A presenza de atletas de 10 países converte o Campionato de España de Marcha nunha cita internacional

66

Todo listo en Pontevedra para a celebración da 81ª edición do Campionato de España de Marcha en Ruta. A proba, que conta co atractivo engadido de que serve para acreditar a mínima para acudir aos Xogos Olímpicos de Londres, foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.
O campionato contará cos mellores marchadores españois, pero tamén con atletas de elite procedentes de 10 países. Moi relevantes resultan as presenzas confirmadas das seleccións nacionais de Portugal e Guatemala, pero tamén están inscritos deportistas do máximo nivel procedentes de Estados Unidos, Inglaterra, Arxentina ou Ecuador, entre outros.
Agustín Fernández destacou este feito, reseñando que estamos diante dunha competición de rango internacional. Neste punto coincidiu Isidoro Hornillos, ao constatar a asistencia de numerosos medallistas mundiais.
O concelleiro fixo tamén alusión á repercusión económica que un evento deste tipo ten para Pontevedra, xa que se agarda a presenza de máis de 700 persoas entre atletas e acompañantes. Un feito no que poden ter bastante que ver coas características do circuíto de 2 Km trazado polo Concello e a Federación ao redor do río Lérez, entre as pontes dos tirantes e Santiago. Trátase dun percorrido homologado, perfectamente acondicionado e que foi cualificado como rápido. Ademais, significou Fernández, agárdase bo tempo para este domingo.
Finalmente, Fernández agradeceu a colaboración dos 55 voluntarios que van garantir o correcto desenvolvemento da proba, así como a implicación dos cinco atletas locais que participan e con opción de medallas nas súas respectivas categorías.
Pola súa banda, Isidoro Hornillos subliñou que trátase da quinta vez que o Campionato de España de Marcha vén a Galicia. As anteriores edicións celebráronse en Ourense e A Coruña. Lembrou que a marcha atlética é a disciplina máis laureada do atletismo español, polo que opinou que, de seguro, os responsables federativos e atletas de países de todo o mundo estarán moi atentos ao que suceda en Pontevedra esta fin de semana.
O presidente da Federación Galega recalcou a dificultade de conseguir unha participación desta calidade e aproveitou a ocasión para felicitar á Concellería de Deportes pontevedresa non só pola organización desta proba, senón polo equilibrio acadado entre a promoción do deporte popular e a organización de eventos do máximo nivel.