A festa do atletismo ‘desmelena’ o calendario do CGTD de Pontevedra coa primeira xornada da Liga Iberdrola e as cinco probas do Circuíto de Atletismo en Pista organizado pola Sociedade Ximnástica

35

A festa do atletismo vaise ‘desmelenando’ pouco a pouco no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) coa recuperación da normalidade e o calendario de competicións de Pontevedra presenta unha oferta absolutamente irrexeitable para os amantes deste deporte. O espectáculo dará comezo o sábado 30 de abril coa celebración da primeira xornada da Liga Iberdrola de Primeira División en categoría feminina e proseguirá entre os meses de maio e xullo cos diversos que conforman o novo Circuíto de Atletismo en Pista organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra co patrocinio da Concellería de Deportes e Supermercados Froiz e en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e a Xunta.


A xornada inaugural da Liga Iberdrola enfrontará ás atletas de Sociedade Ximnástica, Feminino Celta, Oviedo Atletismo e Agrupación Deportiva Marathon, que loitarán, un ano máis, por estar entre as mellores da competición e situar aos seus clubs entre os oito mellores que compitan polo ascenso á máxima categoría nacional. Tal e como apunta o adestrador da Ximnástica Santi Ferrer, “a pesar de que o club conta con algunhas baixas importantes, o vindeiro 30 de abril veremos sobre as pistas do CGTD a algunhas das mellores atletas nacionais, como é o caso da marchadora internacional Antía Chamosa, que recentemente quedou de 16º no Campionato do Mundo en Omán nos 20km Marcha en Ruta; Marina Artemia Pérez, bronce en triplo salto no Campionato de España sub 16 en Pista Cuberta; ou Lucía Ferreiro, plusmarquista nacional en salto con pértega en categoría W40”.


Tamén competirán Cristina Garrido e Andrea Villaverde, finalistas no nacional sub 23 de pista cuberta en 100 metros e salto de lonxitude, respectivamente; ou outras atletas que tamén conseguiron as mínimas durante a tempada de baixo teito que lles deron acceso a poder competir nos seus campionatos nacionais, caso de Carmen Victoria González, Ainara Rodríguez ou Lucía Ferrer.


O frenesí atlético terá continuidade co Circuíto de Atletismo en Pista, que se desenvolverá entre o 4 de maio e o 17 de xullo no CGTD e que, como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “incorporará a súa última xornada no Calendario Nacional, abrindo deste xeito a participación a atletas de toda España”. Os eventos previstos dentro deste Circuíto son os seguintes:


– O XLVIII Trofeo Boa Vila, que o ano pasado destacou pola gran participación de atletas de categorías inferiores, pola mellor marca persoal e o récord do club obtidos por Iria Filgueira (46,62 m) e o récord galego W45 de Loreto Brea (34,07 m) e este ano terá lugar o 4 de maio.


– O XLVI Trofeo SG Pontevedra, que se celebrará o 18 de maio e que o ano pasado presenciou o récord galego de Daniel Chamosa en 3.000 metros marcha en pista (11:42.13). 


– O XXVII Trofeo Cidade de Pontevedra, que se desenvolverá o 2 de xuño.


– O XXIII Memorial Celso Mariño, programado para o 15 de xuño e que en 2021 foi testigo dos éxitos de Raquel Meaños (Valencia Esports) nas carreiras, Andrea Villaverde (SG Pontevedra) en saltos e Andrea González (SG Pontevedra) en lanzamentos, e de Daniel Chamosa (SG Pontevedra) nas carreiras, David Ferrer (SG Pontevedra) en saltos e Eric Méndez (RC Celta) en lanzamentos.


– O XLVI Trofeo Virxe Peregrina, organizado para o 17 de xullo, entrando dentro do calendario da RFEA e, polo tanto, coa presenza de atletas de nivel nacional que se achegarán en busca de boas marcas.


As inscricións deberán realizarse a través da web da Real Federación Española de Atletismo (https://isis.rfea.es/sirfea2/), a data límite para poder apuntarse será ata as 22:00 horas do sábado anterior ao da data da competición e poderán participar nestas probas atletas con licenza federativa en vigor, tendo prioridade de participación os da Sociedade Ximnástica e os dos clubs filiais ou con acordo de colaboración coa entidade pontevedresa. Os atletas doutras comunidades que queiran participar nas catro primeiras xornadas deberán solicitalo no email info@sgpontevedra.com cunha antelación de 15 días.


Os deportistas de categorías sub 20 e superiores optarán a premios económicos por sectores. A mellor marca masculina e feminina de tódalas xornadas do circuíto segundo a táboa de puntuación WA 2017 de carreiras, de saltos e de lanzamentos obterá un premio de 100 €. En total, entregaranse seis premios, tres para homes e tres para mulleres.


Os participantes de categorías sub 18 e inferiores entrarán no sorteo dun vale de 50 € para empregar na tenda Miler Vintage Running Club (r/ Peregrina, 6, soto, Pontevedra). O sorteo realizarase en cada unha das catro primeiras xornadas. É obrigatorio presentarse na última xornada para recoller o premio, en caso contrario, entenderase que renuncia ao mesmo.