A cidade prepárase para volver ao século XV

86
        Xa está aquí a Feira Franca, popular celebración que chega este ano á súa décimo segunda edición e coa que finaliza a programación festiva e de ocio do verán pontevedrés. Comezará mañá venres 2 de setembro a partires das 19 horas e prolongarase ata o sábado 3, o día grande da festa.

        Nesta ocasión, a temática do evento son os mercadores, en homenaxe aos comercios e oficios que había na Pontevedra dos séculos XV e XVI, e aparece como novidade o campamento medieval, que estará situado na praza do Concello e onde se recreará a vida e a actividade dun campamento da época do medievo. Contará con diversos xogos e obradoiros e terá un horario de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

        Os espazos da Feira Franca serán os mesmos que en edicións anteriores, abranguerá toda a zona monumental ademais da Alameda e As Palmeiras. O mercado medieval de alimentación estará situado na Ferraría, na Alameda e na praza de Curros Enríquez, o de artesanía emprazarase na avenida de Santa María e o mercado de demostración de oficios e obradoiros estará na praza da Ferraría. O mercado de alimentación contará con 29 postos mentres que no de artesanía haberá 24. A mostra de oficios contará, entre outros, con telleiros, tecedeiras de liño, redeiras, palilleiras, canteiros, ferreiros, capinteiro, curtidor de peles, etc.

        A gastronomía é unha peza fundamental nesta celebración e os hostaleiros sábeno, por iso teñen preparados uns menús especiais para a ocasión. Asimesmo, nas rúas e prazas da cidade haberá 257 mesas de comidas e ceas que foron solicitadas por particulares.

        Programación

        A xornada comezará ás 19 horas da tarde do venres, cando uns pregoeiros a cabalo anunciarán por todo o centro histórico o inicio da Feira Franca. A partires dese momento, darán comezo distintas actividades entre as que cabe salientar un gran espectáculo de teatro, música e luz. É “Carros do Ar”, das compañías Troula e Kull D´Sac, que se realizará na praza da Ferraría ás 22 horas. O resto da xornada estará marcada por actividades de música e baile medievais e por dous pasarrúas a cargo de Troula Animación, o primeiro comezará ás 21:30 horas e o seguinte unha hora despois.

        O sábado, día grande por excelencia, destacan dous populares actos, que son a Recreación do transporte do viño e o Torneo medieval. O primeiro correrá a cargo da Asociación Recreativa de Xeve e de Art Monium Animación, e contará con animación, música, representacións, etc. Iniciarase ás 12 horas e transcorrerá polas rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría, rematando na praza da Peregrina. Pola súa parte, o Torneo medieval virá da man de Legend Especialistas e celebrarase en dous pases, un ás 17:30 horas e posteriormente outro ás 20 horas, na Praza de Touros. O equipo de Legend trasladaranos durante unhas horas a un auténtico combate medieval, grazas a unha gran posta en escena con armas, cabalos e unha brillante interpretación. A entrada será de balde ata completar o aforo.

        A programación do sábado completarana un gran número de actividades: a interpretación do cantar de cego e música medieval polas rúas do centro histórico (ás 11:30, ás 18 e ás 21 horas); unha exhibición e un obradoiro de iniciación á esgrima antiga nas prazas da Verdura (ás 12:30) e da Ferraría (ás 17:30 horas); unha demostración de tiro con arco ás 13 horas, unha exhibición de cetraría (ás 13:30 e 17 horas) e posteriormente unha competición-exhibición de tiro con arco ás 16:30 horas, todo isto en Montero Ríos; unha exhibición de danza diante do Concello (ás 17 e ás 19 horas); e por último, haberá distintos pasarrúas pola zona monumental (ás 18, 19:30, 20, 20:30, 21, 21:45 e ás 23 horas).

        Plan de tráfico e seguridade

        A Policía Local, en coordinación coa Concellaría de Festas e os outros servizos de emerxencia implicados na Feira Franca, organizou un dispositivo especial de tráfico e de seguridade co fin de dar os mellores servizos aos cidadáns e paliar, na medida do posible, todos os inconvintes que acarrexa este tipo de evento. Como vén sendo habitual, no dispositivo participarán membros da Policía Local, Protección Civil,  Bombeiros e voluntarios que axudarán a que o espazo público estea nas  mellores condicións de uso para a cidadanía.

        O operativo de tráfico supón a  restricción de aparcamentos en determinadas rúas e cortes de tráfico,  polo que se solicita o máximo respecto á sinalización provisional nos  espazos afectados.

        Prohíbese a circulación de vehículos nas rúas da zona monumental a partires do sábado día 3 ás 10 horas. Tamén estarán pechadas ao tráfico as rúas Arcebispo Malvar, Galera, Benito Corbal (tramo peonil), rúa Peregrina (tramo peonil) e rúa Michelena. Ademais, dende as 16 horas do día 3 de setembro pecharase a circulación de vehículos nas rúas do entorno da Praza de Touros, por mor da celebración dun espectáculo medieval no interior da mesma. O peche afectara ás rúas Víctor S. Arnesto, Nostramo Lourido, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza Pastrana e rúa Canaval.

        No traslado do viño realizarase un corte puntual na intersección das rúas Santa Clara con Cobián Roffignac e na intersección das rúas Santa Clara con Perfecto Feijoo. Tamén na rúa Santa Clara na actividade de traslado do viño cara a zona monumental. Aproximadamente producirase sobre as 11:30 do sábado 3 de setembro.

        Polo que respecta aos estacionamentos, dende as 22 horas do venres día 2, prohíbese aparcar na rúa Santa Clara no tramo entre o Convento ata a rúa Cobián Roffignac, co gallo do transporte do viño. Está prohibido tamén dende o venres día 2 as 07 horas no entorno da Praza de Touros, concretamente na rúa Nostradamus, e Canaval e a partir das 08 horas do sábado 3 en Víctor Saez Armesto, rúa Canaval, e o perímetro da Praza de Touros.

        En relación co plan de seguridade, este estará activo dende as 11 horas do sábado ata as 03 horas do domingo 4 de setembro.

        A partir das 11 h, un equipo conxunto formado por representantes da Concellaría de Festas, da Policía Local e dos Bombeiros inspeccionará os postos (comidas, mercado, hostalería) co fin de comprobar que se adaptan ás normas establecidas pola organización, que son as seguintes:

  • O combustible autorizado para o uso das parrillas é exclusivamente o carbón
  • Extintores, preto das parrillas
  • Poderanse instalar só os postos autorizados.
  • Os postos autorizados só poderán ocupar o espazo asignado (ubicación e metros), especialmente importante nas vías de penetración e evacuación.

        Se algún dos postos autorizados non cumprira estas esixencias levantaríase, ao igual que todos aqueles que non estean autorizados e rexistrados pola organización.

        Durante a celebración da Feira Franca permanecerán habilitados os seguintes puntos de emerxencia:

  • Posto avanzado médico no Teatro Principal
  • Tres ambulancias 

               o    Valentín García Escudero
               o    Bastida/ Michelena
               o    Alameda

  • Protección Civil

               o    Praza Ourense

  • Bombeiros

               o    Praza España
               o    Valentín García Escudero

  • En  distintos lugares do recinto onde se celebra a Feira Franca, e estratexicamente colocados, haberá unha batería de extintores.

        Co fin de garantir ao máximo as prestacións dos servizos de urxencia establécense como vías principais de evacuación e penetración as seguintes rúas: Real, Sarmiento, Isabel II, C. Enriquez , F. Villaverde e Michelena.