Inicio Áreas Seguridade cidadá Protección civil

Protección civil

Rúa Leonardo Enríquez. Baixos do Estadio Municipal de Pasarón. Pontevedra
Teléfono de Emerxencias 112
Teléfono de contacto 986 871 188

Se quere participar na Agrupación como voluntario ou voluntaria, pode contactar telefónicamente ou acodir calquera día de luns a venres de 18 h. a 20 h. ás súas xuntanzas, na sede de Pasarón.

Se desexa contar coa súa colaboración pode facelo a través da concellería de Protección Cidadá (986 804 302) ou ben directamente.

Un grupo de persoas conforma de xeito altruista a base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, un dos poucos que quedan composto exclusivamente por voluntarios en toda Galiza.

A Agrupación depende da Concellería de Protección Cidadá, e está presidida por Hermenegildo Rodríguez Novoa.

Forman parte do movemento internacional de Protección Civil e colaboran en múltiples actividade sociais sobre todo en materia de prevención da seguridade, para que todas e todos disfrutemos con máis comodidade de eventos sociais, deportivos, festas ou calquera ocasión na que se precise un dispositivo organizativo de certo empaque.

Normalmente, a Agrupación colabora coa Policía Local na montaxe de dispositivos, pero tamén con entidades que precisen organizar algún dispositivo de seguridade. Nos últimos anos tiveron implicacións destacadas na reacción ante o problema do Prestige, ou nos incendios e as inundacións do ano 2006. Nesas ocasións, os habitualmente 25 – 30 membros que de ordinario conforman a base do corpo, amplían o seu número de compoñentes.

O Concello subvenciona o funcionamento da Agrupación, apoiando así o seu innegabel compromiso social, dotándoa de medios operativos para que poidan realizar o seu traballo con eficacia.

Dispoñen dunha lancha pneumática e moto acuática con dispositivos de salvamento, vehículos todo terreo, motos, unha “rulotte” que pode servir de posto de mando ou asistencia, un hospital de campaña hinchabel, que se convirte en operativo en só tres minutos, ademáis de diversas bombas de achique, xeneradores de electricidade, motoserras, etc.

As actuacións nas emerxencias nas que colabora a Agrupación de Protección Civil, regúlanse a través do establecido no PEMU (Plan de Emerxencia Municipal).