevedra

Este capítulo recolle o contido dunha publicación realizada polo Concello en colaboración co Diario de Pontevedra sobre os nomes e as historias das rúas que hoxe conforman a cidade.

Foi un traballo distribuído en fascículos polo xornal, e realizado polo historiador pontevedrés Ramón Rozas, con óptica xornalística e rigor documental. Decidimos poñelo á túa disposición debido ao alto interés do seu contido para o conxunto da cidadanía.

Un paseo de papel

É unha honra para o alcalde prologar unha publicación que leva por título “Rúas de Pontevedra”, e na que se repasan, un por un, boa parte dos espazos públicos da capital nun paseo de papel cheo de harmonía e erudición.
Fotografías de calidade que nos guían visualmente por todos os recunchos da cidade. E textos ben escritos e mellor documentados que conforman un precioso material divulgativo para coñecer detalles, anécdotas e situacións que a cidade foi xenerando ao longo do tempo. Un libro sobre a nosa historia urbana, que ven ampliar as bibliotecas da capital, o orgullo urbano e a certeza de que Pontevedra chega a nós despois de trazar gran percorrido pola cultura de cada época.
A cidade é un ser vivo que vai movéndose coa enerxía das súas xentes, e eso reflíctese tamén nestas páxinas. Podemos comprobar con facilidade cómo foi transformándose nos últimos tempos, gañando vida e dinamismo polos catro costados. E como a transformación continúa máis viva ca nunca, podemos concluir que moitos dos espazos aquí recollidos serán historia en poucos anos.
Este libro vainos servir para recoñecer o estado da cidade hoxendía, dez anos despois de iniciado o século XXI, polo que podemos consideralo o xérmolo que en futuras edicións irá medrando coa Pontevedra que se renova por momentos para entregarse con máis agarimo ao estilo de vida do noso tempo.
Disfrutade do precioso exercizo de memoria histórica relatado nestas páxinas acaídas e amables que nos farán querer máis intensamente este fermoso anaco de mundo chamado Pontevedra.
Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra

Introdución

Son as rúas de Pontevedra a súa expresión máxima de humanidade, o xeito vivencial que ten a cidade para amosar unha faciana de amabilidade así como o seu principal potencial para acoller xentes de aquí e de alá. Rúas de Pontevedra pretende ser un sinxelo percorrido polas rúas que ó longo do tempo foron configurando a imaxe desta cidade, e que o fin e o cabo, como marabillosamente conta o escritor Juan José Millás na súa última obra ‘El Mundo’, cada unha delas son o noso mundo, un ecosistema onde nacemos e medramos e a partir do cal se nos van adherindo na pel toda unha morea de recordos que nos irán acompañando xa para toda a vida, formando parte indisoluble da nosa memoria.

A historia dunha rúa é a historia das súas xentes, daqueles personaxes que a definiron, dos comercios ou dos negocios nos que entramos a mercar, do persoeiro que lle da nome, e dos cambios que ó longo dos anos foi sufrindo. Moitas delas irrecoñecibles, cada vez máis as nosas rúas foron pensando máis en nós mesmos e menos nos malos hábitos dos tempos modernos. De xeito progresivo as rúas foron espantando ós coches, alonxando elementos que as afeaban e que non nos permitían albiscar a beleza que en moitas delas se agocha nos detalles máis pequenos. Cada rúa nos vai falar polo tanto de sí mesma, da súa historia e das súas historias, amosándose fachendosa dentro da rede urbana a través dunha serie de imaxes que se recuperan do noso arquivo gráfico así como do Museo Provincial de Pontevedra, enfrontándose coas realizadas na actualidade por Rafa Fariña.

Como as veas no corpo humano as rúas son o fluir da vida de cada unha das nosas vilas. Pontevedra, coas súas particularidades, co seu xogo brincadeiro de capital e cidade pequena, amorea en cada unha delas unha chea de recordos dos que este libro so pretende ser a lanzadeira para que cada un de nós pense durante uns intres no que esta cidade foi quen de darlle para formar a súa personalidade. Unha deuda eterna que todos teremos con ela. As cidades, como as colmeas, con seu bulir de xentes son un microcosmos sentimental no que se van artellando cada unha das vidas dos seus habitantes e como sucede na película dirixida en 1960 polo director Edgar Neville amósanse coma o retrato sentimental dunha época no que nos describimos a nós mesmos.

Moitos foron os que se fixaron neste valor do noso rueiro, así no Diario de Pontevedra xa no ano 1916 unhas crónicas firmadas por ‘Errante’ deron pe a que nos anos sesenta  Maricarmen recuperase esa memoria da que logo Hipólito de Sa ou Prudencio Landín foron enchendo de recordos para xa nos últimos tempos achegarnos ós libros de Pepy Clavijo sobre os nomes das rúas e de Juan Juega Puig sobre a orixe histórica de cada unha delas. A todos eles o meu agradecemento por servir de precedente e baseamento para estas ‘Rúas de Pontevedra’.

Ramón Rozas Domínguez

Casco histórico e a Moureira

É o xérmolo da nosa cidade. O corazón latexante que durante séculos foi tomando o pulso a toda a vila. Arredor das igrexas, formando prazas, con xentes entrando e saíndo dos comercios e do mercado, e todo sobre un mar de pedra e historia. O sentir do casco vello foi definindo unha evolución que ata o século XIX se enmarcou entre murallas e recintos que ían medrando para acoller a unha poboación en constante crecemento.
Dende as parroquias de Santa María e San Bartolomé o Vello, Pontevedra, aquela primeira Pontevedra, comezaba o seu devir social. Un camiñar na procura da súa propia historia e o plantexamento dunha identidade común. A carón da desembocadura do Lérez e a súa apertura cara ó mar, a cidade, aínda só de pedra, era un ir e vir de xentes, de mercadorías dunha economía que, baseada no poder marítimo e do comercio, fixo desta cidade unha referencia do noroeste peninsular.
Dende esa Moureira, faro da cidade, Pontevedra viviu o seu momento de máximo esplendor, facendo que as igrexas medrasen, que as ordes relixiosas buscasen acomodo nela, pero sobre todo, que as xentes, as que de verdade xestionan a realidade dunha cidade, foran facendo as súas vivendas, xerando barrios, en definitiva, artellando a vida daquela cidade amurallada con forma de améndoa.
O noso río foi deixando de brillar, apagándose lentamente nun declive que foi parexo ó da propia cidade, que rexurdiu no século XIX coa capitalidade provincial. Foron décadas de transformacións urbanísticas, de derrubes de murallas, de novas necesidades para unha sociedade con tintes burgueses e que tiña que satisfacer as súas novas demandas con novos espazos e novas formas de vida. Aquela améndoa xa era pequena e a cidade abriuse cara todos os puntos cardinais. Aquel corazón cheo de forza debilitábase década a década.
Había abandono, esquecemento e moita tristura nas miradas dos que sabían o potencial alí agochado. Estas últimas décadas serviron para que a cidade seguise derrubando murallas, esta vez as do pesadelo do esquecemento, as que tapaban un espazo envellecido e sen lustre. O noso casco histórico volve latexar, a marcar ese pulso do que moi poucas cidades poden presumir. As vivendas volven a ter vida, as rúas énchense de xentes desexosas de respirar a súa historia, a historia que os devanceiros de todos nós foron quen de facer para o noso orgullo.
20111020081049_apertura-bloque-1_1
Prazas, rúas, fontes, monumentos… soños que espertaron dunha longa noite de pedra para que pisemos esas pedras e que as nosas pegadas se transformen en vida para os que nos sucedan. Adentrarse no casco histórico é unha das aventuras máis inesquecibles que se poden facer neste tempo de turismos exóticos e de viaxes a lugares afastados. Perderse por estas rúas é unha viaxe pola historia. Pola historia de nós mesmos.

Soportais

É un dos percorridos máis senlleiros da nosa cidade. O seu nome xorde da disposición que amosan as vivendas sobre os soportais -esa característica construción da arquitectura galega que permite saír á rúa escapando da choiva- e vén a substituir o nome co que se coñeceu, Travesía do comercio, estando unida á actual Manuel Quiroga, antes de que fora aberta a rúa Fernández Villaverde.
Por esa disposición asoportalada, xunto co gran número de comercios, sempre foi unha das rúas máis transitadas, empregada como zona de paseo e como espazo para a convivencia das xentes. Moitos non poden esquecer aínda a presencia nela de comerciantes como Os Beledo, que tiñan a súa tenda de ultramarinos na metade da rúa, de gran importancia por ser os primeiros comerciantes chegados de Castela que se instalaron na cidade, ós que lles seguirían moitos nos anos seguintes.
Pero tamén estaba o comercio da Moda, todavía en activo hoxe en día e que nos sorprende cos seus fermosos xoguetes no escaparate; a reloxería de Arturo Rey, os tecidos de Pedrosa, a camisería de Maximino Agra, onde despois nos atopamos outro clásico dos calzados como é Calzados Felipe; para rematar esa parte da rúa co establecemento de ultramarinos de Carrillo.
Na parte oposta da rúa partindo da Ferrería establéceuse Calzados Cerra, onde antes se atopaba unha mercería, despois, o despacho de prensa do querido Enrique Paredes, estando aínda nestes tempos os seus fillos adicados á mesma actividade no comezo de Benito Corbal. Atopamos hoxe o Café Bar Pasaje, continuador dun xa mítico Bar Pasaje a cabalo da rúa San Sebastián e os propios Soportais que ocuparon o que foi un antigo Ultramarinos chamado O Cunicho, para xa no final da rúa atoparnos con La Modernista, emblemático establecemento pontevedrés adicado á venda de paraugas e demais produtos téxtiles.
Eran outros tempos, lonxe quedan xa as presenzas habituais dos Barquerito e Damián que referencia Hipólito de Sa na súas ‘Estampas pontevedresas’, agora os Soportais presentan un ir e vir de xente anónima que se dirixe á zona monumental, que fai as compras nos comercios da súa cidade, que baixa ata o mercado ou dos que sen máis gozan dun paseo ó amparo desa arquitectura na que tantos pontevedreses foron configurando a súa infancia e xuventude entre os seus baixos e a cercana Ferrería.
Hoxe en día os Soportais seguen mantendo esa función e, nos seus baixos, xunto cos negocios que perviven do pasado, son os tempos de marcas como Adolfo Domínguez ou Pórtico, pero tamén doutras máis cercanas a nós como a pastelería Ankarr ou o establecemento de hostalería, propiedade do empresario Manuel Fariña, a cafetería Soportales. Novos tempos que se van xuntando cos do pasado e dos que estes Soportais son testemuña eterna.
20111020081002_c01-f01_1
20111020081022_c01-f02_1
20111020081038_c01-f03_1
20111020081045_c01-f04_1

Manuel Quiroga

No número 15 desta rúa unha praca no primeiro andar dunha vivenda di que esa é a ‘Casa onde naceu e morreu Manuel Quiroga Losada (1892-1961)’. O gran violinista, galardoado e recoñecido mundialmente, pasou os seus últimos anos de vida entre as consecuencias dun atropelo de camión debuxando, escribindo, e sobre todo sufrindo por non poder desenvolver ese don maxistral que tiña co manexo do violín.
Por acordo municipal, en 1918 decídese que a rúa onde naceu Manuel Quiroga levase o seu nome, aínda que durante moito tempo convivise coa denominación popular de Rúa do Comercio en relación ó alto número de locais comerciais que ocupaban case todos os baixos desta rúa que vai de Fernández Villaverde ata Don Filiberto.
Cando a primeira destas non existía formaba un todo cos soportais, coñecéndose dende a época medieval como Rúa de Trabancas, para posteriormente chamarse Rúa da Platería, como aínda se fai constar na segunda denominación da mesma. Droguería, sombreirería, calzado, perruquería, fotografías… a rúa Manuel Quiroga serviu de acomodo a moitos dos comercios máis ilustres da vida cotiá pontevedresa.
De ahí que non sexa raro ver nas fotografías dos anos sesenta ou setenta unha grande animación na rúa, parellas vendo escaparates, empregadas do fogar acudindo a facer as súas compras, unha vida comercial que se traslada ata hoxe con negocios como Calzados Joaquín, Elmoluz, Centro de Negocios ou Eléctrica Moderna que xa se van convertendo en clásicos ó tempo que outros novos completan ese tránsito xeneracional que vai dende os antigos Calzados Gales ou os Tejidos Casablanca ata a perruquería Lolita, a sombreirería da Viuva de Álvarez, os traxes de noiva de Confecciones Reguera, a Paquetería Crego, ou o Nuevo Bazar cos seus produtos de loza, cristal, porcelana, ou duralex.
No primeiro andar da casa onde se atopaba a sombreirería da Viuva de Álvarez e presidido por unha magnífica e voada balconada, xoia de cantería, como tantas e tantas na zona monumental e representativa do bo facer dos canteiros das terras arredor de Pontevedra, tiña acollida a Sociedad Recreativa de Artesanos, que iría caendo en declive a partir dos anos cincuenta co ascenso do Casino Mercantil e Industrial, pero da que todavía están na memoria os estupendos bailes de Entroido.
A renovación á que se viu sometida esta rúa para acomodarse ós novos tempos respectou a súa condición de rúa comercial, sen obstáculos, que facilita o ir e vir da xente, no seu tránsito cara o interior do casco histórico. As pedras que conforman este conxunto de vivendas acompáñannos no transitar por esta rúa, pola que aínda parecen soar as notas daquel violinista de principios do século XX, aquela alma privilexiada á que a sorte xogou unha mala pasada e que dende ese número 15 viu pasar o resto da súa vida.
20111020081007_c02-f03_1

20111020081016_c02-f04_1

20111020081040_c02-f01_1
20111020081054_c02-f02_1

Antonio Odriozola e Laranxo

En paralelo á praza da Ferrería e ós Xardíns de Castro Sampedro, este paseo énchese de vida cada día. Nel xogan os cativos que cos seus pais se achegan a unha das zonas máis emblemáticas da cidade para gozar dun espazo aberto a poucos minutos das súas residencias.
O Paseo de Antonio Odriozola foi dende sempre lugar de referencia para o paseo; en tempos nos que non había moitas distraccións botarse a andar e deixarse ver, así como ollar ós demais, era un dos pasatempos habituais da sociedade pontevedresa. Formando un todo coa rúa da Oliva e os Soportais, este paseo tiña dous puntos de referencia nos cafés que abrían e pechaban o seu percorrido, o Café Carabela e o xa desaparecido Savoy.
Entre eles moitos pontevedreses desgastaron os seus zapatos, e moitos tacóns se partiron entre as pedras do piso. Habitual deste paseo que achega a cidade ó Museo Provincial era don Antonio Odriozola, amante das camelias, como as que engalanan este paseo que leva o seu nome.
Dende o ano 1988, unha praca co seu nome e unha sinxela camelia, como a que habitualmente mostraba na lapela das súas chaquetas, deulle este nome á rúa antes coñecida como Paseo das Camelias, e dun xeito popular como rúa do Chocolate, debido ó cheiro que viña da antiga fábrica de chocolates ‘Botafumeiro’, que se atopaba na rúa Laranxo e que facía que o aire se enchese dos aromas do cacao o que, xunto co que procedía das camelias do Paseo, faría unha maridaxe que agora se mantén como o fermoso recordo sensorial dun tempo pasado.
Esa praca serve, polo tanto, para manter vivo o recordo dun home singular da nosa Pontevedra. Hoxe en día o paseo vén de estrear unha serie de letras metálicas que recordan o dito de ‘Pontevedra é boa vila e dá de beber a quen pasa’, aludindo á fonte que agora se atopa nos Xardíns de Casto Sampedro e antes estaba na baixada da Ferrería polos Soportais.
O Paseo de Antonio Odriozola, ó chegar a nova construción do Museo, divídese en dúas canles, dando lugar ás rúas Pasantería e Laranxo. Esta última conecta o Paseo coa rúa Cobián Roffignac, mediante dous tramos, un primeiro ata Padre Luis e un segundo, en costa, ata Cobián Roffignac.
Na súa primeira parte atopábase ata hai pouco tempo un dos lugares míticos da cociña pontevedresa, o Rianxo, agora trasladado á praza da Leña, xunto a él atopábase O Irlandés. Fronte a eles, durante moito tempo estivo aberta á que se coñecía como A bolera, facendo esquina coa rúa Aduana. Ó pasar o cruce de Padre Luis a rúa descende co seu antigo empedrado e nela sitúanse diferentes establecementos adicados ás tatuaxes, papelería, perruquería ou unha escola de baile, ata desembocar en Cobián Roffignac.
FOTO ANTIGUA ANTONIO ODRIOZOLA
20111020081039_c03-f01_1
20111020081051_c03-f02_1

Figueroa e Pasantería

Deixarse levar polas virtudes desta rúa é unha das mellores experiencias que pode amosar Pontevedra. Balcóns cheos de xeranios, fiestras dende as que saen á rúa os aromas dunha gastronomía chea de matices e contrastes, terrazas ateigadas de xentes que falan, que enchen a rúa do bulir da diversión do ser humano.
A rúa Figueroa, que vai dende a praza da Estrela anta a rúa Sarmiento, recorda co seu nome unha das familias importantes da Pontevedra máis histórica: os Figueroa. Este nome substitue ó de Moldes que Juan Juega Puig atopa xa en 1437. Dende 1854 leva o nome actual, aínda que mantén na súa praca a anterior denominación. A rúa, moi estreita, amosa varias vivendas tradicionais do casco histórico, moitas delas recuperadas nos últimos tempos tanto para servir de vivenda como para adicala á hostalería, que é a función á que se adican os negocios aquí establecidos.
Nomes xa inesquecibles no imaxinario pontevedrés como o Chiruca, A Taberna de Félix ou Bar La Estrella ven á chegada de novos locais como o Figueroa, Feira Vella, A trigueira ou o Restaurante Rúas. A parte final da rúa que desemboca na rúa Sarmiento ábrese a un dos laterais da fermosa praza da Leña cun conxunto de soportais.
A rúa Pasantería abraza a praza da Leña pola banda contraria á da rúa Figueroa. Ambas discorren paralelas cara Sarmiento. Pasantería parte do Paseo Antonio Odriozola e o seu nome fai mención a un antigo Estudo da Compañía de Xesús, instalada en San Bartolomeo e moi próximo a ela. Na actualidade acolle as sedes dos diferentes sindicatos de traballadores, así como un dos edificios do Museo Provincial de Pontevedra onde se atopan os arquivos e os diferentes despachos dos traballadores, unha moderna arquitectura firmada Celestino García Braña e que polo seu interior conecta co Edificio Fernández López, tamén do Museo.
Durante o seu tramo final é a institución cultural quen define un dos seus laterais. Así, a entrada principal ó Museo polo edificio Castro Monteagudo ábrese a esta rúa e a praza da Leña, como tamén o fai o espectacular lateral doutro dos edificios do Museo, o García Flórez, unha loanza ós mestres canteiros da nosa rexión e que fixeron con esta construción unha auténtica obra de arte descuberta dende fai anos ó perder aquel costume de encher de cal a pedra e que permanece nas fotografías como a testemuña do pasado.
No remate desta rúa destaca unha fermosa praca que recorda unha antiga denominación desta rúa, Gregorio Fernández, e que agora limita á súa prolongación tras cruzar Sarmiento en dirección a rúa Padre Isla. Esta foi realizada polo escultor Fernando Campo Sobrino, en homenaxe ó grande escultor Gregorio Fernández, ó que algunhas teorías de principios do século XX vencellaban polo seu nacemento á cidade de Pontevedra.
20111020081009_c04-f04_1
20111020081024_c04-f01_1

20111020081046_c04-f02-alternativa_1
20111020081059_c04-f03_1

San Román

Serve esta rúa para unir as prazas da Ferrería e a da Verdura. O seu nome procede do ano 1854, cando, para manter o recordo do antigo Pazo do Conde de San Román, se decidiu poñer o seu nome a esta vía que ata o momento se coñecía como Rúa da Peletería, unha das máis antigas denominacións da cidade, xa que aparece xa nos rexistros do ano 1385, posiblemente pola existencia de postos adicados á venda de peles en relación coa Feira Vella que se desenvolvía na cercana praza da Verdura.
A rúa San Román é unha das mais queridas da zona monumental, xa que moitos dos seus negocios están moi vencellados ó quefacer diario dos pontevedreses. Quen non levou algún coitelo a afiar ou algún paraugas a arranxar a La Orensana? Ou quen non foi á cerería San Román a mercar algunha candea? Ou quen non se parou abraiado ante a fermosura do interior da Farmacia Puig? Son establecementos que fixeron da rúa San Román parte do día a día da xente da cidade.
Xunto a eles outros moitos tamén foron parte desta memoria colectiva, como no ramo da hostelería o bar Puerta y puerta, dedicado á venta de viños e que tiña saída ou entrada pola rúa Figueroa e que ata hai pouco ocupaba a Taberna San Román ou o afamado Restaurante Coralín. Pero tamén dos colchóns Alén, con gran tradición no ramo, ou establecementos de electricidade como Comercial Limeres.
Pero os novos tempos e a transformación comercial da propia rúa fixeron que aparecesen novas propostas cara os cidadáns. Así, nos últimos tempos abríronse negocios adicados a moderna ropa urbana ou as camisetas con ditos ou refráns galegos, La mar salada, a solidaridade de Amarante e o seu comercio xusto ou os xelados de Capriccio, tamén tornaron outros como un Encadernador que nos fala da recuperación dun oficio tan fermoso como o de rematar un libro.
Estes novos establecementos vense salpicados pola permanencia de pequenos negocios adicados ó téxtil, mercerías, tendas de moda…, que aínda conservan ese sabor do pequeno comercio no que o veciño do portal do lado non se resistía a mercar buscando o trato directo e de confianza co vendedor.
Chea de ambiente, esta rúa recentemente renovada e con novos servizos, é unha das máis transitadas e supón un dos grandes accesos ás zonas de ocio xa non só nocturnas, senón tamén diurnas, e así, cada domingo énchese de xentes que se dirixen ó mercado de antigüedades que se fai na praza da Verdura, unindo case dúas esferas, a da cidade máis moderna coa da cidade tradicional adornada polas flores que colgan dos seus balcóns, polos cantos dos paxariños que os veciños non esquecen de sacar ás súas fiestras ou das conversas entre veciños ou entre comerciantes para facer da súa rúa un espazo de convivencia de relacións entre persoas ó cal ningún pontevedrés é alleo, sentíndose reconfortado pola súa natureza.
20111020081015_c05-f02_1
20111020081037_c05-f03

20111020081051_c05-f04
20111020081057_c05-f01_1

Princesa

Antigamente era coñecida como rúa da Pichelería, porque nela se atopaba o gremio dos traballadores do estaño, os picheleiros. Este nome aínda se mantén na praca da rúa, en recordo do seu nome tradicional e que se decidiu manter no ano 1996. A rúa Princesa é a prolongación natural de Manuel Quiroga e introduce ó cidadán en pleno centro histórico, abríndose polo seu tramo do medio á fermosísima praza do Teucro.
Chea de vida, baixo as súas pedras atópanse restos do pasado, e así, as últimas excavacións que nela se fixeron amosaron restos de construcións de época romana como parte do pavimento ou un interesante sistema de quecemento dunha vivenda. Valiosos achádegos para coñecer a nosa historia. Historia feita polas xentes que por ela foron pasando, paseantes ou moradores que tiñan nos seus diferentes negocios a ancoraxe necesario para fundar a memoria de todos nós.
Con maioría de establecementos adicados á hostalaría a rúa Príncesa ofrécenos nomes como La Navarra, un dos máis antigos da cidade, referente dos momentos de encontro entre xentes dunha mesma xeración tamén de vencellos entre os de diferentes xeracións, a moitas delas tratou o home que mantivo ese espírito, e que non foi outro máis que José María Ureta.
A faciana desta rúa ten neste establecemento fundado en 1925 un elemento imprescindible; fronte a el, outros como o Saudade, afamado polos seus bocadillos de calamares, e que ocupa o lugar do antigo Bar Ceibe xa desaparecido como tamén La Dirección, que conviven agora cos nevos tempos do sector onde alternan lugares de tapeo con outros adicados ás copas.
Mantéñense tamén Salvador Moda ou a Ortopedia Teucro como eses negocios que subsisten ó paso do tempo, tempo que non foi quen de superar a tonelería que fronte á Ortopedia nos falaba dos oficios doutra época, dun pasado ó que só o recordo dos nosos maiores nos permite voltar.
O día a día desta rúa está salpicado da presenza dos nenos cos seus uniformes vermellos pertencentes ó Colexio San Xosé, que ten nesta rúa o seu centro. Ou tamén dos sons procedentes da Imprenta Peón que, con Celestino Peón ó seu mando, leva cen anos sacando á rúa letras e máis letras, orixinando algunhas das publicacións máis vencelladas á memoria dos pontevedreses, como poden ser, entre outros, os programas de festas, así como a organización dos actos da Semana Santa pontevedresa.
Entre as pedras desta rúa escóndese gran parte da nosa historia, e non falo só de restos arqueolóxicos, senón de horas e horas de xogos, de conversas ó amparo dunha cunca de viño, de ir e vir sobre unhas lousas nas que todos fomos medrando entre unha inmellorable paisaxe.
20111020081000_c06-f03
20111020081015_c06-f04

20111020081034_c06-f01

20111020081047_c06-f02_1

Chariño

Día e noite. Dúas rúas nunha mesma. As dúas caras dunha mesma moeda. Cada parte do día amosa unha faciana diferente desta rúa que se transforma a cada hora. Polo día amósase silente, en pleno descanso da troula que polas noites se apodera de toda ela, é o tempo da calma, de facer que as pedras respiren e collan folgos de cara a repetir a mesma situación que, sobre todo nas fins de semana, fai desta rúa parte importante da movida nocturna.

Toda ela aparece flanqueada de establecementos adicados a modernizar a frase existencial desta cidade ‘da de beber a quen pasa’, aínda que sexa ‘on the rocks’. Case cada baixo das vivendas da rúa agocha no seu interior unha barra na que poder saciar a sede. Nomes que foron cambiando do mesmo xeito que cambian as noites e os seus moradores: Xolda, Odisea, Novo Candil, One, Patrimonio ou Anticuario son máis que locais estacións de paso para sobrevivir na xungla da escuridade.
Algúns como o Bar A Cepa aínda quere levantar a bandeira do que foi un tempo no que se bebía sentado ante un mantel de cadros e cunha tapa diante, lonxe dos vasos de vidro que agora, coma bágoas, aparecen esnaquizados entre as propias pedras da rúa. Alóngase a rúa Charino entre Tetuán e Isabel II, no medievo coñecíase como rúa dos Cans e dende 1635 denominouse Zapatería, nome que se mantén na praca da rúa para recordar ese alcume. En 1854 decídese chamala Paio Gómez Charino en recordo daquel navegante trobador que participou na toma de Sevilla durante o reinado de Fernando III e que actualmente se atopa nun fermoso sepulcro no interior do Convento de San Francisco ó pe do seu altar principal.
Non tan lonxe no tempo a rúa Chariño tivo tamén a coñecidos pontevedreses entre os seu veciños, así podemos recordar a imprenta de Ramiro Paz, que Arturo Ruibal, no seu libro ‘Pontevedreses’, sitúa no número 7, co nome da Popular, e da que en tempos da República saiu numerosa propaganda electoral, pero tamén viviu nela a familia Fonseca, con Javier Pintos Fonseca, quen tiña casa onde ata fai ben pouco tempo se atopaba o restaurante O Masón e agora nos atopamos un coidado local de copas chamado Doctor Livingstone. Casa que para aqueles que máis se fixen ten en diferentes puntos certos símbolos, como unha estrela de David que coroa a vivenda. A resposta habería que buscala no seu interese polos postulados teosóficos, nunha especie de procura da sabedoría divina.
Ós pes desta vivenda e fronte a rúa Tetuán e o Teatro Principal un conxunto de cipreses erguen o recordo do antigo cemiterio que neste lugar, a carón da igrexa de San Bartolomeo o vello, segunda das parroquias da cidade, se establecía e do que en recentes excavacións aínda se atoparon bastantes restos daqueles moradores da cidade.
20111026071002_c07-f04
20111026071046_c07-f01
20111026071052_c07-f02
20111026071057_c07-f03

Rúa Real

É a saída do camiño portugués de peregrinación a Compostela e así se afirma con eses modernos puntiños de luz sobre o seu renovado piso. Ábrese a tres prazas, a do Teucro, a dos tornos e a de Celso García de la Riega, partindo doutra á de Curros Enríquez. Sempre foi un dos grandes dinamizadores económicos do casco histórico, e tamén os máis novos, lembramos a denominación popular de rúa dos cesteiros, polos diferentes establecementos adicados a esta artesanía, dos que hoxe en día só un se mantén aberto, Cestigar.
O seu antigo nome de rúa do Rego refírese á súa abundancia de augas que van dar á fonte dos Tornos á que moita da poboación do contorno se dirixía a coller auga para os seus labores, aínda non é raro ver os maiores acudir a coller auga.Dende mediados do século XIX coñécese como Rúa Real.
Nesta vía atopamos negocios de todos os tipos, o salientable hotel restaurante ‘con encanto’, de recente apertura, Boa Vila, pasando por Enmarcación Vidal, o Café Bar París, Nonno, Mimate, a antiga Casa Bravo de marroquinaría, e así chegamos a Fonte dos tornos, con El Toro, para continuar co renovado El Cisne, un dos máis antigos da cidade datando do ano 1941, onde se mantén a mezcla de ultramarinos coa súa parte traseira adicada os licores e os Bares Timón e Griffón.
Ultramarinos tamén é o de Diego Lores e xunto a eles a Ferretería Gallega, onde o que non teñan non existe, a Farmacia de Gastañaduy unha das máis antigas da cidade, a Panadería A Seca, para chegar a outro deses lugares representativos da cidade como é a Casa Verdún, que está a piques de cumprir cen anos e vive agora unha nova época de esplendor da man dos Taboada recordando tempos pasados onde os callos eran insuperables sendo un punto frecuente de comidas.
É, polo tanto, a Rúa Real unha desas latexantes vías que conforman a faciana da nosa zona antiga. Xentes que suben e baixan, que entran na cidade tras pasar a Ponte do Burgo, achegándose a ela para sentir o pulo dunha vila en movemento, non sendo poucas as imaxes de décadas pasadas nas que os comercios sacaban á propia rúa as súas mercadorías.
Tempos vellos e tempo novos que se dan a man mediante os novos negocios que conviven cos que levan máis tempo, e tamén coa memoria dos que por ela pasaron, como Loza Taboada; a zapatería La Gallega; Lola; a Mercería Vidal, o Petís, afamado polos seus produtos de Entroido, La Santiaguesa cos seus queixos de tetilla ou os numerosos cesteiros que formaron parte desta rúa, e que cos seus queixos e o olor dos vimbios cos que se facían uns obxetos que se colgaban no exterior dos negocios, competían cos sons dos latoeiros, que nela tamén abondaban.
20111026071000_c08-f04
20111026071042_c08-f01
20111026071048_c08-f02
20111026071054_c08-f03

Avenida de Santa María


Antigamente coñecida como Eirado das Torres, os últimos achádegos arqueolóxicos de parte das Torres Arcebispais reafirman o adecuado desa toponimia. Vai dende a praza de España á praza de Alonso de Fonseca ó longo dun percorrido casi que señorial entre edicios nobles onde a pedra é a nosa compaña ata desembocar na Basílica.

Adentrámonos nela por un tramo máis estreito deixando a un lado as escaleiras da rúa Churruchaos; ó pasalas aparecen novos negocios de hostalería como o Perita Art Gallery Café ou o Restaurante Cinco Puertas, que conviven con diferentes pensións, así como co Colexio de Axentes Comerciais. Fronte a eles está o Café Gloria, que tamén se abre cara a Praza de España.

Comeza a zona aberta da Avenida cunha serie de xardíns nos que se atopan varios elementos, entre eles unha das fontes ideadas polo arquitecto Sesmeros, como as da Verdura, Curros Enríquez e González de Zúñiga, aínda que esta se sinta moi triste ó ver como locen fachendosas as súas irmáns mentres ela languidece alí esquecida.

Ata hai pouco atopábamos, un pouco máis adiante, unha escultura de Castelao firmada polo grande escultor Buciños. Nela tiña lugar a tradicional ofrenda floral no día de Galicia, antes de chegar a ela temos unha lápida. Unha lápida que nos lembra a presenza nese contorno dun cemiterio xudeu, o lampán dos xudeus, do que a aparición dun sartego con letras xudías na excavación dunha vivenda próxima, confirma a presenza dese cemiterio, non sempre ben visto por certa historiografía temerosa da presenza hebrea.

Unha serie de construcións señoriais quedan á nosa esquerda se imos cara á Basílica. Entre elas está o Chalé das Mendoza, equilibrado palacete de finais do século XIX propiedade dos descendentes do almirante Méndez Núñez e no que aínda flúe o espírito das irmáns Mendoza Babiano e os seus propósitos culturais, que encheron a cidade a principios do século XX (alí foi onde o mesmo Manuel Quiroga realizou o seu primeiro concerto en público), ó seu carón o Sanatorio Santa María, que funciona como xeriátrico, e o chalé do doutor Mareque, son elementos senlleiros que completan un percorrido señorial ó longo desta avenida que ata foi escenario de cine coa filmación nela de escenas da serie televisiva ‘Los Gozos y las sombras’, obra doutro veciño que foi desta cidade, o escritor Gonzalo Torrente Ballester.

Pola outra banda da rúa parten as rúas Amargura e Rúa Alta, e nela atopamos establecementos como o Restaurante Santa María e o Bar J.J.. Nesta avenida se conxuga o recordo coa actualidade, e nela se agocha, pola presenza da Basílica, primeira parroquia da cidade, e dos restos das Torres, gran parte da historia dunha vila que naceu a partir desta zona.

20111026071020_c09-f01

20111026071028_c09-f02
20111026071034_c09-f03
20111026071039_c09-f04

Padre Luis

Atópase entre as rúas Laranxo e Cobián Roffignac, asentándose sobre a que era a horta do convento de San Francisco. Recentemente reformada, pouco ten que ver coa rúa ateigada de coches que moitos coñecemos nos anos mozos, nos oitenta, cando era un dos centros da movida nocturna. Os Carballos ou o Pub Cosmos, nos baixos do actual Café Milano, eran imprescindibles nunha boa noite de esmorga na cidade.
Cando a ‘movida’ se trasladou a outros espazos do casco histórico, froito da rehabilitación e transformación que sufriu esta zona da cidade, a rúa Padre Luis caeu nun sopor do que saíu hai uns cantos meses, cunha profunda renovación de toda a rúa que fixo esquecer aquelas pedras disconformes coa súa propia colocación, rebelándose e saíndo para fóra xunto coas ringleiras de coches que tiñan alí un aparcadoiro incontrolado en pleno centro. Tamén houbo outros establecementos que son moi recordados, como a tenda de música Auditorium ou o Bingo de Valora e unha desas tendas de material deportivo de sempre, das de toda a vida, Mundo Deportivo, que aínda se mantén aberta.
Agora a rúa Padre Luis ábrese ó cidadán e convérteo no seu protagonista. Conta con bancos para o descanso, así como coa creación de novos negocios de hostalería, entre os que destaca un clásico de Pontevedra como é La Ibense, con varios locais na cidade que manteñen vivo o recordo do orixinal establecemento da rúa Michelena. Un paraíso de sabores xeados e de granizados que compartiron moitos momentos cos pontevedreses. Agora ó seu arredor existen toda unha serie de locais que cubren os diferentes aspectos do ocio; locais de copas, comidas ou cafés converten a esta rúa nun novo lugar para o acougo do seu visitante, que cada vez se sente máis atraído pola súa oferta, ademais de permitir o paso a través dun fermoso re cuncho á praza da Leña xunto ó Museo Provincial.
No ano 1959 a cidade de Pontevedra decidiu facer fillo adoptivo ó franciscano Padre Luis María Fernández Espinosa, que naceu en Madrid, pero que chegou á cidade en 1909 e que residiu nela ata a súa morte. Foi membro fundador da Coral Polifónica de Pontevedra, coa que estreou diferentes composicións como ‘Romance de doña Alda’ou ‘Canción de seitura’. Conferenciante e creador de numerosos artigos sobre a música, aínda soan no convento franciscano as súas notas saídas do órgano conventual cunha mestría que aínda lembran os máis maiores.
Esta rúa, dende a que se albisca a parte traseira dese convento no que tantas horas pasou, leva o seu nome para lembrar así a quen fixo tanto pola cultura a través da música e dunha das institucións sobranceiras nese eido, a Sociedade Coral Polifónica.
20111026071012_c10-f01
20111026071020_c10-f02
20111026071025_c10-f03
20111026071031_c10-f04

Fernández Villaverde


Era coñecida antigamente como a ‘Costa do Carrillo’, segundo recolle nas súas memorias Hipólito de Sa, pola circunstancia de que dous negocios de Arturo Carrillo atopábanse alí, arriba o Bar Carrillo e abaixo unha tenda de ultramarinos Finos. Interésanos sobre todo o primeiro deles, o Bar Carrillo, que estaría onde hoxe se atopa unha entidade bancaria e que se considera o primeiro Café Cantante aberto en pontevedra, por onde desfilaban diferentes artistas en actuacións de tarde e noite.

Outros locais de interese serían a xastrería de Maximino e o comercio do curioso Emilio Tilleiro, nos locais onde anos máis tarde se asentaron os Almacenes AFAR, aquel era unha especie de ferretería na que o inxenio do seu propietario permitía a invención de máquinas adicadas ás tarefas agrícolas, así como uns novidosos féretros metálicos.

A apertura dos establecementos de AFAR foi unha revolución na cidade. Pertencentes a Andrés Rodríguez, as siglas AFAR falaríannos dos Almacenes de Ferretería de Andrés Rodríguez, un fenomenal establecemento onde non só se podían mercar produtos de ferretería, senón que o negocio estendeuse a bazar, xoguetería, imaxe e son. Uns grandes almacéns dos que moitos aínda acordamos as fantásticas bicicletas que tiña. Agora é a quenda doutra firma pontevedresa a cadena de alimentación Moldes que mantén vivo ese espírito de comerciantes locais esencial na nosa configuración social.

Gran parte desta rúa está marcada pola presenza nun dos seus lados do edificio do Banco de España, mentres no lado contrario diferentes establecementos completan a oferta desta rúa, convertida en peonil canda o resto do casco histórico, xa que é un dos accesos principais ó mesmo. Agora rematouse coa instalación dunhas letras, completando as colocadas no Paseo Antonio Odriozola aludindo á definición de Pontevedra como ‘Boa Vila’.

En 1881 empézase a falar da súa creación, encargándolle o proxecto ó arquitecto municipal Sesmeros. O seu fin era comunicar as rúas Michelena e a antiga do Comercio, e así, segundo recolle Juan Juega, favorecer o acceso á nova casa do marqués de Riestra.

En 1889 dáselle o nome de Fernández Villaverde, que foi fillo adoptivo de Pontevedra en 1878. Fernández Villaverde foi deputado nas Cortes por Caldas de Reis, sendo o reorganizador da Facenda Pública trala crise do 1898. Agora esta rúa, perfectamente arranxada, serve para comunicar de xeito directo o casco histórico coas Palmeiras, xogando, coa rúa Gutiérrez Mellado, unha nova función como gran paseo, permitindo desembocar nese espazo verde da cidade, ademais de conectar coa parte oeste da mesma en dirección a Marín.

20111026071009_c11-f01
20111026071017_c11-f02
20111026071022_c11-f03
20111026071027_c11-f04

Serra


Unha frenética actividade desenvólvese por unha das rúas nas que o ruxerruxe da xente contrasta co silencio das cercanas rúas do casco histórico. Ese son xorde do camiñar das xentes coas súas bolsas cheas das compras de produtos frescos adquiridos no renovado Mercado de Abastos. Lonxe queda xa a arquitectura dos anos cuarenta, nos que se data a primeira construción do Mercado; agora as vellas arcadas respiran as cores do arquitecto César Portela, e o seu interior acomódase ós novos tempos e ás novas demandas deste tipo de negocios.

A vida do Mercado marca a toda a rúa, os negocios de arredor dependen deste motor económico. Afiadores, vendedores de plantas, ultramarinos, froiterías, conxelados… completan a oferta que se atopa no interior do Mercado. Deste xeito, as tendas que están adosadas ó Mercado ofrécennos dende prensa ata flores, mandilóns, sombreiros, pan ou xoias. Un amplo abano de ofertas que completan os produtos do día a día do seu interior.

O cheiro a polo asado que sae do comercio de Louriña é outro dos sinais de identidade desta rúa, un arrecendo deses que permanecen fixos na memoria dos que levan anos percorrendo esta rúa. O aroma a asado continúa, e a el engádense imaxes do presente, vendedores de allos coas súas carretas e a recuperación da muralla medieval da cidade cos seus restos, motivo de exposición pública.

E como remate da rúa o novo edificio do Museo Provincial erixido en plena conexión co pasado ó xurdir dende os restos que tamén se conservan dun novo tramo do perímetro de pedra que pechaba a vila en séculos pasados. Ese gran muro agochará tras el unha das mellores coleccións de arte de España, a dun Museo Provincial con vocación de eternidade e que se adapta ós novos tempos, non só dende fóra, senón tamén dende dentro.

Pero na rúa Serra a actividade principal é a comercial, e moitos recordan a presenza ata hai pouco nela do establecemente de froitas Domínguez, pertencente a unha das familias máis coñecidas da vila, e moi vencellada ó mundo do balonmán. Diferentes establecementos adicados ó variado mundo do bazar, como poden ser Dima, Comercial San Luis, Moliner ou o Establecimiento Agustín, especializado en louza e cristal.

A rúa continúa e outro coñecido local adicado a venda de produtos avícolas, como é o de Lago, deixanos a punto de rematar esta rúa. Antes atopamos a ferretería Mafer, xa lindando coa praza de Valentín García Escudero, ou o Vetula Ponte, onde poder gozar dunha tapa de polbo antes de continuar o noso camiñar polas rúas da vila. Antes, ó saír, vemos como unha praca recorda o antigo topónimo que tiña esta rúa, Verrón.

20111026071005_c12-f01
20111026071016_c12-f02
20111026071024_c12-f03
20111026071031_c12-f04

Sarmiento


A rúa Sarmiento vai entre a rúa Real e Pai Amoedo Carballo, e durante o seu percorrido podemos achegarnos a varios dos elementos máis importantes do casco histórico: prazas como as da Leña, a Verdura ou a de Méndez Núñez, que ó ser centros de ventas de produtos típicos, converteron esta rúa nun bulir diario de xentes; igrexas como a barroca de San Bartolomeo, o Colexio da Compañía de Xesús, hoxe edificio Sarmiento do Museo Provincial; e pazos urbanos como o espectacular de García Flórez, outra das sedes do Museo que amosa una xeira de elementos decorativos moi típicos do Barroco de pracas.

Pero tamén hai tempo para a arte contemporánea, e así, a sede da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (RAC) recolle no seu interior unha espléndida colección desta arte máis actual ademais de convocar ós amantes da arte coa realización de diferentes exposicións ó longo do ano. Outro Pazo, o do cardiólogo Bernardo López Abadín, volve mostrarnos o valor da pedra como elemento construtivo, a través dunha espectacular edificación que chega ata a praza da Pedreira, cunha fermosa finca, tamén chama a atención o seu portal cun convidado moi especial.

O hotel Rúas, o restaurante vexetariano Ambrosía, os curtidos Queiro, a tenda de mascotas Avipez, locais de copas e, no seu remate, a librería Cao ou a Tapicería Pereira, son os negocios que sosteñen a actividade comercial desta fermosa rúa, chea de tesouros e de espazos nos que adentrarse.

Entre eles gustaríanos destacar a panadería Abilleira, fundada no ano 1880 fronte a ela atópase ó espectacular magnolio que coas súas polas parece querer acariñar a propia rúa xunto co enxamio de paxaros que nel se pousan. Famosa polo seu pan gramado, as rosquiñas que fai durante as festas da Peregrina e as súas empanadas de millo, esta pana dería é un deses establecementos xa imprescindibles para os pontevedreses, que ata a ela se achegan, non sin antes saudar ó bulideiro Paco.

A igrexa de Bartolomeo é a grande arquitectura da rúa dende a súa construción no século XVIII da man do arquitecto Pedro de Monteagudo. Parroquia dende o derrubo de San Bartolomeo o vello, é unha das que teñen maior actividade relixiosa. Décadas atrás, a igrexa era o pulo da economía da rúa, polo menos do seu contorno, e así, ó seu arredor estableceuse unha cerería e ata dúas funerarias. No edificio García Flórez tamén estivo a Escola Normal de Mestras.

Durante a Semana Santa desta rúa parten diferentes procesións relixiosas que coa outra parroquia antiga da cidade, Santa María, comparten o protagonismo nesa semana. Tamén dela sae no día de San Bartolomeo un demo que asusta ós nenos nunha tradición recuperada hai poucos anos.

20111026071003_c13-f03

20111026071010_c13-f04
20111026071054_c13-f01

20111026071059_c13-f02

Don Gonzalo


Fala dela Juan Juega como unha das rúas da cidade que conservan o seu nome dende máis antigo, xa que recolle esta denominación dende o ano1343 aludindo a Gonzalo Eáns, un notario do século XIV que pola súa sona debeu de ser quen para que se chamase así o que naquel tempo non era máis que un camiño. A súa descendencia mantivo viva a súa notaría durante sete xeracións.

A rúa une as prazas de Curros Enríquez e Mendez Núñez abríndose á esquerda cara a rúa das Ánimas, onde se atopa unha capela que recorda a existencia nese espazo do Hospital de San Juan de Dios e que foi construída pola reacción popular que supuxo o derrubamento do centro sanitario e dunha capela que tiña no seu interior e á que os veciños acudían pola súa fonda devoción relixiosa.

Rematada polo grande arco da vivenda que fora de Méndez Núñez, nome co cal se pretendeu chamar á rúa nalgunha ocasión, aínda que sen éxito, supón o principial vial polo que transita a poboación dende o centro da cidade ata o Mercado de Abastos.

Tamén son moitos os comercios que nela se atopan, entre eles a ferretería de Saturnino Varela, negocio senlleiro da cidade dentro dese sector e que con anterioridade se atopaba na praza de Curros Enríquez, no edificio do actual Casino Mercantil, que coa súa compra motivou o traslado da ferretería ó local próximo, propiedade do mesmo empresario e que funcionaba como almacén.

Polos seus baixos altérnanse novos negocios, como a chocolatería Chokoa, coa paquetería e comercio de téxtil Almacenes Rodiño, en funcionamento dende os anos cuarenta; El bollito, Calzados Tica, Mercería El Arco, Barcia, unha administración de loterías ou a perruquería Mari Luz, agora Divinas, creadora de fermosos escaparates taurinos no tempo das festas da Peregrina ou vencellados a outras efemérides do ano concedéndolle un novo valor a ese espazo.

Estes negocios son o complemento perfecto para os clientes que se dirixen cara o Mercado, auténtico motor desta rúa. A cara de ledicia da rúa, como sucedera en Princesa, é obra dos nenos, e vén dada pola presenza da gardería Los Cerezos cos seus pequenos alumnos que, vestindo cos seus chándales verdes, corren por ela levando cos seus sorrisos unha pinga de felicidade ós peóns.

Rúa de persoeiros famosos na súa historia, como a familia dos Sobrino coa súa vivenda entre Don Gonzalo e a rúa da Palma. Nela naceu o pintor Carlos Sobrino, quen tantos apuntes fixo da zona monumental, e que tamén creou os debuxos dos azulexos que se atopan na Alameda. Grazas ó seu amor por esta vila e ós seus debuxos conservamos hoxe o recordo de moitos dos nosos recunchos.

20111026071034_c14-f01

20111026071040_c14-f02
20111026071045_c14-f03
20111026071051_c14-f04

César Boente


É o tramo de rúa que segue á rúa Don Gonzalo e permite o acceso ó Mercado de Abastos, e case no seu remate permite tamén a entrada á Praza da Pedreira, onde se atopa o Pazo de Mugartegui. Desemboca na rúa Serra, que antigamente era como se coñecía a esta rúa de César Boente, ata que no ano 1922 se lle puso o nome deste fusilado en Zaragoza, César Boente Álvarez, e para non esquecer o nome de Serra denominouse así a rúa que pasa por diante do Mercado.

A actividade que xera o Mercado, ou a Praza, como se coñece entre os pontevedreses, vai ser a que defina o seu dinamismo e o pulo que amosa ó longo de toda a xornada. Durante anos moitos pequenos comercios adicados ó téxtil foron pechando e agora estes deixaron paso a Barcia, Ernesto Filgueira ou Carrasco, pechado recentemente. Xunto a eles establecementos como a Panadería El Palacio, Avícola Basilio, Textilar, Moliner ou Academia de Enseñanza César Boente son os que fan que esta rúa apareza chea de persoas, moitas delas con bolsas onde levan o resultado das súas compras.

Outro aspecto salientable da rúa é a presenza de inmigrantes, xentes procedentes doutras latitudes que chegan á nosa cidade para gañar a vida. Ocupan pensións e abren algún que outro negocio desta rúa adicado á venda de bolsos ou cinturóns. É o reflexo dun novo tempo de chegada de inmigrantes a unha terra que ben sabe de que estamos falando, que son ben acollidos na nosa tranquila cidade que, como sempre, fai gala do seu carácter acolledor con aqueles que elixen a nosa cidade como destino para botar a andar unha nova vida.

Son estas as crónicas dunha existencia nova que se enguedellan con historias de vellos, de cando a cidade de Pontevedra era pouco máis ca unha aldea. Hipólito de Sa fálanos desta rúa como da barrilería, xa que nela se apostaban os toneleiros que arranxaban as pipas do viño, mostrando en plena rúa os froitos do seu traballo. Esta actividade prolongábase tamén ó longo da actual rúa Serra.

Pero a memoria de Hipólito de Sa acorda moitos máis negocios, como a fábrica de curtidos de Echevarría; as lexías de Hinojal, as gaseosas de Barros Franco, os baúles do señor Alejandro, e tamén lembra como os sons eran diferentes, de talleres e de oficios que co ruído do seu traballo ambientaban unha rúa que agora ten nas conversas da xente que baixan ata a praza a súa sintonía habitual. Amas de casas preocupadas pola comida das súas familias, restauradores na procura dos alimentos para que gocen os seus clientes…, en definitiva unha vila activa con espazos como este, cheos de vida e de movemento.

20111026071015_c15-f01

20111026071028_c15-f02
20111026071033_c15-f03
20111026071038_c15-f04

San Sebastián e San Nicolás


Son moitas as rúas e as prazas da nosa cidade con denominacións de santos aludindo a advocacións dos mesmos, ou á proximidade dun templo relixioso a eles adicado. Existen dúas rúas que son exemplo desa situación: a rúa San Sebastián, que parte dos Soportais e chega á praza da Verdura, adícase ó patrón da cidade, defensor contra as pragas de peste que inundarían a unha vila mariñeira como Pontevedra, cun gran porto polo que entrarían todo tipo de efermidades de alén dos mares e ante as que toda protección sería pouca.

Dende 1854 chámase deste xeito, substituíndo o antigo nome de rúa Cega, seguramente por estar pechada durante o seu percorrido. Outra versión contada polos máis maiores fala dunha gran mortandade nesa rúa pola peste, chegando ó punto de tapiar a súa entrada. Partindo dunha ou doutra historia, o certo é que aínda hoxe mantén ese nome na súa praca en recordo dun apelativo que chegou ata case a nosa época, xa que aínda os máis vellos o recordan, como tamén recordan o antigo bar Pasaxe, nun local que antes fora un establecemento de ultramarinos chamado O Cunicho, popular entre os máis rapaces porque nel compraban lambonadas ou froitos secos.

Agora a rúa recíbenos co evocador bar Pasaxe, outros locais emblemáticos son o Bar Alejos, un clásico inesquecible dos oitenta e noventa para escoitar a música da súa máquina de discos ou tomar unha tapa de tortilla da man de Antonio e a súa muller; A taberna de Juan, O Lar de Moncho ou un Kepab, que comenzan a abundar na zona monumental, completan a oferta de ocio desta rúa que tamén ten negocios adicados a outros sectores como son a imprenta El Pueblo, a Sastrería de Gonzalo Martínez ou a fontanería Reguemar.

Da praza das Cinco Rúas e ata a de García de la Riega vai a rúa San Nicolás, que ten ese nome dende 1854 tras outros anteriores como rúa dos Obispos ou Callejón de Mendoza. Actualmente a rúa acolle unha mestura de locais novos e vellos adicados a diferentes ramos da hostalaría. Así, o restaurante O noso lar ou o famoso O pulpeiro; a casa Fidel que, fundada no ano1956 ofrece un dos mellos polbos á feira da cidade (imprescindible sobre todo antes de que abondasen os pulpeiros polas rúas), aínda hoxe é unha referencia nese aspecto.

Outro desaparecido fai pouco é o bar San Nicolás, un clásico que deixou o seu lugar a un novo xeito de negocio como é A pega moura, onde as copas únense a exposicións de novos valores. A historia desta pequena rúa quedará para sempre na memoria da cidade pola existencia nela dun cine, o cine dos Exploradores, tamén coñecido como Ideal Cinema, pertencente a unha institución formativa de mozos: os Exploradores.

20111026071004_c16-f01

20111026071011_c16-f02
20111026071016_c16-f03
20111026071023_c16-f04

Barón e Amargura


A rúa do Barón vai dende a praza das Cinco rúas ata a praza do Peirao. Na súa primeira parte, ata o Parador Nacional recibe o nome de Barón, e o tramo seguinte, ata a praza do Peirao, coñécese como Maceda pola familia que edificou o gran pazo convertido en Parador dende 1950 co nome de Casa do Barón, pasando así a rúa a chamarse dese xeito.

Hipólito de Sa recorda esa rúa tamén co nome de ‘Ceanarro’ referíndose ó propietario dese gran pazo, Eduardo Cea Naharro. Tamén rescata dese baúl da memoria a presenza dun taller de instrumentos musicais, o de José o Peneireiro, do que eran famosos as peneiras, pandeiretas e cribos, que parece querer homenaxear a figura solitaria dun gaiteiro que se atopa labrado na pedra dunha vivenda desta rúa na que sempre houbo un grande ambiente pola achega do Mercado de Abastos e do Ideal Cinema, na rúa de San Nicolás, coa institución dos exploradores que acollía a numerosos rapaces do contorno, sendo famosa a súa gran banda de música. Tamén se fala dela como rúa dos fornos, alcume popular moi empregado nos anos cincuenta e sesenta pola presenza nela de varios deles para cocer o pan.

A rúa Amargura, no arrabal de Santa María, vai dende a Avenida de Santa María ata Isabel II. O seu nome xa se recolle no rueiro de 1854. Casto Sampedro vencella esta rúa coa da Tonelaría Vella, localizada xa no ano1354. Sobre tan curioso nome temos diferentes propostas. A de Juan Juega a pon en relación cunha rúa de Xerusalén pola que Cristo subiu ata o monte Calvario, e a de Hipólito de Sa atribúeo a que nela tiña lugar a procesión do Santo Encontro no Venres Santo, aínda que tamén se fala da amargura á que eran sometidos os reos na fermosa casa que, facendo esquina con Isabel II, ocupaban os carabineiros.

Éste é un dos motivos máis coñecidos da rúa, sendo un dos símbolos do pasado desta zona da cidade, a imaxe cun carabineiro que existe na porta de dita vivenda. Estamos polo tanto ante unha das rúas máis antigas de Pontevedra, e nela atópanse vivendas de moitos xeitos, das que algunha aínda mantén ese característico asoportalado onde diferentes gremios como redeiros, toneleiros, zapateiros ou carpinteiros tiñan un gran protagonismo na vida da cidade, e máis en relación coa parroquia de Santa María e a súa participación en procesións como as do Chucurruchú ou a do Corpus.

En todas elas os diferentes gremios xogaban un papel destacado como integrantes e dinamizadores dunhas actividades nas que se entraba en fonda competencia, como así o fixeron na propia construción da que logo sería basílica e no seu mantemento posterior. Este núcleo da cidade, é a parte na que esta se fundou, e onde a nosa vila comezou a ser o que é hoxe en día. Un conxunto de pedras que falan do pasado e que se integran nun presente cheo de modernidade e funcionalidade.

20111026071000_c17-f02

20111026071006_c17-f03

20111026071011_c17-f04
20111026071054_c17-f01

Don Filiberto e Tetuán


Ambas rúas van en paralelo ó solar do Liceo Casino e do Teatro Principal unindo as rúas Manuel Quiroga con Alhóndiga, don Filiberto, e Princesa con Chariño, Tetuán. A rúa Don Filiberto presenta diferentes arquitecturas, cada unha delas máis fermosa que a anterior, dende a renovada Casa das Campás, a vivenda civil máis antiga da cidade con tesouro incluída, que presenta ademais unha das transformacións máis interesantes das realizadas na cidade, a cargo do arquitecto Jesús Asier Fole Osorio, sendo agora sede do vicerreitorado da Universidade de Vigo e acollendo unha grande actividade cultural.

A carón dela atópase outra vivenda na que a cultura forma parte da súa historia. Alí, naquela estreita construción, xurdiu un dos máis fermosos proxectos editoriais da nosa cidade como foi a Colección de Poesía de Benito, Soto levada adiante por Sabino Torres nas Gráficas Torres, e que en tempos de escuridade ofreceu unha luz coa edición de poesía. Case nada.

Seguimos coas arquitecturas e a gran vivenda que ocupa a parte central da rúa é un fermoso canto á cantería coa delicada labra da pedra, que sobre todo nas fiestras acada unha gran laboriosidade. Non son moitos os negocios que temos nela, pero si podemos destacar a vinoteca Baraciña, a tenda de mobles de Los muchachos e xa facendo esquina con Manuel Quiroga o comercio de decoración La Antigua.

Pola súa parte, a rúa Tetuán, moito máis modesta, abondonou xa o seu aspecto blanquecino que amosan as fotografías antigas, nas que destaca a fermosura das súas vivendas con balcóns. En 1844 procedeuse ó derrubamento da antiga igrexa parroquial de San Bartolomeo, no seu lugar situáronse o Liceo Casino e o Teatro Principal.

Estes dous edificios ocuparon ese espazo baleiro e deixaron esa estreita rúa, que se chamou Tetuán en recordo da batalla de Tetuán, en 1860, entre o exército español e o marroquí. Antigamente esta rúa, segundo Filgueira Valverde, coñecíase como das emparedadas, por existir nela unha celda onde se pechaban relixiosas en vida. Agora a rúa mantén a capela do nazareno, lugar de peregrinación e culto sobre todo o primeiro domingo de marzo, cando asisten os fieis para pedir as tres gracias.

Xunto á capela, lugar relixioso, abondan outros negocios adicados a cuestións máis laicas, diversións nocturnas como as do Bar Tetuán, o Callejón do Liceo ou Moncloa e gastronómicas como La Casona, situado nunha espectacular rehabilitación nun solar no que apareceron diferentes restos humanos que nos falan da existencia por toda esa zona do antigo cemiterio pertencente á parroquia de San Bartolomeo o vello.

20111026071001_c18-f03

20111026071007_c18-f0420111026071045_c18-f0120111026071055_c18-f02

Tristán de Montenegro e Sor Lucía


Atopamos no contorno da basílica de Santa de María toda unha serie de rúas moitas veces desprezadas noutras publicacións, esquecidas pola súa aparente insignificancia. Son rúas pequenas, estreitas, moitas delas descoidadas por un mal paso do tempo. Nelas non hai comercios, nin unha gran vida social, pero cada unha é parte dun dos espazos máis fermosos no conxunto da cidade.

O arrabal de Santa María conxuga nas súas rúas formas imposibles, rúas que se retorcen en si mesmas, rúas que se estreitan e rematan en escaleiras, rúas que parece que non nos van levar a ningures. Tristán de Montenegro, Enfesta de San Telmo, Martín Fervén ou Formigueira son algunhas delas. Espazos marcados polo valor da pedra e por un tempo que se pousou nelas para achegalas á eternidade. Sabedoras de segredos e de lendas, de xentes que as atravesan na procura de quen sabe que. Solitarias durante moitas horas do día, son os seus habitantes os verdadeiros protagonistas das mesmas.

Tristán de Montenegro vai entre Isabel II e o Eirado de Alvar Páez; o seu nome relacionaa cun dos personaxes máis atractivos da historia medieval de Pontevedra, que morreu na defensa da cidade ante o acoso de Pedro Madruga. O seu sepulcro atópase nas ruínas de San Domingos, sendo un fermoso exemplo deste tipo de monumentos funerarios na cidade.

A rúa está chea de sinxeleza e só a conformación das súas vivendas nos chama a atención. Pequenas residencias de porta e fiestra e cunha soa altura que lle dan uniformidade a rúa e a presentan como unha ollada ó pasado, cando este tipo de vivendas serían as que abundarían na orixe deste arrabal, un dos máis antigos da vila.

A rúa Sor Lucía é a prolongación natural da rúa Alta rematando en San Telmo. Tradicionalmente coñeceuse esta rúa como rúa do Peso de Fariña, en mención dun antigo negocio de fariña alí asentada. Posteriormente a rúa chamouse Sor Lucía para recordo daquela pastora, a quen se lle apareceu a Virxe de Fátima e que ingresou no colexio de novicias das Doroteas que agora se converteu no santuario das aparicións, para perpetuar a aparición da Virxe de Fátima acompañada de Xesús no patio desta modesta casa a Lucía, que vía así como a Virxe cumpría a súa palabra de volver aparecer. Agora esta vivenda e a súa capela son un gran centro de peregrinación, achegando a nosa cidade a un número importante de visitantes.

Fronte a ela atopamos a coñecida como Casa Azul, na que se instalaron diferentes propostas da concellería de Benestar Social para traballar con colectivos marxinados ou con dificultades de integración mediante a realización de obradoiros.

20111026071003_c19-f02
20111026071008_c19-f03
20111026071013_c19-f04

20111026071058_c19-f01

Formigueira e González de Zúñiga


Esa esquiniña é pura poesía. Uns pétalos no chan e a pátina que amosa un pouco de choiva sobre o piso convértense nun repouso para a vista que se amosa como unha fermosa postal para moitos descoñecida dentro da súa propia cidade. Se preguntamos a un gran número de cidadáns por esa fotografía moi poucos nos dirían de que rúa se trata, nin sequera dándolle o seu nome, Formigueira, serían os mesmos poucos os que non saberían ubicala no rueiro de Pontevedra.

A rúa Formigueira vai dende o Campiño de Santa María ata a Enfesta de San Telmo e mantén o seu nome orixinario, que xa aparece localizado en 1437. Como nas rúas que a acompañan, nela destaca o poder da pedra como transmisora de sensacións cara o visitante. A reforma dalgunha vivenda desta rúa concédelle unha maior dignidade ó conxunto.

Afastada de Formigueira, a rúa González de Zúñiga fainos saír do casco histórico en sentido estrito, pero a súa disposición e aparencia fan que esta rúa sexa quen de aparecer neste capítulo. Na traseira do santuario da Virxe Peregrina, une as rúas Benito Corbal e Peregrina. O seu nome fai referencia a un dos seus habitantes máis ilustres como foi o médico, historiador e alcalde, Claudio González Zúñiga, que viviu na gran vivenda recentemente reformada que acolle o café Casa Alcalde en clara referencia ó seu ilustre morador.

Dende 1969 recibe o nome actual. Na rúa conviven negocios de hostalaría, maioritariamente recentes, como o xa referido, a Cantina West, El buscador e o recén chegado, un novo establecemento da casa La Ibense, adicado neste caso a produtos como salchichas ou hamburguesas. Xunto a eles atópase un bar deses senlleiro na cidade e que xunto con La Navarra, El Cisne ou Verdún son dos locais máis antigos en Pontevedra adicados a taberna.

O bar Parvadas ou tamén coñecido como Casa Fernández, coa súa fermosa terraza interior ó amparo das parras, é todo un clásico dentro da historia ‘tabernaria’ da cidade. Xeracións e xeracións xúntanse ante as súas mesas para falar do divino e do humano, enchendo as súas paredes de segredos, contos e risas ó carón dunha cunca de viño.

Moita da historia da nosa cidade cólgase das súas paredes e ata no seu interior incluso podemos atopar unha lápida que debe proceder do cercano convento de San Francisco, aludindo á peregrinación a Compostela que, como é ben sabido, atravesa a nosa cidade enchéndoa de historias.

A recente rehabilitación do santuario da Peregrina mudou a vista que dende esta rúa tiñamos do templo ademais de acondicionar ese recuncho tan fermoso onde se atopa unha das fontes de Sesmeros e que antes estaba á esquerda do templo.

20111026071007_c20-f02

20111026071013_c20-f03

20111026071024_c20-f04

20111026071047_c20-f01

Isabel II e García Flórez


Dende o Campiño de Santa María ata a rúa Real, Isabel II é unha das arterias fundamentais do casco histórico, sendo un pouco a espiña dorsal da súa forma de améndoa. No libro de Juan Juega Puig ‘Rúas de Pontevedra’ este autor fala dunha división da rúa en dúas partes. A primeira, entre a Praza das Cinco Rúas e a basílica de Santa María, recibe o nome popular de Costiña de Santa María, mentres que dende a Praza ata a rúa Real é coñecida como rúa de Mendiños.

No ano 1854, coincidindo co reinado de Isabel II pónselle o seu nome, que durante o sexenio revolucinario foi substituído polo de Soberanía Nacional. No ano 1931 pasou a charmarse García Hernández, para en 1936, retomar o nome da raíña. Actualmente nas pracas da rúa respéctanse eses nomes antigos, o de Mendiños para a inferior e o de Correaría para a superior, en referencia o traballo artesanal que nela se realizaba.

No seu tramo superior os máis maiores lembran a costa onde se atopaban o Grupo Escolar e a casa do popular Víctor Mercadillo, músico de primeira orde que participou con Perfecto Feijoo na creación do coro Aires da Terra, pero que a xeito individual realizou numerosas actuacións, tamén nela varios zapateiros tiñan o seu negocio.

Agora Isabel II é un espazo para o ocio dende os numerosos locais de hostalería e os nomes dos bares que foron abrindo ou pechando son parte da súa historia e tamén da de nós mesmos. Dende O Cortello, na súa parte superior, xa pechado, ata As Reixas, un dos locais máis tradicionais desta rúa, son moitos os nomes que quedarán xa para sempre na nosa memoria, entre eles O Rebusco.

A rúa García Flórez vai dende Xoán Novás ata Padre Amoedo, un pequeno vial que xunto con Xoán Novás forma un fermoso conxunto ó amparo do Museo Provincial de Pontevedra. Leva o nome dos García Flórez, que ergueron o Pazo que se abre cara Sarmiento e que ten a súa traseira cara a esta rúa.

Xunto con varias vivendas, esta rúa ten en diferentes negocios hostaleiros o seu maior interese, e nela establecementos como Vaideviños ou Bagos fan do viño e as súas diferentes denominacións de orixe todo un festín para os sentidos. Pero esta rúa agocha tamén entre as súas vellas pedras un dos locais referentes da noite de Pontevedra, un oasis dentro do que durante moito tempo foi un deserto.

Estamos a falar de A Cabaña, con ese aspecto de local clandestino, de semioculto nesta pequena rúa, que supón coas súas actuacións en directo, un dos poucos sitios que soubo apreciar esta posibilidade e que, co seu ambiente, logrou facerse un oco na noite da cidade, cando todos os gatos son pardos e cando os gatos que frecuentan esta rúa xa están deitados.

20111026071047_c21-f01
20111026071053_c21-f02
20111026081001_c21-f03
20111026081007_c21-f04

Xoán Novás e Said Armesto


Máis que ante unha rúa estamos ante un capricho, un deses recunchos de Pontevedra que parecen feitos por un orfebre. Entendida como unha cuestión personal, esta rúa convértese para min nun dos recunchos máis fermosos da nosa cidade.

A dereita está o gran pazo dos Flórez, e xunto a el un pequeño xardín con ese descoido que lle dá ese ton melancólico e romántico. Nel atopábase durante moitos anos o ‘Guerreiro Celta’ obra do escultor Narciso Pérez Rey, agora trasladado polo Museo Provincial ó seu novo edificio, escultura na que se recupera un modelo clásico en tempos de renovación da estatuaria galega. Alí tamén se sitúa un antigo canón sobre o que o tempo xoga o seu papel.

Unhas escaleiras achégannos dende a rúa Sarmiento ata a rúa Laranxo e alí, nunha praca cun pequeno busto, está a mirada de Xoán Novás, nome descoñecido para os novos pontevedreses, pero que foi unhas desas personalidades imprescindibles na historia da cidade. Fundador e patrono do Museo Provincial de Pontevedra, viviu entre 1880 e 1967. Foi no ano da súa morte cando se decidiu poñerlle o seu nome a esta rúa. Adicado durante toda a súa vida á ensinanza, foi académico da Real Academia da Historia, así como da Língua Galega. Foi distinguido coa Cruz de Afonso X o Sabio, entre outras distincións.

Afastada desta atopamos a rúa Said Armesto, co nome doutro pontevedrés de altos voos culturais, xa que Víctor Said Armesto (1871-1914) foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galaicoportuguesa. A rúa vai entre a Avenida das Corvaceiras e a rúa de San Roque. En 1901 acordouse urbanizar a zona que rodeaba a Praza de Touros ata o paso da vía do tren, que por aquel entón pasaba pola Avenida Raíña Vitoria, provocando o traslado da capela de San Roque. En 1922 decidiuse que levara o nome dese senlleiro profesor que se adicou tamén á literatura e ata escribiu zarzuelas.

Este espazo caracterízase pola presenza da Praza de Touros, única estable que se mantén en Galicia e á que a historia de Pontevedra está moi vencellada. En 1892 levantouse unha construción en madeira, que no ano 1900 pasou a ser xa de pedra. Dende entón as corridas de touros son xa un elemento imprescindible na paisaxe festiva da cidade.

Tamén foi escenario de numerosas anécdotas como a de acoller en 1927 o paseíño do poeta Rafael Alberti, indo na cuadrilla de Ignacio Sánchez Mejías, o seu valedor na súa carreira taurina, que se limitou a esta aparición pontevedresa. O tempo fixo que a praza fose incrementando a súa altura condiferentes reformas, sendo exteriormente a máis chamativa a que levou a cubrila cunha especie de vela, como a das embarcacións que case atracaban ó seus pés.

20111026081035_c22-f01
20111026081043_c22-f02
20111026081049_c22-f03
20111026081056_c22-f04

Os peiraos e Xoan Villaverde


No ano 1951 o casco histórico de Pontevedra é considerado como ‘Ben de Interese Cultural’. Esta situación afectaba a todo ese núcleo antigo, que se situaba intramuros do trazado da muralla medieval. Deixábase fóra todo un espazo coñecido como A Moureira, que debería ser considerado do mesmo xeito que o casco histórico para evitar así a súa destrución masiva, algo que, por desgraza, tivo lugar de xeito irreversible, o que non sucedeu coa zona monumental.

A forza mariñeira de Pontevedra, co seu cumio no século XV, amosábase na puxanza de toda esa zona de litoral que mesturaba a auga salgada do Lérez coa que entraba por unha ría moi diferente á actual e pola que se achegaban ata o porto pontevedrés embarcacións de gran calado. A pesca, o comercio da sardiña, a exportación do viño que chegaba do Ribeiro ou a salazón fixeron que Pontevedra vivise a súa época dourada.

O arquitecto Rafael Fontoira Surís vén de publicar un libro adicado a esta barriada pontevedresa no que se amosan todo un conxunto de fotografías que nos permiten asomarnos ó verdadeiro valor do que xa está perdido. Fermosas vivendas, alfolíes, muíños, zonas de amarre…, en definitiva, parte da vida dunha cidade case dentro doutra cidade. Son moi poucos os elementos que se manteñen vixentes para poder recoñecer ese pasado, pero si que existen algúns nunhas rúas que xa pouco teñen que ver co pasado.

Os Peiraos comprende o espazo que discorre en paralelo á desembocadura do río Gafos nas Corvaceiras. Alí podemos deternos na construción que se mantén en pé, que foi adicada a hospital de leprosos e chega ata a Ponte Nova converténdose logo en Palamios. Dela parten diferentes rúas que aluden ós produtos do mar que engrandeceron A Moureira; son as rúas Espadín, Xurelo e Sardiña, que van dar a San Roque de Abaixo. Agora, con excepción desas últimas vivendas a carón dos restos do hospital dos leprosos, as construcións carecen de interese e mostran a heteroxeneidade de arquitecturas situadas ó chou nun espazo de infinitas posibilidades a carón do río dos Gafos, na súa desembocadura.

A rúa Xoán Villaverde é unha das máis curiosas da cidade, a súa disposición excavada sobre a rocha crea unha rúa con dúas alturas con vivendas típicas da zona delimitando os seus laterais. Discorre o seu traxecto entre Irmáns Nodales e Campo da Torre. Dar un paseo por esta rúa é unha experiencia que todo pontevedrés debería realizar para coñecer a realidade dunha rúa que moi pouco debeu mudar dende os tempos de bonanza económica deste agarimoso e ameazado barrio de A Moureira.

20111026061000_c23-f03
20111026061010_c23-f04
20111026061041_c23-f01
20111026061050_c23-f02

Irmáns Nodales e Palamios


Bartolomé e Gonzalo Nodales foron dous mariños pontevedreses. Son dous nomes de xentes do mar que fixeron grande a esta cidade ó barrio de A Moureira. Ambos fixeron labores de recoñecemento do Estreito de Magallanes no século XVII por orde de Felipe III, realizando mapas para coñecer mellor esas costas que tanto lles deben. Tamén descubriron as illas Diego Ramírez, no sueste do Cabo de Hornos.

Como adoita suceder, a súa memoria permanece esquecida pola cidade e só a triste praca que se atopa na que foi a súa casa natal nesta rúa ou o monumento ós navegantes ilustres que emprazado nas Palmeiras, sirven de recordo para uns personaxes que noutras latitudes terían maior recoñecemento.

A rúa na que naceron é a que leva o seu nome. Moi modificada respecto a outros tempos, vai dende San Roque ata a Avenida das Corvaceiras, e leva este nome dende o ano 1896. É unha rúa que nos deparou unha sorpresa hai ben pouco, posto que nela apareceron os restos dun salgadoiro, reflexo dunha das actividades máis sobranceiras desta Moureira, nunha Pontevedra que tiña esta importante concesión en exclusividade para salgar o peixe e permitir a súa conservación en tempos nos que as neveiras eran ciencia ficción.

A rúa Palamios vai dende a Ponte Nova ata a Avenida Raíña Vitoria. O seu nome refírese ós artesáns no traballo en coiro que, polo cheiro deste material, se situaban apartados da poboación. No ano 1968 decídese renovar o que non pasaba de ser un canellón. Deste xeito pretendíase dar un mellor acceso ó Instituto Sánchez Cantón. Moitos aínda lembran, no lugar onde se atopa o centro educativo, a existencia do que se coñecía como ‘El Vergel’, unha espléndida finca cultivada con numerosas especies de árbores que chegaba ata a rúa de San Roque.

No principio da rúa, pola beira do río Gafos, divísanse muíños, ou mellor dito, os restos de varias construcións que cumprían esa función, algúns dos cales se atopan en estudo para realizar un proxecto de restauración recuperando para a nosa memoria uns espazos onde só as postais antigas con imaxes das mulleres que acudían a estes muíños a lavar a roupa nos permiten imaxinar como serían estes lugares agora esquecidos.

A modernidade chega a esta rúa coa presenza, aínda recente, dun novo establecemento hoteleiro da cidade, o Hotel Dabarca, asentado, de xeito paradóxico, nun lugar de chegada á vila doutro tipo de turistas, aqueles que viñan enrolados en embarcacións que tiñan a Pontevedra como porto de referencia. Eran outros tempos, séculos que se foron esquecendo pero dos que estas rúas son testemuñas aínda vivas da súa importancia.

20111026061019_c24-f0120111026061024_c24-f02

20111026061029_c24-f03

20111026061035_c24-f04

Campo do Boi e Benito Soto


Entre as rúas Xofre de Tenorio, Urco e Milano dos Mares atopamos este espazo, agora moi mutilado con respecto a como era hai algunhas décadas, sobre todo cando esta zona era punto álxido da Moureira. Algunhas casas en ruínas alternan con outras típicas, con dúas plantas e o soportal sustentado en columnas. Columnas como as que deron sona ó lupanar máis famoso desta zona da Moureira, ata a que se trasladaron moitos dos negocios deste ramo que lembramos nas rúas Fonte da Moureira e Xan Guillerme. ‘As tres columnas’era ese afamado local que serviu de nome para o libro de Sabino Torres xa referido con anterioridade, no que tamén se explora a actividade da prostitución en todo este territorio.

Unha fenomenal lectura de historias, nomes, locais e anécdotas que rodearon a este mundo de farois e luces a carón do mar. Pero o Campo do Boi, nome por outra parte repetido noutras zonas de Galicia, tamén é protagonista doutro libro salientable para a nosa cidade. Escrito por Xosé Vázquez Pintor; ‘A memoria do boi’ é un canto á Moureira, ás rúas e a toda unha cidade que, como poucas, é quen de xerar na fértil imaxinación deste escritor, como antes o fixo con outros, todo un mundo entre máxico e poético sobre persoas, pero sobre todo sobre un espazo.

Neste tempos, o Campo do Boi esmorece entre a presión das novas arquitecturas e o esquecemento cabe destacar o traslado ata este lugar do chalé dos Fontoira, que acolle diversos servizos municipais, e que antes se atopaba na esquina entre a rúa do Rouco e Cobián Roffignac. Baixando Xan Guillerme e antes de chegar á praza de Cornellis de Holanda, atopamos a rúa Benito Soto, unha modesta rúa na que en tempos se atopaban diferentes cuadras para gardar as mulas que tiraban das carruaxes.

A importancia da rúa vén dada polo personaxe do que toma o seu nome e quen, lonxe de ser un heroe, ou unha persoa de ben, era un pirata, un dos últimos que nos deixou a historia, algo que acadou grazas á lenda que o acompaña, a existencia dun tesouro, din que aínda sen descubrir, e que se atopa agochado na nosa cidade. Morreu con só 24 anos aforcado en Xibraltar polos ingleses.

A vivenda na que naceu aínda se mantén en pé para o seu recordo nunha rúa onde aínda se parece respirar ese aire antigo de sal e aventuras que parece saír dunha ría onde non só se forxaron lendas de mariñeiros, de pescadores ou de ilustres navegantes, senón que tamén ese lado romántico da mar, de rebelións ós sistemas establecidos tamén tiña o seu acubillo nunha Pontevedra que non pode prescindir na súa historia da figura aínda por descubrir daquel xoven pirata, Benito Soto.

20111026061011_c26-f03
20111026061018_c26-f04

20111026061047_c26-f01

20111026061055_c26-f02

San Roque e Churruchaos


Entre a Avenida Raíña Vitoria e As Corvaceiras atopamos esta rúa, que leva o nome do santo defensor ante a peste, un dos que máis devotos teñen na cidade. Dende o ano 1625 temos constancia deste nome para ese espazo, que se mantén ata hoxe. A súa capela, colocada ó pé dos antigos peiraos da Moureira e preto do Hospital de Leprosos, cumpría unha función de profilaxe ante a chegada dos barcos á cidade.

Agora permanece como unha fermosa testemuña daqueles tempos de pestes e de barcos que, tras longas travesías, chegaban a un dos meirandes portos de España. A capela, desprazada un pouco da súa situación orixinal con motivo da apertura da rúa Said Armesto, é parada obrigada dos toureiros que van facer o paseo nas tardes de festa na Praza de Touros, da que é case un anexo.

San Roque non só dá nome a esta rúa senón a toda esta barriada onde nos atopamos, unha división entre San Roque de arriba e San Roque de abaixo. O paso do tempo foi facendo mudar o seu aspecto e agora, nunha primeira ollada, destaca o grande edificio firmado polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro que se amosa coroado por un gran mascarón de proa nunha fermosa homenaxe ó mar.

Pero o pasado tamén nos leva a lembrar as instalacións de Pazó, unha das primeiras industrias de consideración na nosa cidade e que iría a máis, tendo que trasladarse co paso do tempo cara a un espazo con maior comodidade, como podía ser nas Corvaceiras, no inicio da estrada cara a Marín.

É o barrio de San Roque un dos máis antigos e queridos da vila, estando cheo de lembranzas, nomes e historias, moitas das cales son defendidas pola Asociación de Veciños San Roque, dunha fonda actividade social e cultural, centrada no seu barrio. No mes de agosto a festividade deste santo, tan vencellado a Galicia, é un día de festa na vila. A súa procesión, unha das máis concorridas, é famosa pola asistencia a ela de rapaces e pola posterior queima das coñecidas como ‘madamitas’. Son pouco máis ca unhas escaleiras que serven de unión entre a Avenida de Santa María e a rúa Alhóndiga, pero tras esa denominación atópase un dos grandes nomes da historia da cidade.

A rúa Churruchaos leva o nome dunha importante familia na configuración urbana da cidade na época medieval, xa que as súas torres na Avenida de Santa María caracterizaron a paisaxe da cidade ata a súa demolición. O mesmo que a súa residencia, da cal aínda se conservan imaxes e que Augusto González Besada trasladou ata a súa propiedade de Poio. A futura creación dun Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) será o gran referente para achegarse á historia desta área da cidade.

20111026061001_c27-f02
20111026061008_c27-f03
20111026061020_c27-f04
20111026061054_c27-f01

Fonte da Moureira e Xan Guillerme


Ós pés da basílica de Santa María, as rúas Xan Guillerme e Fonte da Moureira, xunto coa rúa Ouro conforman o que debeu ser un dos conxuntos máis fermosos desta parte da Moureira de Arriba. Un conxunto cheo de lendas e de historias, moitas delas vencellas coa prostitución que se asentaba en moitas das casas desta zona. Nomes como os de Brígida e Dominga son os que recolle Sabino Torres no seu libro ‘As tres columnas’, un estudo sobre esta actividade, sempre presente en calquera cidade e que en Pontevedra tivo nestas rúas primeiro, e con posterioridade no Campo do Boi, o seu centro de actividade.

Estas rúas son parte da historia da Moureira é das súas xentes, así como dos mariñeiros que chegaban procedentes doutras latitudes e, ademais de desenvolver a súa vida cotiá, buscaban tamén desfogar o corpo tras longos meses de traballo no mar. Xan Guillerme prolóngase entre Arcebispo Malvar e Xofre de Tenorio, e o seu nome establécese no ano 1950 para evitar a confusión que se creara entre os veciños ó ir desvirtuando o seu nome ata chegar a San Guillerme, unha santificación que chocaba coas ‘prosaicas’ actividades que se daban nesta rúa. Xan Guillerme era un antigo propietario desta rúa e a el se lle debe este nome.

Poucas rúas da nosa cidade foron tan fermosas como esta. As vellas imaxes coa basílica como telón de fondo, o encalado das súas vivendas a disposición asoportalada das súas casas danlle unha sensación de beleza que o tempo e nós mesmos fomos transformando e mutilando trasnada tras trasnada, tapiando vistas e esnaquizando as arquitecturas tradicionais. Foi un dos máis graves atentados que nós mesmos cometemos contra a nosa historia en común. A impresionante imaxe que centra estas páxinas é testemuña fiel do que dicimos, e dun tesouro estragado por un progreso mal entendido.

Fonte da Moureira, entre Xan Guillerme e a rúa do Ouro, é unha das rúas máis antigas da zona, e dende 1950 se perpetúa ese nome que alude a unha fonte, moi descoidada na actualidade, que fornecería de auga a todo o vecindario dende o século XV. Agora esquecido este manancial foi o apoio de moitos cidadáns de Pontevedra cando non había tantos puntos dos que beber.

De moito interese é nesta rúa a presenza dun dos fornos máis antigos de Pontevedra, do cal se gaban os veciños desta parte da Moureira, sendo parte, durante algunha visita realizada ó barrio, de exhibición pola beleza do seu frontal e sobre todo polo que supoñía ter a carón da casa un elemento deste tipo do cal sacar proveito. As súas vivendas, de pequena altura, fálannos de tempos pasados, pero a súa pervivencia, acosada pola modernidade, debe ser o feito notarial doutra maneira de entender a sociedade e as formas de relacións entre veciños.

20111026061029_c25-f01
20111026061033_c25-f02

20111026061037_c25-f03
20111026061041_c25-f04

A cidade medra


As Vilas, como organismos vivos que son, medran ó longo da súa vida, e fano en moitos casos de xeitos impredicibles, aínda que a man do home teña moito que ver. A transformación de Pontevedra foi durante o século XX moi lenta, o que mantivo no recordo de moitos pontevedreses a imaxe dunha cidade varada, con moi poucos cambios na súa faciana.

Entre as brumas das Rías Baixas e o pesadelo do franquismo, Pontevedra mudou moi pouco con respecto a como era antes da contenda militar. Eses anos anteriores ó enfrontamento armado configuraron o que sería a nosa cidade. Unha cidade que medraría arredor dese casco histórico do que non lle quedaba máis remedio que fuxir. Así é como a cidade medrou, alentada polo forte crecemento demográfico, pasando, de ter en 1900 22.230 habitantes ós 50.483 de 1960.con datos intermedios como os 30.821 habitantes no ano 1930 ou os 36.968 no 1940.

Vemos polo tanto como a cidade mantivo un crecemento que necesitaba de novos espazos de expansión, de zonas nas que vivir e de lugares nos que pasar o seu lecer, desenvolver a súa vida diaria. Así foi como a cidade foi xerando unha tea de araña que, pegada nun momento inicial á zona monumental con rúas como Michelena, Arcebispo Malvar ou Cobián Roffignac, se foi abrindo cara ó exterior con outras como a Avenida de Vigo ou a actual Benito Corbal, antes rúa do Progreso, completada con Loureiro Crespo.

A partir delas e coa creación doutras que as van unindo é como medra esta cidade coas rúas da zona nova, que se irán enchendo de construcións, de vivendas, de empresas e comercios que van facendo medrar a economía da cidade, e xunto coas novas rúas, tamén se crean novos polígonos ou urbanizacións. Así sucede cos barrios de Campolongo e Monte Porreiro, que xorden nos anos sesenta dentro dos plans de vivenda dos diferentes ministerios do franquismo, que aplicaban unhas políticas de desenvolvemento para implantar melloras nunha España que ata este momento non tivo moitos elementos de evolución económica.

Estas rúas, coas súas innovacións arquitectónicas, son un paseo por diferentes estilos, por arquitecturas que se aloxan en períodos concretos, e tamén polas novas demandas sociais dos pontevedreses, entretenementos como os cines, ou as entidades recreativas, os hoteis e demais elementos configuradores da vida nunha cidade.

Pontevedra conxugou así a existencia desas dúas cidades, a que se deitaba entre as pedras dunha zona monumental e a que xurdía dunha cidade moza, con novas inquedanzas e que pelexaba por un futuro no que poder pertencer a unha certa modernidade. Pontevedra co seu ensanche, como tantas outras vilas, creou unha nova cidade. A cidade que medra.

20111026071027_c31-f4-alternativa

Michelena


Lonxe quedan os tempos nos que no seu comezo, onde se mestura coa praza da Peregrina, un grupo de pontevedreses se achegaban a unha botica para falar do que ocorría na pequena Pontevedra. Alí, xunto ó anfitrión Perfecto Feijoo, pasaban as horas que escoitaban soar dende o campanario do santuario. Aquela xente atopábase no centro da cidade, eles mesmos eran o centro daquela vila á que aínda lle costaba espallarse dende o centro histórico. Agora nese lugar unha praca recorda aquela tertulia, materializada en cada Entroido nunha feliz idea do Concello para revivir os sucesos que viviu Pontevedra cando o loro do boticario, o bulideiro Ravachol, pasou a mellor vida.

Xunto á óptica de Gómez Lor esa praca é parte da historia dunha rúa de enorme trascendencia en Pontevedra. Entre a praza de España e a praza da peregrina, Michelena é a gran rúa da cidade, a que une o poder político co relixioso, Concello e santuario, percorrido mítico do inicio das grandes festas da cidade, as da Peregrina. A súa formación como rúa, a mediados do século XIX, cando se produce o derrubamento da muralla que pola banda cercana ós Soportais chegaba ata a Porta de Santo Domingo, no comezo da actual rúa Bastida, vén a mellorar o camiño coñecido como Poza das Ras.

O gobernador civil, daquela Ramón de Michelena, apostou fortemente por esa mellora e o Concello decidiu, en 1858, que o seu nome fose o da rúa. O incremento de poboación no que se viu inmersa Pontevedra fixo que esta medrase, favorecida pola súa situación, coa creación de vivendas e a aparición de diferentes servizos para o cidadán. Deste xeito, no edificio que facía esquina con Fernández Villaverde, enriba do xa comentado Bar Carrillo, atopábase a Estación de Teléfonos e máis adiante, fronte ó Banco de España, a Estación de Correos. Ese Banco de España e o de Riestra, os dous únicos cos que contaba a cidade nas décadas iniciais do século XX, fan desta rúa unha das de máis actividade de Pontevedra.

Nesta mesma esquina estivo durante moitas décadas o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, dende a súa fundación no ano 1928 e ata o seu traslado á rúa Andrés Muruais. Tamén era rúa de cafés, o Carrillo, o Royalty ou o Café español. Outros nomes son os da perruquería de Hereder Solla, a fotografía de Pintos, a farmacia de Eduardo Mosquera, a xastrería de Germán Gómez ou a xoiería de Suárez, agora situada na Praza da Peregrina.

O paso dos anos foi facendo mudar a imaxe desta rúa, e o paso dos trolebuses co seu tendido eléctrico ó longo de toda ela deixou tras de sí aqueles almacéns de Simeón, a Óptica Moderna, a Droguería Magus, a xeadaría da Ibense ou a empresa de autobuses Balea, nomes instalados nuns rótulos pegados na nosa memoria como un recordo máis desa rúa, enchéndoa de luces de neóns que nos falaban de novos tempos nos que poder entrar na Pastelería Solla a por un dos seus pasteis de xema que nos enchen a boca de auga ó velos amoreados no seu escaparate.

Fronte a ela está a Librería Michelena, berce de cultura e libros convertida nunha referencia neste eido en Galicia. A zapatería California con Pepe ‘California’, presidente das Rutas Cicloturísticas do Románico; a mercería Dokar ou outra das franquicias do industrial Manuel Fariña, a cafetería e restaurante Center, son recoñecibles espazos para todos nós.

Outros establecementos serían a pastelería Acuña, a nova tenda de Adolfo Domínguez na cidade, emprazada no antigo espazo dos Almacenes Simeón; a tenda de ofimática de M.C.M.; Calzados Cerra, a tenda de moda Ricar; Lacoste; a cafetería La Hispania; La Muralla, o café concerto Karaoke e unha chea de entidades bancarias, que completan o gran número de negocios que existen nesta céntrica rúa, vital dentro da cidade.

20111026061007_c28-f4

20111026061037_c28-f1
20111026061044_c28-f2

20111026061053_c28-f3

Marquesa


A rúa Marquesa, entre as de Riestra e Michelena, debe poñerse en relación co marqués de Riestra. É un vial estreito que serve para comunicar dúas das vías principais da cidade. Nela atopábase o Garaxe Rone, un dos moitos adicados ó aloxamento de coches e reparacións, que abundaban en pleno centro urbano da cidade ó longo dos anos setenta e oitenta, sendo logo desprazados fóra dela, a lugares moito máis axeitados. Ó final desta rúa na esquina con Riestra atopábase o establecemento de ultramarinos do Monfortino, abastecemento natural de moitos dos veciños destas rúas, aínda que tiña un duro competidor na propia rúa Riestra, o negocio de Valentín Muíños.

O seu nome alude á muller do marqués de Riestra, María Calderón e Ozores. Ela adicou a súa vida a axudar ós demais con actividades como a organización da cociña económica ou o reparto de roupa ou comida e comida entre os máis necesitados.
Esta rúa é moi recordada entre os pontevedreses por un feito curioso, como o de ser o lugar onde se atopaba o único taxi da cidade conducido por unha muller. Tamén nela estivo durante moitos anos o posto de Cruz Vermella na cidade.

Agora serve de tránsito entre Michelena e Riestra, polo que abundan nela as cafeterías como Rotary, Club do Café o América, na esquina coa rúa Riestra parece recoller a testemuña daquel cafe Lar que uns poucos metros máis adiante acollía tertulias centradas na actividade municipal ou educativa.

Todos eles presentan durante a mañá, de xeito especial, a moita xente que fai un descanso nos edificios oficiais que están próximos a ela, ou a que se dirixe as diferentes oficinas que teñen a súa sede nas construcións nas que tamén se atopan negocios como Sánchez ‘o rei dos bocadillos’, Max-copy, o reloxeiro Lago, Fotoprix ou a mercería Anabeti.

20111026061024_c29-f2
©RAFA FARIÑA

Cobian Roffignac


É unha das saídas naturais da cidade xa que conecta coa estrada de Santiago, aínda que o foi máis noutros tempos de menos infraestruturas viarias. O seu percorrido vai entre as rúas Benito Corbal e o que parece o remate desta pero en realidade é outra rúa, Padre Amoedo Carballo, xesuíta pontevedrés o que en 1950 se decidiu homenaxear dándolle o seu nome a esta rúa.

En 1905 un acordo municipal decidiu que esta rúa levase o nome do político pontevedrés Eduardo Cobián Roffignac, substituíndo o antigo de Rúa do Rouco que mantiña o anterior de Camiño do Rouco bordeando o convento de San Francisco e rodeando o perímetro do recinto amurallado. Juan Juega Puig atopa nas súas investigacións diferentes reformas nos anos 1924 e 1925, variando ó longo das décadas do século XX a súa faciana ata a profunda renovación de principios deste século coa ampliación de beirarrúas e a instalación de mobiliario axeitado ás novas necesidades da poboación.

Cunha forte actividade económica esta rúa acolleu establecementos como o Bar Cantábrico, lugar de encontro e de vermús ó inicio da mesma, o establecemento de bicicletas rexentado polo amante das bicis Basilio Couto, a tenda de maquinaria de Díaz e Prieto, o concesionario de Ford de José Abad ou algúns outros que aínda seguen funcionando como a tenda avícola e de xardinería A granxa, a Cristalería Kameselle, a Inmobiliaria Portela ou o Garaxe Plaza.Tamén tivo importantes residencias como o chalé dos Fontoira, agora trasladado a Campo do Boi, ou a fermosa casiña que fai esquina con Benito Corbal e que foi residencia do poeta Luis Amado Carballo.

A implantación de novos negocios foi facendo mudar a imaxe dunha rúa, que na súa parte inicial vén marcada pola egrexia presencia da ábside do convento de San Francisco. Estes negocios foron enchendo as beirarrúas dende a discoteca Carabás, que a partir dos anos noventa e ata hoxe é centro da vida nocturna, pasando pola venta de material de oficina de Landín ata o gran hipermercado do empresario pontevedrés Magín Alfredo Froiz, e que veu a substituir ó que foi primeiro establecemento da cadea pontevedresa situado nese mesmo lugar, ou a administración de Loterías nº 6 da cidade.

Entre eles unha manchea de negocios, droguerías, mercerías, imaxe e sonido, deportes ou telefonía mobil, fan que esta rúa apareza sempre chea de vida e agora, coa súa reforma, amose unha nova faciana máis dirixida a que o peón reconquiste o seu lugar, podendo gozar dunha nova imaxe na que todavía se aprecian eses chiscos do pasado, esas miradas que nos falan dunha rúa chea de recordos para os pontevedreses.

©RAFA FARIÑA
20111026071024_c30-f2
20111026071033_c30-f3
20111026071040_c30-f4

Daniel de la Sota


Nace esta rúa como prolongación de Cobián Roffignac, e dende 1958 recibe o nome do admirado ex presidente da Deputación Daniel de la Sota. Chega ata a rúa Peregrina, amosándose como un camiño de grande importancia no centro da cidade e na súa configuración histórica. Agora atopámola profundamente renovada, cun gran xardín arborado na metada da mesma, permitindo á outra metade, a que vai ata Benito Corbal, a circulación para acceder a rúa Castelao.

O Hotel Rías Bajas, a Discoteca Daniel, a xoguetería Chacón e a tenda de elementos náuticos Gamela son o máis antigo recordo comercial desta rúa. Nela se atopaba ata hai ben pouco a Emisora de Radio Pontevedra, agora trasladada á rúa Castelao. Neste punto naceu a radio en Pontevedra, berce das ondas no que constitúe unha das páxinas máis senlleiras da recente historia da cidade no eido da comunicación e da tecnoloxía.

O establecemento de Simeón que se atopaba onde hoxe temos a sucursal de Bankinter, é parte dunha historia que tamén comparte coa librería Viñas ou a cafetería Daniel, que facía esquina coa rúa Benito Corbal, e que se amosaba como un grande escaparate, pola súa condición acristalada, permitindo dende o exterior saber quen estaba alí, e dende dentro albiscar quen pasaba pola rúa, actividade esta moi da nosa cidade. Agora, a Discoteca con ese mesmo nome no seu soto mantén vivo o seu recordo e tamén perpetúa a súa función festeira no que foi dende sempre un dos puntos neurálxicos desta actividade.

Moito mudaron os tempos dende o apoxeo destes establecementos. Agora a tenda de electrodomésticos de Milar, a xoiería Ferse ou a tenda de deportes do ex campeón de España de atletismo Gayoso comparten espazo con outros comercios máis recentes: tendas de moda como Aire e Aita, complementos como La Caja de Pandora; ópticas como General óptica ou Vilas, xoierías como Hermida ou Auri; zapaterías como Geox ou FV London, emprazada esta última nun punto referente desta rúa na súa esquina coa rúa Peregrina.

Quen non lembra os escaparates de Kaki Viñas, nun espazo que se amosaba como algo máis ca unha librería, onde as bromas e chanzas sobre a cidade, se alternaban con escaparates cheos de sorpresas como as co seu propietario era quen de artellar para sorpresa dos camiñantes. Tamén, cando o mundo dos xoguetes na cidade tiña unha difusión menor, Chacón se erixía, xunto co Gran Garaxe ou Costas, en lugar de referencia.

Esta rúa é emblemática na cidade, imprescindible durante anos como espazo céntrico da vila polo cal acceder cara a zona do río ou cara a Campolongo ou en dirección a Vigo. Con todo, ela mesma tiña a suficiente importancia, polos negocios que nela se atopaban e a súa diversidade, para convertir Daniel de la Sota nun dos vieiros principais de Pontevedra.

DE LA SOTA.jpg

20111026071030_c31-f2
20111026071043_c31-f3

Peregrina


En pleno centro da cidade, é unha das rúas máis concorridas da mesma. Case sempre chea de xente dun lado cara outro, paseando ou simplemente mercando, foi, cando non había tanta oferta comercial, un dos centros económicos de Pontevedra.

No seu primeiro tramo ata Daniel de la Sota os establecementos Barros; Jomafer ou Tobaris; a Droguería Elba; as perruquerías de Antonio e Marcelino; a zapatería de Pacucho, co seu taller na trastenda; a de fotografía de Yáñez, excelente retratista que se atopaba no estudo que antes tiña Sáez Mon; a librería de Viñas, que perpetuaba nos seus descendentes o labor de Indalecio Viñas, magnífico encadernador; o restaurante Chipén, o ultramarinos de Juncal, electricidade Portela ou a farmacia de Trinidad Mosquera son unha parte da historia desta rúa na que aínda se mantiña, pola proximidade de todos estes negocios entre eles, ese sentimento de gran familia, de conxunto de xentes do mesmo barrio,dispostas a botarse unha man no que fixera falta.

Agora abundan as xoierías, como Hermida, Fentos ou Martínez Vilanova, pero tamén os rapaces cargados de lambonadas ou xelados que saen de Juncal. Algúns daqueles establecementos aínda resisten ó paso do tempo, entre eles Barros, Jomafer, Chipén, alimentación Juncal, a zapatería de Pacucho, baixo o nome de Paredes, e que agora se atopa nas mans do seu fillo, ou a farmacia Mosquera, e a eles uníronse moitos novos comercios que fan que esta rúa manteña ese carácter bulideiro que dende sempre se recorda.

Diríxese a rúa cara a saída a Vigo, e ata esa ponte da Avenida de Vigo aínda a entendemos como Peregrina. Ata chegar alí lembramos a Zapatería Melero, a nova tenda de electrodomésticos de Radio Pontevedra, a tenda de bicicletas e motocicletas Moral, o garaxe de Puig, o sanatorio Santa Rita e a fábrica de chocolates La Peregrina, a carón da ponte, son parte deste percorrido pola memoria dos negocios que converteron esta rúa en referente comercial da nosa vila. Pouco antes de chegar á glorieta de Compostela atopámonos a Libraría Paz, cunha espléndida oferta de cómics, o Bar Premio coa administración de loterías a súa entrada, varias tendas de roupa e complementos e cafés, cafeterías que se prolongan ó seu exterior aproveitando a batalla gañada á estrada e ó paso do automóbiles, así as cadeiras e mesas dos cafés Central e Ebano nos conducen ata a glorieta onde pouco antes atopamos outro negocio que ven de lonxe, como a Tapicería Couto.

O pasar a glorieta e antes de chegar ó último tramo, atopamos cafés como El dulce de leche, tabernas como Lizarrán, novos locais adicados á alimentación delicatessen, roupa de cativos, pero tamén froiterías e panaderías, xunto coas necesarias entidades bancarias.

20111026071004_c32-f1
20111026071013_c32-f2
20111026071024_c32-f3

20111026071032_c32-f4

Andrés Muruais


A rúa de Andrés Muruais ten unha grande importancia no desenvolvemento da vida na cidade, e aínda máis cando a antiga Estación de Ferrocarril se atopaba na actual praza de Galicia, polo que o acceso por esta rúa facíase obrigado para a maior parte da poboación. Como obrigado foi pola Corporación Municipal, nos anos finais do século XIX, a apertura desta rúa para facilitar ese tránsito de viaxeiros que ían e viñan no ferrocarril.

Déuselle entón o nome de Andrés Muruais, un dos homes máis particulares que ofreceu esta cidade á historia, e iso que non foron poucos. Poeta, foi tamén colaborador en prensa, sobre todo de cabeceiras locais como ‘El Lérez’ o ‘El eco de Pontevedra’, dúas facetas da sua personalidade nos dan máis datos sobre el. Por un lado, o valor da súa gran biblioteca, que, emprazada na casa do Arco na praza de Méndez Núñez, convertiuse nun lugar de reunión para un gran número dos pontevedreses intelectuais da época.

Dada a súa sona, ata o propio Valle-Inclán, ó longo da súa estadía pontevedresa, visitouna e participou desa tertulia, consultando moitas publicacións difíciles de atopar noutras latitudes, algunhas delas con contidos subidos de ton que puideron influír na escritura da súa obra pontevedresa ‘Femeninas’.

Por outro, o seu papel como impulsor do Entroido pontevedrés, ó que se lle atribúe a fuxitiva representación de Urco pola Moureira adiante, ocasionando a conseguinte inquietude entre os veciños daquel barrio. Medos que se foron convertendo en risas coas multitudinarias representacións que tiveron lugar na cidade sobre o enfrontamento entre Teucro e Urco. A rúa tamén era lugar para o ir e vir dos antigos tranvías que, como aparece na imaxe, chegaban en marchaban a gran velocidade. A carón do tranvía que se ve en primeiro plano temos unha fermosa arquitectura que se corresponde co antigo Hotel Palace.

Nesta rúa houbo tamén arquitecturas de gran fermosura, como a casa onde tiñan a súa consulta os médicos da familia Poza, a do Hotel Engracia, ou a máis sinxela pero sempre querida edificación que se atopaba na esquina superior da rúa, onde agora un novísimo edificio de cristal cambia por completo o recordo da mesma rúa e na que se atopaba a tenda de provisións de ultramarinos de Matías de Cabo, aqueles comerciantes que tanto influiron na vida comercial desta cidade e destas rúas e dos que aínda hoxe queda constancia do seu bo traballo en diferentes establecementos continuadores do seu labor.

Co paso do anos foron outras as singularidades desta rúa. Unha delas é que nela se situase a sede do Casino Mercantil e Industrial, procedente da rúa Michelena e que viviu momentos de gran crecemento da entidade, entre eles o da apertura deste edificio ou a creación do seu parque de verán en Mourente. Para a súa instalación nesta céntrica rúa fíxose cun dos máis fermosos exemplos de arquitectura hoteleira da cidade, o edificio do Hotel Engracia, un referente do aloxamento que se atopaba moi cerca da antiga estación de ferrocarril, o que o convertiría nun lugar referente para os viaxeiros que chegaban a Pontevedra.

Outros negocios con sona na rúa poderían ser a ferretería de Quintillán, na esquina con Andrés Mellado e que se trasladou non hai moito a Eduardo Pondal; a pastelería Ankarr; a tenda de roupa de García Blanco ou o bar Veracruz iniciador da moda de ‘poña unha pulpeira na súa porta’, contando con moitos amantes do cefalópodo. A súa recente renovación mudou a súa imaxe, pero el segue ahí.

RAFA FARIÑA
20111026071038_c33-f1-ojo-nueva
20111026071051_c33-f2-retocada

20111026071058_c33-f3

Benito Corbal


O 28 de abril de 1894 a Corporación Municipal decide chamar rúa do Progreso á que ía entre A Ferrería e o novo hospital na rúa que con posterioridade coñeceu como Loureiro Crespo. Esta nova rúa viña a abrir unha cidade en pleno crecemento, creando así unha nova zona cara a que medrar. E de xeito rápido así foi, xa que en poucas décadas esta rúa foi vendo como os seus solares se encheron de edificios, moitos deles sobranceiros no conxunto da cidade, sendo imprescindibles no desenvolvemento da vida social de varias xeracións.

Un dos maiores construtores deste tempo foi Benito Corbal, que edificou máis dun oitenta por cento dos solares da rúa. Por mediación da Sociedade Patronal decidiuse que a rúa levase o seu nome, e así foi dende 1926. A partir desa situación son os propios edificios e os seus ocupantes, tanto persoas como negocios, os que non deixaron de escribir a súa historia.

Comezando ós pés das escaleiras de San Francisco, un estanco e o quiosco de Paredes, no espazo coñecido como O Galiñeiro, dan comezo a rúa, ata alí chegan procedentes dos antigos quioscos que os seus antergos tiñan na Ferrería. A gornicionería de Mouriño, tamén asentada neste primeiro tramo, é a que se trasladou dende a praza de Ourense. Xunto a ela Comercial a Granxa, tenda adicada á venda de mascotas, completando a oferta do establecemento que tamén posúe esta firma na rúa Cobián Roffignac, un pequeno despacho de pan da firma Acuña e ata hai pouco dous establecementos con anos de traballo como a Inmobiliaria Laybe e a xoiería Ouro, que ocupaba o baixo dunha fermosa casiña.

Tras cruzar as rúas Daniel de la Sota ou Cobián Roffignac entramos no treito principal da rúa ata Loureiro Crespo, coas súas diferentes baixadas cara a praza de Barcelos, Genaro Pérez de Villamil e Vasco da Ponte, e San Antoniño, Lepanto, Javier Puig e
José Millán, ou pola outra banda, os accesos ás rúas Sagasta, Blanco Porto e Cobián Areal. Na actualidade esta rúa é unha das máis transitadas da cidade.

A proliferación de todo un conxunto de comercios adicados ó mundo da moda, moitos deles do grupo Inditex; convertérona nun grande escaparate, un centro comercial coas tendas en diferentes lugares da rúa pero moi cercanos entre si e que a convirte nun bulir de chentes cargadas de bolsas na procura do artículo desexado. Pero ata chegar á actualidade foron moitos os nomes que fixeron desta rúa unha das arterias da cidade.

Lembrar algúns deles é unha débeda que todos nós temos para que todos eles non esvaezan no esquecemento baixo os novos rótulos ou as modernidades. Entre eles, nomes como o de Severino Martínez, que tiña no principio deste treito a distribución de butano ou neumáticos, a farmacia de Luis Amaro, a cafetería Beirut na entrada do cine Victoria, ese cine que dende 1943 encheu de luces e sombras a fantasía de moitos pontevedreses.

Alí, inesquecible, a figura de Parrita, operador e debuxante de carteis, como inesquecible é a presenza fronte o cine do Gran Garaxe, local aínda en pé, mantendo a súa orixe como parada de carruaxes e por onde din que Ravachol aprendeu o seu mal falar a carón dos arrieiros.

Agora combina a labor de garaxe coa venda de xoguetes e ‘souvenirs’. Nomes no recordo son os dos restaurantes Calixto e Casa Celso, o Hotel Progreso, a tenda de mobles Maysan, Supermercados Casal, a mercería de Mylena, Recambios Cortizo e como non, o Hotel Universo coa súa Boite; e tamén, áinda en funcionamento, a Estación de Servicio Costa Giráldez (antes tan lonxe, agora tan cerca), e a presenza atemporal de Gerardo, ou no recordo o ‘mudo’ tan querido polos clientes dun establecemento con toques de modernidade, como foi o ter mulleres atendendo ós clientes, ou a presenza dese mudo como traballador. A pastelería Dolce Vita, e como non, Caramelos Novás, inagotable vendedor, en tempos de soldadiños de plástico, sempre de golosinas, e no Entroido dun arsenal para agocharse baixo un disfraz.

20111026071002_c34-f1
20111026071011_c34-f2

Sagasta


Entre as rúas Peregrina e Benito Corbal, a rúa Sagasta creouse para unir o que a finais do século XIX non eran máis que dúas estradas, as de Vigo e Ourense. A morte, en 1902, de Práxedes Mateo Sagasta fixo que un ano despois a rúa levase o nome deste político. O seu maior atractivo volve ser a vida comercial, como xa acontecía en Benito Corbal con numerosos establecementos adicados ó mundo da moda.

Pero tamén hai nomes que aínda nos levan a un pasado non moi afastado, entre eles a discoteca Shiva que, xunto con Daniel, era un dos centros de baile nocturno máis frecuentados durante décadas e no que o teimudo Ravachol resucitou no ano 1985 da man do coñecido como Pepe Shiva. Fronte a ela atópase a cafetería Sagasta rexentada en tempos polo coñecido de xeito popular como ‘caballito’, curioso personaxe que neste local ofertaba a venda de bolas de pan de Santiago como se se tratara dun produto de contrabando agochado trala súa barra. Tamén o ‘Bazar Silva’, cheo de novidosas mercadorías, agora xa pechado, e, o seu carón, ‘Ciclos Otero’, enchen a nosa memoria cos recordos de establecementos e clientes dun tempo xa pasado.

Agora a renovación de establecementos foi case completa nesta rúa, na que aínda temos un clásico no mundo infantil, a tenda de Kalfer; e outro de mobles, Muebles Míguez. Xunto a eles novos nomes como Juan Blanco, Antonio Pernas, Tous, Ferpes, Benetton ou Coren…que foron transformando o seu aspecto e o achegaron a un novo concepto do mundo comercial, cheo de tendencias e novidades.

Pero non só o que está á vista é a oferta desta rúa, senón que dende ela podemos achegarnos ata o interior de dúas galerías comerciais, a primeira as galerías Virxe do Camiño, onde no seu interior se agolpan diferentes negocios adicados á alimentación, e un pouco máis adiante, no seu último tramo antes de chegar á rúa Peregrina, atopamos a entrada a un recuncho fermoso ó amparo dun gran patio interior e que se amosa decorado con mosaicos que lle conceden un aspecto moi íntimo. No seu interior pequenos comercios adicados a reparación de calzado ou electrodomésticos xuntanse co gran protagonista deste espazo como é a bocatería Tris-Tras.

Amósase Sagasta, polo tanto, como unha especie de prolongación da actividade comercial de Benito Corbal, pero tendo unha identidade propia, algo que lle confire a presenza desas palmeiras que xunto cuns espazos para permitir o peón que se sente, fai esquecer a antiga función de rúa de saída de automóbiles, como se amosa na imaxe antiga da rúa onde as sinais indican diferentes direccións.

20111026071007_c35-f2
20111026071021_c35-f4
RAFA FARIÑA
20111026071048_sagasta_102

Gutiérrez Mellado


No seu trazado actual atopábase a finca de Alejandro Mon, pero a nova urbanización da cidade fixo que se crease nela unha rúa para unir Fernández Villaverde e Marqués de Riestra. De maneira popular coñeceuse como do ‘chanchullo’, segundo Hipólito de Sa polas artes coas que se fixo a compra dos terreos de Alejandro Mon. No ano 1937 bautizouse co nome de Xeneral Mola, e xa en 1996 a rúa muda de denominación, pasando a ser chamada Xeneral Gutiérrez Mellado, en recoñecemento a este destacado persoeiro da Transición española.

Pouco ten que ver esta rúa co que era hai algúns anos, non moitos, cando se amosaba como unha especie de montaña de coches felizmente esquecida, non só para veciños senón para todos os pontevedreses que gañaron un fermoso espazo para o ocio, recuperando así o seu verdadeiro senso como elemento de unión entre a zona das Palmeiras e o casco histórico. Agora, sentado nos seus bancos e baixo as súas palmeiras, o paseante ten un lugar para o descanso, uns minutos gañados á vida para a reflexión e sentir o latexar da súa cidade.

A rúa permite o acceso ás galerías da Oliva con saída ou entrada pola propia Oliva. Gutiérrez Mellado era coñecida de xeito popular, sobre todo hai uns anos, como a rúa dos bancos, porque nela se atopaban moitas e diferentes sucursais bancarias da cidade; pero tamén podemos citar establecementos con moitos anos ás súas costas, como a froitería Tota ou o comercio de imaxe, son e música Vázquez Lescaille, todo un clásico do sector e no que, en tempos, os amantes da música tiñan case o único espazo da cidade para mercar discos de vinilo, que se atopaban na súa planta baixa, onde se podían pasar moitas horas á procura do artista desexado.

Na esquina desta rúa con Riestra mantense o edificio racionalista que fora de Valentín Muíños e do que podemos ver imaxes da súa orixe nas páxinas deste volume, en concreto nas dedicadas á propia Riestra. Valentín Muiños adicábase á venda de ultramarinos. A súa posición privilexiada facíao o grande abastecedor desta zona, iso sí, en competencia co negocio do ‘Monfortino’ que se atopaba na esquina de Riestra con Marquesa.

Diferentes establecementos de hostelería como A Adega dos Avós ou o Café Sucursal enchen a rúa coas súas terrazas. Unha oficina adicada á promoción turística da provincia dependente da Xunta de Galicia completa a oferta desta rúa, na que se atopa unha das bases do coñecido como PillaBici, un exitoso xeito de artellar un sistema de emprego de bicicletas que fomenta o seu uso entre os cidadáns. Outros puntos deste servizo atopámolos en Monte Porreiro, Eduardo Pondal, Xoán Carlos I e o Campus Universitario.

20111026071007_c36-f2
20111026071016_c36-f3
20111026071024_c36-f4
20111026071058_c36-f1

Riestra


Está entre a praza de España e a praza de San Xosé, e era a mediados do século XIX un sinxelo camiño que se dirixía ata o campo de San Xosé. A morte en 1880 de Francisco Antonio Riestra, político liberal con fondas influencias en Pontevedra, levou a poñerlle o nome de Riestra a esta rúa, que en 1950 pasaría a ter como denominación definitiva a de Marqués de Riestra en nome do seu fillo, que tantas empresas levou a cabo nesta cidade cun claro senso modernizador. A ponte da Barca, o edificio de Correos, o instituto ou a fábrica da luz son algunhas das súas iniciativas nesta Pontevedra que, orgulloso vía medrar dende a súa residencia da Caeira.

Coas ruínas de San Domingos inicíase maxestoso o percorrido por esta rúa que podemos dividir en dous tramos, ata o cruce con Gutiérrez Mellado e dende este ata a praza de San Xosé. Na primeira parte da rúa non temos só a historia de San Domingos, o convento dominico de cinco ábsides, senón que tamén temos outras historias como a do propio Diario de Pontevedra, que tivo aquí a súa sede fundacional, e negocios que daquela eran a foguetería dos irmáns Otero, a marmolería de Xosé Lois, Acuña o ferreiro ou os almacéns de Salvador Martínez.

O paso das décadas fixo que o seu adoquinado fose testemuña da existencia de moitos establecementos que encheron as súas beirarrúas de xentes. O Café Lar, a Imprenta Paredes, o Garaxe Miranda, a Tintorería May, os bares Pinky e a A Manchega, xunto coa sucesión de entidades bancarias, converteron a esta rúa nunha das máis percorridas ó longo do día. A ela dan diferentes vías como Marquesa e, pola banda dereita se imos dende o Concello, Frei Tomás de Sarria ou Enrique Labarta, en recordo dun dos primeiros ‘bohemios’ desta cidade, que traballou naquel orixinario Diario. Nesta rúa tamén destacan unha serie de arquitecturas de épocas diversas.

Así, dende o Gótico conventual podemos chegar á obra dun dos máis importantes arquitectos do século XX, Alejandro de la Sota, do que temos un grande edificio de vivendas do que dende esta rúa podemos ver a parte traseira, mentres que a entrada do mesmo atópase na que leva o seu propio nome. Tamén podemos achegarnos a un deses ‘palacetes’ urbanos tan demandados pola burguesía de finais do século XIX, a coñecida como Villa Pilar, que fora de Ramiro Trapote e que agora é a sede do Colexio Provincial de Arquitectos.

Por esta rúa, tamén durante varios anos, saían os autobuses de liña cara a diferentes destinos, antes da creación da actual Estación de Autobuses. Así, a rúa Pastor Díaz era unha estación con certo ton surrealista e que invadía toda esa vía. As complexas manobras de saída dos autobuses eran un triste espectáculo que enchía de atrancos as que deberían ser unhas tranquilas rúas polas que a xente camiñase sen manchas de aceite ou fumes dos transportes.

20111026071006_c37-f1
20111026071015_c37-f2

20111026071022_c37-f3

20111026071030_c37-f4

García Camba


O nome desta rúa é o dun veciño que, xunto con outro chamado Juan R. López, cedeu os seus terreos neste espazo da cidade. Ata ese intre nesa zona só existía un canellón que recibía o nome de Canellón de Paz, e que no ano 1882 foi chamado García Camba, segundo recolle Juan Juega Puig no seu libro ‘Rúas de Pontevedra’.

Pola súa situación, esta rúa convertiuse nun dos epicentros da vida cotiá da cidade. A creación do edificio de Correos, en 1913, supuxo un gran fito para a cidade. A magnitude da súa construción condicionou xa gran parte do desenvolvemento desta rúa. Os seus leóns coa función de caixas de correo xa son un dos elementos senlleiros da rúa e, por que non dicilo, da cidade. Fronte a esta edificación, a rúa comezaba cun negocio desaparecido de xeito triste, a confitería de Los Castellanos, que facía esquina coa Oliva e que marcou a vida de moitos de nós.

Alí se continuaba a tradición deses comerciantes que chegaban de lonxe ás nosas terras para establecerse na cidade e dos que xa levamos vistos varios exemplos en diferentes rúas de Pontevedra. Detras de Los Castellanos e por esa mesma beirarrúa lembramos a tenda de moda de Javiña, a librería Seoane, a Imprenta Couceiro e o seu fermoso edificio, agora recuperado de xeito exemplar, e do que moitos outros negocios do sector deberían tomar exemplo, Establecementos Álvarez ou Electricidad Romero, entre as dúas entradas do cine Malvar.

Mención especial debe recibir o cine Coliseum, que compartía rúa co mencionado Malvar e no que tiñan cabida os bailes de Entroido. O Coliseum marcou moitos anos da vida na cidade, sendo algo máis que un cine, xa que acollía moitos actos sociais. Moitos aída poden lembrar os murais que se atopaban na sala de proxeccións. No interior daquelas galerías do Malvar tiña Rafa, o fotógrafo do Diario de Pontevedra, o seu laboratorio; na súa entrada, tras unhas longas cristaleiras, podiamos atopar a media Pontevedra alí fotografada, algo que se incrementaba cando tiñan lugar os bailes do Casino.

Remataba esta beirarrúa coa imponente presenza do edificio das Torres, durante moitas décadas o rañaceos de Pontevedra. Fronte a el estaban o Bar Titón, as bicicletas de La portuguesa, a librería de Luis Martínez, (agora Escolma), a Churrería Galiano, a Pastelería Capri (único negocio que resiste en toda a rúa destes antigos tempos), o Restaurante Emy. Nomes todos eles que aínda perduran nas mentes de moitos de nós como unha parte esencial da nosa memoria. Tendas ás que fomos aínda non hai moito e nas que coñecimos a moitas persoas que compartiron vida con nós e con nosos antergos na conformación dunha identidade común.

20111026071001_c38-f1
20111026071010_c38-f2
20111026071020_c38-f3
20111026071032_c38-f4

Castelao e Cruz Gallástegui


A apertura desta rúa estaba proxectada dende o ano 1960, e para ela estaba destinado o nome de Cruz Gallástegui, o excelente científico que desenvolveu o seu labor na Misión Biolóxica de Salcedo. Non foi aberta ata o ano 1986, xunto coa que se podería entender como a súa prolongación natural. A rúa, que finalmente levou o nome do científico Cruz Gallástegui, levando esa outra o de Castelao. Ambalas dúas rúas forman unha vía paralela e alternativa a Benito Corbal, unindo Daniel de la Sota con Blanco Porto.

Coa súa apertura a cidade gañou unha nova zona a urbanizar en pleno centro. O seu destino era ben claro, acoller diferentes establecementos comerciais adicados a sectores do máis variado. Dende a cafetería e o restaurante do propio Hotel Rías Bajas no que se parece recuperar ese carácter que se daba en tantos outros locais da cidade no que se mantiñan tertulias entre os cidadáns para ‘resolver’ problemas, dende os cotiás ata os máis graves, ata a nova entrada do reformado Hospital Domínguez, pertencente a unha das familias que máis participaron da historia da cidade dende diferentes ámbitos no pasado século. Xunto a eles é o sector comercial o máis puxante: moda, decoración, axencias de viaxes, fotografía, deportes, roupa infantil, xoierías, perruquerías, e como non as cafeterías, que gardan no seu interior tantas e tantas conversas entre os cidadáns – Continental, Castelao-.

Pola súa banda, a rúa Cruz Gallástegui tamén está ateigada de establecementos: restaurantes como Il buon mangiare, especializado en cociña italiana; La tienda de clara, cunha ampla carta de viños e produtos delicatessen; cafeterías como Mermeye ou Mulligans, que semella un pub irlandés. A oferta desta rúa complétase con firmas de moita sona na cidade, Cordal, adicada á decoración, e Loli Baquero, á moda de muller. Xunto a elas esta rúa destaca pola presenza de tendas de roupa para cativos (Benetton, Gocco ou Bámbola); roupa para mozas (Girl’s); tendas de fotografía, informática, beleza, dietética ou librerías completan e listado de negocios que esta rúa nova foi acollendo dende a súa creación.

Todos eles fixeron mudar completamente o seu aspecto dende o día da súa inauguración, xa que só contaba cun tránsito de coches con dúas ringleiras para o aparcamento e as beirarrúas para os peóns.

Agora convertiuse nun pequeno bulevar no centro da cidade. Anchas beirarrúas con bancos, iluminación e a existencia de camelios converten este dobre espazo nun lugar xa non só de paso, senon tamén de paseo cheo de posibilidades e que serve para desconxestionar o que é unha rúa en pleno centro da cidade.

20111026071005_c39-f3-ojo-es-castelao-y-gallastegui
20111026071015_c39-f4

20111026071035_c39-f1
20111026071053_c39-f2

Blanco Porto e Frei Xoán de Navarrete


Antonio Blanco Porto foi o primeiro director dunha das institucións culturais máis senlleiras da cidade, a Sociedade Coral Polifónica; a ela adicou a súa vida dende aquel debut no Teatro Principal o 23 de marzo de 1926. Morreu no ano 1940, e en 1948 decidiuse que esta rúa, que une Joaquín Costa con Benito Corbal, leve o seu nome. A rúa non compite en beleza coas que a rodean, estando aínda pendente unha mellora do xeito de Cruz Gallástegui, con árbores e unha maior humanización de todo o contorno.

A presenza nela do Colexio das Madres Calasancias define unha gran parte da mesma, o gran edificio do colexio que comparte fachada con Joaquín Costa e o fermoso chalé que a congregación ten ó seu carón, amosándose como unha das construcións que resisten o paso do tempo e o empuxe das novas economías.

Foi tamén durante os anos oitenta e noventa a rúa Blanco Porto un espazo para a fantasía e a imaxinación, xa que ata cinco pantallas de cine se deron cita alí. Foi a primeira incursión na cidade deste tipo de salas, minicines que viñan a intentar apostar por un modelo novo fronte á agonía dos nosos queridos ‘dinosauros’ Malvar, Victoria e Gónviz. As dúas salas do Fylcine ou as tres dos ABC foron un soño que se perdeu aínda non hai moito tempo, aquilo parecíanos pouco, e agora non temos nada.

Na memoria quedan o despacho de viños que se atopaba xustamente onde os cines ABC, coas súas grandes cubas das que manaba un viño escuro que perfumaba a rúa, pero tamén o parque móbil que a propia Deputación Provincial tiña no inicio desta rúa cara a Benito Corbal. Polo demáis, agora son os tempos das franquicias chinesas, da venda de produtos chegados de Oriente, que se espallan polas nosas rúas, non quedando esta á marxe. Estancos, cafeterías, restaurantes, tendas de modas completan a oferta de negocios da rúa.

Frei Xoán de Navarrete repousa no Convento de San Francisco, frade franciscano ó que se lle atribuen feitos milagrosos e do que son devotos os pontevedreses, algúns dos cales, estando enfermos, fai anos, e segundo recorda Pepy Clavijo, ían durmir sobre a súa tumba na procura da súa curación. No ano 1925 apróbase a apertura dunha rúa entre Joaquín Costa e a praza da Virxe do Camiño, onde antes se atopaba a Igrexa que acollía a esa santa.

En 1950 pónselle o nome do frade, e agora a rúa vai entre Peregrina e Sagasta. Ten numerosos establecementos comerciais, algúns xa con ‘solera’, como Electrónica Chamadoira ou Artes Cespón, e outros recén chegados como a Libraría Cronopios, no recordo de moitos a tenda de xoguetes Costas cos seus grandes scalextric e unha chea de repostos.

20111026071001_c40-f4

20111026071026_c40-f1

20111026071040_c40-f2-alternativa20111026071050_c40-f3

Joaquín Costa

Entre as rúas Sagasta e A Estrada está a de Joaquín Costa -nome dun escritor e xurisconsulto dunha grande erudición falecido en 1911-, que foi aberta en1914, e que fora con anterioridade un camiño que saía do barrio de Virxe do Camiño. A partir dese ano a rúa foi medrando, ofrecendo un perfil de certa modernidade nas súas edificacións, así como nas actividades empresariais ou comerciais que nela se situaban, en relación ó resto da cidade.

Así, na esquina coa rúa Sagasta, onde na actualidade temos o establecemento de Muebles Míguez, atopábanse o Instituto de Higiene e o Instituto Forestal, no que era enxeñeiro Rafael Areses, que tamén residía nesa construción que de xeito popular se coñecía polo nome deste pontevedrés, a ‘casa Areses’. Dous portais máis adiante atopábamos ‘Fundiciones Dios’, así como un taller adicado ó arranxo de carruaxes. Máis establecementos míticos poden ser a fábrica de mobles Poza,fabricante de somieres; a fábrica de pan de Gabriel Vilela; ou a fábrica de chocolate instalada onde atopamos o bar Chalo, na esquina coa rúa José Casal. A chocolatería tiña o nome de Chocolates Cancela, e como sucedía con este negocios, o seu arrecendo facíase notar por toda a zona.

O colexio Álvarez Limeses e o das Madres Calasancias levan enchendo a rúa do barullo infantil dende hai moitas décadas, sendo este o son que poidemos escoitar na mesma cando a cruzamos nas horas de entrada e saída dos colexios. Nesa rúa de solares baleiros había un campo de fútbol, o do ‘Eiriña’, barrio ó que se achega a mesma na prolongación que se fixo posteriormente. Nela, a Comisaría de Policía ou a Delegación Provincial de Tráfico son factores de dinamización da mesma, polo que tamén abundan as cafeterías e diversos comercios de alimentación, decoración, manualidades, xoguetes, libraría, pastelerías ou loterías que ofertan os seus servizos ós veciños e paseantes.

Esta rúa foi, antes das melloras nos viais da cidade, a saída natural cara a Meseta, en dirección a Ourense, e a concellos próximos como Ponte Caldelas ou A Lama. Ata rematar no comezo da rúa da Estrada, Joaquín Costa discorre pola parte traseira do Hospital Provincial, e a ela se abriron novas rúas, entre elas as de Filgueira Valverde ou Antón Fraguas. O seu aspecto está en proceso de renovación, xunto con toda esa área á que ela mesmo dá acceso. A renovación de beirarrúas e servizos permitirá, xunto coas interesantes reformas urbanísticas, a creación dunha ampla rotonda no cruce con 12 de Novembro, ou a urbanización dun amplo solar baleiro que linda coas rúas Eduardo Pondal e Camiño de Ferro, facendo medrar a poboación e asentar alí un centro de recursos do Colexio da ONCE.

© FERNANDEZ VALDES
20111026071039_c41-f2

20111026071048_c41-f3

20111026071059_c41-f4

Eiriña e Santa Tareixa de Xesús Xornet


Arrinca nesta rúa o que poderíamos denominar zona leste da cidade, un gran espazo que amosa as posibilidades urbanísticas de Pontevedra e composto por rúas como Loureiro Crespo, Travesía da Eiriña, A Estrada, Pedra do Lagarto ou Conde de Bugallal, xunto coa zona de expansión urbana da cidade, O Castañal, e a que será próximamente a urbanización de Valdecorvos. A Travesía da Eiriña vai dende Joaquín Costa ata Loureiro Crespo e desemboca ante a antiga Comandancia da Garda Civil. Juan Juega recolle no seu libro ‘Rúas de Pontevedra’ como A Eiriña era un barrio que se atopaba ó final da rúa Virxe do Camiño.
Agora esta rúa mantén ese nome en recordo daquel barrio de fondo sentido popular no que moitos pontevedreses teñen as súas raíces, algo de que se gaban durante toda a súa vida. Alí tivo o seu primeiro forno o Sr. Vilela, os seus fillos continuaron o labor do seu pai, abrindo varios negocios do ramo. A rúa presentou durante moitas décadas un deplorable aspecto, xa que se debía considerar como un vial secundario dentro do entramado urbano.

Agora, recentemente reformada, presenta un aspecto formidable adecuándose os seus servizos ás novas formas de vida. Árbores e farois ofrecen unha vista moi saudable do que ata hai ben pouco era pouco máis que unha corredoira. Na metade da rúa ábrese un pequeno espazo para o descanso, unha praciña con bancadas para o ocio dos veciños, que se ven acompañados pola presenza de dous salgueiros choróns.

A rúa, aínda que de tipo residencial, ofrece nos seus baixos varios servizos ó cidadán, dende a presenza nela do necesario Instituto Galego de Consumo, ata diferentes establecementos de tipo privado do máis variado, o ultramarinos Xano, no cal destaca as habilidades do seu dono para o tallado decorativo de produtos como o xamón ou vexetais como o calabacín, sorprendendo ó paseante no seu escaparate coa súa destreza, ata a Cafetería Canadá, a tenda de mobiliario Qka, o servicio técnico de Roca, a academia Cum Laude ou Equipos para el descanso, adicada a venda de colchóns ou almofadas.

Santa Tareixa de Xesús Xornet amósase primeiro como unha rúa de acceso, no remate da rúa Joaquín Costa. Tras unha vía de entrada, ábrese a unha pequena praza rodeada de edificios e que dá a volta por completo a un bloque de vivendas. A colocación de cadeiras ou bancos, xunto con camelios e palmeiras, suaviza a súa condición residencial, no que se atopan algúns negocios como Galisur, Talleres Amoedo, Comercial Amfer, Kimura ou o café Jarcha.

A proximidade co Asilo de Ancianos, levou a que se lle puxera o nome da fundadora da orde relixiosa que creou a Congregación das Hermanitas dos Ancianos Desamparados, e que levan facendo dende tantos anos unha labor de tanto mérito nese Asilo.

20111026071013_c42-f1

20111026071021_c42-f2

20111026071031_c42-f3

20111026071038_c42-f4

Avenida de Vigo


O seu comezo, na ponte que vai por riba de Eduardo Pondal e que marca o remate da rúa Peregrina, sempre presentou certa dificultade para o cidadán, que nunca ten claro onde empeza unha e onde remata a outra. No seu percorrido debemos atravesar outra ponte, a que salva o cauce do río Gafos pola zona de Ponte Boleira. Tras el chegamos a unha rotonda onde tamén desemboca a Avenida de Fernández Ladreda.

A partir de aquí a rúa divídese en dúas: unha é a Avenida da Estación, con acceso ás estacións de ferrocarril e de autobuses, e a outra é a continuación desta avenida de Vigo, que nos conecta coa estrada nacional N-550 ou a autopista AP-9, a través dunha saída da cidade chea de novas edificacións que acollen un amplo número de habitantes. No primeiro tramo, o máis próximo á cidade, presenta varios establecementos de certa tradición na vila, a Cafetería Orly, o Bar Barcelona ou o local de baile Fontana, os que se unen o forno e local de Panadería Acuña, que xa no ano 1928 resultou elidida a mellor panadería nun concurso a nivel mundial celebrado en París, como reza na entrada deste mítico establecemento, xunto á actual Delegación de Sanidade.

A rúa tamén conta co único hotel de catro estrelas da cidade, o Galicia Palace. Moitos aínda lembrarán que no remate antes da rotonda había un concesionario de coches da marca Seat e que agora foi substituído por un establecemento máis da cadea pontevedresa Supermercados Froiz. Importante tamén é o emprazamento nesta rúa da Residencia de Estudantes de Caixanova, inaugurada o 31 de outubro de 1969, que dende os anos setenta leva facendo un destacado labor nesa tarefa de acollida de estudantes, que nestes tempos contaban con escasas residencias deste tipo.

O edificio foi deseñado polo arquitecto Francisco Navarro Borrás, estando a coordinación de obra baixo a man de Joaquín Basilio Bas. Ós seus pés atópase o Instituto Frei Martín Sarmiento, que antes foi a Escola de Mestría Industrial, acollendo unha ampla poboación estudiantil que enche esta rúa de vida. Cara a súa parte posterior, este Instituto ábrese ó barrio do Gorgullón, tamén en pleno proceso de acollida de novos habitantes nos numerosos edificios recentemente construídos nesta zona da cidade, na que xorden novos viais e prazas.

A Avenida de Vigo amósase eminentemente como vial de saída da cidade, sempre o foi, e en tempos era case parte da estrada en dirección sur, cara a Vigo e Portugal. A expansión da cidade foi integrándoa como unha rúa residencial e comercial, por iso na mesma existe toda unha serie de establecementos adicados a ofrecerlles ós vecinos o que necesitan na súa vida diaria.

20111026071021_c44-f1

20111026071030_c44-f220111026071038_c44-f320111026071049_c44-f4-hay-otra-en-la-maqueta

Oliva


Poucas rúas recollen tanta historia como a da Oliva. Pese á súa curta lonxitude, son moitas as xeracións de pontevedreses que, dun xeito ou doutro teñen algún vencellamento con ela. Rúa pensada para o paseo, veu a substituír ós clasistas paseos que tiñan lugar na Alameda. O seu espazo obrigaba a camiñar en común, sen distancias. No seu percorrido entre as prazas da Peregrina e San Xosé, na rúa da Oliva –chamada así pola presenza nela dunha árbore desta especie- recoñecemos varios comercios que levan moitos anos de traballo.

A xoiería Suárez, trasladada ó seu inicio dende o emprazamento anterior en Michelena, a droguería de Tito de la Peña, que antes fora de Godoy, a carón de Sargadelos; a farmacia Carballo, asentada nos baixos do edificio de tipo racionalista que remata a rúa; o negocio de electrodomésticos de Auto-Radio, a xastrería de Valiño; Veymar, Purificación García, Pili Carrera, Pronovias, Amichi o quiosco de Marisa ou o Ultramarinos Pintos.

Tamén temos que suliñar o recente interese pola renovación das súas construcións, así a reforma dunha vivenda onde se asenta o restaurante A casa da Oliva, ou o edificio de vivendas Los Olivos, manterán durante tempo parte do seu espíritu. A Oliva tamén é a rúa das xentes que nela viviron, entre as que destacou a escritora Concepción Arenal, que residiu no primeiro andar dunha vivenda baixo a que agora se atopa o comercio de moda Los Telares.

Alí, esta muller de profundas conviccións en defensa do xénero femenino e da súa igualdade co home, creou unha tertulia á que moitos homes acudían a conversar con ela. Unha praca co seu retrato lembra a súa estadía. A rúa da Oliva únese coa de Gutiérrez Mellado a través dunhas galerías comerciais que foron medrando co paso dos anos onde se dan cita numerosos e variados establecementos. A entrada das mesmas pola Oliva ocupa o lugar do antigo Café Méndez Núñez.

Comercios que a memoria rescata son: a librería de Viñas; as imprentas de Antúnez e Martínez Gendra; a xoiería de O’Donell, aquel que fora xogador do Espanyol de Barcelona; a xastrería Iglesias; Los Castellanos, que compartían fachada coa rúa García Camba; a perruquería Solla; a pastelería de La Estrella de Viena; a mercería de Luisa Torres; Isaygon…e outros moitos que durante anos crearon unha paisaxe asociada á nosa memoria que é quen de encher a nosa mirada coas presenzas, pero quizais máis coas ausencias.

Lonxe quedan aqueles uniformes da Policía Local, e máis aínda o tráfico por unha rúa que non naceu para ser transitada polos coches senón pola xente, a verdadeira protagonista dunha rúa onde un olivo tivo a forza necesaria para acabar imponiéndose ás diferentes denominacións que se barallaron, entre elas Elduayen e Mártires de Sobredo.

20111026071006_c45-f3

20111026071014_c45-f4

20111026071047_c45-f1

20111026071055_c45-f2

Loureiro Crespo


Entre as rúas Benito Corbal e a Avenida de Lugo, a rúa Loureiro Crespo amósase como unha das saídas ou entradas naturais da cidade, neste caso en dirección cara a Ourense. Entre os anos 1949 e 1953 esta rúa coñecíase como Avenida de Lugo, pero nese último ano cambiouselle o nome polo do doutor Loureiro Crespo, mentres que o de Avenida de Lugo se destinou á continuación da rúa, é dicir, entre a rotonda que dá acceso a San Amaro e o cruce en Mourente por onde se vai ben ata Santa Margarida ou ben ó Hospital de Montecelo.

O que antes podía semellar unha zona afastada, de feito alí decidiuse instalar o Hospital Provincial nun espazo lonxe do bulideiro ambiente dunha cidade, agora é parte do núcleo urbano. Non pasaron moitas décadas ata que o crecemento urbano comese o Hospital Provincial. Algo semellante sucedeu co Asilo de Anciáns, aínda máis afastado e que o incremento da poboación fixo tamén que acabase rodeado de edificacións. Outra institución senlleira na cidade é a Comandancia da Garda Civil, trasladada hai pouco ata a Avenida de Domingo Fontán, e que durante décadas ocupou un amplo solar na confluencia das rúas Loureiro Crespo e Casimiro Gómez e que será aproveitado para edificar vivendas.

A lonxitude desta vía fai que sexan moitas as rúas que conflúen nela. Así, cara a zona de San Antoniño vanse sucedendo as de José Millán, Víctor Cervera-Mercadillo, Gonzalo Gallas, Casimiro Gómez, José Malvar, Ernesto Caballero ou Forcarei; e cara a Joaquín Costa e a A Estrada, Cobián Areal, Antón Fraguas, Travesía da Eiriña, 12 de Novembro, Xosé Adrio e Rodríguez Seoane.

Polo seu tamaño, son moitos os negocios que por ela pasaron, fomentando unha actividade comercial chea de vida por esta rúa. Moitos lembramos a presenza a carón do Hospital da fábrica de fariña de Reyes que, logo dun incendio, trasladouse ó Polígono do Campiño, tamén os xelados de Avidesa, e como non, a discoteca Equus, que co seu ambiente xa enchía a rúa nas noites pontevedresas. Os máis maiores recordan aínda a presenza da fábrica de gaseosas La Pontevedresa, nese espazo da discoteca.

Certo é que cada xeración lembra diferentes negocios, comercios que marcaron infancias e xuventudes, camiños ós fogares tras unha xornada de traballo ou un día de colexio. As novas urbanizacións que xurdiron ó longo da rúa tamén idearon novos espazos para o cidadán, como sucede coa praza de Arturo Souto, creada ó pasar a Travesía da Eiriña. A rúa, unha das que máis población rexistran na cidade, acolle o tramo do único carril bici no casco urbano da cidade, servindo de entrada a través deste medio.

20111026071001_c46-f4

20111026071034_c46-f1
20111026071041_c46-f02

20111026071050_c46-f3

Virxe do Camiño e Andrés Mellado


De xeito diferente a como era en tempos, o barrio da Virxe do Camiño era un dos máis sobranceiros da cidade, en boa medida pola presenza da igrexa da Virxe do Camiño, unha das advocacións máis queridas polos fieis, caendo en ‘desgraza’ coa cegada do culto á Virxe Peregrina. A súa capela atopábase na actual rúa de Frei Xoán de Navarrete, no Camiño de Peregrinación a Compostela polo seu percorrido portugués.

A principios dos anos trinta do pasado século a capela foi derrubada, polo que perdemos, unha vez máis, un destacado elemento do noso patrimonio. A actual rúa da Virxe do Camiño une a de Eduardo Pondal coa de Sagasta e a súa principal virtude atópase en que toda ela é parte do Camiño Portugués. A súa estreitez mantén fiel o seu trazado orixinal, e no seu remate, onde se une con Sagasta, atopábase un cemiterio. A taberna do Gurugú, o estanco de La Taca ou o popular acordeonista Salapán son nomes do pasado desta rúa que Hipólito de Sa mantén vivos nos seus libros.

Na actualidade, ó longo do seu percorrido ábrense numerosos negocios que fan que esta rúa teña sempre unha boa animación. A presenza do Hotel Virgen del Camino é un dos elementos destacados desta rúa, que aínda conserva algunha que outra edificación da primeira metade do século pasado. Nela desemboca a rúa chamada Mariscal Pardo de Cela, que a une coa Avenida de Vigo e que lembra a un axusticiado polos Reis Católicos. Déuselle este nome no ano 1986. Nas súas beirarrúa danse citas moitos nomes tradicionais da cidade como os restaurantes Soto e Casa Durán, ou a cafetería La Ibense; outros modernos como o italiano Il Piccolo, o chinés Chi-Chen ou o turco Döner Kebap; ós que se engaden cafeterías como Le Coin, Txabe ou Rumore, que engade exposicións a súa oferta hostaleira.

Andrés Mellado vai dende a praza de Galicia ata a rúa Peregrina. O seu nacemento obedece ó interese por unir a antiga Estación do Ferrocarril, que se atopaba nesa praza, coa saída natural da cidade cara a Vigo, facilitando así o tránsito de viaxeiros. Non hai moitos anos, esta rúa amosaba unha chea de hermosos edificios que nos falaban dese pasado de gran cidade, agora derrubados e substituídos por novas edificacións de vivendas; son só lugar para a memoria e algún que outro recordo fotográfico.

Nun dos que se mantén en pé lemos ‘Refuxio ataques aéreos’, sinalización dese triste acubillo nos tempos da Guerra Civil. O Hotel Madrid, o pub Albatros, a Autoescuela Galicia ou o recordo da tenda de piensos Cía, cos seus pitiños na porta, conviven con nomes como Nox, Adrenalina, Picariños, Marga Calviño ou El zoco.

20111026071005_c43-f4

20111026071039_c43-f1

20111026071048_c43-f2

20111026071057_c43-f3

A Estrada e Conde Bugallal


Esta rúa, chamada da Estrada dende 1953, prolóngase dende Joaquín Costa ata San Amaro. Daquela a cidade tiña nesta rúa unha estrada, sen apenas vivendas, só algunha que outra residencia de tipo unifamiliar e moitas hortas. Pouco, moi pouco tiña que ver coa rúa que temos hoxe en día, onde se crearon numerosas edificacións nas que a xente reside case no centro da cidade.

Se algo caracteriza a esta rúa dende os anos cincuenta, que é toda a súa historia, é a presenza dos alumnos que suben e baixan procedentes do Colexio Sagrado Corazón de Jesús, que leva nese emprazamento dende o ano 1956, cando se asentou nunha pequena e fermosa casa con xardín coñecida como Villa Lucía. As diferentes ampliacións do centro escolar foron mudando o seu aspecto desta rúa no seu extremo superior, algo semellante ó que está a acontecer nos últimos meses coa construción de todo un conxunto de vivendas fronte á súa entrada principal que conlevará un forte incremento da población na zona, coa conseguinte implantación de servizos para satisfacer as necesidades de vida dos cidadáns. A carón desta rúa, un dos contrastes que nos ofrece a vida, a barriada dos Salgueiriños, enfrontamento de dúas épocas en canto a forma de entender a vivenda, urbanizar ou achegarse a maneira de vivir das persoas.

A avenida Conde de Bugallal vai dende a rúa Pedra do lagarto ata o cruce do Marco, onde hai pouco se creou unha gran rotonda que distribúe o tráfico cara a Tomeza, Ponte Caldelas, ou Vigo e a súa comarca. Nesa glorieta, inmersa en pleno Camiño Portugués de peregrinaxe a Compostela, o artista Armando Martínez veu de chantar nela unha gran peza alusiva a unha peregrina coa súa mochila ás costas.

Tamén, como tantas outras zonas da cidade, está a vivir unha explosión de edificacións. Nela destaca a presenza do edificio dos Xulgados na rúa Francisco Tomás y Valiente, tal e como se coñece de xeito popular a estes terreos onde ata os anos noventa se atopaba a prisión provincial que logo se levou ó concello da Lama. Curioso paradoxo o da substitución dun centro de internamento de persoas por outro onde se imparte a xustiza que os levaba ata alí.

Ó seu carón atópase a praza Fermín Bouza Brey, que satisface a necesidade de espazos abertos das vivendas do contorno. Locais de ocio como as cafeterías Mirabeles, Lex, El picoteo, Terranova ou Marpi dan completa resposta a unha zona de moito tránsito. A rúa leva o nome do Conde de Bugallal, que tiña nela un fermoso pazo cun frondoso parque onde destacan os seus magnolios, así como numerosas plantas ornamentais e que será rexenerado próximamente para goce da poboación. O Conde de Bugallal foi diputado nas Cortes por Ponteareas, chegando a ser presidente do Congreso e ministro de Hacienda, Gracia y Justicia.

20111026071001_c47-f1
20111026071007_c47-f2
20111026071019_c47-f3
20111026071027_c47-f4

Barrio de San Antoniño


Está formado por unha ampla rede de rúas que baixan dende Loureiro Crespo ata a propia rúa de San Antoniño e prolóngase pola de Altamira cara a zona do Lérez. A vía central, a que leva o nome de San Antoniño, vai dende a praza de Barcelos ata Casimiro Gómez. Dende ela van xurdindo toda unha serie de rúas que a unen coa superior de Loureiro Crespo e co resto da cidade.

Reformada recentemente a rúa San Antoniño amósase como un exemplo de humanización e de respecto ó ser humano, vindo a solventar as eternas deficiencias que este barrio, e esta rúa en concreto, sufriu durante moito tempo. Camiñar agora por ela vólvese un novo exercicio de confianza nas posibilidades que a arquitectura e o urbanismo son quen de achegar á mellora das condicións de vida do home a través da humanización de espazos.

Ó ser unha barriada de moitos anos de existencia, non son poucos os nomes que fixeron dela parte da súa vida e centro dos seus negocios. A farmacia López Isla, a froitería de Manolo, a Perruquería Tomás, o café bar Apolo ou ultramarinos Rubín, ou o de Celso coa súa carnicería, xunto á tenda de música Alba Sólo Música, son xa parte da historia desta rúa na que segue vixente esa sensación de grupo, de gran familia arredor dun espazo de vida, dunha rúa que artella vidas e relacións, pero que tamén armella o fluír xeral dun espazo.

Como barrio que medrou naqueles anos de desenvolvemento, San Antoniño, presenta tamén unha serie de construcións adicadas ás clases sociais máis baixas, unhas vivendas creadas para acoller a aqueles que non tiñan xeito de facerse con outro tipo de residencia naqueles complexos anos sesenta. Deste xeito, edifícanse nunha ampla zona do barrio estas construcións que o caracterizan dende aquela. Son pequenas vivendas que forman un conxunto harmonioso, no que se integra algunha solución de mellora das condicións de vida, por exemplo os xardíns que as completan.

O proxecto asinado polos arquitectos Joaquín Basilio Bas e José Antonio Corrales, foi un destacado intento de facer unha nova arquitectura dentro do que comezaba a significarse como o ensanche de Pontevedra. Pouco teñen que ver na actualidade coa súa idea orixinal, xa que as sucesivas reformas realizadas polos seus donos modificaron totalmente a súa concepción inicial, pero tras a súa modesta efixie os arquitectos plantexaron unha das primeiras solucións ó problema da vivenda na cidade.

O apoio da Caixa de Aforros para a súa construción propiciou tamén a concesión de axudas para a súa compra, o que favoreceu a moitos pontevedreses que tiveron para sempre a súa vida vencellada a este barrio.

Son as rúas que descenden ou ascenden de San Antoniño as que enchen de vida o barrio do mesmo nome, polo que se converten en elementos imprescindibles á hora de achegarnos á súa comprensión. Dende a praza de Barcelos a primeira que atopamos é precisamente a última rúa aberta para unir San Antoniño con Benito Corbal. A rúa Lepanto inaugurouse no ano 1986, sendo o seu nome a plasmación do irmandamento da nosa cidade coa vila grega.

Ata a súa apertura a rúa eran dous canellóns, un por arriba e outro por abaixo, atopándose no medio as instalacións da construtora Porfirio Diz. Os seus garaxes cos camións amarelos ou o seu taller eran a imaxe desta rúa antes da súa apertura. Xa con novos edificios, a ela se achegaron negocios xa coñecidos na cidade como a Tapicería Tranchero, antes en Alhóndiga ou Diario de Pontevedra, antes na rúa do Rouco, ou o bar Lepanto.

Javier Puig é a seguinte rúa leva o nome dun antigo alcalde da cidade que tamén foi presidente da Deputación. Os laterais da Xunta de Galicia e da estación de servizo de Costa Giráldez son o comezo da rúa na que o Supermercado Froiz, o bar Cralem, a panadería de Ramón, establecementos deportivos, unha axencia de viaxes ou a xastrería de Palmiro son parte dos negocios alí establecidos.

A rúa José Millán leva o nome do autor do libro ‘Notas históricas de los varones ilustres de Pontevedra’, unha recopilación daqueles nomes senlleiros da historia da cidade. Moitos deles son os mesmos protagonistas que deron nome a moitas das nosas rúas. En José Millán destaca a arquitectura do gran edificio obra dos arquitectos José Antonio Corrales e Joaquín Basilio Bas, construído en 1962, que comparte unha grande esquina con San Antoniño. Un edificio que foi elixido polo Colexio de Arquitectos de Galicia no día da arquitectura do ano 2004 para destacar as súas bondades nese eido.

Víctor Cervera-Mercadillo é outra delas. Foi xunto con Perfecto Feijoo, un dos grandes defensores do noso folclore musical. Integrante do afamado coro Aires da Terra, realizou numerosas actuacións para os seus veciños no Teatro Principal.

A rúa de Gonzalo Gallas leva dende 1961 o nome do que fora decano da Facultade de Ciencias da Universidade de Granada. Amósase unida á rúa de Víctor Cervera-Mercadillo pola doutro pontevedrés ilustre, Gerardo Álvarez Limeses, mestre e amante das letras, ás que adicou, xunto coa ensinanza, a súa vida. Moi querido polo corpo de mestres de Pontevedra a súa personalidade achegouse a numerosos eidos da nosa vida social, como a curiosidade de que chegou a ser presidente do Eiriña.

Casimiro Gómez baixa dende Loureiro Crespo ata o inicio de A Seca. Nela se atopa a parroquia da Virxe da Camiño, cunha moderna igrexa presidida no seu altar por un Cristo do escultor Penado.

20111026071011_c48-f4
20111026071020_c49-f1

20111026071028_c49-f2
20111026071035_c49-f3
20111026071037_c48-f1

20111026071043_c49-f4

20111026071046_c48-f2
20111026071055_c48-f3

Padre Fernando Olmedo e Perfecto Feijoo


Entre San Antoniño e Santa Clara, esta rúa permite a saída dende o centro da cidade cara a urbanización de Monte Porreiro. O Concello decidiu no ano 1902 a apertura da mesma para facilitar o acceso á antiga feira de gando que tiña lugar na actual praza de Barcelos. Dende o ano 1950 leva o nome do popular boticario pontevedrés, lembrando así a figura dun dos persoeiros máis curiosos da historia da cidade.

Se nos achegamos á rúa no seu sentido descendente podemos diferenciar dúas partes: a súa esquerda, composta por un gran grupo daquelas coñecidas como vivendas sindicais que non mudaron en case nada o aspecto da rúa; e o lado dereito, onde si que se amosa moi diferente a como se atopaba hai unhas décadas. Quizais sexa a Tapicería Garrido o seu negocio máis antigo, que aínda se mantén en pé. Os seus recheos de espuma e os sons das grampadoras son a estampa visual e sonora desta parte da rúa.

Ó chegar á parte baixa desta rúa temos, ó lado esquerdo da mesma, a rúa Santa Clara, e cara a dereita a de Padre Fernando Olmedo. Esta vía permite saír da cidade pola zona leste da mesma, ben indo por A Seca e Santa Margarida ata coller a estrada a Ourense, ou ben subindo por Casimiro Gómez ata Loureiro Crespo e accedendo ó mesmo vial. Esta rúa leva o nome do frade capuchino Padre Olmedo y Reguera dende o ano 1962, e en tempos antigos non era máis que un camiño, que se prolongaba pola rúa Santa Clara e que se coñecía como parte do trazado do Camiño Vello de Castela, con referencia noutra rúa próxima, e que era por onde accedían á cidade non só os forasteiros en séculos pasados, senón tamén os comerciantes que viñan ata Pontevedra buscando a saída marítima dos seus produtos cara outros mercados.

O aspecto desta rúa defínese pola presenza das instalacións deportivas que configuran o actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva, coñecido habitualmente como Estadio da Xuventude, reminiscencia do franquismo xa que nas súas dependencias se realizaban diferentes actividade adicadas á xuventude local. Tamén neste espazo se atopaba o cuartel dos Requetés. Na actualidade esta infraestrutura deportiva acolle ós deportistas de máis alto nivel de Galicia, cunhas instalacións de primeiro nivel, ademais de contar coa súa propia residencia para favorecer o traballo dos mesmos.

O antigo Colexio Atlántico atopábase tamén nestas dependencias, e nel aínda se lembran as súas festas con eleccións de raíñas e as competicións deportivas, das que o balonmán era o seu destacado deporte, do que moitas estrelas naceron nestas instalacións educativas.

© DIARIO DE PONTEVEDRA

20111026071028_c50-f2

20111026071034_c50-f3
20111026071043_c50-f4

Cobián Areal e Antón Fraguas


No ano 1901 falece o primeiro director do Hospital Provincial, chamado Cobián Areal, e a Corporación municipal daquel tempo decide entón que esta rúa, que transcorre pegada ó recinto sanitario, leve o seu nome. É natural que a presenza deste centro sexa o que marque en gran parte a historia da rúa, non só no aspecto visual, xa que todo un lado da mesma amósase ocupado polo Hospital Provincial, senón que tamén a actividade dos establecementos terá moito que ver coa existencia de restaurantes que ofrecen comidas a prezos económicos, supermercados ós que os visitantes dos enfermos acoden de xeito habitual, farmacias e incluso un centro psicotécnico, necesario tamén pola cercana presenza da Delegación Provincial da Xefatura de Tráfico.

Xunto a eles, nesta rúa existe unha gran diversidade de negocios; tendas de moda, decoración ou moda infantil son parte da súa oferta. Co hospital polo medio atopámonos coa rúa Antón Fraguas, a máis nova das que aparecen neste libro, xa que se abriu no ano 2006 para unir de novo Loureiro Crespo e Joaquín Costa. Conta cun aparcadoiro subterráneo que oferta as súas prazas ós veciños residentes, así como ós clientes de El Corte Inglés, que abriu un supermercado que foi o primeiro establecemento asentado nesta rúa.

A súa recente apertura amosa aínda moitos locais comerciais baleiros que, pola situación da mesma, non tardarán moito en ser ocupados. Neste espazo atopábase antigamente unha importante industria da cidade, a fábrica de fariña dos Irmáns Reyes, trasladada ó Polígono Industrial do Campiño, logo da apertura do mesmo no concello de Ponte Caldelas.

A rúa leva o nome de Antón Fraguas, historiador, antropólogo e xeógrafo natural de Cotobade, que fixo un importante labor en diferentes institucións académicas galegas ás que pertenceu. Os seus primeiros estudos foron nesta cidade baixo a docencia de mestres tan recoñecidos como Losada Diéguez ou Castelao.

Membro do Seminario de Estudos Galegos, no ano 1951 sucedeu a Castelao na Real Academia Galega, tamén foi director do Museo do Pobo Galego. Os seus escritos e recoñecementos servirían para encher todo este libro, polo que queda ben claro que merece que unha das rúas da cidade leve o seu nome.

Os edificios que artellan esta rúa foron feitos de xeito homoxéneo, o que lle outorga un sentido uniforme. Esta bolsa de chan propiciou estas construcións en pleno centro da cidade, e fixo que moitas persoas se asentasen nelas. Pontevedra amosa con este tipo de actuacións a súa condición de cidade en crecemento, sendo unha das poucas vilas de Galicia que aumenta a súa poboación na actualidade.

20111028061025_c51-f2
20111028061034_c51-f3
20111028061044_c51-f4
20111028061050_c51-f1

José Casal e Uxío Novoneira


Por un lado temos a José Casal, que ademais de médico foi presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e fixo durante a súa vida un gran labor na recompilación de materiais da súa época (1845-1912), gardados agora como un tesouro no Museo Provincial de Pontevedra. Polo outro a Uxío Novoneira (1930-1999), o ‘poeta do Courel’, que converteu a esta Serra nun lugar mítico da nosa xeografía e do noso sentir. A súa obra, unha das máis valoradas na recente poesía galega, vai camiñando ó longo de varios terreos nos que non deixa de lado as súas fondas preocupacións ético-sociais. Libros como ‘Os Eidos’ evidencian o seu quefacer poético.

Ambalas rúas responden, a través da súa construción, a diferentes momentos de expansión da cidade, para conectar as novas zonas de crecemento. José Casal, moi anterior no tempo, xurdía como saída á rúa Virxe do Camiño, sen ter que meterse máis na cidade, mentres que Uxío Novoneira é a primera das diferentes rúas creadas tras a substancial mellora de Eduardo Pondal e o seu crecemento, tanto en habitantes como en densidade de tráfico, que é canalizado dende estas novas rúas ata o interior da vila.

A contínua apertura e peche de negocios fálanos da actividade comercial desta rúa. Cafeterías como Casal ou Maberín permiten un respiro cunha taza dun bo café. Pero tamén temos onde gozar dunha coidada comida; tanto no restaurante italiano Da Saverio, como no asador do Hotel Virgen del Camino, que ofrece unha entrada por esta rúa, podemos saciar o noso apetito. Nesta rúa atópase tamén o Colexio Oficial de Enfermería. Negocios como un novo Supermercado Froiz, a librería Debuxos ou o CiberPC completan a súa oferta, mentres ó fondo pechamos a rúa xa en Virxe do Camiño coa tenda de decoración infantil Framboyan.

En Uxío Novoneira esta diversidade comercial ten igual representación nos diferentes negocios que abren e pechan nos baixos dos moitos edificios que se construíron nesta nova rúa. A urbanización que enche unha das súas mazás, amosa edificios como Las Acacias ou Los Cedros, que nos seus patios interiores acollen un conxunto de murais do artista Xavier Dopazo, o primeiro deles recibiu o galardón de ‘Premio Edificio Gallego 10’.

As cafeterías Erbeti e Skala, La boutique de la fruta, a carnicería Fidel, a perruquería Varanasi ou Nácara Descanso son algúns dos neóns que se atopan nas súas beirarrúas. Atópanse moi próximas entre si, parten da rúa Joaquín Costa e, mentres que José Casal vai dar á rúa Virxe do Camiño, a de Uxío Novoneira remata en Eduardo Pondal. Outro elemento común entre ambas e que as dúas levan nomes de persoeiros moi importantes da nosa cultura.

20111028061014_c52-f120111028061024_c52-f220111028061034_c52-f320111028061043_c52-f4

Alexandre Bóveda e Filgueira Valverde


Foron dous homes dun mesmo tempo ós que a vida deparou camiños ben distintos. A rúa Alexandre Bóveda, que rende homenaxe a un dos autores do primeiro Estatuto de Galicia, fusilado no inicio da Guerra Civil, vai dende a rúa Rafael Areses á Avenida de Compostela. Sen comercios ás súas beiras cumpre unha gran función como acceso á cidade.

Por unha banda acolle diferentes centros escolares, como os colexios A Xunqueira I e II, ou os institutos A Xunqueira I e de Formación Profesional. Todos eles son referencia no día a día dunha rúa que se enche de rapaces entrando e saíndo dos seus centros de estudo, así como dos autobuses que ata ela os achegan.

Por outra parte, nela atópase o gran complexo formado polo Recinto Feiral e o Pazo da Cultura, obra concebida en conxunto polo arquitecto Manuel de las Casas, creando un complexo de enormes posibilidades. O Recinto Feiral é un lugar onde se realizan ó longo do ano diferentes convocatorias de feiras de sectores tan diversos como o turismo ou o do automóvil, ademais de ser a sede de dúas citas anuais coa moda da nosa provincia a través da pasarela Pontus Veteris, actividades que xorden da organización da Cámara de Comercio de Pontevedra.

O Pazo da Cultura é un dos referentes culturais da cidade, o seu auditorio é un escenario por onde pasan a mais grandes figuras, tanto da música como do teatro, mentres que as recentemente reformadas salas de exposicións acollen mostras do máis heteroxéneo nos diversos ámbitos da creación.

Esta rúa amosa un gran fluxo circulatorio controlado de preto pola Policía Local, que ten a súa sede nunhas dependencias situadas no propio Pazo da Cultura. Foron precisas diferentes medidas para facilitar o acceso dos alumnos ós centros escolares, entre as que destacan unha serie de lombos na calzada que diminúen a velocidade dos automóbiles.

Dende esta rúa tamén se pode acceder ó parque escultórico da Illa das Esculturas, por un dos seus extremos, mentres que polo outro achegámonos ó campus universitario, pola rúa Celso Emilio Ferreiro. O que fora gran profesor, director do Museo Provincial e alcalde da cidade, José Filgueira Valverde, que ten un oco entre os máis destacados personaxes da nosa historia, ben merece o recoñecemento de ter unha rúa con seu nome.

A rúa, entre Joaquín Costa e Eduardo Pondal, moi cerca do Hospital Provincial onde traballou ata hai ben pouco seu fillo, o prestixioso alergólogo Fernando Filgueira, foi a elixida pola Corporación Municipal. A mesma acolle xa diferentes establecementos como Todo fútbol, Bar Cube, Planet Azul Park, a Jamonería Rey, Hotel Vedra ou o Restaurante Nino, estando pendente de urbanizar un dos seus laterais, no cal se acomete un profundo labor de construción de vivendas e novos viais.

20111028061010_c53-f1

20111028061020_c53-f2
20111028061026_c53-f3
20111028061035_c53-f4

Avenida do Uruguai


A nosa cidade, obvio é, atópase a carón dun río. Esta verdade de Perogrullo, ata non hai moito tempo, pasaba para moitos desapercibida. Un dos grandes tesouros que pode ter unha cidade é un río. Que llo digan a París ou Londres. Saber abrir a vila a ese río foi de sempre un dos grandes males que arrastrou Pontevedra, non saber ver a súa importancia de cara a creación dunha vila aberta á vida e cunha importante mellora das condicións de vida dos pontevedres, dende hai uns anos esta situación mudou de xeito considerable, e así dende a súa desembocadura nas Corvaceiras ata o Paseo de Bos Aires, pasando polas rúas Domingo Fontán ou a Avenida do Uruguai, as diferentes remodelacións urbanas xa consideraron o río un elemento a fusionar coa propia cidade e cos seus cidadáns.

Entre a ponte do Burgo e a ponte da Barca, a Avenida do Uruguai convertiuse nun fermoso paseo a carón do río. Alí onde a vella Moureira esmorece co paso dos anos e se erguen modernas construcións no seu lugar, unha mirada ó mar devólvenos para sempre a aquela cidade que vivía do mar e que, desgraciadamente, deu a espalda.

A súa denominación actual procede do ano 1918 cando, a instancias do Centro Gallego, a Casa de Galicia e o Comité do Día de Galicia en Montevideo, se lle deu o nome de Avenida do Uruguai. Antes deste nome a rúa viviu o seu nacemento como tal, xa que antes nela se atopaba o embarcadoiro cos diferentes peiraos. Coñeceuse como Paseo dos Malecóns aínda que recibira o nome de Avenida de Canalejas ata a súa definitiva denominación.

Dende ela párten diferentes vías cara ó interior da cídade: a Travesía da Galera e as rúas Antonio Rey Soto, Xofre de Tenorio, Urco e A Barca. É tamén o acceso directo ó río a través do Club Náutico, que acolle os atraques de moitas embarcacións deportivas, que xa ben pouco teñen que ver coas embarcacións que surcaron un río con moito máis calado e dunha maior anchura.

O tratarse dunha zona aberta da cidade nela abundaron diferentes empresas que instalaban as súas pequenas fábricas e almacéns nesta zona da cidade. Así, moitos aínda acordamos a presenza de Gaseosas Feijoo e os seus montes de caixas dispostas fronte ó río.

Agora, cos novos tempos todo mudou, e ese frontal que non levantaba máis de dúas alturas agora medrou de xeito case incontrolable, ocultando baixo esa pantalla de formigón e vidro a outra cidade, aquela nacida ós pés dunha basílica que coroaba un territorio e que agora aparece e desaparece entre unhas edificacións que reflicten o noso desenvolvemento pero tamén a nosa escasa sensibilidade co pasado.

20111028061025_c54-f2
20111028061033_c54-f3

20111028061050_c54-f4

20111028061059_c54f1

Avenida das Corvaceiras


Onde remata a Avenida de Uruguai baixo a ponte da Barca comeza a Avenida das Corvaceiras ata a rúa de San Roque, nun espazo gañado ó mar nun deses recheos cos que obtemos espazos para nós mesmos aínda que modifiquemos o medio natural. Juan Juega Puig xa atopa este topónimo de Corvaceiras na data de 1561, que alude, segundo as súas palabras, a un dos oficios vencellados ó traballo no mar semellante á banastería, o daquelas personas que facían canastros para carrexar o peixe.

Varias rúas rematan nela e van artellando o que se coñece como Barrio das Corvaceiras. Éstas serían Fonte do corvo, Monteleón, Said Armesto e Irmáns Nodales. Ó igual que sucedeu coa Avenida do Uruguai, unha ollada ó pasado amósanos unha faciana ben diferente, na que as construcións mariñeiras son un recordo do tempo, aínda que algunhas meritorias vivendas se manteñen en pé, e que agora vén substituído por altos edificios.

Moitas persoas acordan a presenza dos silos que, situados á beira do mar, formaban parte dun dos oficios tradicionais desta cidade, o dos areeiros, que tiñan o complemento de almacenaxe do seu traballo; aínda son recordados recollendo a area do fondo do río sobre as súas barcazas.

Do pasado tamén é a Fabrica de Pazó na que, preto da capela de San Roque, construíron algúns dos máis modernos motores da historia de Galicia, que os irmáns Pazó chegaron a patentar dado que foron froito da súa invención. Tras a praza do Gremio de Mareantes atopamos unha rúa que recorda o seu nome, a Travesía dos Irmáns Pazo. Tamén por alí era habitual a presenza daquel coche con matrícula Po-2, o máis antigo da provincia e que é habitual en concentracións de coches antigos.

Na actualidade é o escenario dos fogos de lucería cos que se inician e rematan as nosas festas da Peregrina, así como o feito de ser unha zona de paseo tras a súa axeitada reforma con espazos de descanso, árbores e ese eterno río no que a nosa mirada se distrae coa súa mestura doce e salgada. As Corvaceiras rematan na Ponte por onde desemboca no Lérez o río Gafos. Xunto a esta paisaxe tamén atopamos a que é sede da Autoridade Portuaria, así como do Gremio de Mareantes, dúas institucións ligadas ó mar dun xeito ou doutro, con máis ou menos historia, pero que teñen nesta zona das Corvaceiras o seu mellor marco para asomarse a ese mar do que tanto dependen.

Dende ela e de novo a carón do mar comeza a Avenida de Marín, que serve para unir a capital co concello veciño a través da autovía, permitindo tamén o acceso á entrada da Autopista do Atlántico, dende a que podemos dirixirnos a varias vilas galegas.

20111028061005_c55-f3

20111028061012_c55-f4
20111028061049_c55-f1
20111028061058_c55-f2

Avenida de Domingo Fontán


Ó outro lado do río, a carón do barrio do Burgo, a Avenida de Domingo Fontán é unha das entradas e saídas da cidade, recollendo o tráfico procedente da Autopista e da comarca do Salnés. Dende a Avenida da Coruña ata a estrada a Vilagarcía, esta rúa leva o nome do prestixioso xeógrafo nacido en Portas, Domingo Fontán, que creou a primeira cartografía de Galicia, a coñecida como Carta Geométrica de Galicia, un fito nese terreo xa non só en Galicia senón en todo o Estado na primeira metade do século XIX.

As súas cinzas repousan no Panteón de Galegos Ilustres. Xunto ó río, a súa recente reforma propiciou a apertura dun novo paseo para o ocio dos cidadáns que conta tamén cun carril bici. Asomarse a ese balcón do noso río permite ver o perfil das dúas rúas anteriores, as avenidas do Uruguai e das Corvaceiras, é como aquilo que falabamos na rúa anterior, convértese nunha realidade que agocha o que era unha das mellores barriadas de mariñeiros de Galicia. De xeito particular continúa a sorprender o baixo grao de protección que ten a basílica de Santa María, que dende esta orela era un referente simbólico da cidade, e agora amósase de xeito imperceptible entre as construcións.

A carón da ponte do Burgo, a estación de servizo é unha das máis antigas deste contorno, fronte ó solar onde se atopaba dende antigo a Capela de Santiaguiño do Burgo, ó pé do Camiño Portugués de Peregrinación a Compostela e agora trasladada a carón de Pasarón. Xunto a ela a ferretería de Malecho, e fronte á gasolineira empresas de azulexos e tellas.

Tras elas atopamos as dependencias para a realización dos exames de conducir, e tamén a Imprenta da Deputación Provincial e o Parque de Maquinaria desta institución, tras eles e cunhas sendas que chegan ata esta avenida atópase a Xunqueira de Alba, un dos máis importantes espazos naturais do concello, e por onde ten lugar a desembocadura no Lérez do río Rons. Xusto nese lugar de cruce de ríos na propia avenida adecentouse todo un espazo no que se realizou a plantación de diferentes especies de árbores, gañando unha zona que estivo especialmente degradada nas últimas décadas.

Ó final desta avenida atopamos as novas instalacións da Garda Civil en Pontevedra, acollendo a Comandancia desta cidade e substitúe o vello cuartel da rúa Loureiro Crespo. Fronte a ela temos tamén o Parque de Bombeiros de Pontevedra, aínda que xa nos atopemos no limítrofe concello de Poio. Dende aquí xa nos atopamos fronte a un dos nudos de aceso a diferentes vías de comunicación en numerosas direccións tanto hacia as principais vilas de Galicia a través da Autopista A-9 como cara á comarca do Salnes a través da PO-531.

20111028061006_c56-f4
20111028061043_c56-f1

20111028061051_c56-f2
20111028061058_c56-f3

Arcebispo Malvar


Ó pé do trazado da antiga muralla medieval a rúa Arcebispo Malvar permite saír da cidade dende o centro ata a zona do río. A rúa vai dende a praza de España ata a praza de Valentín García Escudero e, ó ir xunto á muralla, a súa disposición responde á tradicional dos chamados camiños de ronda. Dende o ano 1908 leva o nome do Arcebispo Malvar, persoeiro nacido na pontevedresa parroquia de Salcedo.

Don Sebastián Malvar y Pinto foi arcebispo de Compostela, e impulsou no seu eido civil a construción da estrada entre Pontevedra e Santiago, en concreto o tramo entre o concello de Valga e Ponte Sampaio. En materia relixiosa tomou diferentes medidas para reformar o labor da Igrexa e chegou a crear un Monte Pío para a axuda ós necesitados.

Se imos cara a ponte do Burgo, deixamos á dereita o lenzo mellor conservado na nosa cidade da muralla; sobre el existen aínda unha serie de pedras almenadas que lembran o que sería o seu aspecto primixenio. Tras elas temos vistas do Palacete das Mendoza, a galería do Sanatorio Santa María ata chegar á basílica de Santa María, que se abre ata esta rúa a través dunhas grandes escaleiras. A portada da basílica, ideada polo arquitecto Cornellis de Holanda, plantexa todo un programa iconográfico sobre a vida da Virxe acompañado dun amplo número de santos, algúns ta curiosos como o San Xerome, portador duns anteollos. Na parte final deste percorrido chegamos a unha fermosa praciña coñecida como do Peirao pola que se accede a zona do Parador.

Na outra beirarrúa son diferentes edificacións as que completan este vial, pero se importantes son os que nela son, aínda máis o son os que foron. Todos lembramos o fermosísimo chalé dos García Sánchez co seu sauce chorón, a antiga pista deportiva onde xogaba o Teucro os seus encontros ó aire libre entre o fervor dos seus siareiros. E chegando ó final desta rúa atopámonos cun fermoso recunchiño, que aínda o foi máis en tempos, presidido por un cruceiro a praciña da Galera, chamada así por existir neste espazo un cárcere de mulleres, tivo durante o século pasado un veciño de excepción, o profesor e ex alcalde da cidade José Filgueira Valverde, que tiña alí a súa casa, na que pasaba longas horas de estudo entre os seus incontables libros.

Tamén a presenza da pista deportiva do Teucro, trasladada ata aquí dende a actual Raíña Vitoria, era un dos feitos que facían desta rúa unha das máis visitadas polos pontevedreses, ó igual que nos bailes e actividades que o propio Teucro tiña na súa sede, tamén nesta parte baixa da rúa. Agora ese espazo mira cara o futuro de cara a ser ocupado pola nova sede do Colexio de Arquitectos de Pontevedra, ó que, abofé, incidirá na mellora deste contorno.

20111028061005_c57-f2
20111028061012_c57-f3
20111028061019_c57-f4

20111028061057_c57-f1

Santa Clara


A presenza do convento das clarisas singulariza a esta rúa. O documento máis antigo que a el se refire está datado no ano 1293, momento no que as diferentes ordes relixiosas se achegaron a unha cidade en crecemento na procura de fieis. O único convento feminino da cidade situouse extramuros, no camiño de Castela, por onde eran moitos os que chegaban a unha vila cunha fonda actividade económica a través do seu porto e a exportación de mercadorías.

O convento ocupa gran parte da rúa, que nesa beirarrúa se completa con diferentes vivendas e comercios e tamén coa recente creación da chamada praza de José Martí. Esta praza, a carón do gran Hipermercado Froiz, está adicada ó escritor e fundador do Partido Revolucionario Cubano, xerando un espazo aproveitado por moitos mozos para prácticar cos seus monopatíns, baixo o cal se atopa un aparcadoiro soterrado. Ó seu carón, un edificio acolle a sede da Axencia de Desenvolvemento Local, onde se concede apoio a aqueles mozos emprendedores no terreo económico.

Tras pasar o convento, ante a silente mirada das figuriñas que se atopan nos seus modillóns, temos dúas portas, unha delas moi visitada polas mozas que van casar, xa que alí se atopa o torno polo que se lles ofrece ás monxas os ovos que a tradición require para que Santa Clara conceda un día de voda luminoso e sen choiva. A seguinte porta dá acceso ás Obras Misionales Pontificias. Varios negocios, adicados á tatuaxe e á estética, finalizan a rúa, que morre ós pes dunha fermosa árbore que cando estoupa a primavera enche de marabillosos olores o cruce coas rúas Perfecto Feijoo, Padre Gaite e Padre Fernando Olmedo.

Pola outra banda, son os edificios de vivendas os que marcan a estética desta rúa que vai dende Padre Fernando Olmedo ata Amado Carballo. As vivendas teñen nos negocios que ocupan as plantas baixas o seu elemento dinamizador, e atopamos unha gran diversidade de establecementos: restaurantes como Santa Clara, Bodegón O Xamón ou Don Crespo; Muebles Santa Clara, Olbe decoración, Gimnasio Ardeas, Electroson, Mis muñecas, El patio de mi casa, Decor Arte Baños, Pc Box, Bar Andoin, Deportes Estadio e o Bingo Santa Clara. Son negocios que enchen de actividade este vial, do que parte, cara a rúa Cruz Vermella, a rúa Álvaro Cunqueiro, que homenaxea a un dos nosos grandes escritores.

Estamos ante unha rúa que ten unha fonda historia. Historias de camiñantes que se achegaban á vila por esta entrada, pero tamén de doazóns ó convento, vidas de monxas que se consagraban a Deus e no que moitas mozas da vila ingresaban grazas á dote que piadosas mulleres deixaban estipulada no seu testamento para manter a congregación.

20111028061005_c58-f4
20111028061041_c58-f1

20111028061047_c58-f2
20111028061054_c58-f3

Avenida de Bos Aires


Tense convertido nunha das zonas de esparexemento máis importantes da cidade. É lugar de paseo, de percorridos en bicicleta ó amparo da natureza nun contorno privilexiado que nos devolve ó río, pero tamén a unha historia na que ese cauce ten moito que ver. Cando no ano 1905 o Concello decide crear un camiño que una Pontevedra co actual barrio de Monte Porreiro o que se facía era cumprir os desexos dun dos importantes persoeiros da Pontevedra daquela, o empresario Casimiro Gómez, ó seu regreso de Bos Aires, onde fixo unha gran fortuna que investiu na nosa cidade. A súa mansión, chamada Villa Buenos Aires, acolleu reunións das máis altas esferas sociais da época, pero tamén no ano 1906 inaugurou un Balneario e producía auga embotellada. Establecer unha comunicación axeitada con todo este emporio era obrigado, e máis se o empresario en cuestión pagaba 15.000 pesetas das de entón.

Pero ó longo deste paseo temos outras moitas historias, non todas tan fermosas como as dos soños entre burbullas, senón que esas historias nos falan de mortes ó abeiro dunha Guerra Civil na que se ‘paseaba’ a aqueles contrarios ó réxime ou que simplemente tiñan un pasado non ben visto polos que apenas unhas horas antes eran amigables veciños. Eses mortos son recordados coa presenza tan simbólica como efectiva dunha serie de árbores a medio medrar, interrompidas na súa vida, pero que resisten erguidas o paso do tempo. Esas árbores da memoria obra do escultor Fernando Casás son un fermoso tributo ós froitos da senrazón.

Esta Avenida de Buenos Aires non é só o paseo propiamente dito, senón que comeza na Ponte do Burgo chegando ata Monte Porreiro. Así é que a carón do río nos atopamos ata tres accesos á outra orela: a Ponte Nova, a coñecida como Ponte dos Tirantes é unha pasarela peonil que permite o tránsito á Illa das Esculturas.

Pola outra banda atopamos a praza de Valentín García Escudero, a parte traseira do Mercado de Abastos coa entrada ó aparcadoiro subterráneo que dá servizo ó casco histórico un conxunto de antigas vivendas de protección oficial ante o novo edificio do Museo Provincial. Achegámonos así ó edificio onde se atopaba a Escola de Maxisterio, agora trasladada a un novo edificio no Campus Universitario.

Nel atópase o Colexio de Educación Infantil Manuel Vidal Portela. Xa fronte ó río e ó cruzar a rúa José Malvar estamos ante o futuro, un amplo espazo onde se situaba a fábrica de taboleiros de madeira de Tafisa e no que disporemos de novas vivendas, espazos verdes, hoteis e a chamada Cidade das Artes, á que se trasladará a Facultade de Belas Artes, na actualidade no Cuartel de San Fernando.

20111028061003_c59-f2

20111028061011_c59-f3

20111028061020_c59-f4

20111028061056_c59-f1

Xoan Carlos I e Alfonso XIII


A avenida Xoán Carlos I artella unha das novas zonas de expansión da cidade. Na parte traseira do Colexio Sagrado Corazón e no que antes eran fincas e leiras polas que os rapaces máis trastes do colexio escapaban para facer das súas, creouse agora esta grande avenida co nome do monarca actual. A rúa vai entre Pedra do Lagarto e a Avenida de Lugo. Os seus catro carrís de circulación amosan o que debe ser unha nova rúa de cara a facilitar o tráfico, do que se controla a velocidade pola presenza de moitas vivendas e do centro escolar, con lombos que obrigan a disminuír a velocidade.

Xunto coas vivendas e os seus negocios, unha zona con amplos solares permite a presenza de servizos básicos para o cidadán; así, está en construción un Centro de Saúde, unha gardería e atopamos algo tamén básico para a saúde, como é a música, xa que nesta rúa atopamos, o acubillo dunha moderna arquitectura, un dos centros de formación máis recoñecidos da nosa cidade, como é o Conservatorio. Trasladado precisamente da rúa Afonso XIII, fórmanse numerosos alumnos en diferentes disciplinas musicais. O Conservatorio vén de presentar a súa Orquestra de Música, un orgullo non só para o propio centro, senón tamén para toda a cidade e na que a música ten fondas raíces, dende o violinista Manuel Quiroga á Coral Polifónica, pasando pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra.

Rúas con nomes de reis estas dúas, afastadas no rueiro unha da outra pero achegadas polos que as nomean. Afonso XIII, avó do actual monarca español, Xoán Carlos I, da nome a esta rúa, que o é dende o ano 1904, baixo o seu reinado, e cando se decide crear unha rúa que una a dos Ferreiros coa nova Ponte da Barca. Sobre terreos cedidos polo marqués de Riestra ábrese esta rúa, que logo terá continuación, aínda que con outro nome, pola rúa Pardo Bazán.

Como dato curioso podemos lembrar o recollido por Juan Juega Puig, o seu cambio de nome durante a República polo de Fermín y Galán, retornando no Franquismo ó seu nome orixinal. Nela atopamos a Biblioteca Pública de Pontevedra. O seu carón atopábase o Conservatorio trasladado á rúa Xoán Carlos I. No seu inicio, na esquina con Xeneral Martitegui temos parte dos arquivos municipais.

Na beirarrúa contraria destacan os edificios que pertencen o Colexio das Madres Doroteas e que abren e pechan a rúa. No seu remate ó pé da ponte da Barca atopamos un fermoso cruceiro que chegou ata aquí dende a rúa do Cruceiro. Na súa iconografía destacan escenas adicadas ó Calvario, sendo de salientar unha Piedade chea de sensibilidade. A rúa sufriu un fondo proceso de renovación da súa imaxe así como de mellora dos seus servizos.

25 ANIVERSARIO REY JUAN CARLOS
20111028061013_c60-f2
20111028061022_c60-f3
20111028061031_c60-f4

Eduardo Pondal


Vai dende a Avenida de Augusto García Sánchez ata a Rúa da Estación. Non hai moito era un vieiro case intransitable, coa única función de permitir o achegamento da poboación ás estacións de ferrocarril e autobuses, indo en paralelo ó Camiño do Gorgullón, ó que se pretendía substituír como unha vía principal que asumise a función de novo acceso e saída da cidade.

As substanciais melloras que durante as últimas décadas tiveron lugar nesta rúa fixeron que esa utilidade se vise incrementada coa construción de numerosas vivendas, converténdose nunha das zonas máis poboadas da cidade e na que aínda se está procedendo á edificación de máis vivendas. Así, a vida comercial foi incrementándose coa presenza de farmacias, tendas de ultramariños, ferreterías como Echegaray, supermercados, como DIA, estancos, como La Cava de los Puros, negocios de electrodomésticos, como Millar ou hoteis, como o recentemente reformado Hotel Avenida, tamén organismos oficiais como as oficinas de emprego do INEM atópanse nesta rúa, dándolle a vida necesaria ata chegar ó gran centro de entretemento da cidade.

Amparado pola Estación de Ferrocarril atópase o ‘Centro de Ocio Vialia’, onde temos as únicas salas de cine da cidade, así como diferentes establecementos de restauración e comercios. Tamén ó seu carón, tres grandes edificios en forma de ‘u’ conforman un dos espazos arquitectónicos máis sobranceiros da cidade. Baixo o nome de Cidade de Pedra, estas vivendas supuxeron unha ruptura coa construción que se estaba a facer na cidade, achegando un aire de modernidade e concedéndolle á vila novos espazos de lecer como o do gran parque infantil que nela se atopa, así como permitindo a apertura de numerosos establecementos nos seus baixos. Aqueles fermosos chalés, e vivendas unifamiliares dos que aínda queda algunha mostra o longo da rúa falábannos dese tipo de vía das aforas da cidade, agora xa é unha rúa máis do centro. Engulida polo crecemento urbano, a rúa amosa a importancia de facer unha urbanización axeitada como marco para o crecemento da cidade.

O seu aspecto xeral vén marcado polo seu carácter de vía de tránsito, de acceso a eses centros de transportes ou ó propio centro de ocio de ‘Vialia’. Non é raro, polo tanto, atoparse con persoas carrexando as súas maletas, levando a equipaxe necesaria para pasar una temporada fóra de Pontevedra, pero tamén con xentes que camiñan cara unhas salas de cine, desgraciadamente afastadas do noso centro urbano que, como veremos noutras rúas deste libro, foron caendo na perversión duns novos tempos nos que os soños dunha pantalla semellan apagarse.

20111028061017_c61-f1
20111028061024_c61-f2

20111028061030_c61-f3
20111028061037_c61-f4

Echegaray e Ferreiros


Pontevedra medraba e medraba, e non só no seu interior senón tamén cara o exterior. As novas comunicacións traían consigo diferentes cambios no que eran pequenos camiños entre vivendas espalladas ó chou. No ano 1901, en pleno proceso de construción da Ponte da Barca, decídese crear unha nova rúa que una a Alameda con esa ponte e a daquela chamada estrada do Grove. Nace así a rúa Echegaray, co nome do dramaturgo que foi premio Nobel de Literatura. Matemático e político español, chegou a ser ministro de Fomento e Facenda, e que adoitaba achegarse nos veráns a esta zona, na que tiña un chalé camiño de Marín. Cunha forte densidade de tráfico, esta rúa aparece ateigada de coches pola súa condición de saída da cidade cara.

O número 1 desta rúa correspóndese cunha vivenda en pedra que agocha tras a verxa de entrada un agarimoso recuncho cheo de arbustos e unha imaxe en pedra da Virxe Peregrina, fermosa maneira de comezar un percorrido por esta vía onde se dan cita dous colexios oficiais: o de médicos e, só un par de portais máis adiante, o de veterinarios. Fronte a eles aínda se manten o rótulo do Café Dominó, espazo para a chiquita e o encontro en tertulia. Na rúa dispóñense diferentes establecementos comerciais, Comercial Real, Muebles Mirón ou Muebles Alfer, todos eles comparten espazo coa Ferretería Echegaray e diferentes tendas adicadas á venda de froitas, mascotas ou neumáticos.

A rúa dos Ferreiros, entre Arcebispo Malvar e a praza de Concepción Arenal, xa aparece así chamada en documentos do ano 1599, aludindo ó oficio tradicional que se debía dar cita nesta rúa, un dos accesos ó barrio da Moureira. Cando na cidade non había tantas rúas abertas conforme as novas necesidades da mesma, algunhas vías eran vitais para acceder a certas zonas de Pontevedra.

O tempo foinas transformando nas súas funcións; así sucedeu coa rúa Ferreiros que, xunto con Arcebispo Malvar e Xan Guillerme, era o acceso máis empregado para achegarse á Moureira, aquel barrio onde a prostitución tiña un papel destacado, sendo moitas veces estas rúas un xeito de control por parte das autoridades dos clientes que, moitas veces embozados, como nos recorda Sabino Torres no seu libro ‘As tres columnas’, acudían solícitos á procura do amor.

Na actualidade a rúa dos Ferreiros ten carácter peonil e moitos dos seus edificios antigos foron caendo para erguer outros modernos. Lugar de reunións, de partidas de dominó e de cartas, pero tamén de troula cos amigos, o Bar Atrevido, renovado non hai moito, no seu interior concéntranse moitas das historias que se poden recoller no día a día da vida dunha rúa.

20111028061003_c62-f3

20111028061010_c62-f4

20111028061050_c62-f1

20111028061057_c62-f2

Pardo Bazán e Xeneral Martitegui


Continuación natural da rúa Afonso XIII, interrompida pola praza de Concepción Arenal, a rúa Pardo Bazán remata en Arcebispo Malvar. Este nome púxoselle no ano 1969 en recordo da afamada escritora autora de ‘Los Pazos de Ulloa’. A transformación urbana que está sufrindo esta parte da cidade mudou completamente a súa imaxe e xa queda lonxe ese aspecto descoidado de vellos adoquíns nunha zona periférica da cidade, pese a estar a carón da praza de España. Agora a rúa amósase como un espazo acolledor, onde o paseo ou o descanso nos convidan a percorrela, así como as rúas cargadas de historia que se atopan ó seu arredor.

Este vial aínda que amosa numerosos negocios pechados, aínda mantén unha forte actividade comercial, dende as dependencias do Instituto Nacional de la Seguridad Social ata a parte final da rúa, cun local mítico desta zona da cidade, o Bar Bahía, atopamos a Tapicería El crucero, Pinturas Pony, Bar Cándido e Bar Berna, e recordos daqueles que estiveron e xa non están, como o almacén de patacas de Saavedra e Somoza, o Petit Bar ou a froitería Mela.

A praza de Concepción Arenal separa estas rúas, xa que a de Xeneral Martitegui parte desa praza ata a rúa Mestranza, pola fronte do Cuartel de San Fernando. Esta construción agora académica, antes militar, é a que define en boa parte a esta rúa, xa que todo un dos seus laterais está ocupada polo cuartel, atopándose no seu interior a Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia. Ó seu remate outro edificio de importancia na cidade, o Colexio Froebel, cun gran papel na renovación pedagóxica de finais do século XIX e principios do XX. En parte dos seus baixos atópanse tamén dependencias que acollen parte do arquivo municipal.

A súa arquitectura fala doutro tempo, de escolas para loitar contra o atraso para intentar mellorar un futuro que, por desgraza non foi todo o feliz que se esperaba. Chea de camelios que fan máis pracenteiro o seu tránsito, a rúa permítenos tomar un café nalgún dos establecementos que pertencen ó Nacional, e dende hai pouco tempo, gozar no restaurante Banastería dunha agradable velada ou dun bo almorzo.

A rúa, por estar próxima a centros de estudo como a Facultade de Belas Artes, a Escola de Restauración ou a Biblioteca Pública, é un percorrido habitual de estudantes que definen este lugar e que fixeron mudar o aspecto da mesma. Nela, a presenza do edificio, agora universitario, antes militar, a tinxía de uniformes do exército, de reclutas que facían parte da súa instrucción no seu interior e que saían del na procura da vida. Agora as cores dese edificio falan de novos tempos, de espazos para o estudo e o progreso, un proceso humanizador que parece trasladarse á rúa, baixo a sombra duns camelios que nos enfeitizan coa súa presenza.

20111028071004_c63-f1

20111028071013_c63-f2

20111028071025_c63-f3
20111028071034_c63-f4

Paseo de Colón


É unha importante vía de acceso á cidade para o tráfico que procede da marxe dereita da ría. O Paseo de Colón amósase moi lonxe de como era cando por el pasaba o trazado do ferrocarril que cruzaba a ría a carón da actual Ponte da Barca. Aquí as vías percorrían toda a rúa ata enlazar con Raíña Vitoria para finalizar na actual praza de Galicia, onde se atopaba a Estación antes do seu traslado a Eduardo Pondal.

A súa orixe procede polo tanto da necesidade de abrir unha vía de comunicación con aquela que chamaban estrada de O Grove. Os terreos, cedidos polo marqués de Riestra, permitiron a creación da rúa a carón das vías do tren. O seu nome orixinal, rúa da Circunvalación, non tivo moito éxito e xa no ano 1914 se coñece como Paseo de Colón. Obxeto dunha profunda reforma, a súa amplitude de espazos convertea nunha rúa de fácil tránsito e perfecta para os peóns. Pola súa parte superior accédese ás rúas Rua Nova de Arriba e Rúa Nova de Abaixo, e na parte inferior permite achegarse ata a Avenida das Corvaceiras mediante rúas como Fonte do Corvo, Monteleón ou Víctor Said Armesto.

Frutas Sol, Marblan, Telepizza, Supermercado Moldes, Academia Postal, Adeslas, Acuña, Max Vídeo ou o café Al-Andalus son algúns dos neóns que alumean nesta rúa, xunto a eles, cafeterías de referencia na historia social da cidade como Stratos, ou a Cafetería Colón, de fonda tradición na defensa do madridismo futbolístico, completan a oferta da mesma.

Entrando nela dende a rúa Alameda atopamos o seu principal edificio, actualmente sede do Arquivo Histórico Provincial, aínda non hai moitos anos era a Biblioteca Pública de Pontevedra, un espazo visto cos ollos dun neno, case máxico. Esas esfinxes á súa entrada, ou o pórtico maxestoso coas súas palmeiras. Sen dúbida que este era o mellor complemento para as posibilidades literarias que no seu interior se amoreaban, narracións fantásticas, comics, historias que nos levaban ata os lugares máis insospeitados e que xa nunca abandonarían a mente daqueles pequenos visitantes.

Aquel exterior, tan afastado do que era un edificio convencional, respondía non a un ‘atrezzo’ senón a un capricho de Eulogio Fonseca, industrial pontevedrés que posuía entre outros establecementos, unha casa de baños na Moureira, sen dúbida un singular negocio de principios do século XX. Pertencente a algún tipo de loxia, esta construción atópase chea de elementos simbólicos que agora, máis dun século despois, semellan unha arriscada composición que non deixa indiferente a ninguén que ata ela se achegue, aínda que non teña os ollos dun rapaz que se deixaba engullir por un edificio cheo de libros.

20111028071007_c64-f4

20111028071042_c64-f1
20111028071050_c64-f2
20111028071059_c64-f3

Rúa Nova de Arriba e Rúa Nova de Abaixo


Tanto unha como outra foron modificando o seu aspecto para dar resposta ó crecemento da cidade e á súa necesidade de artellar novos espazos para as vivendas dunha poboación que medraba. Ambas parten da rúa Alameda e van dar ó Paseo de Colón. Xa nada queda daquelas rúas que aparecen en documentos do século XVII, só ese carácter de angostura que transmiten e que queda doutros tempos. Agora a maioría das edificacións son vivendas, moitas xa de épocas recentes, aínda que algúns números correspóndense á tipoloxía de casa que sería típica neste contorno.

Pequenas vivendas, dunha soa planta, con tellado a dobre vertente e, cara o exterior, porta e unha fiestra. Modestas construcións dun barrio tamén modesto que servía para unir o arrabal portuario coa parte máis moderna da cidade. Ambas rúas aparecen tamén salpicadas de pequenos negocios adicados a actividades moi diferentes. Así, na Rúa Nova de Arriba podemos atopar as Perruquerías Emi e Cinderella, o Café Bar Esmorga, o restaurante Rincón Mexicano ou o Asador Lembranzas.

Tamén destaca pola súa tradición, na propia entrada da rúa facendo esquina coa Alameda, o Bar Carolo, moi vencellado á tradición taurina da cidade e en concreto desta zona, paso obrigado para achegarse ata a cercana Praza de Touros, converténdose nun miradoiro privilexiado para ver o gran número de peñas taurinas e afeccionados que ata alí se chegan nos días de festa. O seu interior, cheo de fotografías de toureiros, carteis e útiles taurinos, permite respirar ese ambiente que só son capaces de transmitir os locais ós que o tempo foi deixando unha chea de recordos.

A Rúa Nova de Abaixo ten tamén diversos negocios: un establecemento de ozonoterapia xusto na súa entrada, fronte ó cal se atopa un centro adicado os maiores dependente da Xunta de Galicia; e uns pasos máis adiante, outro organismo oficial, o Fogga (Fondo Galego de Garantía Agraria), para deixar paso a negocios como a Perruquería Clara, a tapería O rincón dos avós, o bar O Mexillón e un establecemento adicado á mecánica de motocicletas, chamado Motos Tito.

Ámbalas rúas, xemelgas en tantos aspectos, foron profundamente reformadas hai pouco tempo, un cambio que permitiu substituír as vellas pedras do seu piso por un novo chan que mudou o seu aspecto e lle permitiu gañar en frescura, mellorar a súa iluminación, moi deficitaria ata o momento, e algo moi importante, e que poucas veces se valora pola cidadanía ó facer este tipo de obras, a mellora das canalizacións subterráneas e a implantación de novos servizos adecuados os tempos actuais. Por todo esto estas rúas xemelgas seguen a respirar despois de tantos anos.

20111028071000_c65-f3
20111028071009_c65-f4

20111028071026_c65-f1

20111028071054_c65-f2

Avenida Raíña Victoria


Ó igual que acontecía co Paseo de Colón, esta rúa nace pola necesidade de instalar o trazado do tren que remataba un pouco máis adiante, na praza de Galicia. Une Rosalía de Castro con San Roque e leva o nome desta raíña, esposa de Afonso XIII. A súa urbanización foi progresiva, xa que durante moito tempo na parte ocupada polo instituto atopábase o espazo coñecido como ‘El Vergel’ que desapareceu coa construción do Instituto.

A parte superior da rúa está ocupada pola parte final das Palmeiras que lle confire ese ‘toque’ de espazo natural. Pola súa parte baixa atópase a entrada ó parking de Montero Ríos, que facilita prazas onde aparcar a toda esta zona. Mentres, a parte cara a zona dos Peiraos comeza con varios edificios que renovan os antigos, como o que fai esquina con Rosalía de Castro, o coñecido como o Pirulí; o cruce coa rúa Palamios e o Instituto Sánchez Cantón, ou a parte superior do Hotel Dabarca cumpren o seu papel nesta parte da rúa que nun tempo funcionaba como miradoiro da vista sobre o inicio da ría, agora esnaquizada por unha fonda contaminación visual. Lonxe quedan xa as imaxes que amosaban nesta rúa as vías do tren que se achegaban á estación situada na rúa Augusto García Sánchez e na praza de Galicia e na que ata existía un paso a nivel no cruce coa rúa de San Roque.

Os novos tempos mudaron de xeito total o seu aspecto, que tamén ela mesma muda na semana grande das nosas festas, ó ser o emprazamento das atraccións e carruseis que os feirantes traen a Pontevedra na Peregrina. A creación de amplas zonas axardinadas na súas rotondas, por unha banda, e a conexión coa rúa Rosalía de Castro, ambas recentemente modificadas, confírenlle a esta rúa un aspecto moi diferente ó que veu amosando durante a súa vida.

A carón da Alameda e das Palmeiras, o paso por ela sempre é moi agradable, xa que o seu ancho permite un camiñar pracenteiro. Poder ver a ría de Pontevedra ou o cauce dos Gafos cos seus vellos muíños, testemuñas do pasado, sempre que unha construción non o impida, dota de grandes posibilidades a esta Avenida, na que, cando os edificios o permiten acollendo nos seus baixos diferentes establecementos, atopámonos con negocios que van dende cafeterías como El dulce de leche, ou Todo, boutiques de viño como Las añadas del siglo; administracións de Lotería ou comercios adicados ó descanso.

Moita da actividade diaria que ten esta rúa venlle dada pola presenza dos alumnos do Instituto Sánchez Cantón, o segundo creado na cidade tras o Valle Inclán, que son quen de xerala ó longo de todo o seu percorrido. Son rapaces que acoden a un centro de moita tradición na cidade e que completa a súa oferta educativa con numerosas actividades que complementan a formación do seu alumnado.

20111028071005_c66-f2

20111028071014_c66-f3

20111028071022_c66-f4
20111028071056_c66-f1

Avenida Fernández Ladreda, Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia


Varias son as rúas que van compoñendo o populoso barrio de Campolongo. O que era unha zona aberta da cidade, posiblemente o ‘campo longo’ que se adoptou como topónimo, acolleu dende a década dos sesenta un forte crecemento, en base a ese desenvolvemento que viviron moitas cidades de España. A creación de barrios novos con altas construcións era unha das apostas dende o franquismo.

E así, Pontevedra ten en toda esta área que forma un cadrado dende a rúa Augusto González Besada ata Fernández Ladreda, e dende Xeral Rubín ata Alcalde Hevia, esa especie de cidade xurdida da nada, de longos edificios con xardíns ó seu arredor, o que supón unha política de vivenda con certas concesións a facer de todo este contorno un lugar humanizado.

A Avenida Fernández Ladreda vai dende a Avenida de Vigo ata Rosalía de Castro. O seu nome é o do ministro de Obras Públicas no ano 1948, cando se fixo a rúa. A ela van dar varias das rúas de Campolongo como Alcalde Hevia, Xeneral Rubín ou Taboada Nieto, mentres que dela parten outras moitas novas, como Arcebispo Xelmírez, Arcebispo Lago, Manuel Cuña, Afonso X, Camiño das Abilleiras, Fernando III O santo, Pintor Rafael Alonso e Afonso IX, polo que esta grande avenida funciona como a espiña dorsal de todo este conxunto de rúas. Nela se amosa unha gran dinamidade comercial, con tendas de produtos básicos, así como establecementos de decoración, cociñas e de artigos para nenos.

Agora a súa zona central mudou de xeito considerable, xa que durante moitas décadas alí se atopaba o Cuartel de Artillería. Ó seu arredor tamén se fixeron moitas vivendas para os militares que ocupan esta rúa e a de Xeneral Rubín. Os novos tempos fixeron que o poder militar do réxime dera paso á representación do poder político na cidade, neses amplos terreos, xunto a vivendas e a nova Delegación de Facenda, érguese o novo edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra, edificio que ven a unificar baixo un mesmo teito a dispersión pola cidade de diferentes departamentos autonómicos, entre eles a sede que a Xunta tiña en Benito Corbal e que será derrubado.

Dúas das rúas a carón de Fernández Ladreda son Alcalde Hevia e Iglesias Vilarelle. A primeira, recorda a quen foi alcalde da cidade en dúas ocasións, durante a Ditadura de Primo de Rivera e no ano 1950; a segunda a Iglesias Vilarelle, fillo adoptivo desta cidade e sucesor de Blanco Porto na dirección da Coral Polifónica. Ambos, primeiro e segundo director desta prestixiosa entidade musical, son parte esencial desta cidade. En Alcalde Hevia atópase o ximnasio dun coñecido nome desta cidade, Xosé Luis Torrado, centro de recuperación física polo que pasou a elite do noso deporte.

20111028071001_c67-f4-bis
20111028071035_c67-f1

20111028071043_c67-f2

20111028071050_c67-f3

Augusto García Sánchez e Xeneral Rubín


Continuación de Raíña Vitoria, era unha rúa pola que entraba o tren na Estación que se atopaba uns poucos metros máis adiante na mesma rúa. Co traslado no ano 1966 da Estación de Ferrocarril ó seu emprazamento actual, o que era unha rúa gañou en tamaño, converténdose en Avenida. No ano 1978 a Corporación Municipal decide adicarlle a rúa a un dos últimos alcaldes da cidade, falecido nese mesmo ano. Augusto García Sánchez foi rexedor entre os anos 1972 e 1976. Químico de profesión, as súas inquedanzas musicais levárono a ser director do Conservatorio e Presidente da Coral Polífonica e a Sociedade Filharmónica.

A rúa cumpre unha importante función como aparcadoiro de coches ó longo da súa superficie chea de árbores. Na metade do seu percorrido ábrese a praza de Galicia, un cambio que nada ten que ver coas imaxes dunha vella estación de ferrocarril ou coas ruínas en que se estaba a converter este espazo. A altura da praza de Galicia ten o seu lugar de recollida de viaxeiros a liña de autobuses que vai ata Marín, herdanza daqueles trolebuses que encheron as rúas desta zona coa súa imaxe inesquecible.

Tras ela as instalacións escolares do Colexio de Campolongo e, ó pasar esta pequena estación de autobuses, atopamos un dos referentes da cociña en Pontevedra: Casa Román é a parada obrigada do bo gourmet nesta cidade. Referencia culinaria durante décadas, polos seus salóns pasou xente de todo tipo e condición, sendo o seu libro de firmas un anecdotario desta vila e das xentes que por ela pasaron.

O outro lado da rúa por onde baixa a rúa San Xosé a comida tivo tamén a súa referencia; eran outros tempos dos que os máis maiores acordan a Casa Limpias restaurante que aínda a moitos fai salivar cando recordan os seus pratos, o seu carón atopábase outro negocio de sempre, a ferretería de Tajes. Na rúa, que vai dende Rosalía de Castro ata Eduardo Pondal, desemboca a rúa Xeneral Rubín, que comeza en Fernández Ladreda.

Por ese comezo atopámonos coa gran arquitectura desta rúa, os bloques de vivendas firmados polo prestixioso arquitecto Xosé Bar Boo, un orgullo para esta rúa que fixo participar a esta cidade no movemento moderno da arquitectura xunto cos traballos de Alejandro de la Sota. Máis abaixo atopamos a sede do Instituto Nacional de Estadística e o Colexio de Campolongo, pasamos ó lado da praza coñecida como da Liberdade, pero antes debemos cruzar o cauce do río Gafos, que chegou ata aquí cuberto no seu fluír por Campolongo, polo chamado paseo de Valle Inclán, que oculta o cauce dun río que podería ser un tesouro de estar descuberto pero que foi sepultado por antigas políticas, algo non irreversible.

20111028071006_c68-f3
20111028071013_c68-f4

20111028071053_c68-f1

20111028071059_c68-f2

Augusto González Besada


Entre as prazas de San Xosé e de Galicia, esta rúa é unha das que, a pesares do seu curto percorrido, máis historias gardan na cidade. Paso obrigado daqueles trolebuses que unían Pontevedra con Marín ou Lérez e que tiñan a súa parada un pouco máis adiante, ó pé do coñecido como o ‘Chalé do Notario’. Este medio de transporte, xa parte da memoria visual de Pontevedra, desapareceu no ano 1989, sendo a nosa a última cidade de España por onde percorreu unhas rúas que como esta de Augusto González Besada non se entenden na historia da nosa cidade sen o seu paso.

Augusto González Besada, político nacido en Tui que chegou a ser Ministro de Facenda e Gobernación e que como avogado exerceu na nosa cidade. Sempre tivo moi presente a Pontevedra e a Galicia cando desempeñaba o seu labor político en Madrid. Así, acadou para a vila a creación do Instituto, e o Cuartel de Infantería, ademais de facer melloras no Porto, a Alameda e na praza do Concello. En González Besada aínda parecen estourar as liortas sobre fútbol que saían do Bar Lores, logo continuadas, aínda que con outro ton no Hotel Comercio.

Fronte a eles, outros sons saen do establecemento A Mezquita, restaurante dos de verdade, de comer por dereito, e así os sons son dos que están a chupar nos dedos pola boa comida. Completábase a rúa con establecementos adicados á electrónica e a imaxe: o de Lago y Lago, onde imperaba a Pilhips, e uns metros máis adiante o comercio de Miguel Otero, onde era a teutoa Telefunken a referencia da casa.

Pero se algunha entidade define a esta rúa esa é a Caixa de Aforros de Pontevedra, agora rebautizada como Caixanova trala súa fusión coas outras entidades financeiras do sur de Galicia. O seu grande edificio, a sede central na nosa cidade, ocupa unha ampla zona da rúa que vai dar ata Xeneral Rubín e prolóngase pola rúa San Xosé. Entidade económica de referencia na nosa cidade foi a visión de Daniel de la Sota o que a puxo en marcha coa axuda de Alexandre Bóveda. A construción do fermoso edificio de canteiría data do ano1945, coa recente remodelación da man do arquitecto local César Portela esta valoración da pedra incrementouse baixo a sensibilidade do arquitecto, que soubo ver as súas posibilidades respectando a súa faciana exterior.

Cara o interior o edificio mudou de xeito total e xa nada queda daquel oscuro recibidor onde os pontevedreses facían ringleiras para xestionar as súas contas. Agora o edificio encheuse de luz e o seu amplo ‘foyer’ nos ampara de cara a achegarnos ás numerosas propostas culturais ou de ocio que se ofertan neste edificio. Cara a zona de Campolongo a situación resolveuse cunha gran fachada de cristal que reflicte nela toda esa ampla zona de vivendas mudando por enteiro o seu aspecto.

BESADA1.jpg
20111028071035_c69-f2
20111028071042_c69-f3
20111028071048_c69-f4

Rosalía de Castro


Coñecida como a estrada de Marín hai moitos anos, a cidade foise asentando nas súas marxes, convertendo o que era unha estrada nunha vía urbana. O seu nome mudou hai poucos anos, sendo coñecida dende 1942 co nome do Ministro de Mariña daquel entón, Salvador Moreno. Unha recente revision de rúas con nomes vencellados ó franquismo fixo que pasase a chamarse Rosalía de Castro, compartindo o nome da poetisa galega co do paseo que co seu nome se atopa no fondo da Alameda en paralelo a Raíña Vitoria, e co Parque Rosalía de Castro, a carón do Recinto Feiral.

É a prolongación natural da rúa da Oliva e o seu percorrido comeza a partir da praza de San Xosé, un pequeno tramo agora adaptado ó descanso do paseante, sen coches e pensado para que o cidadán sexa dono do seu espazo. Tras o cruce coa rúa Raíña Vitoria chegamos á parte maior da rúa, que non rematará ata Mollavao -zona por descubrir da cidade na saída de Pontevedra cara a Marín, co mar a súa dereita e na que abundan numerosas vivendas unifamiliares en lugares como A Chamusca-. Unha longa rúa na que, xunto ós comercios que abastecen de produtos e de vida ós propios veciños, temos toda unha serie de construcións especiais e significativas para a nosa historia.

Así, dende o seu comezo xa temos o edificio da Audiencia Provincial, antigo cárcere e agora lugar onde se imparte a xustiza de toda a provincia. Antes de chegar ó cruce coa rúa Manuel del Palacio a rúa Ramón Peña lévanos ata o Sanatorio Marescot, pechado recentemente pero cunha fonda historia na cidade, lugar de tertulias no comezo do século pasado e por onde pasaron personaxes do máis variado da nosa sociedade. Ó pasar Manuel del Palacio a ambos lados da rúa atopamos diferentes vivendas e espazos dos militares dependentes do que era o cercano acuartelamento militar de Campolongo. Se imos en dirección cara Marín, neste lugar diferentes rúas baixan cara a ría para traer ó noso recordo a Fábrica de Pazó, trasladada dende San Roque para acoller unha maior produción.

Continuando pola rúa principal cruzamos baixo a ponte da Autopista AP-9 chegamos ó centro sanitario da Casa do Mar. Uns metros máis adiante chegamos ó cruce que sube cara a Salcedo pola Chamusca, onde son moitas as casas unifamiliares que dende alí teñen unha envexable vista sobre a ría e a contraria costa de Poio. Todo este espazo, xunto co que discorre a carón da estrada vella a Marín coñécese como Mollavao, moitas veces maltratado por atoparse neses espazos fronteira, na saídas das cidades, nos que parece que xa non se lles debe facer atención. Mollavao, en tempos, foi a gran praia da cidade, cando a contaminación non existía.

20111028071003_c70-f4

20111028071045_c70-f1

20111028071053_c70-f2
20111028071058_c70-f3

Avenida da Coruña e Xoán Bautista Andrade


Se seguimos as liñas imaxinarias que deixaron no aire eses tendidos eléctricos que impulsaban os trolebuses cara o seu outro destino habitual, a zona de Lérez, podemos achegarnos a estas rúas que forman case que unha soa. A Avenida da Coruña e Xoán Bautista Andrade son o eixo que vertebra outro dos grandes barrios da cidade de Pontevedra, o do Burgo.

A el chegamos tras cruzar a Ponte do Burgo, construción medieval moi transformada na actualidade pero baixo a que se poden agochar os restos dunha ponte de orixe romana vencellada ós achádegos arqueolóxicos atopados na praza de Valentín García Escudero. Esa ponte pon a cidade en relación con Compostela e co Camiño Portugués de peregrinaxe, que tanta importancia ten neste barrio.

A Avenida da Coruña parte desa ponte e remata no comezo de Xoán Bautista Andrade, á altura da pequena rúa adicada ó arquitecto Alejandro Sesmeros e xusto antes do Estadio de Pasarón. Será xustamente ese campo de fútbol o que marque a vida deste barrio. Os tempos do Pontevedra do ‘Hai que roelo’ convertían esta rúa nun formigueiro de persoas que se dirixían ó mesmo, máis que a ver fútbol, a soñar coa evasión que este deporte producía ó ver a unha pequena cidade de provincias loitar fronte a fronte contra Real Madrid e Barcelona en tempos nos que non abundaban as alegrías. A proliferación de bares nesta rúa estaba en relación coa masificación que cada quince días tiña lugar no barrio.

Xoán Bautista Andrade é a rúa que vai dende o remate da Avenida da Coruña ata Médico Ballina. Leva o nome dun deses personaxes ós que, xustamente, o nome dunha rúa mantén no recordo e rescata do esquecemento da súa cidade. O poeta do Burgo, como poderíamos chamalo, naceu no ano 1879 e morreu en 1930. Foi además funcionario do Concello e viviu na rúa que leva o seu nome. No número 117 da mesma vemos unha praca na que reza: “Aquí vivió y murió Juan Bautista Andrade. 1879 poeta 1930. Homenaje de su pueblo 1956”. Recibiu diferentes galardóns en certames poéticos.

A súa obra, realizada principalmente en castelán, móvese dentro das correntes modernistas. Na súa finca ‘Fillagosa’ reuníanse ó seu carón moitos amigos para escoitar as súas composicións, e ata alí adoitaba ir outro poeta, de máis sona, Luis Amado Carballo. No seu remate, un cruce permite dirixirse cara a lugares como Xeve ou Campo Lameiro e tamén achegarse ata a gran arquitectura da parroquia de Lérez, o Mosteiro de San Salvador de Lérez, onde pasaron longas temporadas os padres Sarmiento y Feijoo, o que fala deste lugar como referencia no ámbito do estudo en séculos pasados.

20111028071001_c71-f2
20111028071008_c71-f3

20111028071018_c71-f4

20111028071055_c71-f1

A Santiña e Luis Otero


A Santiña é un dos barrios máis antigos da cidade, do que se conservan fotografías da antiga calzada romana que o atravesaba. Son estas unhas fermosas imaxes, que sitúan o paso por Pontevedra da vía número XIX, e ás que de novo a nosa falta de sensibilidade polo patrimonio converte en obxectos de museo, fragmentos dun tempo perdido. O seu nome procede da existencia nela dunha imaxe en pedra dunha santa, propiedade dun zapateiro que vivía na zona chamado Xacinto.

Pero o que marca a historia desta rúa da Santiña é ese carácter de espazo de tránsito, de camiño de peregrinaxe polo que tantas e tantas xentes pasaron e levaron consigo a memoria de elementos que acompañan ó peregrino no seu paso por esta rúa. Elementos como o escudo que alude a aquela raíña Isabel que peregrinou a Compostela no ano 1325 dende Coimbra, ou un espectacular Cristo crucificado que se atopa no portal de entrada dunha das vivendas.

A Santiña parte da Avenida da Coruña e chega ata a rúa da Gándara indo de xeito paralelo a Xoán Bautista Andrade. É, por así dicilo, o casco histórico do barrio do Burgo, no que abundan as pequenas construcións que, de xeito moi lento, van deixando paso ós bloques de edificios.

A rúa Luis Otero, entre Xoán Bautista Andrade e Leonardo Enríquez, é unha nova zona de expansión deste barrio. A súa situación a rentes do campo de Pasarón, na traseira da bancada norte, ten que estar de xeito inevitable vencellada ás historias deste campo, historias como a que lle dá nome por petición do Pontevedra C.F. Luis Otero, nacido en Pontevedra en 1893, foi un dos pioneiros do fútbol na cidade, integrante do Atlético Pontevedra e do Sporting de Vigo e logo fichado polo Deportivo de La Coruña.

Participou dun dos grandes éxitos do deporte español, como foi a medalla de prata da selección española de fútbol nos Xogos Olímpicos de Amberes; tamén foi integrante da primeira selección galega de fútbol. Hoxe en día non só o seu nome nesta rúa mantén o seu recordo, senón que o máis importante trofeo de fútbol que se xoga no verán, antes do inicio da temporada leva o seu nome dende os anos sesenta.

A urbanización desta área conlevou a creación de bloques de vivendas ó arredor dunha coidada praza que foi rematada coa instalación dunha curiosa escultura feita con refugallos de metal. Esa modernización de espazos convive coa existencia de locais nos que latexa moita historia como acontece en A Pallota. Referente do fútbol base e un lugar fantástico para a reunión en torno a un vaso e poder falar, inhalando nesta rúa o que se respira dende hai moitos anos, que non é outra cousa que o aire do fútbol.

20111102071107_c72-f1

20111102071114_c72-f2

20111102071121_c72-f3
20111102071129_c72-f4

Fondevila e Santa Margarida


Se baixamos pola rúa Casimiro Gómez e xiramos cara a dereita adentrámonos na rúa Fondevila, achegándonos á barriada da Seca. Bernardino Fondevila foi durante 35 anos administrador do Hospital Provincial e home moi querido polos veciños desta zona da cidade, onde se atopaba a súa vivenda. En1965 púxoselle o seu nome á rúa que durante varios dos seus tramos vai por riba do que sería o vello camiño a Castela, un dos vieiros máis transitados durante séculos como xeito de chegar a Pontevedra, antes da existencia de viais máis modernos. Remata no comezo da rúa Santa Margarida, que é a súa prolongación ata a rúa da Pomba na zona de Mourente, no cruce polo que se achega ó barrio de Monte Porreiro.

A rúa Fondevila ten no seu inicio un tramo cun carácter máis urbano que se perde pouco máis arriba da súa intersección con José Malvar. A partir de alí afástase da cidade e comeza a amosar esa apariencia de anel exterior dunha vila onde se mesturan vivendas con hortas, chalés e a barriada da Seca. Unha fonte a carón da rúa volve a repetirse na rúa de Santa Margarida, ó pé da estrada que chega ata Mourente.

Dende as rúas Francisco Añón e do Costado accédese ó poboado da Seca, que, como outros da cidade, como o dos Salgueiriños, xurdiu nos anos cincuenta e sesenta do século pasado para acoller a unha poboación de economías máis desfavorecidas e á que moitas veces, polo seu emprazamento no se lle fai todo o caso que se debera. Pola súa banda, a rúa de Santa Margarida leva o nome da santa que se venera na capela que se atopa ó pé do milenario carballo.

O famoso carballo de Santa Margarida, símbolo da parroquia e tamén da cidade, preside esta subida chea de pazos, como no que viviu o frade Martín Sarmiento. Nela nos atopamos un establecemento clásico dentro da actividade económica da cidade. Cristalería pontevedresa fundada no ano 1959 por Francisco Barbeito Castro, ocupa coas súas modernas instalacións un dos espazos destacados nesta rúa semiurbana. Un comercio que nos fala de modernidade, de traballar cun elemento con tantos séculos de historia como é o cristal e que dialoga como un espello coa historia e tradición dese carballo do que Filgueira Valverde achega a súa idade ós mil anos.

Aínda que poida ser un tanto esaxerada a cifra, o certo é que este fermoso exemplar, moi deteriorado pola acción do home, mantense como testemuña de historias e lendas, de tempos de amores e de festas ou de milagres que, a carón da capela de Santa Margarida, conforman un dos símbolos non só desta zona senón da cidade que o adopta co cariño que se lle ten a un dos elementos máis senlleiros da nosa historia común.

20111102071105_c73-f3
20111102071114_c73-f4

20111102071130_c73-f1
20111102071154_c73-f2-alternativa

Salgueiriños e o Gorgullón


Aínda conserva esta barriada imáxes que nos levan a outros tempos, imaxes de rapaces xogando na rúa, entre as casas, dun balón tras o que tres ou catro mozos corren na súa procura; pero tamén imaxes dun tendal do que pendura a roupa dos veciños destas vivendas. Son miradas que se conservan como nas fotografías que temos doutros espazos da cidade, onde, ó conformar as vivendas un lugar pechado en si mesmo, se crea un espazo case particular, onde ten lugar gran parte da vida que se desenvolve na rúa.

A colonia dos Salgueiriños mantén viva, en moitos casos ó seu pesar, esa conciencia de tempos pasados. Tempos que xurdiron no ano 1957, cando se construíron as setenta vivendas que configuran esta ‘urbanización’ da zona leste da cidade e que está encravada entre as rúas da Estrada e a Avenida de Lugo, cun dos seus laterais pola rúa Rodríguez Seoane, nome dun médico e literato pontevedrés que viviu no século XIX.

As construcións brancas e con pouca altura colocadas sobre un muro de pedra nunha altura superior á das rúas que as pechan é unha das imaxes típicas desta zona da cidade, que ten neste espazo un elemento que pervive coa tradición pero que tamén leva loitado moito por conquerir as melloras necesarias na evolución lóxica de calquera espazo urbano. Este papel xogao a Asociación de veciños Sagrado Corazón de Jesús-Os Salgueiriños con constantes demandas para a necesaria aplicación dun plan de humanización da barriada que mellore moitas carencias que veñen de décadas atrás.

A proximidade ó colexio Sagrado Corazón de Jesús leva á convivencia entre ambos, barrio e colexio, dende a súa construción. O camiñar ata as instalacións do Colexio viu moitas accións de rapaces polo medio destas vivendas, antes tan grandes ós ollos dun cativo, e na actualidade axustadas á realidade.

O camiño do Gorgullón serve de acceso ó Camiño Portugués de peregrinación á cidade. Este camiño, que ata ben pouco mantiña esa concepción de paisaxe rural dentro dun entramado urbano, vai entre a Avenida da Estación e a rúa Eduardo Pondal. Algúns aínda acordamos unha fonte nela na que eses peregrinos, antes da instalación do cercano Albergue de Peregrinos na rúa Otero Pedraio, se tomaban un descanso antes de continuar a sua camiñata.

Agora amósase como unha das zonas de expansión da cidade, con varias construcións en partes do seu percorrido e a apertura de novos viais en dirección á zona de Ponte Bolera e a Avenida de Vigo. Xa no ano 1684 aparece referido con este nome de Gorgullón na súa concepción como barrio. O camiño, pola súa parte, tiña tratamento de Real.

20111102071121_c74-f1

20111102071130_c74-f2

20111102071139_c74-f3
20111102071157_c74-f4

Monte Porreiro


No ano 1969, arredor dunha maqueta, diferentes representacións oficiais coñecen os pormenores do que daquela se chamaba “gigantesca urbanización”. É ben certo que así se debía pensar naquela Pontevedra onde o desenvolvemento dos sesenta chegaba, como sempre, tarde e mostraba o seu aspecto en espazos como os de Campolongo ou este barrio, afastado do centro da cidade, pero que se amosaba como unha urbanización de futuro onde se proxectaron máis de 2.000 vivendas de diferentes tipos no marco da fermosa paisaxe xurdida ó carón do Lérez. O nunca visto chegaba a Pontevedra.

Unha cidade medraba a carón da capital. As obras abarcaban unha superficie de 68 hectáreas, con aparcadoiros e viais; zonas verdes, escolares e cívico-comerciais; vivendas modestas e de tipo intensivo; cidades xardín e torres, baixo o deseño do enxeneiro José García Sáez-Díez. Falábase por aquel entón de 2.165 vivendas. Aquilo aínda tardou moito en ser rematado, a pesares dos eloxios que naquela data se lle facían á construtora de José Malvar pola súa celeridade nos traballos.

Precisamente esa distancia da cidade foi a que veu a definir a vida dende os anos setenta na urbanización de Monte Porreiro, xa que ese foi o argumento empregado para denunciar a situación de abandono e esquecemento dunha masa de poboación que na actualidade se cifra en arredor de 5.000 persoas. O que podería ser un excelente ensaio de orixe e crecemento dun área de poboación quedou nunha aposta non renovada por este tipo de espazos de poboación que polo seu emprazamento necesitan, se cadra, dun mellor trato que outras áreas máis achegadas á cidade.

Monte Porreiro sempre foi un barrio desprezado e só nas últimas décadas tomouse certa conciencia da obrigatoria necesidade de amosarse no seu trato como un espazo máis da cidade. A súa apariencia foi mudando ó longo dás décadas e a súa situación nun pequeno alto fai que accedamos a el dende Pontevedra pola avenida de Bos Aires e, tras pasar a ponte do tren, subimos unha pendente para chegar ás súas primeiras vivendas. Unha vez alí atopámonos nunha pequena cidade onde incluso un centro universitario, a UNED, ten a súa sede, inaugurada en 1987. A súa arquitectura convive coas interesantes árbores do seu exterior, secuoyas, araucarias e camelias.

En canto ás súas rúas, atopámonos con dous conxuntos singulares; un grupo de rúas levan nomes de antigos países celtas: Armórica, Cornubia, Cambria, Erín, Escocia e Illa de Man; e logo temos outro grupo que se nomeou a partir dos países que conforman a Unión Europea. Ambos tipos de designacións son oficiais dende a celebración do Pleno Municipal que en 1986 consolidou todos este nomes que singularizan á urbanización.

Pero Monte Porreiro ten un importante lugar na historia da cidade, lugar no que o colocou Casimiro Gómez cando, no ano 1900, instalou alí a súa residencia ‘Villa Buenos Aires’. Poderíamos dicir que Monte Porreiro se convertía dende este intre no terceiro vértice de poder na cidade daqueles tempos. Co marqués de Riestra na Caeira, Montero Ríos en Lourizán e agora, Casimiro Gómez en Monte Porreiro, artellábase nestas residencias cheas de poder económico e político toda unha rede de influencias que remataban coa toma de diferentes decisións non só para a propia Pontevedra senón, en moitos casos, para o resto de España. En Monte Porreiro a súa propiedade tiña un enorme tamaño e estaba composta non só pola súa vivenda, senón tamén por diferentes explotacións agrícolas e fermosas paisaxes.

Precisamente nunha destas paisaxes foi onde instalou o que sería todo un símbolo de modernidade na vila: un balneario e unha planta de embotellamento de auga, que foron un símbolo do esplendor que esta cidade viviu nos inicios do século XX. As fermosas fotografías que nos lembran a presenza dese centro termal sitúano nun emprazamento cheo de beleza, os salóns do Lérez, que acariñan ó barrio de Monte Porreiro ofrecendo unha das súas estampas máis fermosas. Agora o recordo mantense cos restos dunha das edificacións do complexo, un pequeño quiosco onde se atopaba unha das fontes do conxunto, a que se chamaba Monte Porreiro, mentres que existía outra nunha parte superior que recibía o nome de Aceñas.

O miradoiro recentemente restaurado na parte alta do barrio tamén nos fala dun lugar para a contemplación e o goce do home a través dos seus sentidos. A existencia en Monte Porreiro dun frutífero Obradoiro de Emprego fai que este idílico lugar manteña aínda esa sensación de tempo detido entre a natureza e a forza da paisaxe. No seu interior un conxunto de mosaicos mantén fresca a memoria do barrio, como non, con ese balneario como gran protagonista da súa historia. O acceso a el a través do Paseo do Miradoiro fálanos de moitas das historias do barrio.

Alí estivo moito tempo o mercado de gando que se trasladou do centro da cidade, e tamén servía de lugar de congregación para diferentes actividades, entre elas, como vemos na imaxe, a saída da procesión de vehículos que honran a San Cristóbal, patrón dos automobilistas. Monte Porreiro é parte da nosa cidade, un conxunto de vivendas e servizos que se achega ós 5.000 habitantes, sen os que Pontevedra, sen dúbida, sería menos Pontevedra.

20111102071151_c75-f1

20111102081101_c75-f2
20111102081101_c76-f3
20111102081110_c76-f4

20111102081113_c75-f3

20111102081127_c75-f4
20111102081146_c76-f1
20111102081153_c76-f2

Estribela


Co sal aínda pegado as súas vivendas é como mellor recorda un esta barriada no confín do concello de Pontevedra, nese límite que é quen de marcar unha fonte co veciño concello de Marín e onde se atopa este barrio, que mira ó mar, que tivo a auga salgada metida ata a súa porta e ó que os recheos posteriores fixeron crear a praza de Marqués de Valterra, centro da vida nesa zona que mira con ilusión o profundo plan de reforma integral que durante tantas décadas leva demandando, con tanta xustiza, este barrio pertencente a Lourizán. Parroquia onde aínda soan os ecos do ‘cuco de Lourizán’ dende a súa mansión, ese Pazo de Montero Ríos que agochou moitos segredos de Estado e viu como Pontevedra era un lugar de referencia na política finisecular do século XIX e comezos do XX, sendo agora un importante centro de estudos e investigación forestal.

San Andrés de Lourizán, co seu fermoso templo creado non polo imprescindible arquitecto pontevedrés da época, Alejandro Rodríguez Sesmeros, senón polo seu irmán Domingo. No ano 1945 os restos mortais dese político esencial na España de entre séculos trasladáronse xunto cos da súa muller ata esta igrexa, amosándo así o seu amor por estas terras a carón da ría nas que tantas horas pasou.

Pero Estribela non quere saber nada de políticas, sexan estas terrenais ou relixiosas, senón de traballo. De duro traballo na mar, de homes que saen sen saber se voltarán, de viuvas que co seu loito ensombrecen unha branca barriada, de redes postas ó sol para ser arranxadas, de raias ou lirios colgados para ser secados e afumados na procura dun sabor que xa perdemos. Iso é Estribela, esquecemento e sufrimento, pero tamén con momentos para o lecer e a diversión.

Moitos aínda acordan o cine Olmos, onde as sombras na pantalla facían esquecer durante un tempo, sempre menos do que un quixera, os feitos que arrastraba a mar; e cafés como o do ‘Fume’ ou o de ‘Nantes’, onde as cuncas de ribeiro eran o complemento axeitado para contar historias de sereas, de mariñeiros que en cada porto tiñan un amor, de naufraxios ou de capturas inesquecibles e que medraban a medida que a historia enchíase na boca daqueles homes capaces de captar a atención dos que os escoitaban abraiados polas súas narracións entre a realidade e a ficción.

É o fin do noso concello cara o exterior. Lugar onde a estrada vella a Marín, con ese outro camiño de electricidade que pendía ó longo do seu trazado, ou a autovía sobre un mar que nunca debeu ser tocado desembocaban para saudar ó concello veciño a través desta Estribela na que as súas xentes compuxeron un lugar especial, a cabalo entre dous concellos pero sobre todo orgullosa de si mesma.

20111102081100_c77-f2
20111102081106_c77-f3

20111102081121_c77-f4

20111102081153_c77-f1

Prazas


As prazas son o lugar de reunión da cidadanía máis sobranceira de cada vila. Espazos abertos entre as rúas, ó agarimo das vivendas e ó acubillo das xentes. No Casco Histórico as prazas son unha sinfonía de pedra, un eloxio do pasado desgastado a cada paso que damos sobre un piso que nos fala do que fomos e no que as pegadas forman parte de mesmo.

As prazas da Leña, da Verdura, do Teucro ou da Ferrería, forman un conxunto xa clásico na cidade, pero o tempo fixo que se lle engadiran outras prazas como as de Curros Enríquez, Méndez Núñez ou a Pedreira ou, a barriada da Moureira, o Gremio de Mareantes ou o Campo da Torre. Todas elas forman parte do vivir da cidade, do día a día, dunhas xentes que se reúnen nelas para gozar do seu ocio, para que xoguen os nenos, para gozar coas celebracións que trae o ano, pero sobre todo para respirar unha cidade que nas súas prazas ten unha das súas máximas expresións vitais.

Das pedras da zona monumental pasaremos ós conxuntos máis modernos, prazas que cumpren esa mesma función pero vencelladas ó crecemento urbano: a praza de Galicia, onde se atopaba a antiga Estación de Tren da cidade, a da Liberdade; as de San José ou Barcelos ata as máis recentes, como a da Curtidoira. Espazos todos eles dirixidos á convivencia e que como ágoras modernas nos convocan para que vivamos toda a forza da nosa cidade lonxe das angosturas das rúas.

Espazos para a dinamización cultural, social e económica, nas prazas de Pontevedra podemos asistir a feiras de antigüidades, á recuperación de mercados tradicionais, a concertos, a actuacións espontáneas… En definitiva, cada unhas das prazas é quen de amosar unha vida propia, autónoma das demais, axeitándose a unhas funcións concretas, entre as que destaca a de concentrar a xente na procura da súa relación con outras xentes.

Convértense as nosas prazas no mellor viveiro no que cultivar ese don do ser humano que é o das relacións entre nós mesmos e que tan ameazado está polo noso xeito de vida moderna, baseada na présa, nos rápidos desprazamentos, e dependente de novas tecnoloxías que nos reteñen nas nosas casas ou nos centros de traballo.

As prazas de Pontevedra son ese canto de cisne que necesitamos para reconsiderar o noso valor como especie, como seres pensantes, para o que poucas vilas amosan tal cantidade de tipos diferentes de prazas, máis ou menos pequenas, máis ou menos abertas, con soportais, ó amparo dun cruceiro, entre mesas, acompañadas de persoeiros, pero sobre todo gabándose dunha historia que nos acariña sempre que nos atopamos nalgunha delas.

20111102081139_c78-f4
20111102081148_c89-f4

20111102081157_c91-f2

Praza da Ferreria


Pontevedra é a Ferrería e a Ferrería é Pontevedra. Poucas veces unha cidade se identifica tanto cunha das súas prazas como acontece na nosa coa praza da Ferrería. Reflexo de praza aberta, como as xentes da cidade, de acumulación de historias, de festividades, de encontros e de cambios, pero sobre todo dun espírito que conecta o casco histórico coa parte nova. Un territorio entre a realidade e a memoria, entre o pasado e un futuro no que os pontevedreses se amosan cheos de ilusións.

A praza da Ferrería enténdese como o espazo que aparece acotado polos Soportais, a praza da Estrela e o Paseo de Antonio Odriozola; aínda que moitas veces dun xeito xenérico se fala da Ferrería aludindo a todo este contorno no que tamén se inclúen os cercanos Xardíns de Casto Sampedro e a praza de Ourense. Un conxunto, polo tanto, que destaca pola súa diversidade pero tamén polo seu equilibrio.

O ser un lugar de tanta repercusión no desenvolvemento da vida da cidade, o seu nome tivo moitos cambios, axeitándose ós diferentes momentos históricos polos que pasou a vila. Así, chegouse a chamar praza Real, praza da Constitución nos anos 1854 e 1931 ou Praza do Xeneralísimo Franco. Nomes e máis nomes que non foron quen de impoñerse á súa denominación tradicional, que se convertiu, como non podía ser doutra forma, no nome real da praza, e polo que todos a coñecemos:

A Ferrería. Rexistrado xa no ‘Livro Vello do Concello’ 1437-1438 como tal, é evidente que alude á presenza nela dos ferreiros, esencial oficio do mundo medieval en calquera vila. Diferentes olladas ó longo dos tempos á Ferrería fannos ver que en termos xerais non mudou moito o seu aspecto xeral, si que variaron detalles, os quioscos que nela había, a disposición de certas árbores ou a eliminación de váteres públicos. Cuestións de mobiliario máis que do marco xeral.

O máis importante foi o traslado da antiga Fonte da Ferrería, aquela que daba de beber a quen pasaba, e que se situaba na esquina da praza fronte ós soportais, en pleno paso do Camiño a Compostela. Durante anos permaneceu nas ruínas de San Domingos en anacos para ser, no ano 1928, recuperada por varios intelectuais da época, entre eles Castelao, e situada onde se atopa na actualidade, nos Xardíns de Casto Sampedro.

Como gran praza da cidade, nela céntrase moita da actividade social da mesma. Festas que durante o ano elixen este escenario, o mellor da vila. Festexos como a queima do Ravachol, os Maios, os concertos da Peregrina, a Feira Franca; mercados como o tradicional das flores en Defuntos. En definitiva, un bulir constante pero que ten a súa maior celebración no día a día. Nas horas que sobre as súas pedras pasan as familias cos seus rapaces, lugar de estreno de xoguetes, son as que de verdade lle outorgan valor á praza, converténdose xa nun referente de por vida para eses nenos.

E por onde se move tanta xente, certas persoas xorden para quedar xa instaladas na praza como unha parte máis dela. Sucedeu hai décadas con María ou con Ángel, eles cos seus quioscos e as súas lambonadas tiñan en peregrinación a todos os cativos da cidade. María ou Ángel xa non están, pero son outros os que, cos seus postos, non permiten que se esqueza a súa memoria. Os que si están son os pequenos trens do castañeiro; Valentín e os seus descendentes xa forman parte desta paisaxe cando as pedras comezan a enfriarse e as mans necesitan o amparo dos petos, cando chegan as castañas quentiñas de Valentín para temperar os nosos ánimos.

Os comercios da rúa dos Soportais son o apoio económico deste contorno que se completa cos que se atopan nun dos seus laterais. Alí aínda acordamos aquel negocio de complementos de calzado, plantillas, cordóns e betúns que se atopaba no local do edificio modernista que preside a praza, trasladado á rúa Sarmiento. Reformada hai poucos anos polos arquitectos César Portela e Enrique Barreiro, esta arquitectura brilla agora, converténdose no pano da propia Ferrería. Xunto a el, os almacéns de Clarita son a memoria comercial desta praza. A súa venda de téxtiles para o fogar prolóngase xa durante moitas décadas.

Xunto a ela a coñecida como praza de Ourense é un pequeno espazo que funciona como antesala á propia Ferrería, os xardíns de Casto Sampedro é o convento de San Francisco, atopándonos nel un punto de informacion turística ata o que se achegan os numerosos visitantes que teñen este punto como referencia cara a súa visita ó casco histórico.

20111102081106_c78-f02

20111102081115_c78-f03
20111102081127_c78-f4
20111102081144_c79-f1
20111102081156_c78-f01

Praza da Estrela


Ao carón da Praza da Ferrería está un deses recunchos da cidade que se impoñen a outros pola súa fermosura, pola beleza dun espazo tan acolledor como imprescindible na nosa memoria. É a praza da Estrela, coñecida por ese nome pola presenza que había nela do Parador do mesmo nome.

No seu frontal a praza péchase co edificio dos Sindicatos e ó seu carón o coñecido como Pazo dos Barbeito, coas súas caras vixiantes sobre a Praza, na que o arquitecto Enrique Barreiro ten a súa vivenda e o seu estudio, onde antes o tivera o fotógrafo Zagala. Casa que coa súa historia embelece a da propia praza, que se completa cun conxunto de casas cheas do ‘tipismo’ destas vivendas dunha praza e soportal cheas dunha fermosura reinventanda na primavera cos xeranios.

Rematamos o conxunto co Café Carabela, un dos míticos locais desta Pontevedra amante de cafés e tertulias. O seu interior, cos debuxos de Conde Corbal, agocha por riba da barra as paisaxes que temos no exterior, na mesma praza. Tomar un café neses vasiños de cristal ó amparo do grande escenario que se ve polos seus ventanais faite esquecer que se che están a queimar as xemas dos dedos no goce dun deses momentos que só esta cidade é quen de ofrecer.

20111102081103_c79-f4
20111102081146_c79-f2
20111102081155_c79-f3

Praza da Peregrina


Un home sobre pola antiga Porta de Trabancas. Detense uns minutos coa cabeza baixa, érguea e persígnase cara ó santuario da Peregrina. É un xesto doutro tempo, unha imaxe que nos achega á historia desta praza. Praza de xentes que fixeron e fan dela un dos puntos esenciais da súa vida. Xestos do presente como o de ese Ravachol que nos saúda tras fuxir, como tantas veces fixo, da botica do seu dono e que nos lembran o pasado. Mirade!, aquel que vai alí é Casto Sampedro, o fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que ten o seu despacho nesa casa que dá cara a Peregrina e a praza de Ourense.

Moitas desas imaxes son xa recordos do pasado, como aquela fonte de Sesmeros que se atopaba á dereita do santuario e a onde as mulleres acudían na procura de auga con recipientes sobre a cabeza; pero tamén de negocios que desapareceron, como aquel Café Méndez Núñez no inicio da rúa Peregrina e que daba a esta praza. Alí se selaban quinielas e alí se respiraba o ambiente dun café doutro tempo.

Pero antes del tiñamos unha oficina bancaria e no lugar onde se atopa a Xoiería Suárez tiña Pedrosa o seu negocio de ultramarinos e pastelería; logo, décadas máis tarde, o comercio de téxtiles de Pedrosa situouse no fermoso edificio que fai esquina con Trabancas, manténdose ese nome nos nosos tempos coa presenza dunha inmobiliaria. Ó seu carón atopábase a pastelería La Duquesita, da que moitos dos turistas que se achegaban ata o santuario levaron os seus típicos melindres.

Estar ó pé do santuario da Peregrina imprime carácter, e así, a praza tiña que levar ese nome que só a República substituíu durante un tempo polo de praza da Liberdade. En pleno camiño de peregrinación a Compostela, esta praza acolle o paso de peregrinos, que teñen tamén na fonte esa mitificación das augas de Pontevedra que refrescan ó viaxeiro. Como tamén o fai a imaxe do Teucro, que a coroa dende o ano 1956. Non sempre foi así, xa que antes o adro da Peregrina abríase á praza mediante unhas escaleiras, que foron eliminadas coa instalación da fonte.

Pola súa situación esta praza comparte o corazón da cidade coa Ferrería e nela teñen lugar moitos dos actos que congregan á cidadanía, que fomentan o espírito de colectividade. Concertos, a ofrenda de flores á Peregrina na xornada de inicio das súas festas, reivindicacións de diferentes colectivos… En definitiva, esta praza é o altofalante desta cidade que, acompañado polo son das súas campás, e as horas marcadas polo seu reloxo, aínda que as marque á súa maneira, vai latexando paseniño con ese ritmo que teñen as urbes que saben que a présa non lle convén a ninguén, e menos aínda a unha cidade acostumada a medrar a modiño.

20111102081106_c80-f3

20111102081113_c80-f4
20111102081150_c80-f1
20111102081155_c80-f2

Praza de Concepción Arenal


Agora sí que podemos falar dunha praza, dun espazo aberto onde o cidadán pode gozar durante uns segundos da descompresión da rúas. A nova faciana que amosa esta praza á que flúen rúas como Ferreiros, Xeneral Martitegui, Afonso XIII, A Barca, Xofre de Tenorio e Pardo Bazán, reconcílianos coa capacidade que ten o urbanismo para xerar espazos para ser vividos e como consecuencia gozados.

‘Abride escolas e han pechar os cárceres’ resume axeitadamente parte da filosofía de vida desta escritora, que publicou textos en numerosos xornais nos que fixo gala dunha asombrosa modernidade nos seus plantexamentos, nos que sempre avogaba polo valor do individuo e as súas potencialidades que debían ser alentadas co estudo, incidindo nos casos da muller, sempre en posicións secundarias nesa sociedade. As novas propostas educativas de finais do século XIX coas escolas de Libre Enseñanza fixéronlle ver a vida xa nos seus últimos anos cun certo ton de esperanza no ser humano. Xustamente unha desas escolas de Libre Enseñanza tivo en Pontevedra un lugar de experimentación nas Escolas Froebel que se atopan nesta mesma praza.

Creada trala apertura da Ponte da Barca, a principios do século XX, nun novo espazo urbanizado da cidade, ten de novo no marqués de Riestra, o gran propietario de terreos na vila, a persoa que cede eses terreos. No ano 1908 a praza está rematada e recibe o nome da escritora que vivira en Pontevedra na rúa da Oliva durante non moito tempo pero que deixara un gran recordo polas súas bondades e a súa sabedoría. Xa pasaron moitos anos dende aquela, un centenario, fíxense, e a praza pasou por varios momentos nos que durante moitos anos era o gran aparcamento desta zona da cidade, suavizado cun pequeno xardín.

O seu reaproveitamento, dentro dunha remodelación xeral de todas estas rúas que van dar a ela, amosa unha cara diferente, nova e chea de posibilidades. Estruturada en dúas partes, unha superior nunha terraza destinada ó paseante e os veciños, co tradicional quiosco imprescindible en cada praza, e a compaña dun bar, neste caso O ‘Universal’ coas súas tapas, entre as que destacan os callos, moi demandados entre os seus clientes. A parte ‘baixa’ da praza adicada ó tráfico amosa unha pequena rotonda que destaca pola súa esveltez e que distribúe o tráfico cara a Ponte da Barca e as rúas que baixan cara o río Lérez.

O último capítulo desta praza ven firmado por un dos nosos grandes escultores, home dunha modernidade abraiante como é Francisco Leiro, do que se instalaron neste lugar uns bancos que estaban esquecidos na rúa Frei Tomás de Sarria e que tras a súa restauración integráronse como parte do mobiliario.

20111102081104_c81-f2

©RAFA FARIÑA
20111102081116_c81-f4
20111102081158_c81-f1

Praza de Galicia


Poucas prazas teñen sufrido tantas modificacións na súa faciana como esta. Naceu tras o derrubamento das instalacións da antiga Estación de Ferrocarril que se atopaba na actual rúa Augusto García Sánchez e se prolongaba ata este espazo que sufriu numerosas modificacións na procura dun lugar que respondese a ese concepto de praza na que existen diferentes elementos vexetais. Árbores, plantas e fontes son os compoñentes que van xerando este espazo que varía con cada estación e co paso das horas do día.

As súas luces son diferentes, e a vexetación vai modelando un lugar que, rodeado de altos edificios, xorde como un oasis no que refuxiarse. A súa forma cuadrangular agocha no seu interior diferentes zonas de tránsito para ser cruzada polos peóns, unha disposición que variou algunha que outra vez para intentar que fose o máis cómoda posible para o cidadán.

O seu arredor a calzada permite o tránsito dos vehículos, entre eles os autobuses urbanos, que teñen a súa parada nun dos seus laterais, recollendo o testemuño daquela parada de trolebuses que case se situaba na esquina contraria a onde se atopa agora. A parte de edificios máis antigos cara a praza é a que ocupa a mazá máis cercana ó núcleo da cidade, a que vai entre as rúas Andrés Muruais e Augusto González Besada.

Alí esa farmacia agochada naquel recuncho fai de testemuña dos cambios sufridos pola praza. Preto dela se atopaba a cafetería Plaza, tendas adicadas ós electrodomésticos, tinturería, droguería, oficinas bancarias, de seguros, ou axencias de viaxes, xunto coa sede da ONCE na cidade, son parte da oferta comercial que amosa esta praza que sempre foi receptora da xente que chegaba a Pontevedra a bordo dun tren que conducía ós viaxeiros que tiñan a esta cidade como destino, moitas veces de ilusións, de reencontros coa familia ou de xestas deportivas.

Xentes que, de non ter o fogar familiar, necesitaban de lugares de aloxamento e que nesta praza e nos seus arredores tiñan o punto neurálxico da cidade. Fronte a ela o gran Hotel Palace; ó seu carón, na rúa Andrés Muruais o Hotel Engracia, e na de Andrés Mellado o Hotel Madrid, que aínda pervive, aínda que con moi pouco que ver co de esta época. Fondas como a de Tomás, a Casa Pombo ou a fonda do Bar Sánchez.

Os bares Comercio e Lores, do que pervive o primeiro deles coa súa función hoteleira, na praza de San José o Hotel Méndez Núñez e xa na estrada de Marín a coñecida como Casa Ulpiano. Todos eles funcionaban arredor desa Estación de Ferrocarril que abandonou o centro da cidade na procura dun espazo máis axeitado que ademais permitía á cidade liberarse de perigos como os diferentes pasos a nivel da zona.

20111102081110_c82-f1

20111102081117_c82-f2

20111102081123_c82-f3

20111102081131_c82-f4

Glorieta de Compostela


Este espazo que se abre na rúa Peregrina debe o seu nome ó paso do Camiño de peregrinación a Compostela. Alí onde en tempos se atopaba a capela da Virxe do Camiño temos agora esta glorieta chamada así dende o ano 1950, glorieta que mudou moito durante estas décadas. Aínda recordamos nela unha das fontes de Sesmeros, a que agora se atopa restaurada en Curros Enríquez, atrapada entre unha marea de coches, afogada por un mundo moderno ó que esta cidade non foi quen de poñer couto ata hai ben pouco tempo. Agora esa fonte, recordo do pasado, ten o seu recambio noutra de grandes dimensións.

Unha fonte que, fachendosa, imponse neste terreo a través dunha composición que serve para atraer ó cidadán. Bancos ó seu carón, unha frase para achegarte a ela, un grupo de nenos que xogan entre eles xeran ese espazo que converte a fonte en protagonista. Arredor dela, nese marco acabado de saír da man do home, diferentes comercios se aproveitan do movemento de xentes e, entre eles, destaca o moito tempo que leva aberta unha casa como Mardy, na súa dobre sección de electrodomésticos e de decoración e iluminación. Como de iluminación era o comercio de Cordal, pechado recentemente.

Moda como a de Milagros Gálvez, no lugar onde antes se atopaba no seu baixo aquel coñecido como O Maño, ó que non se lle resistía ningún radiador de coches. Pero na Glorieta tiñamos outros negocios importantes na vida comercial da cidade como a Autoescuela Camba, onde moitos pontevedreses aprobaron o permiso de conducir. As súas instalacións sobre o cine Gónviz sérvennos para achegarnos a este cine, no que en parte do que eran as súas instalacións agora atopamos unha cadea de roupa cunha tenda adicada ó fogar, e no que moitos aínda temos presente ese gran patio de butacas forradas en vermello nas que esperabamos con paixón que se movese o pano para asistir a unha proxección.

Os novos tempos foron deixando morrer o cine e aquelas letras tamén vermellas que no exterior do cine nos recordaban a película en carteleira esvaécense na nosa memoria como un recordo dunha cidade que non soubo ou non quixo ter nestes espazos máxicos unha referencia do seu futuro.

Outro sinal dos novos tempos é a nova maquinaria do castañeiro, a ampliación do negocio que xa no se limita só a Ferreria; unha nova ‘sucursal da castaña’ se sitúa neste lugar para amosar como calquera negocio ten a oportunidade de confiar nas súas posibilidades ante o cliente. Poucos espazos mudaron tanto na cidade como o fixo esta glorieta, axeitada agora para a vida en común, para facer da estadía do home na cidade unha conquista fronte o axitado mundo actual.

© RAFA FARI„A
20111103071125_c83-f2
20111103071131_c83-f3
20111103071138_c83-f4

Prazas da Liberdade e a Curtidoira


Se un volve a mirada só uns poucos anos atrás, recorda o que era achegarse ata a parte traseira do edificio da Audiencia e se pasa agora por ese mesmo lugar, non deixaría de refregar os ollos pensando se non lle cambiarían a súa cidade. O certo é que en boa medida a súa cidade non é a mesma. A Audiencia Provincial de Pontevedra, o seu funcionariado e o persoal que nela traballa tiñan neste lugar un grande aparcadoiro, ante a escaseza de prazas e ó non existir parkings tan cercanos como os que actualmente hai en Montero Ríos ou o que se atopa na entrada da rúa Augusto García Sanchez, se empregaba un lugar sen asfaltar para xerar un deses lugares vergonzantes nunha cidade moderna.

Esta praza gañouse para todos nós e converteuse nun lugar de esparcemento, de brincadeiras e de nenos xogando entre eles, afastados de aparellos electrónicos. A cafetería Lusitania completa a oferta da praza, que ten un momento para a reflexión, un instante para o recordo desas vítimas ás que a violencia terrorista segou e segue a segar as súas vidas. O monumento ten o valor de ser realizado grazas a unha colecta cidadá e foi promovido polo movemento ‘Unidos por la libertad’. Inaugurado no ano 1999, amosa a unha muller con ás, metáfora da liberdade, o máis preciado tesouro do home e ó que se lle adicou este monumento feito pola man do escultor Marcos Juncal xusto ó lado do edificio onde se imparte xustiza. Esta escultura acolleu baixo as súas ás diferentes manifestacións de protesta contra os atentados terroristas como símbolo da resistencia da cidadanía.

Dende a transformación da Sede de Caixanova, a praza gañou tamén un fondo que a ennobrece, esa cristaleira que ofrece unha segunda pel no edificio ábrese cara esta praza para achegarlle un anaco de ceo, capturando as nubes para sentarse ante ela e gozar do que nela queda atrapado uns instantes.

Un dos novos espazos de crecemento da cidade é o que ten como centro a zona coñecida como O Gorgullón, un espazo alongado que transcorre de xeito paralelo ás rúas Eduardo Pondal e a Avenida de Vigo. A creación de novas vivendas sitúanos ante novas realidades, novas rúas como as de Pedro Sarmiento de Gamboa ou Curtidoira, pero tamén ante unha nova praza como esta, chamada praza da Curtidoira, aínda nun estado inicial en canto a súa historia, sen o lustre do tempo, pero coa ilusión do acabado de nacer. Nela, a carón do cauce do río Gafos, xunto a ese rexenerado paseo e onde se atopaba aquel local chamado Revólver, esta praza rodéase de edificios pero co seu céspede e o seu pequeno parque infantil nos amosa o seu futuro como un espazo que aínda ten moito que medrar.

RAFA FARIÑA
20111103071136_c84-f2
20111103071145_c84-f3
20111103071153_c84-f4

Praza de España


A súa situación ante o Concello indícanos que se tratra dun lugar de grande importancia na vida diaria e na historia da cidade. Lugar de encontro da cidadanía en sinaladas ocasións baixo o amparo da ‘casa do pobo’. Ata ela nos achegamos cando se trata de celebrar xestas deportivas, pero tamén cando temos que empezar as nosas festas, ou cando os acontecementos non son tan felices. En definitiva, é un espazo no que podemos facer uso da nosa forza colectiva.

A súa situación sen vivendas ó seu arredor, xa que se atopa aberta cara a Alameda, fálanos dunha praza atípica, na que desembocan moitas das principais rúas da cidade: Michelena, Riestra, Arcebispo Malvar, Ferreiros ou Prudencio Landín; pero tamén rúas que permiten a entrada ó casco histórico, como Alhóndiga ou a Avenida de Santa María, ante o que esta praza funciona como antesala.

No ano 1936 púxoselle o nome de praza de España por riba do que tiña durante a II República, que era praza da República. A partir desa historia, as imaxes das diferentes décadas amosan unha praza distinta: cambios na disposición do tráfico, na colocación dos xardíns ou no mobiliario urbano fálannos dunha praza con moitas peles. Agora está tamén a mudar de pel, xa que a creación dun aparcadoiro soterrado vai transformar de novo no só o seu interior senón tamén o seu aspecto exterior.

Xunto co edificio principal da praza, o Concello que o arquitecto Sesmeros ideou froito dunha arquitectura equilibrada no ano 1889, temos construcións que apenas mudaron na súa forma orixinaria ata hoxe. Así, situados fronte ó Concello, entre as rúas Michelena e Riestra, atopamos a farmacia de Fátima Martín, o quiosco de Marisa, o estanco ou o establecemento de Fotografía Olimpio. Nun dos seus laterais estaba o Cafe Lar, que era o centro da actividade política portas afora do Concello. O seu peche fixo que os nosos políticos tivesen que buscar un novo lugar para o seu ocio, lugar que non tardarían en atopar no Café Bar Gloria, na esquina oposta da praza fronte ó Palacete das Mendoza.

A praza complétase coa tenda de Maquieira, adicada á venda de complementos de pesca, debaixo dun edificio que foi rehabilitado respectando o seu pasado, e xunto ó que pasamos se nos diriximos cara a Avenida de Santa María. Esta praza tivo moitas innovacións urbanísticas, cambios nos seus farois, nos seus sinais de tráfico e ata tivo baños públicos, que eu lembre os únicos da cidade dende aqueles que a principios do século XX se colocaron na praza da Ferrería como símbolo dunha urbe moderna. Estes servizos situábanse a carón dun dos laterais do Concello entre uns pequenos xardíns, e dous accesos soterrados permitían o acceso ós retretes.

20111103071100_c85-f4
Capitel do Concello de Pontevedra

20111103071146_c85-f2
20111103071153_c85-f3

Praza de Barcelos


En agosto de 1970 a vila de Pontevedra e a portuguesa de Barcelos realizan un acto de irmandade que deixa constancia das boas relacións entre ambas. Decídese daquela poñer ese nome a esta praza, que tiña dentro da cidade unha grande importancia ó ter lugar nela dende principios de século diferentes mercados ou feiras. Dende o ano 1900 tiña lugar un mercado de gandos que facía que moita xente do rural se achegase á cidade para vender ou mercar animais, coñecéndose dende entón este espazo como Campo da Feira. O tempo e as melloras nas condicións hixiénicas da cidade foron sacando cara fóra esta venta de gando que se levou ata a Avenida de Bos Aires e logo a Monte Porreiro ata a súa desaparición.

Pero esa tradición da praza de Barcelos como espazo adicado a venda de mercadorías derivou na instalación dela da chamada Feira, un lugar para a venda dos máis variados produtos entre os que destacan os postos do téxtil. As feiras dos días 1, 8,15 e 23 enchían a vida desta praza dos comercios que nela había e das rúas de arredor ata o seu traslado ó exterior do Recinto Feiral. Fóra deses catro días ó mes, a praza chea de plátanos convertíase no gran aparcadoiro da cidade con coches por tódolos recunchos e incluso vehículos pesados que aproveitaban as mellores condicións de maniobrabilidade para aparcar alí, o que ofrecía unha imaxe lamentable do lugar e tamén da cidade.

Iso xa quedou atrás, imaxes dun pasado que esta cidade xa superou; agora a praza de Barcelos é unha gran praza chea de vida, cun parque infantil e con diferentes espazos para poder sentarse a pasar o tempo. Presidida por unha grande escultura do pontevedrés José Luis Penado, unha grande árbore que se transforma en home en recordo das árbores que a poboaban, a praza, agora de xeito soterrado mantén ese servizo de zona de aparcamento. Ata ela se achegan diferentes rúas como Perfecto Feijoo ou dende Benito Corbal as rúas Vasco da Ponte ou Xenaro Pérez de Villamil.

Nese percorrido que se pode facer arredor do espazo central da praza recordamos negocios vencellados ó automóbil, como foi un gran taller de Renault ou ou un concesionario de Nissan, así como outros talleres de reparación en diferentes puntos da mesma. Pero tamén a Ferretería Universal, que aínda permanece aberta, a tenda de moda de La Flor, ou a marisquería Le Mans, pero tamén os talleres da Cristalería Pontevedresa que se atopa nese canellón que un día será rúa ata Lepanto. Pero tamén en Barcelos temos cafeterías, como o Hipopotamus un dos referentes do sector nesta zona, ou o Piscis o seu carón. Mentres, ó lado contrario a estes locais a praza péchase co gran muro que agocha o Convento de Santa Clara.

20111103071103_c86-f4
20111103071142_c86-f1
20111103071148_c86-f2
20111103071156_c86-f3

Praza do Teucro


Non cabe dúbida de que as prazas do casco histórico son as máis fermosas da cidade. Con ese peso da historia, de existencias alí vividas, estes espazos son como pequenos xoieiros nos que se poden atopar diferentes pedras preciosas. Pedras que en poucos espazos da cidade nos falan tanto das xentes que por elas pasaron como na praza do Teucro. Ateigada de escudos, indelebles pegadas a modo de firmas do pasado, daqueles antergos que se ennobleceron a si mesmos e tamén á súa cidade. Son os escudos dos Montenegro, dos Gago, dos Mendoza, dos Soutomaior ou dos Sarmiento, por citar algúns deles.

Apelidos lustrosos que están xa para sempre gravados nesta praza e na nosa historia. A praza, entre as rúas Princesa e Real, empezouse a coñecer como do Teucro a mediados do século XIX. Co nome do lexendario fundador da cidade, esta praza coñeceu tamén diferentes denominacións a partir dos produtos que se adoitaba vender nela. praza do Pan ou praza do Leite, como recolle Hipólito de Sa, son algunhas delas. Esta memoria pontevedresa recorda tamén o traballo na praza dos baldeiros que construían os recipientes para logo vendelos, ou tamén as instalacións na praza da Sociedad Económica de Amigos del País e a Sociedad Artística cos ensaios daquel Orfeón que marcou o espírito musical da vila.

Nos nosos tempos a praza mantén o seu espírito de espazo cargado de beleza e harmonía, e nela dispóñense diferentes negocios ou entidades como esa Cámara Agraria Provincial que permitiu que no seu baixo se abrise un restaurante co nome de Cámara, e ó seu carón o local de copas Bananas, fronte a eles, no lado contrario da praza, a Imprenta de Peón, inesgotable impresor que antes estivera na rúa Real. N

ela escoitamos durante moitos anos os mellores músicos de jazz do mundo, xa que alí se celebra esa cita inmellorable dos nosos veráns, o Festival de Jazz de Pontevedra. En tempos nalgunhas desas noites tamén había proxeccións cinematográficas agora trasladadas á Pedreira. Pero durante o día tamén escoitamos outros sons, como o dos rapaces do Colexio San Xosé, que se atopa na rúa Princesa e que saen de xeito frecuente á praza a correr ou facer ximnasia.

Esas pequenas árbores que a rodean son o recordo das que sempre existiron alí, árbores perennes nas postais e fotografías sepias. Recordo que as imaxes antigas nos presentan como de tempos sosegados, de calmas baixo arcos que fan e fixeron desta praza un lugar onde o tempo se detén, onde a pedra agora, e antes os caleados, facía dela o espazo axeitado para deixarse engaiolar polo espírito de Pontevedra. Polo espírito da pedra.

20111103071131_c87-f1

20111103071139_c87-f2

20111103071149_c87-f3
20111103071157_c87-f4

Praza da Verdura


Foi un dos lugares de venda de produtos do campo máis importantes da cidade. Ata ela se trasladaban as mulleres do rural a vender os seus modestos artigos. Antes desa oferta de hortalizas e verduras, a praza acolleu a venda de pescado. Alí tiña lugar a antiga Feira, antes do seu traslado a finais do século XIX ata a Ferrería. Deste traslado lle ven a súa outra denominación de Feira Vella que se mantén na súa praca. Durante un tempo dende o ano 1895 tamén recibiu o nome de Indalecio Armesto pero non tivo éxito.

Pola súa situación é praza cargada de historias, de xentes e de bulideiras noites ó seu amparo e recollemento. Un feito histórico: nela situouse a primera fábrica de luz de Galicia. Pontevedra foi a vila de Galicia que máis cedo tivo electricidade polas súas rúas. Esta fábrica atopábase na que agora se chama Casa da Luz e que foi durante moitos anos sede da Policía Local da nosa cidade. Como non, da man do marqués de Riestra este invento fundamental para as nosas vidas chegou aquí en 1880. Agora estas instalacións serán reformadas para asentar alí diferentes dependencias vencelladas á promoción turística da cidade.

Pero a historia da praza é a historia das súas xentes, xentes de antigo como moradores tan insignes como o foron os Muruais, antes de trasladarse á Casa do Arco, e que residían nunha vivenda de longos arcos na esquina con Sarmiento; ou Francisco Portela Pérez, colaborador en prensa e pai do debuxante Agustín Portela e avó do arquitecto César Portela, que tiña a súa casa a carón da farmacia de Eiras. A cerería de Vidal, a taberna de Puga ou a afamada de Monte Arruit, que tiña saída a Figueroa e que aínda mantén a actividade hoxe en día co nome de Feira Vella.

Tamén se mantén na actualidade Los Maristas, local que vén xa de tempo atrás e que ocupa un dos recunchos máis fermosos da praza, nunha antiga vivenda medieval, con arcos, inscricións e unha fermosa fiestra que mira cara a rúa San Sebastián. Certó é que a hostalería é a principal actividade desta praza; o Baúl, Os Carballos ou as terrazas do Hotel Rúas ou o restaurante vexetariano Ambrosía enchen parte do seu espazo. Pero tamén outros negocios de moda, zapatillería ou decoración completan unha actividade que en tempos tiña tamén carnicerías, zapateiros e ferreiros e ata un posto adicado a venda de aves de curral.

A praza da Verdura ten na noite unha das súas bandeiras, un referente cando cae a oscuridade. Ata ela se achegan moitos pontevedreses para vivir unha noite onde non se pode atopar mellor recanto para respirar ese espazo para o ocio que esta praciña de soportais, de árbores e ata dunha fonte, que sempre estivo nela, e que agora, restaurada, é a guinda desta torta.

20111103071111_c88-f1
20111103071118_c88-f2
20111103071125_c88-f3
foto historia vista antigua de la plaza de la verdura

Praza da Leña


Entre as rúas Figueroa e Pasantería atópase esta praza, a de menor tamaño das do casco histórico, pero unha das máis queridas e simbólicas da cidade. Repetida ata a saciedade en representacións da cidade, postais, guías de viaxe ou calquera tipo de publicación adicada á cidade repousa a súa parte gráfica nesta praza da Leña ou eirado da Leña, se recollemos o antigo nome que aparece xa no ano 1635. O labor que lle daba nome era o da venda de madeira e piñas de cara a alimentar fornos e antigas calefaccións da cidade. Antes da chegada do butano ou a electricidade estes materiais eran indispensables na vida diaria. Un mercado cunha maior actividade en meses de inverno e que tiña os luns como data semanal de celebración.

Xa desaparecidos os caleados das paredes, a praza mantén aínda moi ben o seu sentir antigo, só hai que lamentar algúns engadidos a construcións que deberan manterse como na súa orixe para non modificar a súa faciana principal. Fiestras, soportais e tellados crean unha pequena paisaxe, unha delicatessen á que só lle faltaba un cruceiro para ser xa a quinta esencia da visualidade do folclórico. E así foi como se decidiu colocar un fermoso cruceiro por mediación de Castelao ante a sede do Museo de Pontevedra. Esta institución é a que completa un dos laterais da praza e coa maxestuosidade da súa arquitectura palaciega ofrécenos outra percepción da mesma. No ano 1927 xorde o Museo Provincial de Pontevedra recollendo a testemuña da Sociedade Arqueolóxica e instalándose no pazo Castro Monteagudo, quedando xa dende aquela como parte esencial deste conxunto artístico.

A praza que se incrusta entre as rúas Figueroa e Pasantería adica a totalidade da súa oferta a hostalería. Bares e restaurantes son o reclamo pefecto para que o visitante se sente durante uns instantes a maridar gastronomía e paisaxe, nunha mestura que só esta praza é quen de ofertarnos. Dende Casa Filgueira, coa súa importante carta de viños, ata o Rianxo, imprescindible na historia da cidade, pasando polo Eirado da Leña e A casa do Lado, xunto cos Feira Vella, A trigueira e o Hotel Rúas a oferta e inmellorable nesta praza.

É polo tanto esta praza unha das referencias do noso casco histórico, reflexo dun equilibrio construtivo onde galerías e soportais nos falan do ben que facían as cousas os nosos antergos, do ben que pensaban como poder sacarlle proveito a unhas condicións de tempo que lonxe de asustalos os obrigaban a extraer das súas mentes as mellores solucións para as súas vidas. Grazas a eles dispoñemos destas marabillas, destes pequenos logros que debemos conservar coma un tesouro.

20111103071136_c89-f1
20111103071142_c89-f2
20111103071149_c89-f3
20111103071155_c89-f4

Praza de Méndez Núñez


De forma cuadrangular, a praza de Méndez Núñez transformou a súa faciana de maneira completa durante os últimos anos, quedando esquecidas aquelas imaxes da praza como un aparcadoiro. Antigamente chamada praza da Herva, amósase como un dos máis logrados exemplos de mellora urbana da cidade: a iluminación, o tratamento do chan ou a rehabilitación da gran casona do arco, (que tan importante é na historia da cidade, xa que non só foi a morada e lugar da morte do insigne mariño Casto Méndez Núñez, senón que nun dos seus extremos atopábase a gran biblioteca dos irmáns Muruais, na que o mesmiño Valle-Inclán pasou moitas horas ollando as publicacións e revistas que nela se atopaban, e que tanto influíron nas súas primeiras obras literarias), fai dela unhas das prazas con máis historia e historias da cidade.

A súa antiga denominación como praza da Herva alude, en palabras do historiador Juan Juega Puig ó feito de atoparse fóra do primeiro recinto amurallado, sendo un lugar axeitado para a celebración de mercados. Unha denominación popular tamén fala dela como praza das Galiñas, xa que nela se realizaban transaccións deste tipo de aves; e fotos antigas tamén nos amosan un espazo adicado á venda de produtos de cerámica. Esta función comercial pervive actualmente coa presenza de varios negocios adicados a moda como Antón ou Ernesto Filgueira. ‘A casa dos paraugas’, en actividade dende o ano 1963, ou o arranxo de reloxos por Pacheco dende os setenta, que veu a ocupar o posto do zapateiro Manolo.

O ocio pasou a ser unha actividade dinamizadora da vida desta praza, e xunto co mítico Universo, que dende 1987 serviu de refuxio nocturno de moitas xeracións de pontevedreses, fóronse establecendo outros locais como o Qué ou A taberna do pincho que coas súas terrazas concédenlle unha grande actividade a praza. Ambos viñeron a ocupar os baixos nos que tiña a súa sede o bar A Cañiza, inesquecible polas súas tapas de orella, ou o Bazar de Xoguetes Reguera, como homenaxe a unha antiga fábrica de xoguetes de lata que estaba nese lugar.

Por un dos seus lados xorden dúas grandes casonas moi ben coidadas polos seus propietarios, engalanadas cunha chea de flores e nas que moitos aínda acordan tras as súas fiestras as aulas das Academias Cervantes ou Buela. Nese mesmo lado, retranquéase unha pequena casa, cun escudo, que ata hai ben pouco acolleu a froitería de Dorita. Pero a gran casa da Praza é a chamada Casa do Arco. Pertencente na súa orixe á familia de mercadores dos Cruu, pasou pola familia Méndez Núñez ata que os irmáns Muruais fixeron dela un cenáculo intelectual.

20111103071102_c90-f3
20111103071109_c90-f4
20111103071149_c90-f1

20111103071155_c90-f2

Praza de Curros Enríquez


A conxunción de dúas prazas nesta zona, a primeira onde agora atopamos a fonte rehabilitada do arquitecto Sesmeros coñecida como San Román, e a segunda onde se encontra o edificio do Mercantil, chamada do Hospital por estar nela o antigo hospital de San Juan de Dios, dá como resultado a praza de Curros Enríquez denominada así dende o ano 1908. Co nome do poeta a cidade adícalle así rúas ou prazas ós tres grandes protagonistas do rexurdimento literario de Galicia: Rosalía, Pondal e o propio Curros Enríquez.

Preside a praza o grande edificio que fora ferretería de Saturno Varela e no que agora teñen a súa sede a Sociedade Mercantil de Pontevedra e unha franquicia de comida rápida. Aquela ferretería tivo a principios do século XX unha grande importancia pola súa actividade, que mantería ó longo de todo o século e ata os nosos días, nos que se trasladou ben cerquiña, ó inicio da rúa Don Gonzalo. Foi tal a súa importancia que esta praza tamén era coñecida como praza de Saturno polo nome daquel industrial.

Xunto a ese nome, nela atópase algúns dos establecementos máis antigos da cidade, como pode ser Peral Moda que con dous negocios adicados a diferentes sectores da roupa, cumpre cincuenta anos de atención ó publico; a Droguería Moderna, fermoso establecemento incluído en publicacións como un dos establecementos do ramo máis singulares pola súa gran caixonería ou as farmacias Herreros e a de Luis Esteban. Pero por esta praza tamén pasaron establecementos como a Mercería Vidal ou a papelería de Luis Martínez Gendra, logo reconvertida á venda de produtos relixiosos; ou La modernista, que no final dos soportais se abría á praza para a venda de paraugas e téxtiles.

Un longo listado de nomes pero sobre todo de recordos, nesta praza na que baixo as súas pedras aínda se atopan os restos do que fora o hospital de San Juan de Dios, derrubado baixo ese andazo de destrución que asolou gran parte das arquitecturas máis senlleiras da cidade. Ese hospital, acougo de peregrinos que ían ata Compostela, foi unha das perdas máis grandes de Pontevedra, aínda que se mantén o seu espírito na capela das Ánimas na rúa das Ánimas.

Praza dunha forte actividade cidadán, as xentes que baixaban ata o Mercado enchían de vida esta zona tan próxima ás rúas máis comerciais de hai tempo, como eran Manuel Quiroga ou a rúa Real. Agora é un lugar onde conviven eses recordos coa presenza das novas xeracións que trala recuperación deste espazo para a cidadanía a converteron nun centro de reunión, nun lugar de xogos para os cativos, entre locais para o ocio como Borona, A bola de Cristal, Capri ou La Chata, que axudan a que a vida na praza siga existindo.

20111103071105_c91-f3
20111103071112_c91-f4

20111103071153_c91-f1
20111103071159_c91-f2

Praza de San Xosé


A súa transformación foi case total a partir do aspecto que tiña a principios do século pasado. Definida pola presenza da capela de San Xosé, esta atopábase fronte o Café Moderno, onde se sitúa na actualidade o edificio onde está a peletería de Araúxo. A praza recibiu o nome do santo excepto nos tempos da República, cando se chamou praza de Pablo Iglesias, volvendo no 1936 á súa tradicional denominación.

Dende a súa construción no ano 1903, o Café Moderno marcou a vida desta praza. Alí se proxectaban películas, alí se reunía en tertulias a intelectualidade do momento, alí García Lorca compuxo un soneto para a revista Cristal, que tiña na parte alta a súa sede, alí pintaron Laxeiro, Monteseirín e Carlos Sobrino. Alí,alí, alí… sería interminable enumerar o que achegou a esta cidade este local, que segue nesa vía, xa que tras unha etapa na que nela se atopaba a Caixa Rural, a man de Caixa Galicia permitiu a súa rehabilitación dende as prestixiosas ideas do portugués Alvaro Siza, e agora empregao como sede da súa fecunda Fundación Cultural. Fronte a el a outra gran entidade financeira de Galicia, Caixanova, aposta por ese mesmo eido de actividades culturais coa súa sede, que tamén se abre a esta praza e na que aínda recordamos as numerosas exposicións que tiñan lugar na sala da súa planta baixa.

Na outra parte da praza lembramos a presenza do Hotel Méndez Núñez, con restaurante e sala de reunións, que posteriormente acolleu unha parada de autobuses e logo tivo nun dos seus baixos o Pequeno Bar. Son os bares a outra gran reseña desta praza; actualmente resiste o Bar Americano, coñecido como ‘o miserias’, no inicio da praza baixo os restos almenados do antigo pazo que se conservaba nese lateral da praza. Pero tamén antes houbo outros como La Capilla no espazo onde se atopaba a capela de San Xosé, onde tamén se vendían ultramarinos e aquel viño tan popular coñecido como Pinarejo. No seu exterior moitos aínda acordan aquel neón que debeu ser un dos primeiros publicitarios da cidade, neste caso da marca Philips.

Outro edificio a valorar, e adecentado recentemente e ó que se atopa na esquina da rúa Oliva. Creado polo arquitecto Emilio Quiroga Losada, presenta un racionalismo de bastante interese pola súa forma semicircular. A praza, recuperada urbanísticamente nos últimos tempos, ten agora uns novos protagonistas, ou non tan novos, xa que fronte a onde se atopan agora, nese Café Moderno, pasaron moitas horas de conversa e lecer: Castelao, Alexandre Bóveda, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Manuel Quiroga e Carlos Casares son eses protagonistas.

20111103071105_c92-f1

20111103071112_c92-f2

20111103071130_c92-f3
20111103071137_c92-f4

Prazas de Valentín García Escudero e García de la Riega


Vale máis polo que agocha que polo que amosa. A mesma historia da cidade está baixo os seus pés. Achádego tras achádego, cada vez que se remexe no seu interior a praza de Valentín García Escudero amosa as claves do noso pasado. Nese Museo efímero, como se da en chamar, apareceron numerosos restos xa dende o ano 1988, cando unhas pioneiras excavacións foron desprezadas de xeito miope por unhas administracións incapaces de achegarse ó valor de restos como aqueles que, a carón da ponte do Burgo, eran imprescindibles para artellar e confirmar as teorías existentes sobre o nacemento da cidade.

Aquel miliario de Adriano recuperado entón situaba a Pontevedra nunha das vías principais da Roma Imperial, a vía XIX, vencellando a cidade á mansión de Turoqua e á importancia que tiña unha antiga ponte como salto sobre o río para permitir continuar o camiño. Pero alí había máis cousas, máis claves para descifrar a nosa historia, e así, ata o ano 2006 non se volveu a levantar esa praza para, esta vez si que de xeito riguroso, estudar todo o que alí había. De novo máis miliarios non facían máis que afianzar o coñecido con anterioridade, pero tamén vellas estruturas da ponte nos amosaban a súa verdadeira envergadura e trascendencia, paramentos de estradas nos situábannos ante a forma na que aquela xente preparaba as súas zonas de tránsito. Agora a pretensión é a de crear ese museo para, in situ, achegarse a todo ese tesouro que temos alí agochado para o noso goce.

A praza leva o nome dun antigo concelleiro de cidade e tamén notario. Leva este nome dende o ano 1891. En tempos coñecíase como praza do Pescado e tamén como ‘pranchuela’ , que era unha zona aberta ó Malecón cun peirao de madeira de onde lle sae o nome, e que se conserva nese acceso dende a praza de Celso García de la Riega. Maltratado como espazo público, nas últimas décadas alí se amoreaban os coches, e tamén nela se collían os autobuses que se dirixían cara a Compostela e as poboacións da comarca do Deza.

A praza de Celso García de la Riega está entre a rúa Real e a de Valentín García Escudero. Púxoselle este nome no ano 1907 pola súa mediación na construción do ferrocarril entre Pontevedra e Ribadavia. Celso García de la Riega é ademais quen defendeu no seu tempo a orixe galega de Cristobal Colón, iniciando un debate que chega ata os nosos días con numerosos seguidores. Esta praciña, que conta cunha cafetería como A estafeta, e ata hai pouco cun establecemento da Asociación Amarante de Comercio Xusto trasladado á praza da Verdura, coñeceuse como de Correos, por estar nela anteriormente o servizo de Correos, agora situado na Oliva.

20111103071120_c93-f1

20111103071137_c93-f2

20111103071145_c93-f3

20111103071154_c93-f4

Gremios de Mareantes e Campo da Torre


Con ese sabor a mar que dá o ter a auga á porta da casa, a praza do Gremio de Mareantes é parte desa faciana ó mar que ten o gran barrio da Moureira. Un rostro alongado, cheo de diversidades entre eses espazos, pero ó que o crecemento da cidade mutilou en numerosas ocasións. A praza do Gremio de Mareantes, entre as rúas San Roque e Irmáns Nodales, leva este nome dende o ano 1901, como nos lembra Juan Juega Puig. Por ela pasan tres pequenas rúas: Rache, Buraces –nome dun antigo peixe moi popular- e Irmáns Pazó- en recordo daqueles irmáns que tiveran neste espazo unha fábrica pioneira na construción de motores.

Darlle ese nome era unha cuestión case de honra. A Moureira débelle todo a ese Gremio e ós seus compoñentes, que son os mesmos veciños que, adicados ó mar, levantaron a esta cidade e colocárona no cumio das vilas galegas alá polos séculos XV e XVI. Baixo a súa actividade gremial e coa advocación de Confraría do Corpo Santo, o Gremio de Mareantes de Pontevedra, como entidade de traballadores adicados a un mesmo oficio, buscaba a defensa dos seus intereses.

Así, logrou obter exencións reais de certos tributos, a exclusividade da conservación do peixe, da fabricación da graxa de saín ou da carga e descarga de peixe no seu porto e ata podía elixir algún dos procuradores do propio concello. A súa importancia era máis que evidente e o seu tributo á cidade inesquecible; ahí está esa ofrenda en pedra, esa basílica de Santa María á que miraban os mariñeiros cando saían á pesca na procura da súa bendición e amparo no mar. Irían listos agora se tivesen que depender desa última mirada para salvar a súa vida, xa que só verían bloques e bloques de pisos e nada da súa protectora.

Pouco queda xa nesta praza do Gremio de Mareantes do seu fermoso rostro, das súas casiñas, das redes no seu exterior, dos improvisados tendais de roupa que as mulleres dos mariñeiros colocaban fóra para secar a humidade que nela se apegaba. Agora o asfalto e os coches fannos esquecer aquela faciana tan fermosa e serea. Esta zona foi ocupada por restaurantes, todos con boa sona sobre todo pola súa cociña vencellada ó mar, a marisquería Casa Digna, que leva xa moitos anos defendendo a súa cociña, que tanto ten que ver con este espazo.

O Campo da Torre xa se coñece así dende mediados do século XIX. Quíxoselle poñer o nome de Teucro, pero dende 1950 fíxose oficial ese topónimo de Campo da Torre. A presenza da Praza de Touros vai ser o principal argumento deste espazo, no que aínda existen varias vivendas de moito interese e que serven para explicar a fisionomía deste barrio a cabalo entre o mar e os touros.

20111103071106_c94-f4

20111103071143_c94-f1
20111103071150_c94-f2

20111103071157_c94-f3

Prazas do Peirao e Alonso de Fonseca


Moitas veces esquecida na descrición da cidade, a praza do Peirao posúe unha gran beleza. A carón do mar, xardíns, fonte, e a recentemente rehabilitada sede do Colexio de Aparexadores son quen de artellar un espazo cheo de posibilidades e capaz de facer que os sentidos nos leven a pensar como sería este lugar cando o mar invadía o seu espazo, e un gran peirao servía de atraque ós barcos dos mariñeiros.

O seu nome tradicional de praza da Prancha pona en relación co que tiñamos visto antes na praza de Valentín García Escudero, alí se falaba de ‘pranchuela’ xa que este era o xeito de chamar ó que sería un peirao naqueles tempos, que estaría feito de madeira. Este termo de ‘prancha’ xa se atopa en documentos de anos tan remotos como o de 1398 e en séculos sucesivos. En 1854 manténse o nome de praza del Muelle del Puente e dende entón así se fai chamar, aínda que mantendo como segundo nome o tradicional de praza da Prancha.

Imponse nese espazo a sede do Colexio de arquitectos. Tras a rehabilitación do arquitecto Celestino García Braña, o que era unha ruína que afeaba o seu contorno cumpre a función contraria, a de facer gañar a todo este espazo unha nova dimensión. A súa fermosa fonte, chea de equilibrio e serenidade, contribúe a esa situación. E como non podía ser doutro xeito neste lugar, de onde tantos mariñeiros e nomes senlleiros deron as nosas embarcacións, atópase o monumento ós navegantes ilustres, recordo permanente a todos eles e que comparte función co que se atopa no fondo da Alameda.

Pero tamén neste espazo dispoñemos de lugares onde temperar ánimos e coller folgos para continuar o camiño. O Bar Muelle ou o Asador O fanal, a ambos lados da praza, son parte da oferta hostaleira desta praza moitas veces esquecida, pero da que non nos debemos esquecer pola súa significación.

A praza que se atopa a carón da basílica de Santa María e que se coñecía como praza de Santa María, recibe, dende o ano 1950, o nome dun dos persoeiros más sobranceiros do renacemento español, Alonso de Fonseca. O seu emprazamento neste espazo non obedece á casualidade e está explicado perfectamente pola súa relación coa basílica e a propia Pontevedra.

Alonso III de Fonseca (1473-1534) foi o gran humanista daquel tempo na Península Ibérica, chega dicir que foi o fundador da Universidade de Santiago de Compostela. Foi cura na basílica e dende entón Pontevedra estivo presente na súa vida, tendo un trato preferencial para a basílica dende os postos que ocupou na súa vida. A fermosa casa reitoral que se atopa nesta praza ten unha inscrición na que amosa o seu agradecemento o seu labor, cheo dun profundo humanismo.

20111103071103_c95-f1

20111103071110_c95-f2

20111103071117_c95-f3

20111103071124_c95-f4

Prazas da Pedreira e das Cinco Rúas


As súas lousas danlle nome. Nos tempos nos que as rúas e as prazas, de xeito habitual, tiñan o piso de terra que unha praza aparecese cuberta de pedra era motivo suficiente para que iso lle dese nome. A presenza nela da súa arquitectura principal, como é o Pazo de Mugartegui, quixo denominala de xeito oficial como praza de Mugartegui, pero foi máis forte a consideración popular, quedando establecido o nome de praza da Pedreira.

Agochada tras o fermoso arco de acceso pola rúa César Boente, esta praza parece que se oculta do resto da cidade. Como se non quixese que nos achegaramos a ela para continuar mantendo ese misterio que nela se intúe. Misterio de xentes que por ela pasaron, de pedras e máis pedras, de ausencia de negocios, só temos un bar que ofrece asilo ó visitante, é unha praza pechada na que o outro acceso, polos Arcos de San Bartolomé tamén xoga a esa confusión do que se atopa oculto. O longo muro fronte ó Pazo agocha unha gran finca que chega ata a rúa Sarmiento, un espazo aberto que airea a praza e dende as fiestras do Pazo ofrece unha sensación de calma. Na praza temos diferentes tipos de construcións propias das zonas a carón do mar, pequenas vivendas, algunhas con soportais, outras con escaleiras exteriores.

Unhas ofrecen un mellor aspecto que outras, o que é unha mágoa, sobre todo unha pequena vivenda na marxe esquerda do pazo, exemplo de serenidade e de bo facer neste tipo de casiñas. Pero a praza aparece dominada pola presenza do Pazo de Mugartegui, que fora Academia Jovellanos a mediados do século pasado, pasou a mans municipais e tras unha espectacular recuperación púxose ó servizo do cidadán. Agora nos seus baixos un museo do viño acóllenos como demostración da enorme variedade que na nosa provincia temos de viños. A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas ten neste pazo unha sede de acordo cos grandes valores que ten que difundir.

A praza das Cinco Rúas, xorde no medio da costa da rúa Isabel II. Alí, baixo as fiestras polas que se asomaría Valle-Inclán cando residía nela, asistimos a unha praza en dúas alturas, a primeira a carón desa fermosa casa cun cruceiro coa iconografía de Adán e Eva e o Cristo triunfante na cruz. Na parte baixa esta praza, que tamén se chamou de Rogelio Lois e antigamente praza de Mendiños, é unha zona de tránsito ó confluír nela cinco rúas que lle dan finalmente o seu nome: Barón, San Nicolás, Isabel II por dúas partes e Chariño.

Na praza os locais O Cruceiro ou Cinco rúas son xa tradicionais neste fermoso contorno de xogos de rapaces hai moitos anos e que agora se articula como un dos centros da noite en Pontevedra. Estamos ante un deses recunchos especiais da cidade, con poucos cambios na súa faciana, como vemos na foto seguinte. Esta é unha delicia.

20111103071107_c96-f1
20111103071114_c96-f2
20111103071122_c96-f3
20111103071127_c96-f4

Campiño de Santa María


A carón da fachada principal da basílica de Santa María e en paralelo á rúa Arcebispo Malvar esténdese o Campiño de Santa María, chegando ata as rúas Martín Fervén e Formigueira. En pleno proceso de reforma, o Campiño busca voltar a súa orixe eliminando aquilo en que se convertiu nos últimos tempos, unha zona degradada pola presenza do botellón. Esta zona, da que podemos falar case como terra de mortos, xa que cerca da basílica os últimos achádegos arqueolóxicos atoparon numerosos enterramentos do que ata agora era un misterio, saber onde se atopaba o cemiterio da parroquia máis antiga da cidade.

Aquel silencio transformouse co tempo nunha zona de xogos, como na fotografía que ilustra este espazo; eran moitos os cativos que se achegaban a ela para xogar con outros rapaces e na actualidade un parque infantil renova a imaxe da fotografía. Outros, máis maiorciños, desafiaban a súa propia timidez dende o Campiño para espiar ós clientes que ían ata a rúa Xan Guillerme baixando por Arcebispo Malvar, lugar onde, como xa vimos, os burdeis acollían a moitos veciños da cidade para satisfacción dos seus desexos máis íntimos.

Xa nos nosos tempos, foi pouco a pouco converténdose no emprazamento dese fenómeno da nosa sociedade moderna coñecido como botellón, ata o seu recente traslado ó Recinto Feiral. Esa actividade nocturna xenerou a apertura de diferentes establecementos para satisfacer as demandas dos clientes que compartían interiores con exteriores. En canto á arquitectura, mudou moi pouco a súa faciana; ó ser unha zona tan especial, vese afectada por un xeito de protección urbanística que impide, ó igual que noutras zonas da cidade, intervencións agresivas, variando únicamente a retirada do caleado da pedra, na procura de que esta destacase, e afastándose dunha moda que non valoraba ese material. Esas intervencións agresivas son precisamente as que desde este punto somos quen de denunciar.

Ó estar o Campiño de Santa María nun espazo elevado, sendo un promontorio ideal para a construción dunha basílica, permitía funcionar como miradoiro e tamén, en tempos de liortas militares como bastión defensivo. Dende esta altura podemos decatarnos de todo o que fomos quen de destruír coa aniquilación de antigas construcións ou coas edificacións actuais, que non fixeron máis que transformar a imaxe dunha cidade pensada case que para ser imaxe, para ser referencia dun espazo habitable. Neste espazo as pequenas e estreitas rúas que a rodean como Tristán de Montenegro, Martín Fervén, Formigueira ou a Pratería Vella teñen un lugar para o desacougo, ademáis de formar parte dun roteiro arqueolóxico sobre a historia da vila.

RAFA FARIÑA

20111103071113_c97-f2

20111103071119_c97-f3
20111103071124_c97-f4

Xardíns e espazos verdes


Necesarios como espazos de evasión, os nosos parques, os xardíns ou as grandes zonas verdes que rodean Pontevedra son o osíxeno que nos mantén en pé. Grazas a eles os cidadáns, a poucos minutos das súas casas, poden fuxir na procura do poder dunha natureza chea de valores e de sensacións que segue coa súa teima de facer do individuo un ser menor ó seu carón, ó mesmo tempo que nos sitúan ante a nosa posición primitiva fronte o medio natural.

Pontevedra amosa unha gran variedade destes espazos, dende os máis domesticados como os Xardíns de Vincenti, as populares Palmeiras ou a Alameda, ata os máis naturais como a Xunqueira de Alba, os salóns do Lérez ou a Senda de Bora. A conxunción de ambos pódese representar na Illa das Esculturas, onde a natureza e a arte enguedéllanse coma en poucos lugares do mundo, e xunto a eles novos espazos como o recentemente creado Paseo dos Gafos, que por fin dignifica o percorrido a carón deste río sempre maltratado. Un heroe que sobrevive ó seu propio esquecemento e que só nos últimos tempos foi axudado para amosarse cheo de vida. Necesarios para os cidadáns, os xardíns sempre foron menosprezados como parte da cidade.

Só co crecemento urbano e a chegada dunha nova burguesía dende mediados do século XIX, Pontevedra viu a necesidade de achegarse a outras cidades máis avanzadas, e así foi como a Alameda se creou para dar desposta a ese novo ocio chamado paseo. Aínda así, co paso dos anos a cidade esqueceu estes espazos e foron moi poucos os que completaron o crecemento urbano. Só de xeito recente se volveu pensar na súa valoración como parte indispensable do plantexamento urbano, e así se superou esa lamentable disposición urbana que esta e outras moitas cidades sufriron co desenvolvemento dos anos sesenta.

A partir deste novo xeito de entender a cidade e como os parques e xardíns foron salpicando diferentes puntos da mesma de xeito modesto, en moitos casos pola falta destes espazos cos que non se contaba. En cambio, nos casos que rodean á cidade si que se amosan cheos de forza e sobre todo de posibilidades para o cidadán, o seu verdadero destino.

Os novos hábitos de vida, así como as recomendacións médicas para coidar a nosa saúde, fixeron que moitos destes espazos se enchan de persoas adicadas á queima saudable de toxinas do seu corpo. Cada vez son máis os que fan da Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas ou os Salóns do Lérez e a Senda de Alba parte dun tratamento de saúde mellor que ningún outro e que esta cidade é quen de ofrecerlle co incremento de zonas para o paseo dentro deses espazos, xa de por si atractivos para o visitante.
20111103071139_c105-f1

20111103071145_c102-f1
20111103071153_c109-f4

RAFA FARIÑA

Xardíns de Casto Sampedro


O seu despacho daba cara a este espazo anexo á Ferrería. Contan del que era unha especie de lugar máxico, onde podías atopar calquera tipo de obxecto, moitos deles indispensables para a explicación dalgunha parte da historia da cidade. Casto Sampedro foi o primeiro director do Museo Provincial de Pontevedra, e antes creador da Sociedade Arqueolóxica, xérmolo da nova institución. O seu labor á fronte da institución arqueolóxica permitiu salvar da piqueta as ruínas de San Domingos ou a fonte da Ferrería, o que non é mala bagaxe.

Estes xardíns ó pé do Convento de San Francisco mudaron moito durante a súa historia, aínda que non encanto á súa fisionomía xeral senón na disposición dos elementos ornamentais ou na forma en que estes se trataban nos diferentes labores de xardinería. Así é como moitas veces os arbustos aparecen recortados como unha especie de prisma, mentres que noutras estes desaparecen, como sucede nestes momentos nos que se aposta por unha vexetación de céspede con flores, de baixa altura e que deixa liberado este espazo para evitar certas presenzas que afeaban o entorno, un lugar ademais moi concorrido por turistas ou polos mesmos pontevedreses nas súas visitas á emblemática Ferrería.

Están rodeados de fermosos edificios como os que conforman o Convento de San Francisco, divididos agora no propio complexo relixioso e a Delegación de Facenda, en mans civís dende os tempos da Desamortización. Esa forza da pedra ten a súa guinda na fonte que se atopa no medio dos xardíns, e que o propio Casto Sampedro recuperou para a cidade, tras ser atopada en fragmentos e colocada nas ruínas de San Domingos dende o ano 1928.

A carón destes xardíns atópase un espazo que conecta a praza da Ferrería co inicio da rúa Benito Corbal, xusto ó pé da vivenda que fora de Casto Sampedro e que se coñece como praza de Ourense dende o ano 1933. Esa vivenda acolle agora na súa planta baixa o local coñecido como Tío Gilito onde un bo bocadillo é o perfecto complemento para gozar da vista que ofrece este conxunto, un dos máis fermosos e destacados de toda a cidade.

Xunto a el, unha ruína que, como se tratase dunha antigüidade mantense en pé agardando o seu rescate. Falamos do Café Savoy, un deses locais que definen a vida dunha cidade. Lugar para a charla, para a presenza de persoeiros coas súas tertulias e os seus contos. Inesquecible Paquito. Alí tamén se poñían a venda as entradas para os touros ou outros espectáculos. Fálase dunha pronta recuperación deste espazo, esperemos que así sexa, xa que este recuncho non pode estar por máis tempo esmorecendo ante o paso do tempo e a persistencia da memoria.

20111103071101_c98-f4

20111103071141_c98-f1
20111103071147_c98-f2
20111103071152_c98-f3

Xardíns do doutor Marescot


Poucos espazos da cidade melloraron tanto tras unha reforma como este lugar, afeito a estar sempre baixo un aspecto de descoido e abandono. Agora loce cun meditado tratamento da vexetación e coa recuperación e limpeza dos monumentos que nel se atopan: os adicados ó violinista Manuel Quiroga e o do propio Doutor Marescot, que é quen dá nome a este espazo que se prolonga fronte ó cuartel de San Fernando e o Ambulatorio Virxe Peregrina, así como por un dos laterais da Subdelegación do Goberno.

Os xardíns atópanse entre as rúas Alameda e Maestranza; a primeira delas discorre paralela a propia Alameda, mentres a segunda, chamada así dende o ano 1996, substituíndo a anterior denominación de División Azul alude ó antigo cuartel que se alí se atopaba. Agora ese cuartel, coñecido como de San Fernando, é a sede da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, referencia no campo da creación e que vén dando grandes froitos na formación de futuros artistas. O acceso frontal a ese centro divide cun fermoso camiño entre camelios ós propios xardíns, xerando un túnel de sensacións, de percepcións que nos acollen para o goce e que xa se situaban así dende hai moito tempo, como podemos comprobar comparando as imaxes principais destas páxinas.

O monumento ó Doutor Marescot é un exemplo de recoñecemento oficialista, no que se representan as virtudes que debía posuír un bo médico, ademais dun busto que retrata ó homenaxeado. A presenza da auga para restar rigurosidade á composición intégrase moi ben no conxunto dos xardíns, nos que pasado e presente van da man. Na outra parte dos xardíns sitúase o monumento a Manuel Quiroga, realizado por Asorey en 1940 e que tivo un novo capítulo na colocación que se fixo nel dunha praca que recorda o centenario do seu nacemento, no ano 1992 nunha homenaxe realizada polo concello pontevedrés.

A actualidade deste espazo vén agora marcada tras esa reforma polo seu aproveitamento como lugar de evasión, cun céspede que invita a deitarse nel, sí, sí, está pensado para poder botarse sobre a herba sen esperar a reprimenda dalgún garda, a integrarse nun contorno gañado para o cidadán e pola presenza dun centro académico que mudou moito a faciana non só deste punto urbano senón, da propia cidade: falamos da Facultade de Belas Artes, con xa varias promocións ás súas costas e achegando renovadas visións ós propios espazos da cidade coas súas intervencións artísticas dentro dos seus programas de estudos. Estes xardíns, porta de entrada da súa facultade, acostuman a estar cheos de estudantes que fal del, espazo para o decanso e antesala da propia vida na cidade.

20111103071139_c99-f1
20111103071144_c99-f2
20111103071149_c99-f3

20111103071156_c99-f4

Alameda


É unha das paisaxes máis ligadas á memoria de todos nós. Xunto coas palmeiras, chamadas Xardíns de Vincenti, e o Paseo de Montero Ríos forma unha unidade existencial. A trinidade do paseo na nosa cidade xa dende moi antigo. Demandaba o novo urbanismo de Pontevedra, alá polos finais do século XIX, a implantación de espazos verdes, de áreas que favorecesen o descanso dunhas xentes que xa comezaban a ver con temor en que podería converterse o crecemento urbano.

Así foi como se acondicionou esta grande área extramuros da cidade a carón da rúa que ía de San Domingos a San Roque e que logo levaría o nome de Alameda. Cunha forma lonxitudinal e favorecendo o paseo, esta primeira Alameda mantiña vixente o clasismo que imperaba na súa época. Dividida en tres carrís que viñan marcados pola situación das árbores, por cada un deles debía camiñar un determinado grupo social. A carón do palco da música ían as mozas de servir cos nenos que coidaban e algún que outro militar que lle facía a corte ás rapazas.

O seguinte paseo destinábase ós artesáns, como recolle Hipólito de Sa nas súas ‘Estampas Pontevedresas’, o que chamariamos a clase intermedia, mentres que os dous seguintes, próximos ó café que se atopaba no máis exterior era o espazo para os señoritos ou as clases máis elevadas. No das criadas era onde se atopaba o Palco da Música, onde as moitas bandas que tiña a cidade se alternaban na realización de concertos que tiñan lugar os xoves e os domingos de verán.

Onde agora atopamos O Cafetín, en pleno percorrido da Alameda, situouse un café, unha especie de quiosco que dispensaba bebidas ou outros produtos, manténdose o seu recordo cunha construción actual baixo ese nome. Empregada nos nosos tempos como lugar para a festa, xa o foi tamén en tempos pasados, posto que xa se colocaban nela os carruseis e outros espectáculos, moi diferentes ós de agora, pero que cumprían a mesma función e aledaban ós máis novos.

Na actualidade a faciana desta Alameda mudou moi pouco, mantendo a situación das árbores nos mesmos espazos en que se atopaban na época da súa creación. Un xeito de manter a fidelidade a un paseo, xa sen clases sociais diferenciadas, só buscando a diversión e o esparexemento sen pisar asfalto, senón entre árbores aínda que nos atopemos en medio da propia cidade. Nos seus extremos atopamos elementos interesantes que completan o sentido artístico da Alameda.

Na súa entrada principal pola praza de España atopamos o Monumento ós Heroes de Ponte Sampaio, inaugurado en 1911 e obra do escultor Julio González Pola que realizou unha creación de tipo conmemorativo para recrear os últimos momentos do enfrontamento que tivo lugar en 1809 nesa parroquia pontevedresa na que se puxo freo á invasión francesa grazas ó valor dos nosos veciños.

Na súa parte final cara a rúa Raíña Vitoria, unha fermosa escaleira de canteiría acolle no seu frontal un conxunto de azulexos baseados en debuxos realizados polo pintor pontevedrés Carlos Sobrino. Este artista, nacido na rúa Don Gonzalo, fixo coa súa pintura un reflexo da paisaxe non só natural, senón tamén espiritual, de Galicia o motivo central da súa obra. Nestes mosaicos atopamos escenas de Combarro, A Lanzada, a praza da Leña ou a catedral de Tui, espazos moi recoñecibles para o espectador que se deixa levar por esta pintura academicista e con poucos desexos de renovación. Nove cara un lado e catorce cara o outro son os ‘cadros’ representados e que forman parte desta Alameda de Pontevedra.

Alameda con moita historia pero tamén con moito presente, o que cada día lle dan os pontevedreses que por ela atravesan, cun ritmo máis veloz durante a semana e máis pausado nos días de descanso; pero tamén os turistas ós que os seus autobuses deixan nas proximidades para realizar unha visita por todas estas rúas, prazas e parques polos que tamén nós paseamos dende estas páxinas. A presenza nesta zona dun tren turístico que lles permite coñecer as esencias da nosa cidade é outro dos reclamos que fai que se vexan moitos grupos de forasteiros coñecendo a Alameda e os seus arredores.

No lado contrario a Avenida de Montero Ríos atopamos a rúa Alameda, tamén recentemente reformada, gañando moito espazo para os peóns, con grandes beirarrúas e bancos nos que poder deterse uns minutos. A rúa serve de acceso dende o centro ó barrio de San Roque, nela atopamos o restaurante Alameda, de fonda tradición culinaria.

20111103071104_c100-f3

20111103071110_c100-f4
20111103071115_c101-f1
20111103071123_c101-f2
20111103071131_c101-f3

20111103071144_c100-f1

20111103071158_c100-f2

Avenida de Montero Ríos


Transición entre dous espazos verdes, entre a Alameda e os Xardíns de Vincenti, a Avenida de Montero Ríos crea non só unha zona de paso entre estes lugares senón que, de xeito lonxitudinal, une as rúas Riestra e Raíña Vitoria. A finais do século XIX procédese a urbanizar e arranxar este espazo arredor das ruínas de San Domingos. En 1891 decídese dar o nome de Gran Vía de Montero Ríos a esta rúa e tres anos máis tarde, en 1894, entrégase a obra.

Eugenio Montero Ríos foi o gran protagonista político na España da Restauración. A súa residencia en Lourizán, o fermoso pazo que leva o seu nome, facía que pasase longas temporadas na nosa cidade, á que sempre procurou defender dende Madrid. Ministro de Gracia e Justicia, chegou a ser presidente do Consejo de Ministros e do Senado a principios do século XX. Personaxe polo tanto máis que axeitado para que esta avenida leve o seu nome.

Ó longo dela sitúanse diferentes institucións de grande importancia na vida da cidade e que se foron instalando nos comezos do século XX, cando Pontevedra asentaba o seu papel como capital provincial necesitada de servizos para ofrecer ó cidadán. Tras superar as ruínas de San Domingos, felizmente salvadas de ser derrubadas polo labor dos membros da Sociedade Arqueolóxica, o Instituto é o primeiro grande edificio que atopamos, pero foi o último na súa construción. Unha lenta edificación con moitas paradas que fixeron que non se inaugurara ata o ano 1927 durante a visita que realizou á cidade o rei Afonso XIII.

Dende entón miles de pontevedreses están apegados coa súa formación a este centro educativo, polo que pasaron mestres tan afamados como Emilio Álvarez Jiménez, Víctor Said Armesto, Castelao, Antón Losada Diéguez, Xosé Filgueira Valverde ou Bibiano Fernández-Osorio Tafall, que lle deron o prestixio que foi quen de manter ata os nosos días. O edificio da Deputación Provincial é o seguinte que nos atopamos. Rematado en 1893, responde á necesidade de Pontevedra, como capital da provincia dende o ano 1833, de ter un edificio oficial para a atención ó cidadán.

Antes de ocupar este novo edificio, realizado polos irmáns Sesmeros, a Deputación estivo na actual Delegación de Facenda nos Xardíns de Casto Sampedro. O último edificio que nos atopamos é a que foi Escola Normal, e logo sede da Delegación de Educación, recentemente pasou a formar parte do patrimonio inmobiliario da Deputación Provincial. Artellouse así toda una sorte de construcións de tipo institucional que se acomodaron nesta nova zona da cidade.

Complétase esta Avenida de Montero Ríos co Monumento ó Soldado descoñecido obra do escultor Vilar. Esta Avenida foi dende sempre, e o segue sendo, parte activa da vida social da vila, tendo lugar nela diferentes desfiles, conmemoracións militares e relixiosas, a batalla de flores, feiras de libros e moitos tipos diferentes de competicións deportivas. Pero sobre todo é o día a día o que mantén viva esta Avenida, á que se achegan moitos cativos da man dos seus pais ou avós na procura dun espazo aberto no que pasar unhas horas ó aire libre, estirar as pernas ou estrear o último modelo de bicicleta.

A modernidade tamén se achega a esta avenida, e así, as bocanas de saída do aparcadoiro soterrado que baixo ela se atopa confírelle un senso de actualidade que contrasta coa longa historia que se agocha nesa ringleira de edificios oficiais e públicos, polos que dun xeito ou outro, case todos nós tivemos que pasar nalgún momento das nosas vidas. Ver a cidade e esta avenida dende as súas fiestras, é outra visión que podemos ter dela.

O tempo fixo mudar o ambiente xeral deste espazo, pero sobre todo o que mudou foi o seu piso, amosando agora unha imaxe completamente diferente á que mantivo durante décadas sendo así un lugar moito máis axeitado para a convivencia de todos nós, neste mundo tan ligado as nosas vidas.

20111103071114_c101-f4

20111103071119_c102-f1

20111103071125_c102-f2
20111103071131_c102-f3
20111103071138_c102-f4

Xardíns de Vincenti


Din que a patria de cada un de nós moitas veces se atopa no terreo da memoria da nosa infancia. De ser así, que ninguén dubide que todos nós temos a nosa patria neste lugar, baixo as palmeiras, a carón dun estanque ou xunto a unha xauliña con paxaros. Todo rapaz que pasase a súa infancia en Pontevedra ten algún que outro recordo vencellado á súa presenza neste espazo.

Un lugar que ocupa o antigo campo de San Xosé, onde tiña lugar a feira de gando que con posterioridade se trasladou ata a actual praza de Barcelos. Este grande espazo que quedaba baleiro e sen función dispúsose como espazo axardinado decidíndose nomealo desde xeito como loa ó xenro de Eugenio Montero Ríos, que foi deputado por Pontevedra e integrante do Partido Liberal, Eduardo Vincenti Reguera.

Co tempo e o medrar das palmeiras especie máis destacada da masa vexetal, polo menos en canto á súa popularidade, ese nome de ‘As Palmeiras’ foi como máis se coñeceu este lugar, no cal tamén temos outros xardíns, os de Colón, entre o Instituto e a Deputación, presididos pola figura do insigne navegante. Esa vocación da cidade como lugar de recordo das xentes do mar lévanos tamén a deternos noutro monumento que se atopa na súa parte final, adicado ós navegantes ilustres que naceron na nosas terras ou, como reza nunha inscripción, ‘A los hombres de estas rías que hallaron gloria por los caminos del mar’. Homes que dende as máis variadas facetas fixeron das súas xestas parte da nosa historia.

As Palmeiras dispóñense nun amplo espazo cuadrangular, limitado pola súa dereita pola Avenida de Montero Ríos e pola esquerda polo acuartelamiento do Goberno militar, que antes fora Grupo Escolar na rúa Cervantes. O paseo principal conecta coa rúa Gutiérrez Mellado a través dun pequeno tránsito que leva o nome do inxenioso Enrique Labarta Pose, persoaxe a estudar pola súa riqueza na poesía e no xornalismo, creador dunha fermosa revista, ‘Extracto de Literatura’ onde chegou a escribir o mesmo Valle-Inclán.

Neste pequeno espazo moitos aínda acordamos a presenza daqueles fotógrafos coas súas cámaras de pé para facer retratos, agochándose tras un pano e captando a imaxe do retratado. Tamén alí nos atopamos co café Blanco y Negro, un deses referentes no sector e que recolleu a testemuña doutro local máis antigo que se situaba nese mesmo sitio, coñecido como Bar Las Navas, onde se disputaban grandes partidas de dominó e que agora se abre ó exterior cunha fantástica terraza á beira das árbores que parecen querer fuxir das Palmeiras. Dende aquí parte ese gran paseo central escoltado por longas palmeiras, agora máis esbeltas que como eran en tempos, pero que crean un lugar apacible onde moitas familias pontevedresas pasan as súas horas de lecer.

As palmeiras teñen tamén moitos recunchos tan importantes como ese gran paseo que divide en dous a zona. O estanque que se atopa no seu fondo, onde os patos teñen o seu territorio, é un deles. Esa memoria da que falabamos ó principio deste capítulo en moitos casos levaranos ata aquí a taparlle a boca a esas ras que botan auga e a facer con esa presión un xeito de mollar ós pais ou o compañeiro. Alí tamén temos un pombal onde se acollen as pombas que están sempre alerta por se pode caer algunha miguiña de pan.

Fai anos as xaulas dos animais, desaparecidas hai aínda pouco tempo, tiñan aquí unha das súas especies máis queridas polos visitantes das Palmeiras, uns monos ós que os cidadáns lles levaban manises. Tamén podemos lembrar a presenza dun faladeiro papagaio que facía as delicias dos grupos de persoas que ata el se achegaban, en moitos casos alumnos dos centros educativos do contorno.

Noutras xaulas cara ó outro lado das Palmeiras atopábanse as aves que cos seus gritos xa nos reclamaban para que as visitásemos. No recordo están tamén aqueles pavos que de xeito espectacular abrían a súa plumaxe para facer unha fermosa demostración das súas cores. Pero eran moitos outros os tipos de aves que nestas xaulas aledaban ós pequenos ante a vixilancia duns gardas que velaban pola súa integridade.

Os tempos mudan e agora os pequenos non queren mirar tanto e si xogar máis. O parque infantil que se atopa nestes xardíns é un dos máis avanzados que podemos atopar. Inaugurado hai moi pouco, amosa unha gran diversidade de xogos para os máis pequenos, e que a moitos nos fai pensar canto cambia a vida e cantas transformacións en pouco tempo se dan na nosa evolución como cidadáns.

Lonxe quedan xa aquelas ras de ferro, historias de rapaces que buscaban pasar o tempo dende a imaxinación e o xogo colectivo con outros pequenos mediante a asociación en grupos que buscaban pasar as horas do día, lonxe de ocupacións da modernidade que saturan os nosos nenos de coñecementos pero que non axudan á súa socialización cos demais membros do seu contorno.

Outras das rúas que permiten o acceso ás Palmeiras son: Arquitecto Alejandro de la Sota, en recordo do noso máis grande arquitecto, con obras tan senlleiras na nosa cidade como o Pavillón Municipal dos Deportes ou o chalé da familia Domínguez na Caeira; é a rúa Frei Tomás de Sarria, en recordo do monxe dominico que fundou as cátedras de estudo no Convento de San Domingos. Están polo tanto estes espazos cheos de recordos que proceden de tempos nos que as Palmeiras eran o refuxio axeitado para medrar en Pontevedra.

20111103071105_c104-f1
20111103071113_c104-f2
20111103071131_c104-f3

20111103071136_c104-f4

20111103071140_c103-f1
20111103071146_c103-f2

20111103071152_c103-f3

20111103071157_c103-f4

Paseo dos Gafos


É unha das creacións máis salientables nos últimos tempos da configuración urbana da cidade, a recuperación dun espazo abandonado durante anos e anos, esquecido como lugar para o goce do cidadán. Agora, o paseo a carón do río dos Gafos é unha xoia que cruza polo medio da cidade entrando pola ponte do Marco e desembocando na zona do Peirao e As Corvaceiras.

O longo do seu percorrido podemos falar de dous tramos; por unha banda o que discorre por un sendeiro natural cunha lonxitude de catro quilómetros e medio, e que vai dende esa ponte do Marco –elemento etnográfico de gran valor na configuración histórica da cidade e que necesita unha especial atención dado o seu lamentable esquecemento- ata Vilaboa e, por outro, o que ó longo de dous quilómetros e medio discorre polo medio do casco urbano, incluíndo unha parte que vai baixo terra polo chamado paseo de Valle-Inclán.

Este tramo atravesa Campolongo e tense falado moitas veces de descubrilo, o que sería unha magnífica noticia que serviría para completar esta acción de recuperación da faciana dun río que esta cidade desprezou durante moito anos e ó que por fin e quen de mirar cara a cara, se a vergoña de darlle a espalda.

Pero a historia deste cauce é tamén a historia da Asociación Vaipolorío, sen a que non se entendería que este sobrevivise. As súas saídas na procura da limpeza das súas marxes e cauce fixeron que este río sobrevivise ata que se decidiu afrontar un tratamento axeitado. É por iso polo que agora os cidadás percorren as súas orelas de auga limpa, de recunchos fermosos, de camiños nos que o home amosa a súa verdadeira comunicación coa natureza. A espectacular entrada pola Avenida da Estación permítenos percorrer o cauce do río pola zona do Gorgullón, pasar baixo a ponte de Ponte Boleira, pasear a carón do Centro Avelino Montero, e saír por Alcalde Hevia en pleno barrio de Campolongo.

Son sendeiros polos que camiñar, polos que ir en bicicleta, nos que facer exercicio, ou mellor aínda, recuperar esa sensación que supón atoparse dentro do que é a propia cidade pero estando en contacto co hábitat natural, na procura da exaltación dos nosos sentidos, dos arrecendos, das miradas a unha natureza que estivo latexando baixo a escuridade do esquecemento e agora revive para todos nós ó xeito dun espazo romántico, con ruínas, con muros de pedra que pechan pequenos recunchos nos que acubillarse e sentirse parte, dende a nosa individualidade, da grandeza do medio natural ó pé das nosas vivendas. Este paréntese na cotidianeidade das nosas rúas é unha inmellorable terapia para as nosas vidas e debería servir de exemplo noutras zonas da cidade.

20111103071122_c105-f1
20111103071127_c105-f2

20111103071132_c105-f3
20111103071138_c105-f4

Illa das Esculturas


Neste espazo pontevedrés danse cita a modernidade e o restablecemento dun ambiente natural. O que foi durante moito tempo unha zona degradada recuperouse como un illote varado no noso río Lérez. Alí, co tempo detido e con diferentes tipos de vexetación decidiuse no ano 1999, durante a celebración dun ano Xacobeo, crear un modelo de integración de arte e natureza. Un estudo das posibilidades que ambas disciplinas, dende sempre fortemente ligadas, poden desenvolver a finais do século XX.

O proxecto, comisariado por Antón Castro e Rosa Olivares, plantexou realizar un diálogo entre doce dos artistas máis senlleiros neste tipo de arte na natureza e ese entorno semisalvaxe que se atopa a dez minutos do centro da cidade. Convocados estes artistas, alí podemos atopar toda unha lección de escultura contemporánea, desa arte que medrou dende mediados dos anos cincuenta con disciplinas como o land-art ou a arte póvera, e todo iso dende unha materialidade que repousa na nosa propia historia, na nosa configuración social, como é o traballo en granito. Un dos nosos valores no só patrimoniais senón económicos, xa que dende as nosas canteiras se exporta a meirande parte do granito co que se traballa no mundo.

Giovanni Anselmo, Enrique Velasco, Ulrich Ruckriem, Robert Morris, Richard Long, José Pedro Croft, Jenny Holzer, Anne e Patrick Poirier, Fernando Casás, Dan Graham, Francisco Leiro e Ian Hamilton Finlay son os nomes dos autores das obras que alí se atopan, sen interferir unhas nas outras, cada unha defensora do seu propio espazo, do seu valor autónomo como idealización dun concepto e a súa plasmación formal.

Ese ceo acurtado de Anselmo, ou os camiños a carón do río de Velasco, o menhir nese cruce de Ruckreim, o labirinto de Morris, a senda de pedras de Long, a casiña que condiciona a propia natureza, as frases nos bancos de Holzer, as portas vexetais cheas de sensacións dos Poirier, os reflexos na pirámide de Graham, as árbores sufrintes de Casás, o salón flotante de Leiro ou as pasaxes de Petrarca nos medallóns de Finlay responden a un mesmo sentir da arte, a unha valoración sensorial dun espazo. Xunto ó que e o noso achegamento á obra s debe ser afrontado sen prexuízos na procura de acadar unha sensación, tendo a comprensión das obras dentro deste proceso un lugar secundario.

Arte e natureza engedéllanse neste espazo de maneira maxistral. Lugar envexado dende moitas outras latitudes de Europa, aparece sementado destas reflexións que, ademais de facer unha explotación axeitada, son quen de dar grandes beneficios ós seus donos xa que, non esquezamos que os nomes aquí expostos son do mellor no seu campo de traballo. Pontevedra ten neste altar ó río un escaparate como poucos para poder facerse cun nome cara ese exterior que propón achegarse a este tipo de experiencias cada vez máis habituais no noso tempo, no que os museos procuran abrirse, escapando do tradicional salón pechado. E o certo é que salas coma estas non hai moitas.

A carón dese apartado cultural, a Illa das esculturas é tamén para o cidadán un espazo de lecer da propia natureza, converténdose nun dos lugares elixidos máis a cotío para pasear, o pasar unha xornada cos rapaces ou facer unha sesión deportiva. Non son poucos os que a primeiras horas do día ou ás derradeiras da tarde melloran a súa condición física neste espazo que ten continuidade pola senda do Lérez, que parte do seu final.

20111103071138_c106-f1

20111103071144_c106-f2

20111103071150_c106-f3
20111103071158_c106f4

Salóns do Lérez


A illa é un fermoso mirador ó pé do Mosterio de San Bieito de Lérez que, coma unha testemuña eterna, observa como o mesmo granito do que el está feito pode ofrecer novas dimensións. Dende este lugar ábrese o primeiro Salón do Lérez, onde as augas do río se calman antes de saír cara a ría que acolle unha recén estreada praia. Xunto á estabilidade e atemporalidade do granito temos o fluír e a instantaneidade da auga. Un conxunto fermoso e cheo de sensacións para o visitante.

Os Salóns do Lérez son remansos de auga nun río que baixa con forza dende o seu nacemento, pero que agora, antes de botarse á ría, rebaixa a súa corrente para converterse nun lugar calmo. Estes Salóns do Lérez amósanse como espellos nos que se reflicten unhas orelas cargadas de historia, de recordos de balnearios e de tempos nos que estas augas, agora en proceso de recuperación, conservan restos dese pasado que convertiu a esta zona en área de goce da burguesía e de producción de augas embotelladas a cargo das industrias de Casimiro Gómez a principios do século XX.

Aínda permanece en pé un dos restos das construcións que formaban o complexo do Balneario. O primeiro deses salóns, se subimos o cauce do río dende a súa desembocadura, atópase ante a Illa das esculturas e antes da ponte do tren. É un amplo espazo no que se creou unha nova praia fluvial no concello, xunto ás de Ponte Sampaio e Praceres, proxecto estrela dentro da recuperación do río e as súas marxes para o disfrute da cidadanía, a praia creouse fronte a esa fervenza que de xeito popular coñécese como ‘cola de cabalo’, arranxando unha ampla zona entre a Avenida de Bos Aires e o río, na que conservan varios dos restos do contorno, como unha escaleira de acceso ó río ou o rompeondas de protección dende esas escaleiras ata a ponte do tren. Arredor da praia creouse unha zona de céspede e plantáronse diferentes especies vexetais, xunto co mobiliario necesario para a maior comodidade dos seus usuarios, instalándose tamén un quiosco.

O pasar a ponte do tren, entramos nunha das paraxes máis fermosas que nos achega este Lérez tan rico en espazos dos que gozar como descoñecido pola propia cidadanía. Este remanso que repousa ós pés do Mosteiro de San Salvador de Lérez é onde se celebra cada 11 de xullo unha das festividades locais da cidade, a romaría de San Bieito, celebración dunha fonda trascendencia na cidade e na que centos de romeiros participan enchendo este fermoso espazo de xentes desexosas de pasar un día nun espazo natural ven acompañados de suculentas comidas, entre as que non faltan as empanadas. Nese día, un servizo de barcas recorda os tempos do pasado nos que abundaban eses servizos que permitían un mellor paso dunha orela a outra, xa que as pontes non eran suficientes, e que agora se amosa como un xesto de lembranza do que fomos.

Se seguimos subindo polo cauce do río, ó igual que comezan a facer moitas especies recuperadas dentro da fauna do Lérez, como poden ser os salmóns – este foi durante moitos anos un dos mellores cotos para a pesca desta especie- ou as lampreas, chegamos a outras desas zonas cheas de recordos para os cidadáns de Pontevedra, a zona das cascadas, onde moitos, cando eramos rapaces, gozábamos durante o verán dos baños nesas augas, e que segue mantendo o seu valor como punto de lecer, e francamente emociona comparar imaxes de xeneracións distintas, gozando dun mesmo lugar que xa quedará para sempre instalado na memoria desas xeneracións. É un espazo cargado de percepcións do que pode ofrecer un lugar destas condicións, cheo de especies autóctonas, como poden ser os bidueiros, ameneiros e carballos que recrean como era este lugar hai moito tempo, sempre a carón da auga.

RAFA FARIÑA

20111103071122_c107-f2
20111103071131_c107-f3

20111103071140_c107-f4

Senda fluvial a Bora


Para un maior goce de toda esta zona arranxouse un percorrido ó longo do cauce do río que vai dende a Avenida de Bos Aires ata Bora, unha senda fluvial con máis de cinco quilómetros de lonxitude que facilita o tránsito a pé, en bicicleta ou en cadeira de rodas sobre unha superficie axeitada para os usuarios das mesmas. Ademais, produciuse un arranxo dos diferentes camiños que conducen a ela dende diferentes zonas do seu percorrido, así como a integración de elementos da natureza que se foron recuperando.

Tamén se procedeu á eliminación de tubaxes que, en tempos nos que se aprezaba moi pouco este ecosistema, afeaban ese territorio. Deste xeito, tamén se conseguiu eliminar verquidos que durante demasiados anos mancharon as nosas augas sendo un forte atranco o desenrolo desta zona. Esta senda cara Bora artella todo un sistema de comunicacións que, sempre sen perder a vista do río, parte da Illa das Esculturas e chega ata a presa de Bora, pasando por Monte Porreiro, a zona do afluente de Fontáns e San Benitiño.

As pasarelas de madeira e os camiños arranxados con formigón branco son a base na que se sustenta todo este camiñar que converte a este espazo nunha área privilexiada para o visitante, a moi poucos minutos do centro da cidade, e que permite a nosa evasión do quefacer diario. A senda ten tamén outro percorrido pola outra marxe do río que, partindo dende a propia Illa das Esculturas, achéganos ata San Bieito, pero que ten vocación de continuidade para o futuro e que se pretende chegue ata o lugar da Illa en Couso, espazo onde mediante unha pasarela de madeira se unirá coa da marxe contraria.

Este percorrido, permite, como poucos, achegarse á natureza, integrarse nela a través de lugares que, estando tan cercanos a propia cidade, permiten unha completa evasión dentro dese contorno onde podemos descubrirnos a nós mesmos, ó mesmo tempo que descubrimos un lugar esquecido durante décadas. A súa posta en valor amosa unha aposta por abrir a cidade a súa realidade máis inmediata, integrando elementos naturais na nosa realidade diaria como xa vimos noutros capítulos deste libro.

20111103071102_c108-f4
20111103071136_c108-f1

20111103071143_c108-f2
20111103071149_c108-f3

Xunqueira de Alba


Non moi lonxe do comezo da senda a Bora atopamos o grande espazo natural da cidade, tamén moi preto dela, e durante moitos anos degradado e desprezado: a Xunqueira de Alba, un espazo con moitas cousas que ofrecernos e que neste momento se atopa en proceso de converterse en Espazo Natural de Interese Local (ENIL), o que permitiría unha maior protección ó recollerse así dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

As preto de 50 hectáreas que compoñen este espazo verde aparecen delimitadas pola Avenida de Domingo Fontán, por onde desemboca o río Rons, que a atravesa; o barrio do Burgo e diferentes infraestruturas como a autopista do Atlántico ou a estrada PO-531. As melloras realizadas hai varios anos, coa recuperación de camiños ou a creación de diferentes pasarelas de madeira, permitiron que a cidadanía descubrise as posibilidades que podería ofrecernos esta área para actividades de ocio ou deportivas.

A súa conservación, ademais, permítenos ter unha idea de como era no pasado unha grande área da cidade agora urbanizada. Esto é todo o espazo ocupado polo Recinto Feiral, os colexios da Xunqueira ou a Illa das Esculturas que, como podemos ver nunha imaxe incluída no capítulo da Illa das Esculturas, era un amplo humidal que con posterioridade se foi reencheando para ir gañando espazos para a consolidación de infraestruturas.

E se falamos dun humidal temos que referirnos á ampla variedade de flora e fauna que nela se atopa e que constitúe un verdadeiro tesouro para todos nós. Algúns aínda podemos recordar as visitas co colexio como actividade complementaria para achegarnos a este espazo natural residencia dunha gran variedade de animaliños. Agora, en tempos cunha maior e moi necesaria concienciación sobre a natureza, procedeuse a facer un estudo moi completo sobre todos eses elementos naturais que conviven nela. Falamos fundamentalmente de aves, aves que teñen a súa residencia habitual alí ou de xeito espontáneo como parada nas súas viaxes migratorias.

O traballo feito polo biólogo Vítor Xosé Cabaleiro identificou ata 83 especies, das que 32 son migratorias e ata oito aparecen rexistradas pola Unión Europea como especies que necesitan medidas especiais de conservación. Unha Arca de Noé vivindo a porta da casa. Entre esas aves de singular protección a garza vermella, a aguia calzada ou o Martiño peixeiro son algunhas desas especies. Tamén resulta moi curioso o feito de que moitas especies animais empregan A Xunqueira como repouso para a toma de alimentos no seu tránsito cara a África, escollendo este espazo como zona de paso. O mesmo sucede con outros animais que nos transmiten a sensación de irlle gañando tempo ó tempo. Isto ocorre con dúas londras que parecen brincar de xeito frecuente neste espazo.

En canto as especies vexetais, éstas chegan ata un total de 166 tipos segundo o estudo presentado por María del Carmen Casalderrey e María Liñán, no que tamén falan de diferentes tipos de hábitats, que veñen a poner en valor os seus recursos. Así, estes clasifícanse en ‘augas mariñeiras’, ‘pasteiros salinos atlánticos’, ‘uceiras secas e bosques aluviales de ameneiros comúns e freixos europeos. Cada un deles cunhas particularidades, cada un deles amosando unha especificidade que se transmite polas diferentes especies naturais que nelas se agochan.

Nestes espazos dunha densa, rica e variada vexetación destacan elementos como o xunco, o salgueiriño, o ‘xinzo’, o salgueiro e o ameneiro. Tesouros e máis tesouros que non fan máis que falar da nosa gran reserva particular, o noso propio ‘Doñana’, que está aí tan preto de nós ofrecendonos un espectáculo xerado pola natureza, no que camiñar polos seus vieiros ou cruzar as súas pontes de madeira supón achegarse a unha natureza á que moitas veces damos as costas, pero cada vez somos máis conscientes da súa importancia e da súa necesidade para a nosa pervivencia.

As súas augas pouco fondas, de calmo latexar, son tamén lugar axeitado para a cría de diferentes especies de peixes que fan deste espazo parte do seu ecosistema. Non é por tanto raro ver nel curiosas imaxes de aves que se lanzan á auga na procura do seu alimento, nesa danza da vida na que a morte é parte do sustento doutras especies. Así é como podemos explicar a presenza neste lugar de aves rapaces como o falcón peregrino, que percorre o aire na procura de presas, algunhas tan urbanizadas como as pombas, que acoden polo seu alimento á cercana fábrica de Lacross. Imaxes dunha natureza propiedade de todos nós e que reclama a nosa visita para participar dese medio natural.

20111103071100_c110-f1

20111103071108_c110-f2
20111103071144_c109-f2
20111103071149_c109-f3
20111103071155_c109-f4

X