O Concello investirá dous millóns en renovar instalacións, material e o parque móbil de bombeiros

148
  • A concelleira Eva Vilaverde explicou que “é unha inxección económica importante  para mellorar a calidade na prestación do servizo adaptado ás necesidades priorizadas polos propios profesionais”.
  • Será unha inversión plurianual para adaptar os espazos a un cadro de persoal de 40 traballadores, novos equipamentos de seguridade e novos vehículos para atender ao rural.

O Parque de Bombeiros de Pontevedra vivirá os vindeiros seis anos unha transformación radical grazas o investimento de preto de 2 millóns de euros que o Concello realizará para adaptar as instalacións ás necesidades actuais do servizo así como en completar e mellorar as dotacións de seguridade e os vehículos de emerxencia. Neste investimento, unha das prioridades será dotarse de equipamentos específicos para atender o rural.

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde informou esta mañá que o obxectivo “é acometer unha importante inxección económica no servizo para mellorar a calidade na prestación e adaptar as necesidades que priorizaron dende o propio servizo”. Ademais, permitirá adaptar o servizo ás características que se prestan nun concello como Pontevedra que atende ás necesidades da cidade pero tamén ás 15 parroquias do rural.

Está previsto mellorar as instalacións para así tamén facilitar o traballo aos profesionais e mellorar os procedementos de traballo, repoñer os equipos de protección individual e colectivos e adquisión de maquinaria diversa e ferramentas técnicas, e renovar e adquirir novos vehículos e outras unidades. 

O investimento se faría en seis anos (2020-2026) e suporía un gasto de 1.972.000 euros, distribuídos da seguinte maneira:

  • Para 2020, 520.000 euros para mellorar as instalacións: ampliación da zona do hangar e a conexión co patio da torre, substitución da súa cuberta, colocación de portalón e o peche perimetral (70.000 €), ampliación en segundo andar de zonas comúns e de convivencia e redistribución da planta baixa e contorno (300.000 €), así como a reposición e mellora de equipamentos de zonas comúns (150.000 €).
  • Para 2021-2022, 575.000 euros para instalación dunha galería para adestramentos (125.000 €), a adquisición de vehículos de mellora do servizo no ámbito rural (365.000 €) e de maquinaria e ferramentas técnicas (85.000 €).
  • Para 2023-2025, 777.000 euros para ampliar e repoñer o parque de vehículos (365.000 €), para reposición da moto acuática de rescate (24.000 €), ferramentas hidráulicas e almofadas como material non funxible (48.000 €) e a reposición de vehículos por antigüidade (340.000 €)
  • Para 2026, 100.000 euros para adquisición de equipos de protección colectiva e individual.

Os investimentos serán financiados a cargo de contribucións especiais procedentes do convenio asinado polo Concello co Consorcio de seguros e tamén con fondos propios.