Comeza a recuperación de lavadoiros e fontes no Sendeiro das fontes de Santo André de Xeve

98

O Concello de Pontevedra inicia mañá, 9 de xaneiro, un plan de tratamento e recuperación integral de fontes e lavadoiros en Santo André de Xeve. O concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez explica que se trata dun programa de acondicionamento, limpeza e reparación de dous lavadoiros e unha fonte que se atopan no denominado Sendeiro das fontes e que están nun mal estado de conservación.

Estes traballos están vinculados á recuperación patrimonial que se iniciou nas parroquias do rural pontevedrés durante este mandato, e enmarcado dentro do proxecto Pontevedra Participa e da creación dos Consellos territoriais.

Os lavadoiros incluídos dentro deste primeiro plan son o de Fragoso, o da Peniña e a Fonte da Costa.

• No Lavadoiro de Fragoso faranse traballos de roza e acondicionamento do entorno do lavadoiro; encintado de pedras e impermeabilización de fugas; e limpeza do lavadoiro.
• No da Peniña farase roza e acondicionamento do entorno; reconstrucción dun muro derruído e cintado; impermeabilización de fugas e limpeza; recuperación do pozo tradicional e da forma tradicional da fonte.
• Na Fonte da Costa farase unha limpeza do lavadoiro e impermeabilización. Cambio de tubos de plástico por outros máis acordes co entorno; retoques en paredes de cemento e pintado en toda a superficie interior.

A recuperación comezará mañá mesmo con traballos de roza dos lavadoiros e todos terán un custe que non superará os 4.000 euros.