Pontevedra recibe o premio á mellor organización dun evento deportivo en 2011

54

O alcalde de Pontevedra,  Miguel Anxo Fernández Lores anunciou esta mañá que Pontevedra foi galardonada co premio á mellor organización dun evento deportivo no ano 2011 polo Campionato de Europa de Tríatlon. O premio está incluído dentro dos Premios do Deporte Galego que outorga a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O alcalde tamén se amosou “encantando” de que tamén fosen galardoados os deportistas pontevedreses, Beatriz Gómez Cortés, e Javier Gómez Noya, que ten a súa residencia na nosa cidade.

Fernández Lores explicou que “Pontevedra e o deporte sae destacado de forma clara nos premios de deporte da Xunta”, e a concesión do premio está relacionado con que Pontevedra é unha cidade deportiva, porque aposta polo deporte de base, que ten unha Escola de Educación Física e do Deporte e tamén una Escola de Fisioterapia.

Lembrou que son moitas as persoas que merecen este premio: as federacións española e galega de Tríatlon, os triatlas, a Policía, os voluntarios…

O alcalde asegurou que os centos de probas que se celebran en Pontevedra: o Tríatlon, a volta ciclista, o campionato de marcha, as medias maratóns… teñen un punto en común: o modelo de cidade, xa que a organización destes eventos en Pontevedra destacan pola afluencia de público, pola beleza das probas… Polo que os principais merecedores do premio son os veciños de Pontevedra, os seus cidadáns porque “hai un modelo, porque a cidadanía quixo que o houbera”.