O venres, inauguración da ponte de Monte Porreiro

103

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación, Rafael Louzán visitaron esta mañá os traballos de conexión do barrio de Monte Porreiro coa avenida Médico Ballina. Esta obra, que a Deputación está a executar en dúas fases, ten concluída unha primeira parte, entre Monte Porreiro e a estrada de Campo Lameiro, que se abrirá e inaugurará a vindeira semana. A segunda fase do proxecto acaba de comezar e xa se pode ver todo o trazado da futura vía dende a estrada de Campo Lameiro ata a rotonda que une a N-550 con Médico Ballina e a avenida de Compostela.

Esta segunda fase é un viario de 540 metros que terá dous carrís de 3,50 metros, con arcéns pavimentados e un carril bici. O punto máis complicado da obra é o cruzamento da estrada do lugar do Castelo, xa que neste punto pasa a tubería de agua potable que abastece a toda a cidade. Esta segunda inversión rondará o 1,2 ou 1,5 millóns (depende do xurado provincial de expropiación). O prazo de execució rondará os 4 ou 5 meses.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que esta estrada é a única alternativa viable para canalizar o tráfico entre a zona norte e o leste da cidade, entre a estrada de Santiago e cara Montecelo e Príncipe Felipe. De feito, así se decidiu no ano 2005 cando se fixo o deseño da rede viaria perimetral da cidade na mesa M-4, que daba acceso a Montecelo e logo continuaba cara a avenida de Vigo.

“Ver feitas as cousas é unha satisfacción porque é importante o deseño da rede viaria, pero tamén hai que executala. E son dos que penso que cando se ten deseñado, os cartos aparecen dunha maneira ou doutra”, explicou o alcalde, quen afirmou que a sinatura do convenio coa Deputación “foi positivo para os cidadáns de Pontevedra porque resolvemos un problema de tráfico e damos alternativas ao norte da comarca, para chegar a Pontevedra sen ter que pasar polo centro”.

O alcalde de Pontevedra amosouse confiado en que esta colaboración coa Deputación poida ter continuidade dándolle saída á ronda urbana cara o leste, dende Montecelo e Príncipe Felipe e a avenida de Vigo, dado que neste momento son as rúas das Pereiras e das Olivas a que exercen esta función, e son camiños dun so carril de circulación.