Rotonda Rosalía de Castro

117

As obras, que comezaron o pasado mes de novembro, están rematadas á falta dos últimos retoques e o axardinamento interior da glorieta. O orzamento foi de 974.175,38 euros. A empresa realizou melloras valoradas en 304.564 euros que se empregaron na extensión dos traballos de asfaltado cara as rúas de Manuel del Palacio e Fernández Ladreda (ata a rotonda de Paco Leis). En total aplicáronse máis de 1.500 toneladas de aglomerado, mistura bituminosa, imprimación e emulsión asfáltica. Como medida para garantir a seguridade viaria colocáronse oito lombos redutores da velocidade.
As beirarrúas executáronse con bordos de granito silvestre e pavimento de terrazo de cor de 30×30 centímetros. Colocáronse 1.044 metros cadrados de baldosas, combinadas con lastros de formigón en diversos puntos próximos á rotonda e os pasos de peóns. Finalmente, as obras obrigaron a transplantar 18 árbores e un seto.
Antón Louro destacou que a obra ten unha especial complexidade que vai máis alá do que se pode ver en superficie. De feito, explicou, boa parte do orzamento está investido baixo terra, nunha substancial mellora das redes de saneamento, recollida de augas pluviais, abastecemento auga potable e canalizacións para iluminación pública e subministro eléctrico, que estaban en condicións moi deficientes ou, no caso das pluviais, nin sequera existían. En total, tendéronse máis de dous quilómetros de novas tubaxes.
Baixo o novo asfalto hai 357 metros de colectores de augas fecais de diferentes seccións para solucionar os problemas que había nesta zona. Actuouse tamén para previr posibles inundacións diante de fortes precipitacións coa instalación de 602 metros de colectores de recollida de pluviais, xunto con outros 206 metros de tubo para conectar decenas de novos sumidoiros. En canto á rede de abastecemento de auga potable, instaláronse 908 metros. Varias bocas de rego e seis hidrantes dobres para o servizo dos bombeiros, completan as melloras. Todas as acometidas de fecais, pluviais e abastecemento foron renovadas e deixouse preparada a estrutura para a modernización da rede eléctrica.
Para rematar o novo servizo de iluminación pública está composto por unha columna de 15 metros situada no centro da rotonda e 22 farois de 9 metros, similares aos instalados en boa parte da cidade.