Antón Louro e o director xeral de Patrimonio abren un proceso de diálogo sobre o proxecto de BIC de Santa Clara

43

Unha negociación aberta a nivel político e tamén a nivel técnico servirá para definir todos os aspectos que rexerán a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da igrexa conventual de Santa Clara. Así o acordaron hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes, e o director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, durante a xuntanza que mantiveron na sede da Consellería de Cultura en San Caetano, acompañados dos técnicos de ambos departamentos.
As conversas serán fluídas a partir de agora cun dobre obxectivo: en primeiro lugar, definir unha contorna axeitada que deberá estar en algún punto intermedio entre a proposta municipal e a da Consellería e, en segundo lugar, acordar o réxime xurídico aplicable a esa zona protexida no que atinxe ao tipo de licenzas que precisarán informe da Consellería de Cultura.
Antón Louro está satisfeito despois da xuntanza de hoxe, que se prolongou durante hora e media, porque comprobouse que ambas partes comparten o interese na declaración de BIC, na medida en que terá efectos positivos na conservación do conxunto arquitectónico formado polo convento das clarisas e servirá tamén para mellorar a visibilidade da riqueza patrimonial e cultural da cidade.
A declaración de BIC de Santa Clara será un feito moi positivo para Pontevedra, subliñou Louro, e as cuestións que estamos a negociar non varían este feito. Hai vontade política e hai un traballo de aproximación que teñen que facer os técnicos e que van realizar coa máxima dilixencia para que, o antes posible, podamos ver o anuncio de aprobación publicado no Diario Oficial de Galicia, engadiu.

Antecedentes
A proposta de declaración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de “monumento”, foi realizada polo Concello no ano 2009. Anteriormente, en 2001, houbo outro intento de catalogación, promovido directamente pola Dirección Xeral de Patrimonio.
A proposta municipal sinala como ámbito propio da protección o conxunto de edificacións do convento, abadía e edificacións apegadas, así como a horta e o muro que a arrodea. A contorna incluída dentro da proposta está delimitada por unha liña poligonal que vai polo eixe da rúa Padre Amoedo, percorre as traseiras dos edificios da rúa Santa Clara ata o eixe da rúa Álvaro Cunqueiro, chega á confluencia dos eixes da rúa Santa Clara con Perfecto Feijoo, sobe polo eixe de Perfecto Feijoo e volve xirar para incluír algúns edificios na esquina de San Antoniño, continúa por un vial interior da mazán, volve xirar cara o eixe da rúa Lepanto, continúa polo interior da mazán sureste en dirección á praza de Barcelos, que cruza pola metade; segue polo eixe da rúa do Rouco e, finalmente, percorre o eixe de Cobián Roffignac. Patrimonio defende unha contorna máis ampla que ten como principal diferencia que inclúe a totalidade da praza de Barcelos, incluíndo os edificios con fronte á rúa de Benito Corbal.