A Concellería de Promoción Económica achega aos empresarios locais ao márketing online e as redes sociais

59

Cantos de vos tendes conta en Tweetter? Cantos tendes páxina de empresa en Facebook? Así comezou hoxe, na Casa da Luz, o “Obradoiro de Comunicación, Márketing online, Redes Sociais e máis…” que imparte unha das maiores expertas españolas nesta materia: a exdirectora de Comunicación de Google en España e Portugal, Paz Pérez Pernas.
O curso é gratuíto ao estar patrocinado pola Concellería de Promoción Económica. A súa titular, Carlota Román, dirixiuse aos 30 primeiros empresarios locais participantes destacando o currículo da ponente e subliñando que os tempos obrigan a adaptar os negocios tradicionais ao amplo mercado que se abre con todas as posibilidades da Internet.
Carlota Román instou aos participantes a aproveitar ao máximo os tres días que durará o curso (en horario de 10 a 14 horas). A partir da próxima semana ofrecerase unha segunda sesión para outros 30 empresarios locais. A matrícula está pechada dende hai tempo e a Concellería tivo que rexeitar as solicitudes de última hora que, onte mesmo, seguían chegando ata a Casa da Luz.
Paz Pérez ofreceu unha formación eminentemente práctica, polo que todos os participantes chegaron con ordenador portátil. Nada máis comezar recibiron datos reveladores, como que o 99% das páxinas web das empresas están mal concibidas e deberían ser redeseñadas. Ou que a práctica totalidade dos negocios carecen dunha planificación a medio ou longo prazo.
Conceptos como o posicionamento en buscadores, presenza en redes sociais ou a xestión da comunicación cos clientes online a través da figura dun “community manager” estarán sobre a mesa durante estes tres días. O taller permitirá coñecer as ferramentas de comunicación e márketing máis importantes para vender ou mellorar a reputación online a través de Facebook, Twitter, YouTube ou Linkedin. Explorarase a publicidade a través de Google AdWords (os participantes mesmo recibirán un vale gratuíto para publicitarse a través desta plataforma) ou Facebook Ads. Falarase tamén da importancia de ter en conta o crecente mercado que se abre coa chegada dos smartphones.
Paz Pérez Pernas, especialista en “coaching” de comunicación e márketing online e offline. Ten máis de 30 años de experiencia. Ademais do seu paso por Google, foi asesora de Comunicación na Secretaría de Estado de Comercio e Turismo. É creadora dun portal de formación online e tamén do máster Community Manager Plus que se imparte en varias cámaras de comercio españolas. Ao longo da súa carreira profesional ten prestado asesoramento a máis de 2.000 empresas.