Normalización e os comerciantes apostan polo uso do galego na pequena empresa

69

O Concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira presentou  hoxe, xunto con varios membros do comercio local, o grupo de traballo e o blog de Proba en galego https://probaengalego.blogaliza.org, unha campaña da Concellaría de Normalización  Lingüística do Concello de Pontevedra para dinamizar o uso do galego na pequena  empresa e no comercio locais. https://probaengalego.blogaliza.org/ 

Ao abeiro desta iniciativa, a finais do 2011, comezou a traballar un grupo de  comerciantes e pequenos/as empresarios/as da cidade para favorecer a presenza da  lingua galega nas relacións comerciais. Como resultado das demandas formuladas no grupo de traballo da campaña Proba en galego, a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra vai desenvolver unha serie de actividades dirixidas ao empresariado e ao comercio  local durante os meses de febreiro, marzo e abril de 2012. 

As charlas, presentacións e obradoiros teñen como obxectivo principal incidir na  normalización do uso do galego no sector do comercio e da pequena empresa. Ao  longo das 6 sesións analizarase e reflexionarase sobre as vantaxes do uso do  galego nas relacións comerciais e empresariais; ademais, presentaranse  estratexias e boas prácticas para mellorar a comunicación coa clientela e coas  empresas colaboradoras.  A asistencia estará aberta ás persoas do ámbito do comercio e da pequena empresa.

Que é Proba en Galego?

É unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de  Pontevedra para promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena  empresa. Con esta campaña, o Concello de Pontevedra dálle continuidade ao labor  que desenvolve para normalizar o uso do galego no sector económico con  actuacións específicas que se veñen realizando desde o ano 2006. 

Os obxectivos de Proba en galego son:   
• Dinamizar o uso do galego como lingua normal de comunicación no comercio e na pequena empresa.  
• Implicar as persoas que traballan no sector do comercio e da pequena empresa na mellora do uso do galego coa clientela e coas empresas provedoras.  
• Ofrecer espazos de reflexión e traballo para mellorar a calidade da lingua e a seguridade no seu uso no sector.  
• Estimular a clientela falante de galego para que manteña a súa lingua nas relacións comerciais.  
• Animar a clientela que non fala galego habitualmente a que probe a facelo.  
• Facer visible o uso da lingua galega nas relacións comerciais qeu se establecen na cidade.  
• Darlles continuidade ás campañas específicas para incrementar o uso do galego no comercio local e na pequena empresa que a Concellaría de Normalización Lingüística vén desenvolvendo desde o ano 2006.