SUPERA20 - Banner SUBVENCIONS para micro pemes e autonomos

Concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a autónomos e micro empresas de actividades con atención directa ao público radicadas no Concello de Pontevedra.

TELÉFONOS DE ASISTENCIA

618 385 048
681 264 835

TRAMITAR A SUBVENCIÓN

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DE SUBVENCIÓNS PARA A INNOVACIÓN E REACTIVACIÓN DO SECTOR ECONÓMICO E COMERCIAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA, DIRIXIDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS, MICROEMPRESAS E ENTIDADES DE ECONOMÍA SOCIAL.

A crise económica provocada polas medidas adoptadas para por freo a expansión da pandemia COVID-19 está a castigar ao tecido económico e produtivo dos municipios, en especial ás actividades desenvolvidas polas pequenas empresas do sector comercial e de servizos con atención directa ao público que, primeiro, tiveron que pechar a súa actividade, e despois, intentar recuperala nunhas condicións moi limitativas e coas necesarias restricións para evitar a propagación da pandemia.

O Concello de Pontevedra estivo adoptando todas as medidas da súa competencia e aquelas de emerxencia necesarias para facer fronte á pandemia, en coordinación coas outras Administracións Públicas competentes. Con todo, é necesario continuar apoiando a aqueles sectores que se viron máis afectados pola crise derivada da COVID-19, implementado actuacións que axuden a paliar as súas consecuencias nos sectores económicos e comerciais da cidade, que impulsan o emprego e son parte fundamental da nosa cidade.

Segundo a comisión de expertos formada para asesorar á Xunta de Galicia sobre como minimizar o impacto da crise derivada do coronavirus, a liña de complementariedade e non duplicación de actuacións coa mesma finalidade é a máis correcta, e precisamente nesta liña de complementariedade e non solapamento, o Concello de Pontevedra quere dedicar os seus esforzos ao establecemento dunha subvención a favor de autónomos e microempresas destinada a financiar aqueles ámbitos que non están cubertos polas axudas aprobadas por outras administracións públicas.

Con todo, tendo en conta que o establecemento destas axudas non constitúen unha competencia propia do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto no artigo 3 da Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, formulouse a correspondente consulta á Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, entidade que concluíu que non existe obstáculo para a aprobación das subvencións previstas, sempre que estean motivadas e vinculadas cos feitos xustificativos do estado de alarma e teñan como prioridade limitar en todo o posible os efectos da crise provocada pola pandemia do coronavirus.

Xa que logo, coa intención de reactivar o tecido económico local máis vulnerable e afectado pola crise da COVID, establécese esta subvención para persoas autónomas, microempresas e entidades de economía social previstas nas bases, que desenvolvan a súa actividade profesional, comercial ou económica nun establecemento ou local con atención directa ao público, sendo requisito fundamental que a súa actividade estivese suspendida por aplicación do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, pois o que se pretende é garantir a pervivencia da economía local de proximidade facilitando a súa reactivación ante a situación de emerxencia derivada da pandemia.

A finalidade destas axudas é financiar os investimentos para a modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos locais e establecementos comerciais de Pontevedra, complementado o conxunto de medidas de fomento adoptadas polas diferentes Administracións Públicas, sendo compatible con todas elas.

1ª.) FINALIDADE E OBXECTO

1.- As presentes bases regulan o procedemento para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a financiar a innovación, modernización e reactivación do sector económico, comercial e empresarial do Concello de Pontevedra, coa finalidade de paliar as consecuencias da crise provocada pola COVID-19.

As subvencións previstas nestas bases teñen por obxecto fomentar accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais de Pontevedra con atención directa ao público, que tivesen suspendida a súa actividade como consecuencia do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma.

2.- Os obxectivos e finalidades que se pretenden acadar co establecemento da subvención son os seguintes:

a) Paliar as consecuencias da declaración do estado de alarma, acordada polo Goberno no Real Decreto 463/2020, no termo municipal de Pontevedra, minimizando o seu impacto económico.

b) Preservar o tecido profesional e da pequena empresa de Pontevedra, obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais e polo tanto, afectadas polas limitacións establecidas pola declaración del estado de alarma, contribuíndo a que se produza o antes posible a reactivación da economía local.

c) Protexer o interese xeral da cidadanía de Pontevedra, dando soporte ás persoas traballadoras autónomas e microempresas afectadas pola crise da COVID-19, que son na súa maioría comercios, actividades e establecementos de proximidade que teñen un forte impacto no tecido económico produtivo da cidade.

2ª.) RÉXIME XURÍDICO

A concesión destas axudas rexerase pola Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aprobou o seu regulamento, nos seus preceptos básicos, pola a lexislación básica do estado en materia de réxime local, pola Lei 9/2007, de 13 de xuño de subvencións de Galicia, polos preceptos non básicos da Lei 38/2003 e do RD 887/2006, polo disposto na Ordenanza xeral reguladora das subvencións do Concello de Pontevedra, polas bases reguladoras que se conteñen na presente convocatoria, polas Bases de Execución dos vixentes orzamentos municipais e polas restantes normas de dereito administrativo, e no seu defecto, as normas de dereito privado.

3ª.) APLICACIÓN ORZAMENTARIA E CONTÍA DA SUBVENCIÓN

A contribución económica do Concello efectuarase ata o límite da aplicación orzamentaria 01.431.0-770.01, cun crédito inicial de 1.250.000 euros no exercicio 2020.

A contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

A subvención que se outorgue será compatible con outras axudas ou subvencións de entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe da axuda económica outorgada será de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas recibidas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade que constitúe o obxecto destas bases.

Debido ás especiais razóns de interese público e social que concorren na presente axuda, a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto.

4ª.) BENEFICIARIAS

1.- Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas e entidades comprendidas nalgunha das seguintes categorías:

a) Microempresas que empreguen a menos de 10 persoas e cun volume negocios anual que non superen os dous millóns de euros, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) As seguintes entidades da economía social que ocupen a menos de dez persoas: sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deben cumprir coa definición de microempresa establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Persoas traballadoras autónomas.

2.- As beneficiarias deberán de reunir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social e fiscal no Concello de Pontevedra e desenvolver a súa actividade económica nun local, establecemento ou centro de traballo determinado aberto ao público e con atención directa a este.

b) Que a súa actividade comercial, empresarial ou profesional exercida mediante a apertura ao público de locais, establecementos ou centros de traballo estivese suspendida a consecuencia do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

c) Que teñan o título habilitante necesario para exercer a súa actividade económica, comercial, ou profesional no local ou establecemento no que se realizarán os investimentos obxecto da subvención (licenza de apertura, declaración responsable ou comunicación previa).

d) Que estean dados de alta no Imposto de Actividades Económicas.

3.- Consonte co disposto na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, as beneficiarias deberán atoparse ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello de Pontevedra, coas facendas Públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social; deben cumprir as obrigas do artigo 11 da dita Lei 38/2003, non poden estar incursas en ningunha das prohibicións para recibir subvencións enumeradas no artigo 13 da mesma norma e non poden ter pendente de xustificación ningunha subvención co Concello de Pontevedra.

4.- A mesma persoa ou entidade solicitante só poderá ser beneficiaria dunha axuda, aínda que teña máis dun establecemento aberto ao público.

5ª.) ACTUACIÓNS E GASTOS SUBVENCIONABLES

1.- Serán subvencionables os investimentos dirixidos á modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos negocios e/ou das actividades económicas, comerciais e profesionais do Concello de Pontevedra aos que vai dirixida a subvención.

Só se subvencionarán os gastos de investimento realizados nos locais, establecementos comerciais ou centros de traballo executados entre o 14/03/2020 e o 31/12/2020, e que se materialicen nas seguintes actuacións:

a) Actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais: adquisición de equipamentos para procesos informáticos, adquisición de ordenadores e demais conxuntos electrónicos de comunicacións e de procesos de datos, adquisición de hardwares e/ou aplicacións informáticas para a mellora e modernización da xestión comercial, e outros gastos semellantes.

b) Actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional, tales como as obras de mellora de acceso aos locais, obras para a mellora da accesibilidade interior, acondicionamento acústico, adaptación de aseos, etc.

c) Actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; incluiranse neste apartado as obras e investimentos para o acondicionamento de escaparates, renovación e mellora da rotulación e sinaléctica, obras para o embelecemento e ornato de fachadas, investimentos e adquisición de equipamentos para a mellora da imaxe comercial.

d) Actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Poderán incluírse nesta categoría os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de climatización, electricidade, iluminación, adaptación á reciclaxe, entre outros.

e) Outras actuacións necesarias para a mellora da actividade: entrarán nesta categoría a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates (que non estean destinados ao embelecemento e ornato dos locais).

2.- Quedan excluídos da subvención os gastos correntes en bens, servizos e subministracións e os investimentos e gastos que non estean directamente relacionados e vinculados coa finalidade do proxecto ou actuación establecida nesta convocatoria.

3.- Non será subvencionable o IVE nin outros impostos recuperables, polo que todas as referencias contidas nestas bases ao orzamento e contía das actuacións subvencionadas refírense a importes sen IVE. Tampouco se considerarán gastos subvencionables os tributos satisfeitos ao Concello de Pontevedra.

4.- O orzamento máximo das actuacións para as que solicita subvención será de 12.000€, sen IVE. Non se subvencionarán proxectos nin actuacións cuxo custe sexa inferior aos 500€.

6ª) CRITERIOS PARA A PUNTUACIÓN DAS SOLICITUDES PRESENTADAS

Os criterios que servirán para determinar a orde de preferencia das solicitudes presentadas para a concesión das subvencións dependerán do tipo de actuación para o que se solicita a axuda e máis do esforzo máximo indicado pola solicitante, segundo as seguintes regras:

1º.- Tipoloxía das actuacións:
Ás actuacións subvencionables indicadas na base 5ª outorgaráselle o seguinte valor:

a) Actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais: 10 puntos.

b) Actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional: 9 puntos.

c) Actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional: 7 puntos.
No caso de que o idioma empregado sexa o galego, incrementarase a puntuación en 3 puntos.

d) Actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética: 8 puntos.

e) Outras actuacións necesarias para a mellora da actividade: 7 puntos.

2º.- Esforzo máximo da solicitante:
Para os efectos de baremar a solicitude, o esforzo máximo da persoa ou entidade solicitante (EM) será a porcentaxe de financiamento propio, sobre o total da actuación, que estaría disposta a asumir a dita solicitante para a execución do proxecto subvencionable.

Este esforzo máximo deberá de supoñer como mínimo o 30% do total da actuación. Non se considerarán solicitudes nas que se sinale un esforzo máximo por debaixo dese 30%.

Aos únicos efectos de realizar a baremación das solicitudes, o límite de esforzo máximo que se terá en conta para a valoración será do 60% do total da actuación, aínda que a interesada sinalase na súa solicitude unha porcentaxe maior dese esforzo.

O esforzo máximo que se regula neste apartado considérase unicamente aos efectos de puntuación das solicitudes, polo que o seu valor non se alterará no caso de que a interesada obtivese outras axudas ou subvencións de entidades públicas ou privadas para a mesma actuación ou proxecto, dentro dos límites sinalados no artigo terceiro destas bases.

3º.- Puntuación obtida segundo o tipo de actuación e esforzo máximo da solicitante:
Consonte co anterior, orzamento total (sen ive) do proxecto para o que se pide a axuda desglosarase en porcentaxes, diferenciando a porcentaxe de gasto que corresponde a cada actuación, segundo a clasificación establecida no parágrafo anterior.

A valoración do tipo de actuación será o resultado de aplicar a seguinte fórmula:

V= %*a x Pa + %*b x Pb + %*c x Pc + %*d x Pd + %*e x Pe

Nesta fórmula entendemos:

V: valoración segundo tipo de actuación.
%: porcentaxe de gasto que corresponde a cada tipo de actuación sobre o orzamento total do proxecto.
P: puntos de cada apartado por tipoloxía de actuación.

A puntuación obtida pola aplicación da fórmula anterior multiplicarase por un factor corrector da medida do esforzo máximo, que será o cociente entre ese esforzo máximo e 30.

Deste xeito, a puntuación final obtida por cada solicitante sería o resultado da seguinte fórmula:

Puntuación final = Valoración por tipo de actuación x EM/30 (onde EM é esforzo máximo).

4º.- Prelación das solicitudes:
As solicitudes presentadas ordenaranse en forma descendente segundo a puntuación obtida tras a aplicación dos criterios de avaliación, de xeito que terán dereito á subvención as solicitudes de maior puntuación ata esgotar o crédito orzamentario destinado polo Concello para esta finalidade.

No caso de que dúas ou máis solicitantes acaden a mesma puntuación e só houbese crédito orzamentario para unha ou algunha delas teranse en conta os seguintes criterios de desempate na orde de prelación na que se relacionan:

1º. A maior contía da actuación ou proxecto na súa totalidade.
2º. A maior contía en actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais.
3º. A maior contía en actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais.
4º. A maior contía en actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais.
5º. A maior contía en actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética.

7ª) CONTÍA DA SUBVENCIÓN

A contía da subvención será o importe resultante de restar ao total do orzamento, sen ive, da actuación o financiamento propio da beneficiaria e o acadado con outras axudas ou subvencións de entes públicos ou privados, co límite de 5.000,00 euros.

8ª.) SOLICITUDES, DOCUMENTACIÓN E PRAZO DE PRESENTACIÓN

1. As solicitudes tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, en función dos criterios de avaliación recollidos na base sexta e conforme aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. A solicitude presentarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na sede electrónica do Concello de Pontevedra (https://sede.pontevedra.gal/).

Será necesario que quen presente a solicitude teña a representación legal da entidade ou persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da solicitante.

No caso de que as solicitantes non dispoñan dos medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coa Administración, o Concello de Pontevedra prestaralles a debida asistencia, poñendo á súa disposición os medios necesarios para tal finalidade.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar dende o día seguinte á publicación no BOP do extracto da convocatoria da subvención, que será comunicada ao BOP pola Base de Datos Nacional de Subvencións, nos termos e cos requisitos establecidos no art. 20 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Xunto co formulario normalizado de solicitude, achegarase a seguinte documentación:

1. Se a solicitante é persoa xurídica: copia do documento de constitución da empresa e, de ser o caso, documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade de quen asina a solicitude.
2. Certificado de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante, ou documento equivalente.
3. Alta no réxime da Seguridade Social ou certificado da mutualidade do colexio profesional correspondente das persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo.
4. Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
5. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
6. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
O órgano instrutor do procedemento xestionará de oficio a acreditación de estaren ao corrente coas obrigas fiscais co Concello de Pontevedra.
As deficiencias no expediente de solicitude e as omisións nos documentos obrigatorios deberán emendarse previo requirimento no prazo de 5 días dende a data da notificación, na que se indicará que se non se fixera terase por desistido da súa petición, sendo arquivada a solicitude previa resolución.
Os documentos necesarios para solicitar a subvención estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello de Pontevedra.

9ª.) TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES DE SUBVENCIÓN RECIBIDAS

1. O órgano instrutor do procedemento será o servizo do Gabinete da Alcaldía, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. As actividades de instrución comprenderán:

a) A petición de cantos informes estime necesarios, que serán emitidos nos prazos regulamentarios, para resolver ou sexan esixidos polas normas que regulen as subvencións.

b) A avaliación técnica das solicitudes, segundo os criterios de valoración estabelecidos nas presentes bases.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo o disposto no parágrafo anterior, deberá emitirse un informe pola comisión de valoración da subvención, no que se concrete o resultado da avaliación realizada.

4. O órgano instrutor, á vista do expediente e da proposta da comisión cualificadora, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que deberá notificarse a tódolos interesados, concedendo un prazo de 5 días para presentar alegacións.

Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos, alegacións ou probas aducidas polos interesados, tendo neste caso a proposta o carácter de definitiva.

5. Examinadas as alegacións (no caso de presentárense por parte das interesadas), o órgano instrutor formulará unha proposta de resolución definitiva que deberá reflectir a relación de solicitantes para as que se propón a concesión de subvención e a súa contía, con especificación da avaliación e dos criterios de valoración seguidos para realizala, debendo constar que da información levada a cabo despréndese que as persoas e/ou entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos precisos para acceder as axudas. Así mesmo o informe deberá contar de xeito expreso e motivado, a desestimación das solicitudes.

6. As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereitos a favor da beneficiaria proposta fronte á Administración mentres non se realice a notificación da resolución definitiva da concesión.

10ª.) COMISIÓN DE VALORACIÓN

A comisión de valoración será a encargada de analizar o informe técnico de avaliación das solicitudes presentadas, e proporá a concesión ou denegación das axudas económicas previstas nas presentes bases.

A comisión cualificadora estará presidida pola concelleira de Réxime Interior, Contratación e Promoción da Cidade, o por quen legalmente a substitúa, e composta, ademais, polos seguintes membros:

a) A xefa do Gabinete da Alcaldía ou quen a substitúa, que actuará de secretaria.

b) Unha/un funcionaria/o técnico de administración xeral do Concello de Pontevedra.

A comisión contará co voto de calidade da presidencia, que será resolutivo. A presidencia da comisión resolverá o nomeamento dos titulares e suplentes deste órgano.

11ª.) RESOLUCIÓN

Á vista da proposta de resolución provisional ou definitiva, e despois da fiscalización da Intervención Xeral do Concello, resolverase o procedemento por acordo da Xunta de Goberno Local. O acordo será motivado e conterá, de xeito expreso, a desestimación das solicitudes que non acaden subvención.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses, computándose o prazo dende a convocatoria.

O vencemento do prazo sen ter notificado a resolución, lexitima ás persoas e entidades interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de subvención.

12ª.) ACEPTACIÓN DA SUBVENCIÓN E OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

A subvención entenderase aceptada se dentro do prazo de 10 días á recepción da comunicación da concesión, as beneficiarias non manifestan nada en contra.

As beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, expresa ou tacitamente, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para os que foron concedidos, nos termos establecidos na resolución de concesión da axuda.

De acordo co establecido nos artigos 14 LXS e 11 LSG serán obrigas da beneficiaria:

1. Cumprir o obxectivo e executar a actuación ou proxecto que fundamenta a concesión da subvención. O investimento subvencionado deberá de manterse durante un tempo non inferior a un ano dende a data de concesión desta axuda, salvo cesamento por causas alleas a súa vontade e que deberá acreditar.

2. Comunicar calquera alteración das condicións de tramitación e concesión das axudas, tales coma o cese da actividade ou calquera outra modificación das condicións, compromisos e obrigas que se produzan a partir da data de presentación da solicitude da axuda, que poderán determinar a desestimación da axuda ou a modificación da resolución de concesión, logo da tramitación do procedemento que corresponda.

3. Declarar as subvencións e axudas solicitadas ou concedidas polo mesmo concepto procedentes de calquera outra administración ou entidade pública o u privada.

4. Dar publicidade da subvención concedida. A estes efectos, deberá figurar de forma visible un cartel informativo no que constará o financiamento do Concello de Pontevedra, que deberá manterse exposto ata o 31/12/2021.

5. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se leven a cabo polo Concello de Pontevedra, a quen corresponderá a comprobación destas subvencións e facilitar a esta e á Intervención Municipal, Tribunal de Contas e Consello de Contas toda a información que reclamen no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, para o que deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, en tanto podan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida nos supostos previstos nos artigos 36 e 37 da Lei Xeral de Subvencións e 32 e 33 da Lei de Subvencións de Galicia.

7. No caso de non ser quen de realizar a actuación ou proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

8. As demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007

13ª.) PAGAMENTO E XUSTIFICACIÓN DAS SUBVENCIÓNS

1. O aboamento do 75 % do importe da axuda poderá realizarse anticipadamente unha vez concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario, cando as beneficiarias así o soliciten coa presentación da solicitude.

Exímense as beneficiarios da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 42.2 b) das Bases de execución do Orzamento Xeral do 2020 do Concello de Pontevedra.

2. O aboamento da cantidade restante da axuda realizarase previa a súa xustificación polas persoas ou entidades beneficiarias, que deberán de presentar a conta xustificativa da subvención por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na sede electrónica do Concello de Pontevedra (https://sede.pontevedra.gal/). No caso de que as solicitantes non dispoñan dos medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coa Administración, o Concello de Pontevedra prestaralles a debida asistencia, poñendo á súa disposición os medios necesarios para tal finalidade.

O prazo para a presentación da conta xustificativa da subvención rematará o 31/03/2021.

3. O sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 75 do Real Decreto 887/2006, e contará coa seguinte información:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Aplicado a esta subvención a memoria consistirá en describir a actuación realizada no establecemento comercial, local ou centro de traballo e explicar a súa utilidade para o beneficiario, achegando evidencia da súa realización mediante material gráfico.

b) Unha relación clasificada de gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, no seu caso, data de pago. No caso de que a subvención se outorgue de acordo a un orzamento estimado, indicaranse as desviacións acaecidas.

Nesta subvención, a relación de de gastos consiste nunha listaxe de facturas, indicando:

A actuación a que corresponde.
Data e número da factura.
Importe, IVE excluído.
Provedor: nome ou razón social e CIF ou NIF.
Descrición dos bens ou servizos proporcionados.
Forma de pagamento.
Data de pagamento.
As facturas que xustifican a subvención deberán cumprir os requisitos establecidos no RD 1619/2012.

Segundo a Lei 7/2012 de 29 de outubro, non poderán pagarse en efectivo as operacións de importe igual ou superior a 2.500,00 €, polo que, o pagamento destas operacións acreditarase co correspondente xustificante da transferencia bancaria.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados así como os xuros derivados destes.

O servizo xestor comprobará, a través das técnicas de mostraxe baseado nun sistema aleatorio, a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade da axuda. Con esta finalidade requirirá ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto e pago e demais documentación que considere precisa.

Desa comprobación darase conta á Intervención Xeral, se ben estes expedientes poderán ser incluídos nas comprobacións efectuadas no marco do control financeiro definido no artigo 89ª das Bases de execución do orzamento xeral 2020 do Concello de Pontevedra.

14ª.) PUBLICIDADE DAS SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS

Estas bases reguladoras, e máis a súa concesión, publicaranse na Base de Datos Nacional de Subvencións, conforme ao establecido no artigo 20.8 apartados a) e b) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

Ademais, en aplicación da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, as bases e as subvencións concedidas, con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios, publicaranse na sede electrónica do Concello de Pontevedra.

15ª.) REINTEGRO DE SUBVENCIÓNS

No caso de incumprimento do obxecto, condicións ou finalidade para a que se concedeu a subvención, o Concello de Pontevedra esixirá ás persoas beneficiarias o reintegro das cantidades correspondentes e máis os intereses que correspondan, de acordo co procedemento estabelecido na Ordenanza Xeral de subvencións do Concello de Pontevedra e demais normativa de aplicación.

16ª.) PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007 e no Titulo II da Ordenanza Xeral de subvencións do Concello de Pontevedra.

17º.) TRATAMENTO DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

Os datos persoais facilitados nos formularios, son indispensables para a xestión da convocatoria e serán incorporados a un ficheiro municipal aos exclusivos efectos da instrución do procedemento para a concesión das subvencións obxecto das presentes bases reguladoras, a práctica das publicacións, comunicacións e notificacións de obrigado cumprimento, o seguimento e comprobación da actividade subvencionada e demais actuacións previstas na normativa reguladora das subvencións, en orden á conclusión do proceso de subvencións, polo que a súa achega é obrigatoria.

O Concello de Pontevedra ten a condición de responsable deses datos e asume todas as obrigas derivadas da Lei 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos e Garantía dos Dereitos Dixitais e do Regulamento (UE) 2016/679 – RXPD do Parlamento Europeo e do Consello sobre protección de datos de carácter persoal e das demais disposicións vixentes nesta materia.

A lexitimación do tratamento deses datos está baseada no consentimento expreso das persoas interesadas en participar no procedemento e no exercicio lexítimo das competencias legais do Concello de Pontevedra no ámbito do fomento de emprego, conforme coa normativa de réxime local e sectorial aplicable.

O prazo de conservación dos datos facilitados será o necesario para a completa execución do procedemento, incluído o prazo de prescrición a efectos de posibles responsabilidades derivadas da actividade ou do dito tratamento.

Os datos poderán ser cedidos tamén a outras Administracións públicas cando sexa necesario para a correcta prestación do servizo ou ben en cumprimento dun mandato legal ou xudicial.

Tamén poderán ser verificados e cotexados con calquera outros dos que as demais Administracións dispoñan a fin de comprobar a súa exactitude e veracidade.

As entidades solicitantes e beneficiarios poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade, así como opoñerse á toma de decisións individuais automatizadas, incluída a elaboración de perfís, na forma prevista na normativa vixente, perante o órgano responsable do ficheiro (Concello de Pontevedra). Así mesmo teñen dereito a presentar unha reclamación perante a Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).