Noites Abertas ofrece un grande abano de actividades dende o 3 de febreiro ata o 26 de maio

75

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez presentou esta semana a edición número XIII de Noites Abertas e comezou agradecendo aos traballadores do Concello a súa implicación e adicación, así como a todos os participantes organizadores que colaboran nesta edición que arranca o próximo 3 de febreiro.
 

As actividades celebraranse nas fins de semana comprendidas entre o 3 de febreiro e o 26 de maio, e distribuiranse entre o Pavillón Multiusos da Xunqueira, a Casa Azul, o Colexio Froebel e o Local de Música, o Teatro Principal, o Campo de herba sintética, ademais da praza da Peregrina e a senda do Gafos.

A oferta inclúe actividades deportivas, culturais, formativas, diversos obradoiros e outras chamadas "especiais e de desenvolvemento persoal". Actividades que están organizadas e impartidas, maiormente, por mozos e mozas que presentaron as súas propostas tras a convocatoria aberta pola  Concellaría de Xuventude no mes de outubro. Nesta ocasión foron 130 as propostas de actividades recibidas (29 máis que o ano pasado), e destas resultaron aceptadas 86, así este ano ese é o número de actividades diferentes coas que conta o programa, fronte a 65 do ano anterior.

Este ano serán 18 as asociacións participantes (19 na edición pasada), 10 colectivos informais xuvenís (8 o ano anterior), 13 as propostas individuais que se integran no programa (9 na edición anterior) e 14 as empresas  (9 o ano pasado), estas últimas aumentaron considerablemente en relación aos anos anteriores, trátase fundamentalmente de pequenas empresas de ocio, deportivas e autónomos fundamentalmente do noso municipio.

O vindeiro mércores 25 todas estas entidades e colectivos participantes nesta edición, participarán na reunión inicial de Noites Abertas convocada pola Concellaría de Xuventude no Pazo da Cultura ás 19,30h, co obxectivo de coordinar a todos os axentes implicados  nesta iniciativa xuvenil, dende o persoal técnico e político do Concello, monitores/as responsables das actividades, persoal das instalacións, etc.

Nesta edición participan asociacións, empresas e colectivos de mozos e mozas. Este ano serán 18 as asociacións e clubes participantes:  Arco Teucro, Asociación Cultural Black Box Project, Agrupación Astronómica Rías Baixas, Asociación Cultural Trépia, Asociación Dusambá,  Asociación Lareira Global, Asociación de Percusionistas Omar, Asociación de Síndrome de Down "Xuntos", Asociación Sociocultural Inzar, Asociación de Xordos de Pontevedra "Río Lérez", Vailoporío, Asociación Xuvenil e Cultural Esbozos, Cine Club, Club Deportivo CC. da Actividade Física e do Deporte (CAFyD), Club Escola Deportiva Cotobade, Escola Hungaresa de Esgrima, Escola de Xadrez de Pontevedra e  Llu Llu Teatro.

Tamén participan as empresas: Abrakadabra, Anias, animación sociocultural, Clínica del masaje, Esther Fdez. Carrodeguas, Estouche Ben! Centro de terapias, Etnoga. Patrimonio Cultural, Inertes Producción, Magutis Deseño Gráfico e Ilustración, Ningures Producción, Nova Xestión Cultural,  Ponte Rodas CB, Proceso Psicoloxía, Risotadas, Técnica Mixta CB e Ventos, estudos ambientais.

Os colectivos de mozos e mozas que este ano tamén se responsabilizarán dunha parte importante das actividades serán os colectivos xuvenís de amigos/as cultura xaponesa, skaters, o grupo de música Nigerstella, o colectivo Ropa Vieja e grupos de mozos/as que propuxeron as actividades: inglés para viaxar, masterclass de danza moderna, calceta e ganchillo, cartomaxia e ilusionismo, relaxando corpo e mente e curtas con Stop- Motion.

Por outra banda tamén mozos e mozas de forma individual impartirán actividades como os obradoiros de fotografía, baile latino, Pilates Matt, reciclaxe creativa, etc… son mozos/as que deron o paso no programa de ir máis alá da mera participación nas actividades e agora son eles/as os/as que organizan algúns dos obradoiros máis demandados.

Na súa última edición o programa contou cunha media de 307 persoas por fin de semana, e acadou unha participación total de 4.913 mozos e mozas, ofertando unha ampla variedade de actividades deportivas, ambientais, de manualidades, xogos e musicais.

O programa destínase á poboación nova entre os 12 e 30 anos, que se atopa en Pontevedra durante a fin de semana. O horario das actividades oscila entre as 20 e a 01:30h. da madrugada, dependendo da xornada, agás a excursión de skate que terá lugar un sábado en horario diúrno.

CARNÉ DE SOCIO/A:
Non é requisito para entrar nas actividades pero permite a quen o faga, participar nos sorteos (bonos de libros, camisetas, sudadeiras e mandís) ademais de obter información de primeira man sobre as actividades que organiza  o Concello de Pontevedra para a mocidade ao longo de todo o ano.

2º CERTAME DE EROTISMO
Modalidade única: mellor representación artística (fotografía, pintura, escultura, poesía, cómic, conto, debuxo…).
Bases específicas: www.noitesabertas.com ou na Oficina de Xuventude
Lugar e prazo de presentación: na Oficina de Xuventude ata o 13 de abril de 2012
Entrega de premios: 4 de maio de 2012 e inauguración da exposición no Local de Música

 

Coordinación do programa Noites Abertas
Concellaría de Xuventude – Concello de Pontevedra
Casa Azul, rúa de Sor Lucía, 2, 3º  36002 Pontevedra 
Tel. 986 840 367  xuventude@concellopontevedra.es
 

Ver documento PDF
Ver documento PDF