Concello e CCEMX, nun proxecto conxunto para o TEK FEST 2018

61
  • O alcalde Lores e a concelleira Anabel Gulías reciben ao subdirector do Centro Cultural de España en México, Rodrigo García e falan de tecer alianzas de cooperación cultural
  • O CCEMX conta cun Laboratorio de Cidadanía Dixital que tería cabida no encontro de tecnoloxías emerxentes (tech trends) de Pontevedra

A viaxe institucional do Concello de Pontevedra, co alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Promoción Economía e da Cidade, Anabel Gulías ao fronte, segue a dar réditos. Agora no eido da colaboración cultural. O subdirector do Centro Cultural de España en México (CCEMX), Rodrigo García -que leva uns días na cidade coñecendo polo miúdo o modelo Pontevedra- foi recibido hoxe por Lores e Gulías, unha reunión na que falaron de tecer posibles alianzas de cooperación e traballo.

O TEK FEST, o encontro anual de tecnoloxías emerxentes (tech trends) de Pontevedra, sitúase como posible elo dunha futura cooperación. “Rodrigo (o Centro Cultural de España de México) ten un proxecto moi interesante, o Laboratorio da Cidadanía Dixital, e vemos que hai moitos puntos en común nos que, dende agora xa nos poñemos a traballar, co fin de facer un proxecto dentro do TEK FEST no que podamos vincular a México e ao CCEMX” sinalou a concelleira Anabel Gulías ao remate da reunión.

O Laboratorio de Cidadanía Dixital é un espazo para a construción de comunidade que promove a aprendizaxe e adquisición de competencias dixitais, a través de obradoiros e actividades socioculturais.

A recepción no Concello de Pontevedra non é a única cita na axenda de Rodrigo Garcia. Tamén visitará Esdemga (centro que imparte o Maestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda) e manterá unha xuntanza de traballo na que estará o vicerreitor do campus de Pontevedra, José Manuel Corbacho