Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra

81

Miguel Anxo Fernández Lores foi elexido esta mañá alcalde de Pontevedra con 14 votos a favor fronte a 11 que recibiu o candidato do Partido Popular, Telmo Martín. Fernández Lores revalida a alcaldía por cuarta vez consecutiva, e promete un exercizo de austeridade, honestidade e traballo para os próximos catro anos, dando a man ao Partido Socialista e ao Partido Popular, e buscando reconducir as maltreitas relacións coa Xunta de Galicia. Austeridade e a racionalización dos recursos, a participación cidadá, a retirada de Ence-Elnosa da ría, a calidade urbana son algunhas das liñas nas que xirará o seu vindeiro mandato. Este foi o seu discurso na toma de posesión: Grazas, moitísimas grazas a todos os cidadáns, tanto aos que votaron pola lista que eu encabezaba como aos que non o fixeron. Grazas, moitísimas grazas, a todos os concelleiros e concelleiras, a todos o todas en xeral, pero, especialmente, aos que votaron pola miña candidatura á Alcaldía. Grazas aos concelleiros e concelleira do Partido Socialista polo seu voto. Teño como característica o gusto polos retos, pola superación das dificultades, por acadar metas que parecen difíciles ou imposíbeis. E nos tempos actuais a ninguén se lle escapa que os problemas son agudos, pero estou nas mellores condicións físicas e anímicas para enfrontalos. Que a ninguén lle quede a mais mínima dúbida de que se non me atopara cheo de enerxías, cheo de ilusión, non me tería presentado como candidato nin tería asumido a responsabilidade da Alcaldía. Plantexome este novo mandato como unha volta a empezar; se no ano 1999 se abría un horizonte novo coa chegada á Alcaldía, hoxe, neste 2011, a situación é tan radicalmente diferente que a que puido haber no período 99-2009, que temos que volver a empezar, temos que volver a replantexarnos e reinventar toda a actuación do Concello e de todas as Administracións Públicas. Os tempos nos que o exceso de construción de vivendas e a inflación desbordada do seu prezo eran problemas de primeira magnitude, eses tempos pasaron a historia. Os tempos de puxanza económica nos que era fácil caer na tentación de soñar con ser ricos, ou, cando menos, soñar con que os ingresos de familias e empresas ían a aumentar sempre, eses tempos pasaron a historia. Os tempos nos que as Administracións Públicas manexaban cada vez máis recursos, nos que sempre tiñan ingresos por enriba das previsións, eses tempos pasaron a historia. Os tempos nos que os cidadáns se desentendían da xestión dos asuntos públicos na suposición de que tiña que haber recursos e medios para solucionar todos os problemas, eses tempos pasaron a historia. Sexan cidadáns individuais, empresas ou administracións públicas, os que pensaron e actuaron coa suposición de que eses tempos de alegría económica ían a durar sempre, están hoxe en situacións moi comprometidas, cando non abertamente desesperadas. Afortunadamente, o Concello de Pontevedra é das poucas Administracións que ten unha situación económica e financieira saneada e saudábel porque levou unha política de non estirar o pé máis do que daba a manta. Pero a crise é tan profunda e as medidas que se están aplicando, que máis que solucionar o problema máis ben o agravan, son tan adversas, que un Concello tan austero e saneado como o de Pontevedra ten que adoptar medidas de axuste e racionalización, agardemos que non traumáticas, para garantizar a súa capacidade de prestar servizos, facer investimentos, loitar contra o desemprego, e pagar aos provedores. Poderíamos facer caso omiso da crúa realidade e, sen recortes, o Concello tería capacidade para seguir tirando unha temporada, pero sería pouco serio, oportunista e comprometería en dous ou tres anos a capacidade de prestar servizos e pagar a provedores. Deixamos en boa situación ao Concello neste mandato pasado e pretendemos que chegue ao 2015 tamén solvente e con capacidade. O problema fundamental que ten o Concello de Pontevedra, extensivo a outras Administracións Locais, son as competencias impropias, é dicir, aquelas que teñen a obriga de prestar outras Administracións e non o fan, suplindo o Concello estas carencias. Pois ben, mentres se lle carga ao Concello con obrigas alleas, simultaneamente, as outras Administracións, sexa Estado ou Xunta, recortan as aportacións, a financiación do Concello. Este é o problema central, a amenaza central para a capacidade económica e de funcionamento do concello que haberá que ir reconducindo do xeito menos traumático posíbel. Na parte do Concello e das súas competencias haberá tamén que facer axustes, pero menores e de menor contía. É un reto novidoso este de xestionar o Concello con menos recursos dos que viña dispondo, pero afrontarémolo coa mesma decisión e ilusión coa que afrontamos outras liñas de traballo que, pasado o tempo, mostraron ser moi exitosas, como foi o modelo urbano. Menos recursos dispoñíbeis e, ao mesmo tempo, combater a crise e o desemprego, este é o grande reto deste mandato, o desafío dos tempos actuais. Será o grande obxectivo deste mandato. Os tempos cambiaron, a sociedade cambiou; a demanda e a necesidade de participación nos asuntos públicos son cada vez máis evidentes. A participación social canalizada directamente ou a través dos Consellos Territoriais será outro reto a afrontar e resolver. Adicaremos moitas máis enerxías e tempo á participación social; as prioridades reais do goberno mídense en tempo e enerxías que se adica a cada liña programática. A participación social será unha prioridade real cos medios necesarios para canalizala axeitadamente. Pero que as dúas que acabo de citar sexan as prioridades máis fortes non implica que nos esquezamos de outros eixes fundamentais entre os que destacan: A extensión dos elementos de calidade urbana xa característicos de Pontevedra aos barrios mais periféricos e ás parroquias. A preocupación, o coidado e a posta en valor dos nosos recursos ambientais e culturais, con especial énfase en dar pasos firmes para o traslado de ENCE-ELNOSA fora do noso concello. A dotación de infraestruturas que permitan ás boas conexións co exterior e a mellora do tráfico de entrada/saída e o periférico á cidade central. A aprobación, de permitilo a Xunta, do novo PXOM que permita protexer o territorio e nos dea posibilidades de medre ordenado e racional dos núcleos residenciais e a dotación de terreos para a actividade económica, así como equipamentos para prestar servizos. E o sostemento e, a ser posíbel, mellora de todos os servizos que presta o Concello. Para lograr estes obxectivos, para facer avanzar Pontevedra nestes tempos de crise e enormes dificultades, propoño un novo período, un cambio profundo nas relacións entre grupos políticos e entre administracións aínda que estean gobernadas por forzas políticas diferentes. Pola miña parte, pola nosa parte, temos as mans abertas e tendidas; esquezamos o pasado, as tensións e as confrontacións. Tentemos chegar a acordos, a puntos comúns para facer avanzar as solucións. Estou convencido de que vai seguir a liña de colaboración leal e frutífera co Partido Socialista. Así llo pido e así llo ofrezo. Tendo a man ao Partido Popular para que se sume a este novo tempo; pídolle que así o faga. Pola miña parte terei a máxima xenerosidade para coas súas propostas. Esta proposta fágolla tamén ao Presidente da Xunta; farei todos os esforzos do mundo para reconducir as deterioradas relacións dos últimos meses. O primeiro acto que farei como novo Alcalde será pedir unha entrevista con Núñez Feijoó para levarlle esta proposta. Agardo que a acepte polo ben de Pontevedra. E coa Deputación agardo que siga a liña de colaboración polo ben de Pontevedra; así llo transmitirei ao novo Presidente en canto tome posesión. Na Campaña Electoral fixen unha oferta a toda a cidadanía, a oferta dun proxecto común de futuro, un proxecto aberto a todas as sensibilidades e sectores sociais. Foi o meu compromiso e manteñoo integramente; é mais, hoxe, aparte de reafirmarme nel, dou un paso máis e fago extensivo este compromiso a todas as forzas políticas e sociais. Con boa intención, coa disposición de facer que Pontevedra supere a etapa que estamos atravesando e avance cara o futuro, estou convencido de que no fundamental podemos traballar xuntos. O amor a Pontevedra, o amor a Galiza pode e debe permitirnos poder camiñar todos xuntos tanto nos grandes asuntos como nas pequenas cousas. Esta oferta, este compromiso é a miña primeira decisión como novo Alcalde. Estou convencido de que este novo tempo, estas novas relacións de cooperación, é o que precisa Pontevedra e o que os nosos veciños e veciñas demandan. Grazas Corporación, Grazas Pontevedra. Viva Pontevedra